20160406

PBIP: protección dos buques e instalacións portuarias

Zona portuaria de Ribadeo. OpenStreetMap

Vexo no xornal PBIP, así, tan campante, dito parece ser que por José Juan Durán, Presidente de Portos. E supoño que quedou tal cual despois de dicilo. Sin que se enteraran máis que os catro no allo. Por iso fun na súa procura por internet. E achei. Claro que achei: Protección dos buques e instalacións portuarias.
Vivimos nun mundo moi tecnificado, con conceptos que moitas veces son difíciles de interpretar por non iniciados. Mais o das siglas ven sendo unha xerga que sirve como barreira para a comprensión dese mundo no que vivimos, e que ás veces ten como finalidade crear parcelas inaccesibles á maioría da poboación, cotos de poder baseados en parte na linguaxe. O mesmo que pasa coa desinformación nosa de tódolos días.
Neste caso, sería unha traslación á lingua de algo que ven sucedendo con portos: din que en base a medidas de operatividade diversa contra o terrorismo, a favor do traballo, etc, o caso é que os portos, antes totalmente imbricados nas poboacións, agora están segregados. Un espazo común de intercambio que se quedou reducido a privado (mesmo de titularidade pública) en troques de seguir como o que foron sempre, algo comunitario.
Por iso non chama moito a atención que, despois de poñer normas restritivas para o seu uso en diversas actividades e de que esas normas entren en funcionamento, veña o xefe correspondente, neste caso, o Presidente de Portos, e diga que se aplicarán de xeito laxo, para 'permitir' facer o que sempre se fixo. Si, que quede claro: agora non se trata dun dereito, senón dunha concesión de permiso. Coido que está clara a diferencia: agora non é algo comunitario, senón algo con propiedade (repito, aínda que sexa de propiedade institucional) que pode ser 'cedido graciosamente' para actividades que son tradicionais (xa cabe dicir, 'foron') por quen ten o poder de ceder ese espazo que antes era común.
Pode ser bo que cerren espazos que son de todos. Así se xustifican este tipo de medidas. A medio prazo, só beneficiará a algúns nalgún sentido (nin sequera en todos, que a compoñente social da persoa sempre sairá perdendo).

Ningún comentario: