20151209

Aproveitamos só o 1,6% da auga caída? Sempre nos quedará París?

Vista dende a nova Galicanarias de invernos suaves e secos, o cumio sobre o clima parece lonxe...
Ribadeo aproxímase ao fin de ano cunha temperatura media alta abondo e pouca choiva, e días de boa temperatura se estiveramos no outono. Aínda así, con datos da Pedro Murias, non creo que chegue a ser o ano máis caloroso do século, nin tampouco o máis seco, aínda que a tendencia siga adiante neses dous sentidos.
Voltando a París, así as cousas, parece que no cumio pode lograrse un acordo que manteña o máximo de temperatura media por baixo dos 1,5 ºC (superiores á media actual), facendo concesións a seguir queimando petróleo. Non sería mala nova, aínda que seguiría a supoñer o traslado de moitos millóns de persoas pola presión climática (avance de desertos ou mergullamento de illas, entre outros).
En Ribadeo, o certo é que non sabemos moito desas cousas polo momento. Así, a seca deste verán en toda Galicia non chegou aquí máis que de xeito residual, e da importancia da auga, pola súa abundancia, en xeral pouco caso facemos.
Polos datos recollidos na Pedro Murias, na zona este ano vai a quedar a cousa nuns 800 litros caídos cada metro cadrado: 800 L/m2 , abondo máis que os 600 L/m2 de 2004, aínda que moi por debaixo dos 1300 L/m2 de 2006.
Iso quere dicir que, durante o ano, no concello de Ribadeo (108,9 km2) teranse recollido un total duns 90 000 000 000 L de choiva (doutro xeito, 90 millóns de toneladas de auga, ou unha piscina de 1 km de longo por outro de largo por 90 m de profundidade)
O consumo a partir da rede de distribución é duns 1 500 000 000 L anuais (uns 3 000 000 de L diarios), o que daría un aproveitamento de pouco máis do 1,6%. Mais chegar a esa conclusión sería erróneo, a pesar dos números. Primeiro, porque a auga que non ven polas tuberías non se 'perde', senón que alimenta un ciclo natural entre o que se atopa o facer medrar os cultivos (poucos se regan na zona, e aínda así, sería con auga non da traída) ou facer que os peixes podan vivir. Segundo, porque a grande maioría da auga que trae a Ribadeo a cañería non é recollida no mesmo Ribadeo, senón no veciño concello de Trabada, o que invalida a porcentaxe ao referirse a cousas diferentes. Terceiro, porque aproveitar a auga que cae en Ribadeo ó 100% sería imposible, tanto porque implicaría un sistema de recollida e cada metro cdarado do territorio como porque deixaríamos en consecuencia o territorio só adicado a iso... e poderiamos continuar numerando outras consideracións, sen contar tampouco coa contaminación da auga, importante pero ocultada na nosa terra polas implicacións na produción gandeira.
Así pois, si, tamén pode ir, vai connosco iso de aforrar auga aínda que vexamos que 'chove moito' (cando chove) ou que 'aproveitamos só o 1,6% da auga'.
E mentres, en París seguen a discutir a partir dun papel previo máis ou menos amañado pero que pode desamañarse en calquera momento: a diplomacia é así. Sempre nos quedará París, como din nunha célebre película? Ou poderá connosco o camio climático, temperaturas e auga incluídas?

Ningún comentario: