20161111

Sobre un titular de hai varios días: 'Levarei a Fomento ante a xustiza se pasa algo na ponte'

O titular, collido de A Mariña de El progreso do domingo 20161106, continúa advertindo por boca do alcalde de que 'o tamaño das beirarúas é ilegal' (uns 70 cm, un pouco máis espaciosa a da parte norte que a que mira ó interior da ría), axustando máis adentro na nova que os motivos do titular son tanto o tamaño das beirarúas como a falta de iluminación da ponte, que xa dura anos e non é a primeira vez que sae a colación, despois da gresca entre concellos copartícipes e Fomento polo pago da enerxía eléctrica. Volve saír como nova a posibilidade de que Fomento peche as beirarúas porque di que non está permitido telas nas autovías.
Coido que é para pasmarse que Fomento, con todas as competencias transferidas, non se faga cargo da iluminación da ponte ou que ameace con cerrar algo que di ilegal -as beirarúas na ponte- cando foi o mesmo ministerio quen o fixo. Mais aquí o que quero é lembrar algunha cousa sobre a autovía e a alcaldía en relación coa ponte.
Anos antes de que a ponte fora habilitado como autovía, xa ten habido algún accidente dun peón que levou a urxencias a algunha persoa (estoume lembrando dun caso particular dun coñecido da Veiga). Antes, durante e despois da actuación para convertilo en tramo de autovía, neste blog preguntábame que pasaría coas bicicletas (ver 'A ponte dos Santos' -comentarios-, 'de bicis', 'Á beira da Ponte dos Santos e á súa sombra'), e o Tesón tentou que o concello se mobilizara para mellorar o discurrir das bicis pola ponte, ou para que o concello tomara diversas iniciativas sobre a circulación ('nove meses sen resposta', '20110919 pleno', ... ). E, xa coa nova disposición da ponte-autovía, o alcalde ten participado nunha manifestación de ciclistas convocada polo Club Ciclista Eo na mesma ponte a raíz dun accidente dun ciclista (ver 'bicis reivindicativas en el Puente de los Santos', na Voz de 19 de nov. de 2012), para reclamar melloras ou alternativas ('as bicicletas non teñes ás'). E...
A histoira da ponte dos Santos xa vai sendo longa. E a actuación do concello en relación ael non é lineal. Agora fala de levar a Fomento ante a xustiza nun momento no que nunha vía cedida por Fomento a Ribadeo, fronte ó Vilar, xa se teñen sucedido varios accidentes a pesar da alerta veciñal e despois de pasar a oportunidade da protesta ciclista e levar tempo xa sen luz...

Ningún comentario: