20161212

O fume do tren veu para quedarse en Ribadeo

Onte pechou a exposición de A Chocolateira, despois de proxectar por segunda vez o documental 'A chocolateira', esta vez no cine-teatro. A película documental é a cuarta vez que se proxecta en Ribadeo e segue causando impacto tanto pola lembranza e pola xente que sae como polo asombro que causa o impacto que tivo na comarca un proxecto con base extractiva e industrial que vertebrou toda a zona e deu posibilidades de comunicación a unha poboación que antes estaba maioritariamente illada, a mercede de camiños de vacas.
Deixo o vídeo xusto embaixo.
Mais unha cousa é o rememorar a chocolateira (nome que fai lembrar as últimas tempadas, con máquinas e vías que só eran unha sombra da perfección e mantemento que tiveron nos seus bos momentos), e outra, o taller-escola que serviu para este impulso que se manifestou sobre todo na semana pasada pero que aínda non rematou.
Más aló das 3000 persoas que pasaron pola exposición, da centea ben longa que fixeron a ruta da vía verde, das que viron a película, das que participaron na longavía tecida nas 'vías solidarias', enchendo Ribadeo non só dun camiño de lá, senón dunha participación colectiva a favor da sociedade contra o cancro, etc, hai unha escea que pon en valor todo o traballo realizado, o recoñecemento revelado e a ilusión compartida polo grupo. Trátase do momento no que Ángel Prieto Souto chama ó alcalde de Ribadeo, na súa intervención na inauguración, para un compromiso de recuperación. Pódese ver no vídeo seguinte, cara ó final:
E é que a exposición, coa recolección de obras xa expostas en diferentes lugares, pero nonca xuntas, maquetas, traballos académicos e de divulgación, e obras artísticas, mesmo realizadas para esta exposición, foi froito dun traballo de moitas horas do grupo de 'A Chocolateira', que só foi posible grazas a unha unión favorecida pola realización dunha formación que se colleu con ilusión. Ilusión dun grupo que permitiu non só o desenvolvemento de moitas horas de traballo, senón unión e compenetración en equipo, e recoñecemento. Recoñecemento pola súa parte que non só foi do valor e historia do ferrocarril mineiro Ribadeo-Vilaoudriz, senón e sobre todo, recoñecemento do valor das persoas participantes.
E esta historia parece que voltou para quedarse. Arredor da festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros que foron a cabeza de ponde do ferrocarril, está previsto que o próximo ano se potencie outra marcha para recorrer a vía verde, e, en Ribadeo, antes, un paseo de recoñecemento das rúas e zonas que foron orixinariamente vias de ferrocarril.
Certo que que o primeiro túnel, o do Costal, estea cun derrumbe, non axuda, senón dificulta a recuperación, limitando o acceso á ponte de Rego da Viña, a que se ve nas fotos como estrutura máis maxestuosa do recorrido, e acceso á súa vez ó segundo túnel, o chamado tamén de Rego da Viña, que xa sae á beira da ría e que ten a súa continuidade nunha zona que só habería que desbrozar.
Por suposto, para completar o recorrido hai dificultades diversas, dende zonas que están ocupadas pola estrada a outras que son plantación de eucaliptus particulares. Pero moita parte sería recuperable dun xeito doado. E nesas estamos: na súa recuperación.
Mentres, seguiremos tecendo vías solidarias.

Ningún comentario: