20160617

AO VALEDOR DO POBO DE GALICIA. Carta enviada polo grupo 'Por nuestro faro'

Deixo embaixo a carta enviada polo grupo 'Por Nuestro Faro' ao Valedor do Pobo de Galicia, como un apunte máis na historia da illa Pancha.
"AO VALEDOR DO POBO DE GALICIA 
 As persoas abaixo asinantes, [,,,] en nome propio e en representación do colectivo “Por Nuestro Faro” denuncian os feitos seguintes: 
O día 22 de Maio de 2015 o Consello de Ministros do goberno español aprobou a autorización “para uso hotelero de las instalaciones del Faro de la Isla Pancha”, según nota de prensa do Ministerio de Fomento. Na mesma nota e nos medios de comunicación dos días seguintes dase unha información incompleta e distorsionada cando se afirma que “…El proyecto sometido a tramitación por la Autoridad Portuaria…se limita al espacio disponible, en régimen de concesión, sin que el edificio del antiguo faro sufra alteración alguna”. Ou sexa, no intre da aprobación da concesión non se fala de “cafetería cubierta con estructura metálica de 47 metros cuadrados”, “carpa de material transparente”,“aparcamiento”, “papeleras”, ”banderas”,”señalización”, “fosas sépticas”, e outros elementos invasivos que fomos coñecendo posteriormente e que parte deles non figuraban no proxecto que serviu de base para iniciar o expediente e que en todo caso foron disimulados nos informes públicados e contribuiron a forxar unha opinión pública desfigurada e desinformada. O colectivo “Por Nuestro Faro” ten solicitado nos últimos meses ao Concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao a documentación correspondente a esta primeira fase da adxudicación da concesión sen conquerir unha resposta clara. Concretamente desexamos ter acceso ao expediente completo para saber:1º En que intre e en que medios se publicou a convocatoria do Faro da Illa Pancha; 2º En que intre se presentou a solicitude da empresa que finalmente resultou adxudicataria; 3º Onde se realizou e cómo se publicou a exposición pública; 4º Certificacions dos procesos de exposición pública se realmente se realizaron en Ribadeo , Ferrol ou Madrid. 
O feito de que o Concello de Ribadeo e mais a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao non nos faciliten información sobre estes datos convida a unha sospeita de posibeis irregularidades ou favoritismos. De feito o diario “El Pais” na sua edición do día 26,4,2015, ou sexa un mes antes da aprobación polo Consello de Ministros, publica un artigo de claro son partidista referido as concesións dos faros e cando menciona o faro de Ribadeo fala de “…una cafetería en una planta subterránea…” e unhas declaracions do alcalde de Ribadeo nas que di: “…es una buena noticia para el municipio y un premio…”. Ou sexa que xa se pon de manifesto dende o comezo a tendencia á ocultación, manipulación e magnificación dun proxecto concreto tanto por parte de Autoridade Portuaria como do Concello de Ribadeo, que lonxe de limitarse a xestionar os trámites preceptivos para aprobación ou non do mesmo adican un esforzo especial a facer propaganda favorable amosando un partidismo e favoritismo impropios dunha administración democrática e comprometida ca obxectividade o medio ambiente e a defensa dos veciños. Convén suliñar o silenzo do alcalde de Ribadeo durante mais dun ano, so interrumpido pola entrevista de El Pais, ao tratarse a Illa Pancha dun curruncho especialmente apreciado e visitado polos ribadenses e veciños dacarón, que figura en infinidade de fotos e mostras de tipo turístico e que ten como especial valor a conservación natural ou salvaxe ensalzada pola única presenza dos faros. Nos primeiros días do mes de Xunio o Grupo de Apoio a AGE e mais a AA VV “O TESON” denuncian a falla de información e rexistran no concello peticións de acceso ao expediente sen resposta por parte da autoridade municipal. A primeiros de setembro O TESON reitera a sua petición de información e a páxina WEB de “Por nuestro Faro” xa conta con mais de 720 achegados. 
Respecto dos documentos citados pola nota de prensa do Ministerio de Fomento do día 22 de maio ante citada debemos suliñar o seguinte: 
 1.- O informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia de 8/7/2014 está asinado pola Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, non menciona nengún informe técnico de tipo mediambiental e cita so de pasada a inclusión dos “terreos obxecto da actuación…” na Zona de Especial Conservación do Rio Eo da Rede Natura 2000, pero evita mencionar as prescripcions dos art. 60 e 62 do Decreto 37/2014 da Xunta de Galicia que prohíben explícitamente varias das actuacions previstas no proyecto. Asemade, anque volveremos mais adiante sobre este aspecto, debemos suliñar dende agora que as condicions que exixirá a Autoridade Portuaria en materia de seguridade, sinalización, aparcamento, etc. estarán en aberta contradicción ca normativa paisaxística e da Rede Natura 2000 o que pon en evidencia unha grave contradicción no procedemento da administración ao non ter en conta normas de ámeto galego, español e europeo antes de tomar nengún acordo ou dar unha concesión como a que se trata neste caso. Como veremos mais adiante o concello de Ribadeo pedirá aclaracions sobre este informe con data 21/9/2015 pola aprobación do PXOM en decembro de 2014.
 2.- Respecto do informe emitido polo Concello de Ribadeo con data 29/7/14 a petición da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao debemos suliñar que o alcalde de Ribadeo negou repetidamente a existencia do informe devandito e finalmenente o día 8/3/16 facilitou un pequeno extracto do mesmo con unha serie de comentarios colaterais sen facilitar unha copia íntegra.
 3.- Na nota de prensa do Ministerio de Fomento antes aludida tamén se cita un informe da “Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar”. Debemos suliñar que non tivemos acceso a dito informe o que non deixa de ser sorprendente tendo en conta a especial sensibilidade dos ribadenses cara a Illa Pancha e o que significa como elemento social, cultural, identitario e turístico. 
Seguindo o fio dos documentos disponibeis imos comentar agora o “INFORME DE PUERTOS DEL ESTADO” emitido con data 22/6/2015 previo a aprobación pola Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao da concesión solicitada para o proxecto que estamos a discutir. Na páxina 2, párrafo 3º di o seguinte: “ …el proyecto presentado no afectará al entorno, mejorando su aspecto y garantizando su conservación”. Dende o noso ponto de vista resulta como mínimo sorprendente tal afirmación procedente do organismo Puertos del Estado cando oito días mais tarde o mesmo organismo vai exixir unha serie de condicions que afectan ao entorno dun xeito absolutamente negativo, como son a entrada de automoveis, a cartelería, papeleras, medidas de seguridade etc. Non se entende que non se tomen esas prevencions con anterioridade ao acordo de concesión da semana seguinte por un motivo elemental de coherencia e economía da administración pública, e non deixa de semar dúbidas sobre a posible parcialidade que suxerimos anteriormente. Na páxina 4 menciónase a cafetería nos garaxes e unha carpa desmontable “con un impacto nada significativo sobre la situación actual ya que la nueva estructura desmontable será transparente y las partes rígidas pintadas de forma que se mimeticen con el ambiente”. Sobre este párrafo temos que reiterar alguns dos argumentos expostos anteriormente ademais de insistir na forte sospeita de parcialidad por canto a presencia dunha carpa na Illa Pancha, por moita transparencia e mimetización que lle queira imaxinar é un elemento distorsionante de enorme magnitud cun impacto paisaxístico negativo de primeiro orde. Este elemento mais os que xa citamos e han aparecer nas condicions da concesión dibuxan un conxunto de reformas ou alteracions da illa que exixirían unha avaliación conxunta da que ate agora non tivemos coñecemento e que tenderá a ser esquecida cando en xaneiro de 2016 a empresa solicitante presente o proxecto desdoblado en dous intentando camuflar os impactos ambientais a través da tramitación independente de dous proxectos (reforma do Faro e cafetería) e grazas á tolerancia das administración local, autonómica e estatal que non so non teñen en conta os impactos ambientais engadidos senón a inviabilidade do proxecto conxunto e ainda mais de dous proxectos separados. A posibilidade de que se obtivese licencia para realizar un dos proxectos e non o outro sería o resultado da incoherencia deste procedimento admitido polas administracions devanditas, como veremos mais adiante. 
Na páxina 5 figura un apartado que se titula “Evaluación económico-financiera” A este apartado adicanse exactamente duas líneas e media que imos reproducir: “El promotor de este proyecto ha presentado un resumen de su análisis de viabilidad económico-financiera, según el cual el beneficio bruto previsto de la explotación sería positivo a partir del tercer año de la explotación”. De este texto despréndese que os responsabeis de Puertos del Estado non consideraron necesario contrastar os datos da empresa solicitante. E sin embargo dende o noso ponto de vista este tema é un dos determinantes da rexeita social do proyecto, ademais dos impactos negativos dende o ponto de vista medioambiental e paisaxístico. A Illa Pancha é un lugar privilexiado da natureza, cunha beleza de conxunto extraordinaria na que a ponte, os faros, o rochedo, a rompente do mar etc. constituen un un espazo irrepetibel e rechamante. Pero é un lugar, como tantos nas costas galegas para visitar e dar a volta. Pola sua situación está exposta a tódolos ventos, temporais, choivas, etc. especialmente batida sen negúnha protección polos temporais do noroeste predominantes. Segundo datos da Estación Meteorolóxica da Escola Pedro Murias (parroquia de Vilaframil-Ribadeo) entre o 1.1.2003 e o 31.12.2013 choveu o 47 % dos días e entre 2002 e 2015 – ambos inclusive – o vento sobrepasou os 30 km/h o 56 % dos días, debendo suliñarse que a estación meteorolóxica da que proceden estes datos está rodeada de edificios e outas árbores, de xeito que non é difícil comprender que os ventos na Illa Pancha serán moito mais fortes. O artigo 84, apartado d) do R.D. Legislativo 2/2011 de 5 de Setiembre, Texto Refundido de la Ley de Puertos del Estado y de la Marina Mercante exixe unha “Memoria económico financiera de la actividad a desarrollar en la concesión” Dende o noso ponto de vista a devandita memoria económico financiera non pode eludir unhas condicions climatolóxicas tan adversas e so basarse en criterios subxectivos que obvian esta realidade natural, maiormente tendo en conta que as instalacións teñen unha dimensión mínima (duas habitacións ou suites) e uns outos costos fixos de mantemento, persoal, etc. Resulta altamente rechamante que as autoridades de Puertos del Estado, e maiormente do Concello de Ribadeo non reparasen neste feito e sigan dándolle para diante a este proxecto ainda a risco de iniciar alguna acción descabellada na illa con resultados presumiblemente irreversibeis. 
O día 30/6/15 o Consello de Adminstración da Autoridade Portuaria otorga a concesión da Illa Pancha dacordo co expediente C-770 e cas prescripcions establecidas no documento da concesión . Trataremos de non repetirnos nos comentarios aos documentos da concesión. Na páxina 2 “Obras e instalaciones a ejecutar” citanse a “rehabilitación interior y de fachada del faro…”, “acondicionamiento del garaje existente y antigua rampa…”, “ejecución de una rampa de acceso…”, “instalación de una terraza…”,” habilitación de una zona ajardinada…”, o que supón as conseguintes obras nas seis parcelas previamente definidas, en contra das repetidas declaracions según as cais a única actuación era no interior do Faro, polo que se confirma a existencia dunha versión blanda ou edulcorada do proxecto cara á galería que contrasta ca versión real moito mais agresiva co medio. Neste contexto temos que suliñar as declaracions do alcalde de Ribadeo ao considerar que o proxecto era un premio do Ministerio. Na mesma páxina, mais adiante, figuran unha serie de prazos para a entrega do proxecto constructivo e a execución das obras amplamente rebasados no intre de redactar estas liñas. Estamos de novo diante dun exercicio de unha tolerancia especial por parte das administracions da que se beneficia a empresa adxudicataria. Na páxina 3, no apartado “Obligaciones de carácter general” aparece unha formulación que deixa estupefacto a calquer observador obxectivo e imparcial cando di “El concesionario es conocedor de las obligaciones que implica la pertenencia de la isla a la Red Natura 2000”. Non imos facer nengun comentario sobre está estrambótica declaración, simplemente suliñar que non hai nengún informe previo no que se expoñan polo miudo cales son implicacións da pertencia da illa á Rede Natura 2000, simplemente porque as administraciones implicadas non tiveron en conta este tema e polo tanto o concesionario non está obligado por ninguna disposición concreta neste asunto e pode facer a libre interpretación que lle resulte mais acaida. Esto é o que se desprende desta pomposa declaración: fume de carozo. Mais adiante fálase do “número máximo de vehículos…plazas habilitadas… nunca mayor de 4…” Ou sexa un aparcamento de catro prazas ás que poden sumarse os vehículos autorizados, proveedores, etc. Anque non o di esto chámase un aparcamento “mimetizado” cos existentes nas zonas urbanas e consiste nun paso mais na urbanización e destrucción da illa para a sua explotación privada, con absoluto desprezo das normas de protección paisaxística, das prescripcións da Rede Natura 2000 e das recomendacións da Reserva da Biosfera Rio Eo, Oscos e Terras de Buron, á que pertence a Illa Pancha, formando parte da Zona Nucleo da Ria de Ribadeo da que trataremos mais adiante. Nas páxinas seguintes describese a cartelería que contabilizamos en mais de vinte elementos, papeleras, cámara de vixilancia etc. que xa citamos de cuxos impactos non nos imos repetir. 
O día 9 de Setembro de 2015 a empresa concesionaria presenta a solicitude de licencia municipal no Concello de Ribadeo para a obra : “ Reforma interior do edificio do Faro da Illa Pancha para creación dun apartahotel e ampliación do garaxe para a instalación dunha cafetería”. A esta documentación segue un informe do arquitecto municipal e unha resposta do alcalde ambos con data de 21/9/2015 que imos resumir. O informe do técnico di: “ é necesario correxir unha serie de deficiencias observadas na citada documentación, antes da concesión da licenia municipal…” 1.- O informe sectorial da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio de 8/7/2014 non é válido porque fai referencia a unha situación urbanística anterior, modificada pola aprobación posterior do PXOM. 2.- O informe sectorial do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de 5/3/15 fai referencia ao art. 72.1 do texto refundido da Lei de Portos no que se autorizan excepcionalmente o uso de espazos similares á Illa Pancha “siempre que no se realicen nuevas edificaciones” . E dado que no proxecto presentado no concello figura unha cafetería e outras actuacións o técnico municipal solicita que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente emita un novo informe no que se aclare “si resulta favorable o informe para o proxecto completo”. Ademais pídese un informe do organismo con competencia en materia de paisaxe dado que segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia a parcela atópase dentro da Rede de Espazos naturais de Galicia. O informe do alcalde de Ribadeo require ao solicitante para que aporte a documentación devandita. Non existe informe de técnico de medio Ambiente nen referencia alguna á Rede Natura 2000. Tampouco existe nengun requerimento nen petición de información sobre a viabilidade económica do proxecto e sostibilidade futura. 
O día 15 de decembro de 2015 ten lugar unha entrevista entre o alcalde e tres funcionarios con catro representantes do colectivo “Por Nuestro Faro”. O expediente ou parte del está enriba da mesa pero aos representantes do colectivo non se nos permite mais que botarlle unha ollada rápida a algunas partes. O alcalde non manifesta nengunha opinión limitándose a repetir o de que a licencia deberá concederse se os informes son favorables. A xuntanza dura uns 20 minutos “porque tiñan outra mais tarde”. A o dia seguinte facilitanse alguns dos documentos que citamos anteriormente. O dia 20/4/2016 o alcalde notifica por correo electrónico á representante do noso colectivo que podemos ter acceso ao expediente, pero á marxe da amabilidade dos funcionarios so se nos facilitan algúns documentos, non a totalidade do expediente. Un ano despois de solicitalo por primeira vez e dous anos despois de comezala tramitación. 
O día 18/1/16 o Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente da xunta de Galicia emite informe sobre “Adecuación ao Plan do Litoral de Galicia de usos cualificados como compatibles”. Debe suliñarse que nos meses anteriores aparecen na prensa varios escritos do colectivo “Por Nuestro Faro” denunciado a falla de informes relativos á Rede Natura 2000. O informe do Instituto de Estudos do Territorio fai referencia ao Plan de Ordenación do Litoral e cita por primeira vez a situación da Illa Pancha na zona 2 da ZEC Rio Eo dentro da Rede Natura 2000 e os artigos correspondentes de aplicación. Pola sua extensión non podemos reproducir este infome, pero debemos suliñar que adica un amplo espazo a resaltar os valores paisaxísticos da illa e os riscos dunha actuación como a prevista. Nas suas conclusions nos pon obxeccions respecto das obras no faro pero é mais restrictivo respecto das restantes actuacións se ben non se manifesta rotundamente sobre delas. Entendemos que unha actuación como a prevista nun espazo tan singular como é a Illa Pancha deberá ter unha avaliación mais clara e comprometida e unha rexeita contundente por parte do Instituto de Estudos do Territorio. 
O día 12/4/16 a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao emite informe respostando ao concello de Ribadeo sobre unha petición recibida o 18 de Marzo de 2016, na que se solicitaba un novo informe da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentacion e Medio Ambiente, trala presentación dos novos proyectos desdoblados pola empresa concesionaria. A resposta da Autoridade Portuaria pertence ao xénero alucinatorio: según eles a concesión foi tramitada correctamente no 2014-15 e os cambios ou desdoblamientos de proxectos non merecen comentarios. Descoñecemos se o concello de Ribadeo vai dar por válida unha resposta tan absurda habida conta de que a nova situación administrativa creada pola presentación de dous novos proxectos que poden considerarse independentes, racha totalmente co expediente anterior cuxa anulación solicitou voluntariamente a empresa interesada e polo tanto debera iniciarse dende o comezo todo o proceso de concesión con exposición pública incluida. Entendemos que o concello debera someter esta situación a un novo estudo do procedemento administrativo. O contrario supón un trato de favor á empresa solicitante en perxuicio dos dereitos dos veciños e da conservación da Illa no seu estado actual. O dia 20/4/16 o alcalde comunícanos que un mes antes a empresa concesionaria ten solicitado a anulación do expediente anterior presentando dous expedientes diferentes para a obtención de duas licencias, un para as reformas no edificio de antigo faro e outro para as restantes actuacións. Dende o noso ponto de vista trátase dunha artimaña administrativa que non ten en conta en primeiro lugar o impacto conxunto das actuacións e dos seus resultados posteriores e en segundo lugar a viabilidade económica dos proxectos en conxunto e por separado. Esta omisión supón un manexo viciado dos expediente que pode traguer, como dixemos antes, o comezo dalgunhas obras e actividades que rematen deixando unha degradación irreversible da Illa Pancha. Para rematar imos comentar brevemente que a Illa pancha pertence á Zona Nucleo da Ria de Ribadeo dentro da Reserva da Biosfera, que comentamos anteriormente. A Zona Nucleo é o espazo mais singular da reserva, onde se recomenda que as normas de protección do medio e sustentabilidade dos proxectos se apliquen de xeito estricto. O Foro de Participación Social da Reserva da Biosfera tivo unha xuntanza recientemente na que se presentou unha denuncia sobre a inviabilidade e a degradación do medio do proxecto que comentamos recibindo varias intervencions favorabeis e o compromiso dos responsabeis políticos de facer un seguimento do problema, pero ate agora na instrucion dos expedientes a Reserva da Biosfera non tivo nengunha acolleita. 
CONCLUSIONS E PETICIONS AO VALEDOR DO POBO DE GALICIA 
 1.- Que por parte do Concello de Ribadeo e da Autoridade Portuaria se nos facilite a consulta do expediente completo, dende os primeiros trámites ate os últimos informes. 
 2.- Que pola autoridade correspondente se emitan informes sobre a implicación das normas da Rede Natura 2000 no proxecto que discutimos. Que as conclusións de ditos informes sexan motivadas e concretas. 
3.- Que os informes que afecten aos aspectos medioambientais do proxecto valoren todolos elementos do mesmo e os impactos previsibeis da actividade e non so aspectos parciais e secundarios. 
4.- Que a memoria económica e de viabilidade teña en conta as limitacións climatolóxicas da Illa Pancha e a pequenez dun hotel de duas habitacions ou suites. 
5.- Que se teñan en conta as recomendacions da Reserva da Biosfera en materia de sostibilidade e medio ambiente."

Ningún comentario: