20151221

20-D, o día despois, en Ribadeo

A estas horas xa hai no mercado interpretacións para todos os gustos en relación coas eleccións de onte. Insístese no carácter de ingobernabilidade ou do ascenso da 'ultraesquerda' (non é broma, senón algo escoitado nun medio 'medio' que eu diría, en troques, de ultradereita), ou, botando contas, de que se IU fora coaligado completamente a Podemos e as mareas diversas, terían 15 deputados máis en conxunto. En xeral non falan dos poderes fácticos que levan actuando dende antes das eleccións e que a ben seguro continúan despois delas. E tamén deixan nun segundo lugar a maioría absoluta que dificultará o pase polo Senado de segundo que novas leis.
De xeito incomprensible para moita xente, a pesares de corrupción e retroceso socioeconómico, o PP segue a ser a primeira forza, pero nin PP-C's, nin PSOE-Podemos e Cia logra a maioría sen coaligarse cunha restra de formacións máis pequenas e separatistas-nacionalistas. Pode ser un bo momento para a Política, se aparece en España. E unha oportunidade de experimentar e aprender a dialogar e formar consensos para a pléiade de forzas de esquerda que en plan reinos de taifas perderon a maioría de deputados tendo a maioría de votos.
Como se pode ver no resume que xa puxen onte, houbo menos abstención, o que eu traduciría en máis ilusión, nun 'si podemos' no que invertiu Podemos e que repercutiu en C's, pero diría que tamén noutras forzas para contrarestar ese impulso novedoso.
O futuro? Como dixen, a estas horas non só os comentaristas se puxeron á tarefa, senón os chamados poderes fácticos...
En Galicia chama a atención, en relación ó resto do estado, a desproporción de C's en relación ás tres forzas maioritarias, en Galicia e no estado. O implante clientelar e secular do PP ten abondo que ver niso, aínda que o feito de que ós dirixentes do partido revelación non pareza que lles guste moito o noroeste peninsular, a tenor das súas declaracións, ten algo que ver no tema.
Tamén ten chamado a atención a desaparición do BNG. Nós, a marca coa que se presentaba en coaligamento, non obtén representación. Era algo que dicían todas as enquisas, pero non deixa de ser sorprendente. Din que a soberbia da xente bloqueira tivo algo que ver, e que o purismo e separatismo (non político, senón da sociedade), a captura de Galicia para preservala, ten formado un crisol que non chegou a formar figura por falta de masa crítica. Non remato de comprendelo de todo, pero mentras que o anaco escindido de Anova procuraba influenciar a sociedade permeando os novos movementos, o BNG tomou máis ben o camiño contrario, de atacalos por vir ocupar un espazo que entendían que era deles. Os 'novos movementos' pasaron do tema, centráronse no seu, e o resultado está á vista. Que poidera ter algo de razón o BNG en que 'ese espazo' xa o defendían eles quedou sen significado pola forma, non valendo para o caso un teórico achegamento de nome ó pobo. Lembremos o de 'BNG-Asembleas abertas' das municipais ou o que resultou confuso 'Nós' destas eleccións, no que non se identificaba o BNG nin a idea de fondo.
En Ribadeo, podemos observar que aínda que a participación é alta porcentualmente, continúa baixando pouco a pouco en relación a outras votacións estatais anteriores. [Por certo, a diminución do número de electores leva a preguntarse sobre o aumento do censo e o mantemento dos 17 concelleiros].
Na táboa resume agrupei partidos e/ou coalicións que non sempre corresponden de xeito exacto para facer algo máis intelixibles os datos. Ademais, puxen dous 0 a dúas formacións que non se presentaron nos comicios anteriores na circunscrición de Lugo para que apareceran de xeito nídio na gráfica correspondente.
Dito o anterior, o batacazo do BNG en Ribadeo é só explicable pola aparición doutra forza compatible co nacionalismo galego, encadrada en Marea, o que causou unha desafección a unha forza que se vota por consoancia de ideas, pero coa que non necesariamente se relaciona a nivel local co nivel estatal (algo parello pasa co PP). A caída de PSOE e PP é case a mesma en % dende as pasadas eleccións, pero o PSOE xa tiña acumulado un 30% anterior... En resultado, en Marea suma case exactamente os votos que perde PSOE, BNG e os que se traspasan pola integración nela de EU. Como colofón, Ciudadanos non recolle todos os votos que perde o PP. Ribadeo non deixa de ter características propias, pero intégrase no movemento xeral que se está a producir no estado, e en particular, en Galicia.


Quedan moitas cousas por analizar: a participación dos emigrantes (a saber cando haberá dispoñibles datos) e a influencia da súa imposibilidade de aprticipar, o Senado coa maioría do PP... ou con outras miras, o cambio que dubido que haxa de lei electoral...
*:
A análise doutro ribadense.
Para a historia, na Galipedia.
Se queres mergullarte en máis datos.

Ningún comentario: