20150731

Algún comentario a un par de notas do concello de Ribadeo

Onte a web do concello engadiu un par de notas ó seu haber. Unha, de defensa de críticas por non ter representación na 'presentación' da concesión de patrimonio da humanidade ó Camiño Norte, e outra, de protección ante a falta de protección do novo parque infantil que manifesta un estudo encargado polo PSOE. Coido que o tratamento de ambas debe ser abondo diverxente.
En ambos casos, as novas son máis en relación coa defensa de actuacións do equipo de goberno que de información ós cidadáns sobre o goberno, e moito menos aínda, de implicación ou participación dos cidadáns nese goberno que é noso, algo que non é a primeira vez que sae no blog.
No primeiro caso estimo que se o alcalde non quere ir a un acto protocolario montado para aplaudir determinada acción que aínda que implica a Ribadeo ten pouco que ver relativamente ós actos do concello, pois ben. De calquera xeito, sei que hai persoas que ao protocolo (a determinados actos, en particular) danlle unha relevancia diferente. Iso mesmo sábeo tamén o alcalde, e entón comeza a xustificar o que (estimo) non tería necesidade. E faino co ironía, sabendo a debilidade do tratamento do goberno da Xunta con Ribadeo en aspectos relacionados co camiño e tamén con outros que non teñen nada que ver, pero que son populares e sabidos no pobo, como o medio millón de euros non recibidos da xunta para a residencia de anciáns. razoamentos lóxicos, pero que por innecesarios ou alonxados do feito concreto que se estaba a tratar, a non asistencia ós aplausos a Feijóo, poden ser xulgados de diferente maneira e ser inefectivos.
Captura da cabeceira dunha nova do Concello

No segundo caso, a nota é completamente diferente, sen ironía ante algo que faría posible que se volvera na súa contra. O informe encargado polo 'POSE' (aparece en diversos lugares como cliente con esa denominación) a Strowpi (a ligazón leva á única presenza na rede, unha única páxina-pantalla) está dispoñible na web do PSOE ribadense e é convinte darlle unha ollada. A ollada leva a considerar como se fan as cousas (pequenos detalles a criticar sempre hai, pero o informe ten boa pinta...) e a base da crítica do PSOE. Precisamente o que chama a atención na nota de prensa do concello é que a documentación non contrapoña documentación: a nota da alcaldía (é do concello, pero coido que se pode dicir tranquilamente 'da alcaldía') di que se fixeron xa intervencións antes de que o PSOE o dixera, pero non ofrece para elo máis que a palabra do alcalde. Tenta dicilo ademais no contexto de que a obra foi recibida e as observacións fixéronse posteriormente, o que en tal caso deixa a pregunta de por que se deu por recibida a obra e se puxo en funcionamento o parque infantil (outro día, haberá que deixar unha reportaxe gráfica do avance das obras). Asemade, tenta diminuír a importancia das correccióna a facer, nomeando "moitas das normas sobre as que se basean non son de obrigado cumprimento, son recomendacións, en todo caso nós queremos, que  sempre que sexan algo positivo que redunde na calidade do servizo, telas en conta". Unha técnica que esquece precisamente a parte máis importante do informe, as de obrigado cumprimento, defectos que se non contei mal, sobrepasan ás leves, segundo as indicacións do propio informe: hai máis non conformidades, "No Conformidad (NC); aquellas deficiencias cuya subsanación es imprescindible para la concesión  de  la  Declaración  de  Conformidad  por  representar  un  riesgo  evidente  para  los  usuarios" que "Desviaciones  (DESV.); aspectos  que,  aun  no  entrañando  riesgo  grave  para  el  menor,  deben  ser  corregidos". Así, aínda pasando por alto a condescendencia final para apuntarse un tanto coas palmadiñas ó contrincante, a lectura da nota debe ser fortemente matizada, e deixar en evidencia, de novo, unha falta de disposición de información cara ós administrados, aínda en cousas tan pequenas como a visualización documental desas accións previas á intervención do PSOE que di que existiron.

20150730

Saída dun mercante dende Mirasol

É só a secuencia do paso dende Porcillán ata estar próximo a ocultarse detrás de terra despois de pasar as Carrallas, algo máis de sete minutos:

20150729

Botando números co turismo

Resulta curioso. Barcelona está estudando limitacións ó turismo, a un turismo que se come a cidade. Venecia está sufrindo un movemento importante nese sentido: a cidade xa é un parque temático, que ten pasado de 175 000 habitantes hai sesenta anos a 56 000 no 2014 e que espera estar literalmente despoboada cara a 2030, é visitada por uns 22 000 000 turistas anuais.
Ribadeo, en porcentaxes, está entre ambas as dúas cifras:
Barcelona ten no núcleo urbano (o que abrangue o concello, non a 'gran Barcelona' entre 1,5 e 2 millóns de habitantes, e é visitada por entre 2 e 3 millóns de turistas anuais. A ratio turistas/habitante é pois duns 1,5 turistas por habitante e ano.
Venecia, cos datos actuais antes expostos, ten unha ratio duns 400 turistas/habitante e ano.
Imaxe de http://www.shutterstock.com/

En Ribadeo, con máis de 95 000 persoas pasando o ano pasado polas oficinas de Turismo (centro da vila + catedrais, info facilitada hoxe mesmo pola oficina), a cifra de visitantes non baixa de 200 000 no 2014, o que fai unha ratio superior a 20 turistas/habitante e ano, considerado o conxunto do concello. No medio xusto entre Barcelona e Venecia.
Evidentemente, Ribadeo non é nin Venecia nin Barcelona para o turismo, nin polo que ofrece, nin polo tamaño nin por outras moitas cousas. Mais xa hai tempo temos falado no blog das terrazas (máis de 1000 m2 estimados no 2011), por exemplo, ou do uso para turismo privado de propiedades públicas... é semellante a esas cidades pola influencia na mentalidade da xente? Polas tramas derivadas do turismo? Pola influenza turística? Polo gasto de cada turista? Coido que se levo dicindo moitas veces que debemos falar do Ribadeo que queremos, cada vez é máis urxente: se non hai un plan, se non somos conscientes, se non participa todo o pobo, será casualidade que as cousas saian ben ou a gusto da maioría.

20150728

Santiago, Galicia... y cierra España?

Un novo día de Santiago, tamén chamado de Galicia, da patria galega (ou sinxelamente, sobreentendendo, da patria), do patrón de España... Festividades, advocacións, sentimentos contraditorios, que ás veces, mesmo se dan nunha soa persoa.
Santiago 'Matamoros': a identidade dun estado construída fronte a un inimigo. (imaxe de wikipedia)
Teño claro que son galego, e que son cidadán do mundo, é ó tempo, non atopo contradición niso nin teño tan claro que que o meu concepto de galeguidade sexa o mesmo que o doutra xente.
O que si que teño claro é que o de 'Santiago y cierra España' non vai comigo. e non tanto polo de España, da que ó fin,teño o DNI o mesmo que un valenciano ou un burgalés, como o que representa de berro de guerra (parece que consolidado a partires do Quixote pero a partir dun xerme empregado xa nas Navas de Tolosa ou mesmo en Clavijo). E teño que confesar que me preocupou ver nas redes sociais a lembranza de Santiago como patrón de España en contraposición á adxudicación galega do patroazgo.

20150727

O pobo e(n) festa

**Artigo escrito para a revista da parroquia, verán 2015**
Verán, máis luz, temperie máis agradable, máis alegría, festa! O pobo, a xente, o noso pobo, os pobos, énchense de festa. No caso de Ribadeo, a vila ten aumentado ás festas ditas relixiosas (por orde de achegamento á idea de Ribadeo, a patroa, San Roque, O Carme, Corpus...) outras máis turísticas, folclóricas, mercantís, como a nova dos indianos ou a xa vella (e cambiada dende a súa orixe) xira, ou mesmo actividades que non son declaradas como festas pero tentan achegarse a ese ambiente festivo de diversos xeitos, como a feira do libro e a súa animación de ambiente do pobo durante o seu transcurso.
A luz e o bo tempo ten elevado os ánimos das persoas de sempre. E cando se queren representar eses ánimos, aparece entón a luz. De aí a ligazón de moitas festas co solsticio de verán e máis aínda, de aí que na primavera, cos días máis amplos e luminosos, comece o ánimo de festa. Ánimo que acada o clímax cos eventos festeiros do verán, marcando un atraso en relación ás estacións astronómicas parello ao desfase que manteñen as temperaturas, que acadan o máximo anual a comezos de agosto.
Estamos no verán. Estamos en festa.
Tempo hai, a festa era patrimonio da relixión, máis aló da advocación santeira que a simbolizaba. Tiña algo de sagrado o dispor de bens en exceso durante un curto período, aínda que despois del viñeran as penalidades cotiáns. Algo herdado -ou non- doutros tempos anteriores nos que o ánimo de vivir concibíase relacionado con deuses máis mundanos, que intervirían no día a día das persoas e os seus problemas. Hoxe parece que volvemos a eses vellos tempos que non se foron nunca de todo.
As festas relixiosas teñen máis tradición, pero ó tempo que se desnaturalizan co espectáculo ou a diversión allea ó motivo da festa e que o substitúe, teñen que competir con outras novas, emerxentes, saídas hai pouco da imaxinación da xente. Aí a dos indianos, pero tamén outras moitas que tentan usar a lembranza do medievo, dos celtas, ou do que sexa, para crear ambiente e mover o comercio, e propiciar máis diversión, en competencia tamén cos medios tecnificados de hoxe en día ós que non lles é necesaria a idea de 'festa'. O sentido da festa está a mudar. Xa non é só o dispor dun algo -tempo, produtos que consumir- propio e apropiado ó perfil da festa, senón o facer fincapé na evasión do día a día, nunha certa emulación da transcendencia por uns momentos cheos con actividades con caducidade programada pero retomables de xeito máis ou menos continuado.
A Igrexa non ten o monopolio festeiro; é máis, está quedando en minoría na convocatoria festiva. Por iso debe imprimir a marca de calidade nas súas propias festas, que as distinga e as faga prosperar non só no tempo, senón de xeito moito máis profundo, nos corazóns. O pobo, a vila, estará en festa, pero será o pobo, a xente, o que sexa unha festa.
Antonio Gregorio Montes

20150723

Unha ría recurrida

Unha boa foto aérea de Miguel ilustraba días pasados unha nova de trámite: casi 200 000 m2 na Lieira e 20 000 m2 na Fontela foron solicitados por Ostrastur para sementar ostras, actividade na que traballa con autorización provisional. A Consellería de Agrogandeiría e Recursos Autóctonos do Principado de Asturias somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a concesión de ocupación de DPMT (Dominio Público Marítimo Terrestre, as letras que se poden observar nos cilindros de cemento que se ven ó longo de toda a costa). Así, está a punto de consolidarse unha explotación da ría para cultivos mariños, algo que xa están a facer tanto a empresa citada como AcuEo (que por certo, deben cultivar ostra de río, pois aparece na súa páxina 'ostras del Eo').
Unha ría á que xa se lle suman explotacións como transporte, dende a antiga lancha de pasaxe ou os antigo veleiros ata os actuais cargueiros, a máis da 'rama de pasaxe de ocio' (mal chamada en xeral, navegación deportiva), que se centra no maior porto deportivo de Galicia por número de prazas e moitas veces, en actividades que máis que deportivas son perigosas, como a que recolle o sigpac e se pode ver embaixo, cunha motora a toda pastilla nun lugar cerrado e regulado como a ría.

 En relación con esta explotación, na actualidade está en marcha a petición do club náutico de variación da bocana do porto deportivo, para ampliar (mínimamente) o número de atraques. E, en relación co CN, dicir que é recente aínda a liquidación dos aeroxeradores de adorno que tiña.
 Por certo, pódese comparar a estela da lancha que sae do porto deportivo coa anterior, para ver a diferenza de velocidades.
A ría ten outros aproveitamentos, como o deportivo, con clubes de remo, piragüismo, pesca submarina e actividades subacuáticas... ou o de construción naval, con estaleiros nas Figueiras e no 'porto da Veiga' (aínda en terreos de Castropol), rexidos ambos por Gondán.
Tamén, está en marcha unha polémica concesión da Illa Pancha para hotel.
E parece que aínda subsiste a natación nas praias da saída da ría, que nas do interior (sexa San Román na parte asturiana ou os bloques en Ribadeo) está ameazada por motoras, motos e esquí acuático (a primeira foto, recollida por satélite, amosa un caso).

20150721

Máis sobre a débeda de Ribadeo

Hai poucos días, unha entrada no blog, A débeda de Ribadeo, agúns datos, botáballe unha ollada a ese apartado das contas do concello que resultan tan pouco intelixibles, ou transparentes, ou ...
Hoxe atopo unha web con datos semellantes. A imaxe da conta deles:
(http://cartodb.com/attributions?utm_source=Footer_Link&utm_medium=referral&utm_campaign=Embed_v1&utm_content=Attributions&utm_term=infografia-02-elpais)
Segundo eses datos, a débeda do concello entre finais de 2011 e de 2014, todos no mandato anterior, tería aumentado máis dun 50%. É dicir, a confusión segue...
Mentres, a notar que os comentarios na web de onde tomei a captura de pantalla indican supostas faltas de información contable nos números expostos. Ou sexa, máis do mesmo.De onde obtiveron a información, iso non o pon.

20150720

A soldada dos alcaldes (artigo de José Mª Rodríguez Díaz)

Collido de http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/07/00428-a-soldada-dos-alcaldes.html:
Non son afastados os tempos nos que os alcaldes - a economía expresiva inclúe o correspondente feminino deste masculino gramatical - exercían o seu cargo sen remuneración económica ningunha. Tempos, nos que a xestión da res pública municipal carecía da complexidade e das dificultades que hoxe lle son inherentes. Tempos, nos que a actividade dos concellos se reducía a dar resposta e solución tan só os problemas básicos xerados pola vida en común dos veciños. Tarefas que, pola súa propia natureza e dificultade, o seu tratamento excedía a posibilidade e a capacidade individual dos veciños. Servizos, coma recollida do lixo, a distribución da auga, a iluminación pública, a limpeza dos espazos urbanos, a construción e arranxo das rúas e vías, etc. etc.
      Coa chegada da democracia - esa tan cacarexada e meirande mentira do Réxime - chegou a complexidade da xestión municipal. Comezaron as transferencias dos diversos servizos, sobre todo sociais, e tamén as dificultades xeradas polas demandas derivadas do desenrolo económico, e con el as imposicións do progreso da sociedade, cuns maiores niveis de esixencia por parte dos mesmos administrados, sen esquecer a ambición desmedida de certos alcaldes empeñados en ofrecer ós seus cidadáns, servizos alleos á función e competencia dos concellos, con fins puramente electorais. E foi así como certos alcaldes, "a legibus solutis" e apoiados nas maiorías plenarias de que gozaban nas súas corporacións locais, fóronse asignando, paseniño, o seu soldo, ata acabar sendo aceptado como normal pola maioría dos cidadáns. E o que empezou sendo obxecto de crítica para moitos, é hoxe unha realidade aceptada pola maioría como algo normal e ata xusto, pois, como di a Biblia e parece razoable pensar, 'dignus est operarius mercede sua', é dicir, o obreiro é merecente do seu salario.
      Pro, co paso do tempo e a falta de normas reguladoras do teito salarial, a arbitrariedade e a cobiza dalgúns alcaldes chegou a superar esaxeradamente os límites da ética e do que se entende por salario xusto. E foi así como algúns fixáronse un salario ó seu gusto e capricho, excedendo non poucas veces os límites do razoable e sensato, como aconsella Cervantes no Quixote cando afirma que "el abad de lo que canta, yanta".
      Pro pasou que os excesos cometidos pola avaricia de algúns alcaldes levantaron acerbas críticas na opinión pública. Ata tal punto que o goberno se viu forzado a lexislar sobre esta cuestión. Pro, tan a desgana o fixo, que deixou á decisión arbitraria dos alcaldes a elección do seu salario dentro dos límites dunha dilatada escala entre uns xenerosos mínimos e máximos, segundo ó número de veciños de cada concello.
      Esta norma reguladora do salario dos alcaldes, xurdida dun sistema escasamente democrático e dabondo corrupto, acadou mitigar dalgún xeito os excesos salariais en que moitos caían. Pro foron, sobre todo, os novos aires reivindicativos que corren ó longo do noso país e a nova sensibilidade xerada pola crise económica na sociedade a que fixo o milagre de espertar as conciencias a sensibilidade de moitos dos alcaldes elixidos nas derradeiras eleccións locais. Pois, tanto nas grandes cidades coma nos medianos e pequenos concellos, os novos alcaldes, sensibles ós impactos negativos ocasionados pola crise na gran maioría da poboación, ativéronse en moitos casos a unha aplicación restritiva da escala salarial fixada polo Goberno. Exemplos temos, tamén, de alcaldes repetidores que, de acordo coa realidade económica e social do seu entorno, optaron por conxelar e mesmo diminuír de xeito significativo as súas retribucións.
      Non faltan, con todo, certos alcaldes repetidores que, fronte a esta realidade e aínda dentro da legalidade vixente, pro sen razón aparente que o xustifique, pois o traballo esixido polo concello non é hoxe distinto do que era no seu mandato anterior, optaron por subirse de forma escandalosa, non só as súas retribucións, senón ademais, o número de dedicacións exclusivas no concello, e mesmo as dietas, o quilometraxe, etc.  
      E isto, non sen escándalo por parte de moitos, pois, mentres a sociedade se empobrece e se afunde cada día máis na miseria económica, cos veciños vivindo nas súas carnes a amarga experiencia do paro e da depresión económica e os pensionistas axustando os seus gastos pra acadar coas súas pequenas pensións o remate do mes, hai alcaldes que se soben impunemente o seu soldo en porcentaxes inxustificadas e abusivas, provocando o asombro e o escándalo dos exhaustos contribuíntes. E todo isto, sen dar sequera ningunha explicación motivada que fixese que esta subida salarial, caso de estar suficientemente xustificada, como podía ser o caso dalgúns, fose entendida e aceptada polos contribuíntes.
      Si, xa se sabe que o salario elixido por eses alcaldes se axusta á lei. Faltaba mais! Ninguén os vai acusar de ter infrinxido a lei. Pro si da súa falta de solidariedade  social nestes momentos de depresión, co engadido da oportunidade e da exemplaridade esixida ós que se adican á xestión pública.

20150719

Nova marca de temperatura

Este verán, de media, fixo bo tempo pero tampouco ten sido excesivamente caloroso en Ribadeo. Mais hoxe, 20 de xullo, cuarto día no que a estación meteorolóxica de Pedro Murias pasa de 27 ºC (unha referencia que teño para un pequeno estudo comparativo interanual), o termómetro achegouse ós 30 ºC á unha da tarde UTC , tres da tarde hora oficial vixente CET, marcando un máximo anual de 30,58 ºC que se achega ós 31,1 ºC, máximo recollido no tempo de funcionamento da estación automática Pedro Murias (20100825), quedando hoxe como terceiro día de máximas temperaturas no que vai de século.
Datos de temperatura na Pedro Murias, hoxe.

20150718

Plenos: transparencia, acceso á información...

Na procura de detalles para unha entrada sobre soldos, decátome de algo curioso: as actas do último pleno publicado na web corresponden a un extraordinario urxente de hai 13 meses, feito para a redución dos xuros ó acollerse ós plans do estado. Se nos remitimos ós plenos ordinarios, son xa 14 meses os que van a contar nos próximos días.
No mesmo tempo, 14 meses, pasan de 300 as novas do concello publicadas na web (nada que ver con madridvo). Algunhas, de información, si, aínda que podan conter unha compoñente de propaganda; pero moitas ás que se lle pode poñer a etiqueta identificativa de propaganda.
Por outra banda, creo que o número de plenos ordinarios con convocatoria difundida na web con máis de 24 horas nese mesmo período suman un total de 1.
E, entre os plenos publicados danse aínda hoxe lagoas en relación a plenos puntuais de hai xa tempo. Velaeiquí as ligazóns ós plenos que aparecen na páxina web do concello (alí están agrupados en páxinas independentes por anos; aquí xunteinos nunha soa lista para facer patentes as lagoas, conservando a orde que aparece na correspondente páxina web do concello dentro de cada ano):

Máis aló da propia publicación das actas está algo que se arrastra dende longo tempo antes: aparecen sen os puntos da orde do día a tratar nin un índice interno, co que hai que procurar onde se trata cada punto a cegas, tanto por a acta concreta como pola parte dela que se procura. Engadimos a isto as referencias crípticas, non entendibles por que non estea 'metido' na historia dos plenos, e atoparemos un efecto disuasorio que non é precisamente o que se entende por transparencia ou facilidade de acceso á información. Algo que se corresponde con outras situacións na procura de información dispoñible no concello.
collido de https://okfn.org/

Hai tempo que a nivel estatal existe a rama dun grupo okfn (okfn.es, open knowledge foundation, fundación para o coñecemento aberto) que pode asesorar á institución na apertura da información á cidadanía... se o concello quere, claro!
--
Unha nota a deshora: Días depois atopo un escrito meu, de entrada nº 5636, pasado o 9 de xuño de 2010 onde dicía textualmente: "(...) Que a día d ehoxe, 9 de xuño de 2010, x ahai máis dunha semana que está exposta a acta do pleno extraordinario de 21 de maio, pero non as correspondentes ós ordinarios de maio (18/5) nin de marzo (15/3), con acta xa aprobada hai vinte días este último,
Polo que
Solicita acceso á acta aprobada do pleno de marzo (...)"
Hoxe están colgadas na web ambas actas pedidas, con sendos documentos xerados o 16 de xuó, unha semana despois da petición.

leite e tráfico, entre outras

Onte mesmo desenvolveuse unha manifestación a nivel Galicia polos prezos da leita pagada ós gandeiros, a súa recollida e en xeral, os problemas do sector. Dous días antes era a DGT, Tráfico, quen anunciaba que reducía en Galicia as sés dos exames de conducir, quedando na nosa zona afectado Foz e todos os usuarios previstos do servizo, (primeiro díxose que uns 800/ano, logo subiuse a cifra a 1300/ano)
O segundo, correspondente a unha medida dunha axencia encadrada no sector público, sen privatizacións á vista polo medio, levantou protestas de parte de entidades públicas (concellos) e privadas (autoescolas), e ven nos xornais de hoxe que non será levado a cabo: vitoria local, ao menos polo momento, pois no paquete de non levalo a cabo inclúese que o exame, nun futuro próximo, farase en papel nas pequenas sés que ían ser suprimidas, e en ordenador con pantalla táctil nas sés principais, establecendo unha diferenza que non poderá ser mantida moito tempo.
vaca rubia galega

O primeiro corresponde a unha serie de accións que manifestan o poder das empresas de recollida de leite fronte ós produtores illados. Podería ser tratada mediante normativa legal, implicando ás institucións públicas, pero pese a algunha tímida medida nese sentido, a desprotección é total. Falo de desprotección dos pequenos gandeiros, acogotados pola potencia dunhas empresas que os están maltratando. A diferenza do caso anterior, a parte impositora das medidas non é privada, nin ten atisbos de democracia, non é 'controlable' polos cidadáns, e trata de ti a ti coas institucións, pregadas tantas veces ós poderes económicos. A parte prexudicada polas medidas ten apoio máis directo (ata o punto de terse manifestado) por un sector dos concellos, pero minoritario, ó tempo que se ben existe un sindicato labrego, nun país que foi de base gandeira como Galicia, hoxe os gandeiros de leite, os que sofren de xeito directo o problema, representan menos do 1% da poboación, e máis aínda, contan coa lonxana indiferencia de boa parte da poboación urbana.
O tema de tráfico, aínda de xeito provisional, está resolto. O tema do leite segue na indiferenza... a racionalidade na toma de decisións, evidentemente non ten moita relación co impacto sobre a xente desas decisións; en todo caso, é a posteriori, se chega a haber unha rebeldía que pode significar inconvenientes, cando se pode introducir algo que xa non representa racionalidade, senón influenzas.

20150716

publicación: 5 anos da Banda Municipal de Ribadeo

Hoxe é o día do Carme. Sóese comezar algunha lembranza deste día felicitando ás Carmes. Que así sexa pois, felicidades!
Ven a cousa a que esa festividade da lugar a unha festa en Tapia, e hoxe hai anos que a Banda Municipal de Ribadeo, ano 1996, foi chamada a Tapia de Casariego a musiquear a inauguración da nova imaxe da virxe no porto. Literalmente chamóuselle inauguración, aínda que supoño, polo que fixo o cura, que máis ben sería instalación e bendición da imaxe.

O caso é que alí estaba a banda, e iso lembroume que unha das moitas cousas do antigo publicado en Ribadeo que está aínda sen republicar é o libro do V aniversario da banda ribadense, que viu a luz hai 18 anos. Aquí queda, en 5 partes, descargable.
5 anos da Banda Municipal de Ribadeo bl 1
5 anos da Banda Municipal de Ribadeo bl 2
5 anos da Banda Municipal de Ribadeo bl 3
5 anos da Banda Municipal de Ribadeo bl 4
5 anos da Banda Municipal de Ribadeo bl 5

De Ribadeo a Grecia, pasando por Madrid

Onte Votouse o rescate en Grecia. Tamén en Madrid, o rescate de Grecia será votado. Resulta curioso que se vote unha axuda relativamente pequena a Grecia para escenificar que nos debe cartos, que estamos todos implicados, que eses cartos son nosos, e que hai unha diferencia fundamental con Grecia: nós deixamos, eles piden; e así, poder xustificar unha política de apertar unha volta máis a Grecia, mal pagadora, cando o rescate ós bancos significou para España abondos máis cartos, unha orde de magnitude máis, e non foi preguntado a ninguén. Que se lle esixa a Grecia o pago e que o deixado ós bancos xa se de por perdido. O que se deixará a Grecia anda polos 200 €, algo máis por cada Español. O que se perdeu nos bancos pasa de longo os 1000 € n(xa non falo do que se lles prestou), e non boto contas máis precisas porque pasa o mesmo que con outras débedas: ninguén sabe exactamente o monto total.
Sinatura de Mario Draghi, de User:Ssolbergj — Traballo persoal. CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons - https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Mario_Draghi_signature.svg#/media/File:Mario_Draghi_signature.svg

E, mentres se vota unha axuda a Grecia que será para os bancos acredores (sobre todo alemáns, pero tamén algún español) e se distrae a vista de problemas internos, o sector lácteo galego tamén vai de viaxe, a Santiago, acogotado xa non polos prezos senón pola falta de recollida de leite dun día para outro nunha actividade na que non se pode dicir ás vacas 'non produzades!' ou 'a producir!' dun día para outro. Pódense facer lecturas e interpretacións de cousas como que haxa autobuses gratuítos ou que o alcalde arengue á asistencia á manifestación de Santiago, ou que se lembren abusos coa cota láctea. Pódese, pero mentres, todo un piar da economía galega vense embaixo desprotexido fronte á grande distribución e ás empresas de tratamento de leite, despois de ser transferido o sector, pode dicirse que en bloque, á propiedade fóra de Galicia, a decisións fóra de Galicia, a decisións fóra do control ou mesmo a relación cos gandeiros galegos. Non é raro, senón lóxico, que xurda unha pregunta: canto tardaremos en estar coma os gregos?

20150715

visitando a web do concello

Hoxe achégome á web do concello despois de ler o xornal. Nunha das súas páxinas, coa cabeceira 'Rexistro de intereses' aparecen publicados os intereses dos concelleiros, segundo marca a lei. Polo momento están 14, faltando tres, pero non cabe dúbida de que aparecerán en breve. Xa o mandato pasado apareceran de xeito voluntario varios, e neste complétase.
Quizais pareza lento, pero o certo é que, tal como vai a páxina do concello, e máis aínda, en relación ós outros concellos en xeral, a páxina foi renovada de xeito veloz.
De calquera xeito, iso estará aí o mandato enteiro, co que ó final, seguramente a declaración de bens patrimoniais non se axustará ó que agora se poña, pois tendo 17 persoas en catro anos, seguro que algúns patrimonios cambiarán. E para iso está a declaración, entre outras cousas: para poder comparar de xeito público os patrimonios antes (pola declaración) e despois (pola visualización) de ocupar o cargo. A efectividade? Non sei. Pero, certamente, hai cousas nas que o concello de Ribadeo vai no grupo de cabeza.

20150714

A cara e a cruz da festa

O éxito de xente e negocio do Ribadeo indiano estivo á vista. Por se quedaran dúbidas, a ineludible nota do concello gabándose do feito pon números, que estimo mesmo se poden quedar curtos en canto a impacto económico, calculado a razón de pouco máis de 100 €/persoa: 25 000 persoas, 3 000 000 euros de impacto. Felicitémonos todos. Non só foi máis impactante que o pasado ano, senón que se espera que vaia máis.
Pero claro, as moedas soen ter cara e cruz, por moito que ás veces, con eso de que vemos unha soa parte, a cruz pareza inexistente. Tres fotos dun tramo de rúa, de onte pero que poderían ser tomadas hoxe mesmo martes á mañá, manifestan algo desa cruz, acompañada de mexos en lugares como portas de garaxe, vasos ou botellas rotas pola rúa, berros a media noite ou música alta a deshora. Quizais é que cando se está na festa e se vai descansar a outro lugar non se ten conta destas cousas... pero isto tamén reflicte o impacto do Ribadeo Indiano.




20150711

Crónica do Ribadeo indianizado

Antes de gustar dun arroz á cubana tento deixar unhas breves liñas a modo de crónica de época sobre o Ribadeo indianizado. Ribadeo indiano, concebido como festa de época, exitosa como calquera pode ver (e para ver, achegarse a Ribadeo, que o espírito aínda non é trasladable de xeito electrónico, do mesmo xeito que non o era hai un século ou máis). Ribadeo indianizado, caracterizado de época indiana no eixo comercial da vila. Sen ir máis lonxe, onte venres á noite, os indianos trasladados concentrábanse nas catro calles e as súas ás estendidas dende o parque en plena actuación musical a cargo da escola de música de Ribadeo, ata o cine-teatro pola outra beira. Máis aló, mesmo nun San Roque preparado para hoxe ser mercado e actuación musical, os indianos diluíanse nunha nada compensatoria do bulicio do centro, desaparecendo na parte vella máis aló da zona hostaleira ou nos bloques da nova.
Bandeiríns preparados para a festa recibían e reciben ós caracterizados indianos, cunha vestimenta que podería ser actual clásica, que senta e asenta nas persoas e as traslada de xeito lixeiro a unha época de abundancia, éxito e amplitude de miras que da o comercio, as viaxes, a industria.
Traxes impolutos, non feitos para manchar, senón para portar un corpo que manifesta éxito coa alegría de vivir, dan á festa indiana un carácter clásico educado e modélico. Non é un entroido, non se trata de adoptar un alter ego, senón de adaptarse a outra mentalidade que se entrevé e se deixa entrever nos comportamentos da xente. Un fluír de contactos entre persoas que teñen que comunicar: unha vida enteira nas américas, cos seus traballos e os seus éxitos, dan para moito, contrapoñéndoa coa mesma vida enteira, en Galicia, cos seus traballos es o seu devir diario.
Sería perdoable o esquecemento desa alta porcentaxe de emigrantes que non puideron voltar cun aire de satisfacción se perdurara na mentalidade dun pobo orientado ó sector servizos, ó servizo, ese emprendimento, visión e traballo que encarna a imaxe do americano retornado.
Non sei se será así, se a idea se traspasará ou quedará nun disfrazarse fino aproveitable pola hostalería local. Para o último xa sabemos que non hai problema, o éxito é visible. Para o primeiro, veremos.

20150710

Páxina pasaxeira. Experiencia no blog

Esta páxina: http://ephemeralp2p.durazo.us/84ed25a72c9c7565a1ca95b7cf73e3b7dceebd6120fbdd9fa33571fe43190fd7 autodestruirase cando deixe de haber persoas conectadas a ela. É unha experiencia nada en norteamérica este mesmo ano, que podes atopar aquí: http://ephemeralp2p.durazo.us/2bbbf21959178ef2f935e90fc60e5b6e368d27514fe305ca7dcecc32c0134838 (en versión transitoria, como esta) ou aquí: https://github.com/losvedir/ephemeral2/wiki/This-page-exists-only-if-someone-is-looking-at-it (en versión (máis) permanente.
Ti podes crear unha, se queres. Mentres, a copia deste contido atoparala en http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/07/paxina-pasaxeira-experiencia-no-blog.html

Sobre as casas de indianos e a Torre dos Moreno

Como aportación á festa indiana desta fin de semana, remato de tentar recoller os artigos relacionados coas casas de indianos e a torre dos Moreno que levo publicados no blog. Aí van varias ligazóns, resumidas e tendo en conta que aínda se completarán as listas con algunha máis que se me leva escapado hoxe:
A entradas sobre casas de indianos.
A entradas relacionadas coa torre dos Moreno.
Unha procura en Google-ribadeando sobre as casas de indianos.
As casas de indianos de Ribadeo na Galipedia.

Indianos, de José Mª Rodríguez

Cortopego dende o blog de José Mª Rodríguez:
- E logo pra onde vas tan á présa, Xan, ¿Tes algo de novo?, preguntoulle Xan ó veciño vendo pasar con paso apurado cara a vila, vestido de traxe novo e sombreiro.
- Non, oh. E que me vou pra América, respondeulle o veciño.
- Manda carallo, e eu en zocas, comentou Xan polo baixiño.
Unha pequena anécdota que amosa que marchar pra América en tempos pasados formaba parte da rutina diaria na vida da xente en Galicia. A partir do seu descubrimento por Colón foi o impulso patriótico e aventureiro dos españois o que motivou a súa marcha masiva ás Indias, recentemente descubertas. Estimulados polas lendas e xestas dos primeiros emigrantes, enseguida se desatou o desprazamento masivo dunha avalancha de aventureiros e cobizosos que emprenderon o camiño da aventura cara a terras afastadas e descoñecidas en busca de ouro, riquezas e novas oportunidades político militares. Eran os primeiros tempos do descubrimento de América que, coa chegada a España de tanta riqueza traída polos primeiros colonizadores, contribuíu ó nacemento do Século de Ouro e á expansión do chamado Imperio Español. Pro a esta gloriosa época de desenvolvemento e riqueza seguiron outras nas que o noso país se atopou afundido na pobreza e na miseria. Tempos como os dos sécalos XVIII e XIX nos que a fame se estendeu por toda Galicia, como se reflicte nunha acta plenaria do Concello de Ribadeo, do ano 1739, na que se di que “algunos labradores se vieron obligados a comer hierba”. Un dato que, sen ter que interpretalo literalmente, é dabondo demostrativo da miseria económica na que a sociedade galega vivía. Épocas nas que a necesidade e o espírito de supervivencia empurrou a moitos españois, especialmente en Galicia, a marchar a facer as Américas, como vulgarmente se dicía, e a atravesar o Atlántico pra buscar o seu futuro en terras iberoamericanas, como Brasil, Cuba, Arxentina, Uruguai, Chile, Venezuela ou México. Ata tal punto afectou ó noso país esta masiva emigración que pode dicirse que non hai familia en Galicia que non sufrise o impacto da emigración con algúns dos seus antepasados en América, especialmente nos séculos XIX e XX.
Homes e mulleres que, empurrados pola necesidade de supervivencia e pra mellorar a economía familiar, deixaron os seus pobos para fuxir da fame, marchando cunha vella maleta na man, chea de esperanzas, ilusións e recordos. Moitos deles acadaron riqueza e prosperidade en ultramar, se ben non todos tiveron a mesma fortuna. Pro aínda que foron moitos os que, co seu esforzo e traballo, e axudados pola sorte, lograron amasar verdadeiras fortunas tras das que se agochaban, ás veces, duras e escuras historias, a maior parte dos que marcharon non atoparon mellor destino en América que a mesma pobreza da que fuxiran. Foron moitos os que se viron obligados a renunciar ós seus soños de poder tornar un día ricos á súa terra natal á que uns volveron coas mans baleiras, mentres que outros fundaron a súa familia nesas terras, deixando aquí os seus antepasados.
Os poucos que lograron amasar coas súas industrias ou negocios grandes fortunas, cuxa limpeza de orixe era con frecuencia posta en cuestión polo pobo, decidiron volver anos máis tarde á súa terra de orixe convertidos en prestixiosos e ricos personaxes ós cales o pobo denominaba co nome de Indianos. Tal foi o caso de Bernardo de Guimarán, coñecido popularmente nesta vila de Ribadeo polo nome de "o Indiano". Fortunas que contribuíron a enaltecer non só as súas vidas, senón a fomentar a educación e o benestar das nosas xeracións posteriores e que aínda perduran hoxe no noso ámbito, sen que moitos se decaten de que son produto do froito da suor dos nosos devanceiros emigrantes.
O obxectivo do emigrante era retornar un día a súa terra natal pra ocupar un lugar sobresaínte no seu pobo de orixe e adquirir coa súa riqueza algún título de nobreza, aumentar o seu status social comprando ou restaurando antigas casas grandes ou pazos ou mesmo construíndoos de nova planta en vistoso e rechamante estilo colonial, decoradas con palmeiras e outras árbores tropicais exóticas nos seus xardíns, símbolo das súas aventuras en terras tropicais. Edificios que chegaron a ser coñecidos entre nosoutros co nome de "casas grandes" ou "casas de Indianos. Construcións que destacaban pola súa altura e traza, deseñadas cunha arquitectura cosmopolita que se insería destacando de forma rechamante entre as edificacións tradicionais circundantes, para salientar así o triunfo e o éxito do seu propietario en terras afastadas e onde retirarse a vivir das rendas acadadas cos seus negocios en América. Obras que serviron pra achegar ós habitantes da súa vila natal o mundo moderno e cosmopolita que coñeceran nas súas estadías na América e que souberon plasmar en edificios dunha arquitectura singular. Exemplos preclaros destes pazos existen en case tódolos pobos e aldeas de Galicia. En Ribadeo temos como exemplo eminente o famoso edificio coñecido polo nome de Torre dos Moreno ou o palacete Peñalba, na veciña Figueiras. O sinal máis destacado e relevante do emigrante con éxito foi a súa influencia social, o seu mecenado en institucións benéficas ou culturais subvencionando a construción de escolas, igrexas e capelas, casas consistoriais, estradas, hospitais ou asilos, traídas de auga e de luz eléctrica, etc., é dicir, todo o que significaba desenrolo, cultura e progreso para o seu pobo. Un exemplo notable da súa contribución ó desenvolvemento da nosa bisbarra foi a fundación Pedro Murias, en Vilaframil, adicada ó desenvolvemento agrícola, que tanta importancia tivo na formación de moitas xeracións posteriores da Mariña lucense.
Coa volta á súa terra natal, os indianos trouxeron os costumes de vida, os ritmos e músicas deses países e ata o estilo na súa forma de vestir das terras caribeñas, adquiridas nos seus países de emigración. Foi a herdanza achegada por eles ós seus lugares de orixe e da que Ribadeo, coa súa gran concentración de casas indianas, sobre todo na rúa San Roque, se comprace de ser o principal expoñente de toda Galicia cunha bela herdanza de edificios dunha arquitectura singular. Fermosos edificios de estilo colonial e entre os que destaca a Torre dos Moreno, admirada por todos os que visitan a nosa vila pola súa orixinalidade e beleza, e que chegou a constituírse no símbolo identificador da nosa vila de Ribadeo en todo o mundo.
E é de resaltar, así mesmo, o relevante papel dos emigrantes galegos no enxalzamento do noso país en terras de América. Coas súas iniciativas sociais e culturais foi relevante a súa contribución ó coñecemento de Galicia nesas terras tan afastadas entón. As creacións dos Círculos ou Casas de Galicia, as fundacións de Hospitais e Centros Sanitarios, os Círculos Culturais e demais creacións dirixidas á axuda, socorro e formación dos seus compatriotas emigrantes desempeñaron un rol social moi importante, contribuíndo, ó mesmo tempo, ó enxalzamento do nome da nosa terra, facendo a Galicia universal, ata o punto de que chamaban galego a calquera español. E non menos importante, tampouco, foi o papel desempeñado polos políticos e escritores galegos neses países, especialmente en Arxentina, México ou Cuba, cando, en tempos politicamente difíciles en España, tiveron que emigrar en busca de acollida e refuxio en terras afastadas. Alí loitaron con éxito pola conservación dos nosos dereitos como pobo, da nosa lingua e literatura, da nosa cultura e de todo o que en Galicia era perseguido coa pretensión de homologarnos a Castela.
De aí o acerto e a importancia desta festa indiana que os ribadenses de hoxe adican ó recordo de todos aqueles fillos de Ribadeo, que co seu traballo e esforzo, tanto contribuíron a enxalzar a beleza e o nome do seu pobo natal. Unha feliz idea a desta celebración que invita a tódolos ribadenses a participar nela. En converterse por un día en cabaleiros e damas que percorren as rúas da vila lucindo as súas mellores galas e atavíos característicos dos países do Caribe e recuperados dos vellos baúis traídos polos seus emigrantes devanceiros e que aínda dormen pechados nos faiados das súas vivendas. As señoras coa súa pel branquexada e lucindo os seus brancos traxes adornados con encaixes, os seus amplos sombreiros decorados con flores, os seus guantes e abanicos e as súas exóticas xoias resaltando a súa beleza. Os cabaleiros paseando polas rúas da vila coas súas levitas e traxes brancos folgados, os seus chalecos e guayaberas e os seus sombreiros panameños, cos seus guantes brancos empuñando cerimoniosos os seus bastóns.
E para rematar estas reflexións, un sentidiño recordo á memoria de tantos e tantos que viron frustrados os seus soños, esperanzas e ilusións e deixaron as súas vidas en terras estrañas despois de cruzar o Atlántico sen poder converter en realidade os seus anhelos e soños de retornar dignamente á súa terra para axudar ás súas familias e descansar os seus derradeiros días preto dos seus e enterrar os seus osos na terra na que naceran.

Coñece Ribadeo

Hai programadas actividades de coñecemento de Ribadeo. Están orientadas ó turismo, pero, por que non aproveitalas a mesma xente de Ribadeo?
Unhas destas actividades foron presentadas onte, as xeorutas, unha, para coñecer a xeoloxía da zona das Catedrais, e outra, relacionada coa actividade na zona de Rinlo. As xeorutas comezarán a desenvolverse o 15 de xullo, e non teño idea de ata cando se farán (tampouco cando estará dispoñible o apuntarse se un quere facelo na web do concello).
Outras actividades de (re)coñecemento de Ribadeo están centradas en torno ós indianos: charlas e roteiros terán lugar esta fin de semana en Ribadeo e A Devesa para dar a coñecer os edificios indianos:



A web do Ribadeo indiano.
O Ribadeo indiano no blog, 2015:
Indianos, de José Mª Rodríguez
O Ribadeo indiano no blog, 2014:
Ribadeo indiano
O éxito está asegurado
Crónica do Ribadeo indianizado
Sobre as casas de indianos
--
Unha nota a destempo sobre o Ribadeo Indiano: unha festa coido que ben traída polo movemento e desenvolvemento, celebra o éxito dunha parte pequena dos emigrados, esquecendo sinxelamente o significado da emigración (a excepción dunha mención nunha páxina da web), o destino de boa parte dos emigrantes e un feito: como poden amasarse mesmo grandes fortunas en relativamente pouco tempo? Chega só co traballo ou é necesaria tamén a explotación?

20150709

As nosas costas: navegando mares de plástico

A imaxe anterior está tomada da web 'navegando mares de plástico'. Cada punto representa 20 kg de plástico á deriva na superficie mariña. Vemos que as costas atlánticas están máis limpas, e canto máis nos adentramos no golfo de Biscaia, maior densidade de lixo. Hai un global estimado de 268 millóns de kg flotando á deriva, formando illas inmensas nalgúns lugares (en particular, o vórtice do Pacífico e o do Atlántico Norte, mais que nas costas asiáticas e no Mediterráneo). Son máis de 5 000 000 000 de pezas, a maioría menores de 0,5 cm de dimensión principal. So son uns 30 g por habitante do planeta, pero implica un desastre ecolóxico que está aumentando minuto a minuto, indo a parar ó mar cada vez máis residuos plásticos (que arrastran vento e auga ata chegar á maior superficie libre do planeta, o mar).
Só unha lembranza aquí para a iniciativa coge3, da que xa teño falado e que segue en marcha, tentando limpara as nosas costas como un paso no bo sentido.

Os turistas poden, os de Ribadeo, non

A xente de a pé non protesta en Ribadeo. Sábeno por aí nas 'estruturas de poder', e por iso non pasa nada.
A raíz dunha nota de prensa de ACISA, que xa saíu reflectida por exemplo na Comarca do pasado fin de semana (4 de xullo) e que ven confirmada por exemplo nunha nota de prensa da Consellería de onte (8 de xullo), a cousa está clara: Os turistas teñen privilexios que non temos os ribadenses. Os que durmimos aquí todo o ano e nos desprazamos coma sempre non podemos acollernos ós pases que facilitan hoteis e transporte turístico para ver as Catedrais.
Non importa, parece ser, que haxa un plan, e sen modificación oficial, se incumpra deixando sobrepasar o número de visitantes establecido e que rixe na web https://ascatedrais.xunta.es (4812, número curioso sobre o que xa teño escoitado algunha cábala non menos curiosa sobre a súa orixe en relación coa data de nacemento dalgún político). Parece que había razóns para deixalo nun número (estrambótico ou non), pero non importa, xa é papel mollado: Pode entrar calquera cantidade de xente mentres sexa turista. Na primeira semana, do 1 ó 7 de xullo, non houbo ademais problema de aplicación: pasaron 'só' 13 011 turistas, cun pico de 2439 o sábado 4 (o que deixa 10 572 para os seis días restantes, cunha media de 1762 visitantes diarios para eses días, domingo incluído). Como dato extra, corto e pego un parágrafo da nota de prensa da Consellería: "En relación aos visitantes que accederon ao Monumento Natural acreditando ter pernoctado nalgún establecemento de Ribadeo, as cifras ascenden a un total de 526 persoas -129 no sábado 4 de xullo-. Estas persoas beneficiáronse dunha medida específica encamiñada a favorecer a economía local e promover un turismo sustentable". A cortapegada é debido ás últimas verbas: a medida de ampliación sen límite do aforo diario é favorecer a economía local e tamén promover un turismo sustentable. Mentira.
Hai uns días caeu diante dos meus ollos un artigo, preguntándose por que ía querer alguén responsable limitar o turismo. Deixando a unha beira os tópicos 'turistas fóra' que calquera pode ter visto en pintadas illadas dende xa hai anos, defendendo o enxebre porque si, coido que en Ribadeo cada vez ten máis sentido un repensar o turismo, ese ó que se ve abocado o pobo sen ter sido nunca declarado en relación a unha definición do Ribadeo que queremos. Que ninguén poña o berro xa no ar. Non se trata de botar ós turistas, senón de permitir vivir en Ribadeo sen ser asoballados en espazo, ruído, permisos de visita... Non se trata do uso da represión dunha nova lei que entendo ilegal e nociva, nin de ter que queixarse e facer presión porque o poder municipal deixa facer (o último caso difundido, en Foz hai uns días). Non, trátase de que a máis de turistas, hai veciños. Hai ribadenses que se ven afectados por máis cousas que as colas dos supermercados.

20150708

Zeltia vaise. Unha galega menos

Curioso. Unha das empresas punteiras de Galicia, Zeltia, propietaria única de PharmaMar, emigra.
Imaxe corporativa actual de Zeltia

A nova xa non é de agora. Estaba prevista, como se pode ver nun memorandum da empresa, datado o ano pasado. Pero, que significa?
Zeltia era unha empresa química galega, radicada en Vigo e xurdida a mediados do século pasado (1939). Sempre tivo en mente facer investigación en Galicia, e co cambio de século comezou a xurdir unha división, materializada en PharmaMar, unha filial, que se especializou en investigación farmacolóxica de produtos mariños. PharmaMar sacou ó mercado, non sen traballo, un fármaco contra o cancro, o Yondelis, que está comezando a rendir beneficios dende o pasado ano.
O Grupo Zeltia ten empresas de oncoloxía (PharmaMar, S.A.), diagnose (GENOMICA, S.A.U.), terapias de ARN interferente (Sylentis S.A.U.), a máis doutras químicas, de produtos de consumo, máis coñecidas, que son as máis antigas e a base do seu desenvolvemento, radicadas en Galicia, como Zelnova (área de produtos de limpeza) e Xylazel (pinturas e vernices), e unha adquisición no estranxeiro: Copyr (en Italia, aerosois). Nos últimos anos, a casa matriz, Zeltia, estaba a dar perdas debido en parte ó esforzo por levar a bo porto a operación PharmaMar.
PharmaMar está domiciliada en Madrid (Colmenar Viejo) e polo tanto, tributa alí. Agora, como dixen, comezou a dar bos beneficios despois de ser mantida dende a matriz Zeltia (que tributaba en Galicia). Pois o proxecto que se pode ver na páxina web de Zeltia e que se está a levar a cabo indica que nunha operación non usual, a filial, PharmaMar, absorbe a matriz, Zeltia. As consecuencias non varían moito de ser así a ser ó revés. Excepto pola domiciliación e tributación correspondente. A nova empresa conxunta non tributará en Galicia, senón en Madrid. Non tomará as decisións en Vigo, senón en Colmenar Viejo (en realidade, o 'Grupo Zeltia'  polo momento está radicado en Madrid capital)...
A empresa consta -constaba- como unha empresa constituída en Galicia por galegos que querían desenvolver a súa terra. Parece que nestes anos, algo se perdeu polo camiño. Foi un esvaramento paseniño que levou a empresa á emigración. Claro que hai emigracións forzadas e emigracións de conveniencia...

20150707

A débeda de Ribadeo. Algúns datos

Hai xa máis dunha semana que me chegou a ligazón a 'consulta a débeda do teu concello' en Praza.gal. Mirei e deixei pasar, pero conservei no navegador. Agora, pasado un tempo prudencial, e non vendo maior difusión, deixo os datos que atribúe a Ribadeo:
2014: 2 058,04 k€; 2011: 1 266 k€
Déixoo aí porque as informacións que de xeito periódico subministran os plenos parecen indicar outra cousa, e Praza.gal non me parece sospeitosa de anti-Bloque.
Ben, non algo tan raro que existan discrepancias, o das contas non é algo unívoco, como imos ver a continuación. Pero é algo que pagaría a pena facer moito máis transparente e intelixible. As últimas contas que atopei, excepto a referencia anterior, corresponden ó 2013, e os conceptos non parece exactamente homologables.
Así, procurando máis, a partir da entrada 'sobre as contas do concello de Ribadeo' cheguei ós datos embaixo reflectidos, na web http://www.rendiciondecuentas.es/gl/consultadeentidadesycuentas/buscarCuentas/consultarCuenta.html?dd=true&idEntidadPpal=4258&idEntidad=4258&idTipoEntidad=A&idModelo=3&ejercicio=2013&nifEntidad=P2705100B  , web onde hai abondos máis. Unha curiosidade: copiei as denominacións en catalán porque en galego non funcionaba (nin en castelán). Reflicte que os créditos (a longo e curto prazo) en 2013 sobrepasaban os 4 millóns de euros:
No 2013 había (reflectíronse) 142 435 € de gastos financieiros, segundo http://transparenciadecuentaspublicas.es/2013/2014-12-22/aapp/council/ribadeo/gastos-financieros.
Hai algún tempo máis (abril 2013), daba no blog acceso a esta información:
"Comunidad autónoma - GALICIA 
Provincia - LUGO 
Deuda viva a 31/12/2012 (miles de euros) - 2800 
Número de habitantes - 10 061 
Deuda por habitante (en euros) - 278,3 
Posición en el ranking de municipios más endeudados (Del 1 al 8116) - 3103". Pouco antes, ese ano, facía unha comparación débeda-fraude sinalando que a débeda estaría solucionada de xeito rápido se se solucionara o fraude.
Os números, como se pode ver, repito, bailan. Un ano antes da información anterior, en dous artigos (http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/03/algunha-curiosidade-da-debeda.html e http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/03/algunha-curiosidade-da-debeda-ii.html) daba outras cifras: ós 1023 habitantes de Ribadeo corresponderíalles 1 780 000 €, isto é, 177,59 €/hab.
No 2012 tamén incluía unha publicación con este mapa:
Canto máis vermello, máis perigo. Ribadeo, cara ó centro-baixo de cores.

No 2007, 2,85 millóns de Euros. Esta información tamén sería subministrada por unha nota do concello, que sinala que a débeda reduciuse á metade dende 2007. Mais, nunha publicación posterior (http://ribadeando.blogspot.com.es/2013/10/sabendo-mais-do-noso-sexa-ribadeo-ou.html), sinalaba que cara a finais do 2012, ese mesmo ano,http://transparenciadecuentaspublicas.es/ daba a cifra de 2 333 249 €
En 2009, falando dos orzamentos, o pleno estimaba uns 5 000 000 €.
Abondo antes,resinaba que había un consenso en que a débeda de Ribadeo no 2006 andaba por uns 5 millóns de euros, con 100 000 pts (600 €) diarias de intereses...
No ano 1995 un recén elixido J.C. Rodríguez Andina acusaba ó anterior rexedor, Lalo Gutiérrez, de deixar unha débeda de 100 000 000 pts (600 000 €).
Perdoade que non dea unha cifra exacta ano tras ano...

20150706

Comentando algunha foto

Son sinais de pouca cousa, pero repetidas. Pouco que ver coa nova de hoxe (en Ribadeo que a nivel internacional está o "non" grego), o Camiño Norte Patrimonio da Humanidade,que teremos que debatir para aproveitar e non estragar, na procura desde difícil equilibrio.
Mentres, en Ribadeo, en fotos tomadas domingo á mañá, a primeira amosa o que se diría un resto de botellón. A cousa non é que falle a limpeza (alguén se podería preguntar por que non o limparon, e estamos a falar dun domingo á mañá, o que non da pé a pensar que falle a limpeza) senón a educación da xente que o fixo. Todos temos tirado papeis ó chan, pero hai tempo que a maioría ten a consciencia de que iso non se fai. E mellor para todos.
Un rexistro polo que saiu merda posiblemente nas últimas choivas fortes. Pola apariencia, xa debe levar algún tempo así, nas glorietas de Vilaselán. Isto si que coido que debera ter sido limpado xa.
Unha parede sen lucir e con pintada en r/Picarolas (entre Carlos III e S. Roque). A pintada, estimo, nalgún caso pode ser mesmo un elemento decorativo (máis aló do arte que poda ter), pero a parede leva así... unha década? Supoño que en breves será posta presentable...

20150705

Mirando máis aló no tempo, sobre a crise grega

Estes días caeu nas miñas mans unha gráfica sobre impagos na historia dos estados de Europa. Hai que contar que a organización estatal noutros lugares foi en xeral abondo posterior, e aínda que en Europa tampouco todos os estados naceron ó tempo, nin tiveron a mesma continuidade na súa existencia, hai unha homoxeneidade abondo maior que noutras zonas. Por iso collín os datos e refixen unha táboa e dúas gráficas:
 A táboa está clara: hai estados que non teñen na súa historia unha suspensión de pagos. Grecia, España, pero tamén Alemaña, si os tiveron.  Na táboa aparecen 13 países con ao menos unha suspensión de pagos, cun máximo de España, 13 despois de ter inaugurado o estado español esa posibilidade para os estados. En canto a tempo, Grecia leva a palma (Francia aparece con varias pero un tempo mínimo, polo que o tempo en suspensión de pagos aparece como 0, en anos)
O caso é que en ambas gráficas aparece variedade (a segunda representa en sentido contrario ás agullas do reloxo os anos de cada estado en suspensión, comezando por España, na parte interior, e na exterior, o número de veces) de posibilidades, e non é unha cousa rara unha suspensión como á que se aboca Grecia.
Outra cousa é a interpretación, o que representa, dende as comparacións coa antigüidade con outros tipos de ameaza a interpretacións que van máis aló da política e a economía, pasando por outras que tentan explicar a situación grega actual en función das reglas económicas clásicas.
Hoxe hai votación en Grecia. O pobo opina, sexa cal sexa a explicación de como se chegou a situación ou se pode saír dela. O resultado, nunhas horas. As consecuencias, sexa cal sexa o resultado, malas para a maioría dos gregos.
E para nós? Co 90% das pensións invertidas en débeda polo propio goberno que non a soubo conter (restricións de gasto, pero perdón de ingresos por impostos a rendas altas, por exemplo), un paro que segue próximo ó 25%, corrupción que se comería unha posible bonanza, e moitas máis cousas que todos coñecemos aínda que moitas as esquezamos rápido, se ves as barbas do teu veciño cortar...

20150704

Unha visita "inesperada"

Hoxe visitei Mondoñedo. Un paseiño de vagar polas súas rúas cargadas de historia sempre ven ben. Resulta que tiña tempo e vinme forzado a usar a vella N634. O motivo? O Fiouco, claro, estaba pechado ó tráfico.
Gústanme os paseos por Mondoñedo, e desta, non me importou, mesmo agradecín a desviación. Outras veces é ben diferente: con présa, métente nunha estrada sobrecargada de tráfico, mesmo cunha visibilidade parella á que te nega o paso pola autoestrada A8.
Son xeitos de velo, de parte do usuario. Sabemos todos que hai outros xeitos, como a ponderación da falta de previsión de levar o tráfico 200 m máis altos que pola antiga vía, e metelo nunha zona de máis neboeiros, ou a estimación de custes, non só da propia autostrada, senón dos custes que implica a desviación frecuente, ou...
Por esta, gardo a lembranza grata da cidade episcopal e antiga capital provincial, e deixo a unha beira (que non esquezo) o resto.
Mondoñedo, nunha imaxe do sigpac, coa autoestrada á dereita e a N634 á esquerda. A imaxe é ampliable co rato, abríndoa noutra fiestra.

20150701

A feira do libro Ribadeo 2015

Como non, con controversia dende lonxe: que se Ribadeo se desmarcou da Xunta para celebrala, que se Xunta postergou a Ribadeo...
A nota, xa de hai uns días no blog do concello, e o díptico coas actividades:
Díptico de actividades, ampliable noutra fiestra premendo co botón dereito do rato.

--
A feira do libro Ribadeo 2014
Feira do libro de Ribadeo. 1ª edición 2ª época
Relacionado coa feira do libro de Ribadeo 2014

A PRAIA DAS CATEDRAIS OU COMO DESTRUIR UN MONUMENTO, artigo de José Mª Rodríguez

Cortopego do seu blog:
"Quot capita, tot sententiae', tantas opinións como cabezas. E esta miña é unha delas. O patrimonio natural mais importante de Ribadeo, a praia de Augas Santas, agora chamada das Catedrais, convertida nun grave problema. Xestores públicos con opinións encontradas e posturas opostas. A convivencia política entre as institucións, quebrantada. A paz cidadá entre diversos colectivos, afectada. Todos opinan, todos saben como amañar a desfeita. Pro as solucións que uns propoñen, rexéitanas os outros. Os intereses políticos, e aínda os persoales, privan sobre os xenerais. Os representantes políticos, dos que algúns padecen tortículis de tanto mirar para Santiago, condicionados pola obediencia debida ó seu propio partido. Os partidos, condicionados polo seu primeiro obxectivo: a conquista do voto. Os comerciantes, mediatizados polos seus intereses económicos. Os técnicos profesionais, como os que deseñaron a autovía do Cantábrico polo Fiouco dende os seus despachos, descoñecedores da realidade. E os movementos ecoloxistas independentes, con acusada sensibilidade cara á conservación da naturaza e ós valores sostibles do patrimonio natural, cultural e social, ausentes. Entes como ADEGA, MARIÑA PATRIMONIO ou a UNIVERSIDADE, etc., non están invitados a xogar nesta partida.
Hoxe temos un espazo natural convertido nun problema. Un problema que hai anos non había. Por que xurdiu? Quen o xerou? Canso de ver esta praia esquecida e baleira, o político correspondente, cegado pola ambición política, tivo unha idea: pregoar ó mundo a súa beleza pra atraer ás masas. E, ano tras ano, fiados naquilo que Pablo recomendaba a Timoteo: "...predica a palabra, insiste a tempo e a destempo, opotuna e inoportunamente..." viaxaron a Fitur a predicar os seus encantos e belezas, potenciando o seu aspecto turístico económico sobre o cultural e científico. E a xente, que non oe en balde, non tardou en inundar esta praia ata a saturación. E así rematou. Convertida nun espazo sobresaturado e desnortado. Claro, a idea era atraente. Converter a praia nun mercado turístico pra potenciar o comercio e a hostalaría da súa vila. E funcionou. O alcalde de turno convertíase así en modelo de xestión ejemplar coa conseguinte colleita de votos. A vila medraba. Era a galiña dos ovos de ouro. Pro agora chegou a saturación e non saben que facer con tanta xente. O futuro da praia está en perigo. Non saben onde meter a xente nin como conter a marea de vándalos, que sempre os hai.
Precísanse solucións a este problema. E atopan algunhas. Pro, como sempre, van en dirección oposta. Transportes públicos, aparcadoiros, estación de ferrocarril, aumentar a publicidade. He dicir, facilitar cada vez máis medios pra que as masas poidan achegarse máis doadamente a ese emporio de beleza. E, claro, así a masa crítica aumenta. Elixiron o camiño axeitado pra matar a galiña dos ovos de ouro. Pretenden acadar a sostibilidade e a conservación da praia traendo máis xente! É iso posible? Alguén mo explica?
Pretender atraer ás masas para enriquecer a economía de Ribadeo e, ó mesmo tempo, tratar de conservar intocable a beleza natural desta praia son obxectivos incompatibles. Mondoñedo ten a súa Cova do Rei Cintolo. Necesitada esta Cidade, como ningunha outra, de promover unha sa economía, sequera de subsistencia, non sucumbiu á tentación de vender a súa primoxenitura por un prato de lentellas. Regulou as visitas á cova tendo en conta únicamente a súa capacidade de admisión e a conservación deste famoso tesouro natural.
Chegados a este estado do problema, no que nin as institucións se poñen de acordo, nin as solucións ata agora ofrecidas teñen futuro, imponse a cordura. Un órgano independente, composto por persoas libres de condicionamentos interesados, que potencie a topografía orixinal do ámbito, reducindo ou suprimindo o impacto dos modernos equipamentos e infraestruturas instaladas alí, como o restaurante, os roteiros de madeira, etc., podería ser a mellor solución de cara á conservación e viabilidade, agora e de cara ó futuro, deste monumento da natureza. É dicir, devolvela ó seu estado primitivo, pois a experiencia demostra que onde o home pon a man a natureza acaba case sempre destruída."
Xente nas catedrais, non toda controlada... (resinando só o espazo da praia e remarcando a xente sobre as rochas, de https://www.flickr.com/photos/martius/4897269359)