20151220

LA PLUMA ES LA LENGUA DEL ALMA, artigo de José Mª Rodríguez Díaz

No discurso de D. Quijote sobre a poesía Cervantes retrata a categoría moral dalgunhs escritores con esta frase: “La pluma es la lengua del alma: cuales fueren los conceptos que en ella se engendraren, tales serán sus escritos”. E a tenor desta opinión cervantina é doado adiviñar, a través dos escritos divulgados nestes derradeiros días polo PP, as torcidas intencións deste grupo político en relación co finanzamento da construcción da residencia de Ribadeo.
Lonxe da miña intención tentar convencer ao PP local da súa desacertada estratexia. Están tan obcecados polos seus intereses espurios que “teniendo ojos, no ven y teniendo oídos, no oyen”. E logo, xa se sabe, nesta vida cada quen recolle o que sementa.

O único que me move a facer estas achegas aclaratorias das súas trolas é desenganar ós posibles e incautos lectores das falacias e mentiras do PP, contidas nos seus escritos de prensa, especialmente as feitas polo PP local no seu comentario publicado no derradeiro número de La Comarca del Eo, de data 19 de decembro.
Afirma o PP local que “o alcalde non quere o diñeiro da Xunta e (a súa actitude) supón un novo portazo a oferta de colaboración realizada desde o Executivo autonómico para financiar estas obras”. Falso. A auténtica verdade é que a Comisión pro Residencia leva máis de tres anos de loita insistente tratando, sen éxito, de acadar a colaboración económica da Xunta para este proxecto. Repetidos viaxes a Santiago, escritos de reclamación, etc. Tres anos de loita, tres anos perdidos sen ningún resultado.
Engade así mesmo o PP que o alcalde de Ribadeo rexeitou as “40 prazas das 47 futuras prazas da residencia” que a Xunta lle concertaba. É esta una das poucas verdades que di o PP. Efectivamente, a primeira oferta de colaboración a este proxecto que fixo a anterior Conselleira, despois de denegar toda posibilidade de axuda económica, foi a de concertar certo número de prazas. Evidentemente, esa oferta foille rexeitada pola Comisión pro Residencia. E foille rexeitada porque, primeiramente, esas prazas serían pra xente de todo Galicia e, en segundo lugar, onde iamos situar esas prazas si non tiñamos un edificio para elas? O primeiro, pois, era construír a residencia. E pra iso facía falta diñeiro, e diñeiro era a axuda que nós lle pediamos. Pro diñeiro para Ribadeo non había. O diñeiro era pra Foz. Polo tanto, a Conselleira sabía dabondo que non poderiamos aceptar a súa oferta, pois non tiñamos onde meter esas prazas.
E seguindo na mesma líña de falsidades e mentiras, di o PP que “o Goberno galego estaba desposto a poñer os 500.000 euros nun prazo de dous meses desde que o alcalde remita os informes”. Sabe moi ben o PP que non se pode liberar diñeiro algún desde a Xunta se non figura antes nos Orzamentos. E figura consignada esa cantidade nos Orzamentos da Xunta do ano 2016 para a residencia de Ribadeo? Témome que non. E, polo tanto, Vdes. están a mentir unha vez máis.
Engaden seguidamente afirmando “…que o informe do secretario non din (sic) en ningún momento que non deban enviarse estes informes pendentes...”. O informe presentado polo secretario municipal está en flagrante contradición con esta mentireira afirmación do PP. E eles sábeno xa que tiveron no seu poder o devandito informe. O secretario municipal afirma explicitamente no seu informe o seguinte: “Polo tanto, queda claro que CANDO REMATEN AS OBRAS, e en comprimento dous artigos 24 do Decreto 254/2011 e o artigo 68 dá lei 13/2008, o Concello de Ribadeo deberá presentar a comentada documentación. Cando rematen as obras, non antes”, afirma tallante o secretario. E están xa rematadas as obras, Srs. do PP? E engade o secretario no seu informe: “E se é o Concello quen realiza a xestión, deberá cumprir co procedemento establecido non artigo 7 dá Lei de Bases de réxime local…”. E xa saben Vdes., Sres. do PP, quen vai levar a xestión da residencia?
Afirma, finalmente, o PP que “o actual Goberno provincial non ten nin consignación orzamentaria, nin a maioría suficiente para facer fronte a este compromiso”. Sabe ben o PP que os orzamentos da Deputación non foron aínda presentados ó pleno. Están, polo tanto, en disposición de que esta cantidade, a dos 500.000 euros, sexa consignada neles. E pra a súa aprobación a hora de votar os Orzamentos agárdase contar co apoio do PP na Deputación, como non podería ser doutra forma se é verdade que, como Vds. din, o PP defende a construción desta residencia. Verdade que si?
E remata o PP dicindo: “Lamentamos que desde a alcaldía teñan decidido xogar a política partidista coa residencia de Ribadeo”. Quen está a politizar a residencia, Sres. do PP? O alcalde ou o partido popular? Pregúnten a xente, se teñen Vdes. dúbida.
Di Abraham Lincoln que “podrás engañar a todos durante algún tiempo; podrás engañar a alguien siempre; pero no podrás engañar siempre a todos”. Sres, do PP: teñen a partida perdida. O PP pretende reconquistar a vontade dos veciños de Ribadeo, pro coas súas mentiras non elixiron o mellor camiño. O que dixo que “a política é a arte de enganar” referíase, sen dúbida, ás mentiras enxeñosas e refinadas, non as vulgares e torpes, que son as que Vdes. están a utilizar.

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Ningún comentario: