20160224

Mirando as contas de ACISA

Aparecía a semana pasada no xornal La Voz de Galicia, na súa edición de A Mariña unha nova aparentemente sen importancia, "Acisa Ribadeo prevé gestionar este año 139 394 euros, un 56% más que en 2015", co subtítulo "Proyecta duplicar el gasto en campañas, hasta los 54 985 euros".
Para os que temos certa idade, e traducimos aínda de cando en vez os euros a pesetas, 23 millóns de pesetas seguen a significar para o gasto dun ano unha cantidade moi considerable. E iso é o que son os presupostos anunciados: unha cantidade considerable. Entendo que nela deberan ir incluídas as dúas cantidades que destacaba nunha nova o pasado decembro (16 árbores, 25 comercios e (por outra banda) moitos euros) que sumaban 20 000 € do concello entre convenio e financiación directa do alumeado de Nadal, pero só aparecen 14 000 de subvención, co que o alumeado non está contemplado, non é tema de ACISA, a menos que vaia a 'campañas', pero entón debera figurar como entrada polo concello, e non aparece tal, segundo o xornal.
Pantallazo da web de ACISA, hoxe (así dende o 24 de abril de 2015)

Tampouco me queda claro polo resume do periódico o tema da pista de xeo. estará incluída nos 54 985 € de campañas?
Son contas dunha sociedade que non vin reflectidas en anos anteriores no papel. Estrañarme non me estraña: dos 139 394 euros, 100 000 son subvencións, polo que entendo que deberan ter unha transparencia pública total, pero resulta que son de xestión privada, e as administracións públicas esixen en relación inversa á forza do contrincante. Só un de cada catro euros gastados serían xerados pola propia entidade, o que non cobre nin os gastos de oficina, mentras que a entidade patrocina asociacións con cartos públicos e criterios privados, amosando unha influencia coas institucións que estaría relacionada con esas cantidades intercambiadas. Hai poucos días tamén apareceu a nova de que ACISA propoñerá ó concello que as festas sexan levadas por un patronato [que se desprende, da nova de prensa, que sería 'de eventos', incluíndo as festas, pero tamén outras cousas como o Ribadeo Indiano e o que puidera vir: "Acisa Ribadeo propone crear un patronato que organice las fiestas", La Voz de Galicia]. Aposto que dito patronato tería representación de ACISA, saíndo de novo ó seu través cartos públicos para as festas despois de ser privatizados e aparecer como tales.
Outros datos que se desprenden das últimas novas de prensa en relación a ACISA son:
Asociados: 150-155 (aprox, segundo o xornal)
Aportación media mensual por socio: 25 € (e non saen as contas dos máis de 150 socios e cotas previstas, quedando máis próximos a 120 que ós 150 anunciados na prensa)
Orzamento 2016: 139 394 €
Ingresos.
-Subv. Ben Empregado (Deputación): 39 417 €
-Subv. Concello: 14 000 €
-Subv. Xunta: 40 000€
-Cotas asociados: 36 000 € (a ter en conta que as cantidades en miles son aproximadas, e puxen esa cantidade en troques dos 40 000 que destacaba a prensa para que cadren sumas)
Gastos.
-Xerencia 21 837 €
-Traballadores 34 796 €
-Asesores externos 6 746 €
-Bolsas e banderolas socios 1 524 €
-Gastos oficina 11 530 €
-Patrocinio 4 000 €
-Campañas 54 985 €
-Comisións bancarias 800 €
Se se suma, verase un pequeno desaxuste ingresos/gastos, que achaco á imprecisión das cifras expostas, sen ter seguridade na afirmación.
ACISA Ribadeo coido que ten boa saúde, e estar activa (aínda que con menos socios dos de hai uns anos). E Mira polos seus fins, o que non debe estrañar a ninguén, como tampouco debe estrañar que as ideas de ACISA non sexan compartidas por todo o mundo, ou, noutra orde de cousas, que sexa subvencionada, incluíndo persoal (Deputación, programa 'Ben Empregado')

Ningún comentario: