20160531

CASA BRASONADA DA RÚA BISPO VERES. Francisco José Campos Dorado

Na rúa Bispo Veres, na chamada Casa de Vior por haber vivido alí este famoso pintor, hai un escudo de armas que non se axusta os canons heráldicos, pero que é realmente elegante e onde destaca a forma caprichosa do contorno, do campo de armas, en dobre bordura, que caracteriza o gusto e mestría do artista que o fixo. O centro do xefe e o centro da punta, reabren a bordura externa para rematar cuns trifolios invertidos. A bordura interna do campo de armas, está circundada pola externa, e tanto no centro da punta como no centro do xefe, vese claramente que remata en punta, tendo unha grande similitude co escudo de armas do Pazo de Barrio do século XV, en Sarria, vinculados na Casa de Vilafranca cos Osorio.

Está timbrado cun casco mirando a destra de señor fidalgo, posiblemente con título de barón, pois ten a visera baixada e moi ben terciada con sete grilletas moi aparentes. Si tivera esmaltes, serían: sete grilletas de ouro forradas de gules (cor vermello). O casco está adornado cun penacho de tres plumas, dúas cara destra e unha cara sinistra. Está rodeado de lambrequines sinxelos a modo de molduras e grilandas florais que rematan nuns ben pronunciados soportes laterais. A parte baixa remata nun sostén a modo de grande cartela perfilada con volutas frontais e laterais. O escudo está protexido da choiva torrencial cunha cornixa de cantería formando un arco elíptico rebaixado.
O campo está dividido en catro particións ou cuartelado en cruz, cun escusón situado no abismo ou lugar de honor do centro do escudo. No primeiro cuartel: armas dos Osera, en campo de azur, unha aciñeira frutada (con fruta) de ouro e unha osa parda, pasante, o pé do tronco, coa cabeza levantada.
Segundo cuartel: armas dos Osorio, en campo de ouro dous lobos desollados pasantes, con bordura de gules e oito aspas de ouro. (Nota: segundo os Blasóns e Liñaxes de Galiza do padre J.S. Crespo del Pozo, Tomo XIX da Historia de Galiza, a bordura de aspas, corresponde as armas dos Osera e non as armas dos Osorio. No escudo de armas dos Condes de Maceda do Pazo de Lanzós, tampouco consta bordura con aspas no noveno cuartel dos Osorio, nin no cuarto cuartel do escudo da capela de Animas e da Virxe do Carmen, do patronazgo de D.Pedro Miranda e de Dª Catalina Osorio da igrexa parroquial de Ribadeo. En cambio, Fernando González-Doria no seu Dicionario Heráldico e Nobiliario, relata bordura de oito aspas en ámbolos dous brasóns)

Terceiro cuartel: castelo sobre ondas do mar das armas dos Villaamil.
Cuarto cuartel: en campo de ouro tres faixas de azur, das armas dos Messía. Posiblemente unha rama familiar dos Messia de la Cerda establecidos en Ferrol, mariños de alto rango da Armada en liñaxe cos Marqueses de Acapulco.
No escusón partido central, armas dos Méndez de Vigo: a destra, en campo de ouro unha árbore arrancada de sinople (cor verde) e a sinistra, en campo de gules tres faixas de ouro. Posiblemente fai referencia a un emparentamento entre a familia Méndez Navia Osorio de Ribadeo coa familia Vigo de Tineo (Asturias)
Non sabemos exactamente a que ancestro destas familias pertence este escudo, pero na Chancillería de Valladolid, existen executorias, que fan referencia a algúns destes apelidos como: de 23-Novembro-1613, pleito de Dª Aldonza de Sierra Osorio con D. Juan Alonso de Navia Osorio. En 1614 e 1615, Dª. Aldonza Sierra Osorio, viuda de D. Juan Martínez del Villar, e fillos, veciños de Ribadeo, litiga con Dª Juana González de Miranda, veciña de Castropol.
 Para entender un pouco como hai tantos escudos de fidalgos en Ribadeo, debémonos remontar o século XVI, cando no tocante a goberno municipal, este aparece baixo o dominio dos condes, e desde o punto de vista económico a vila está estreitamente ligada a economía do comercio Atlántico e da Carreira das Indias. O tráfico por vía marítima de madeira de castaño e carballo, procedente das Terras de Miranda, en 1506, 1511, 1519 e 1528, cara Sevilla e Lisboa, era moi importante. Realizábase en carabelas portuguesas, que de retorno adoitaban traer sal.
Este tráfico marítimo, fluído e rendible, atrae a moitos fidalgos que se asentan a vivir no núcleo do Ribadeo amurallado ou no seu entorno extramuros. Nunha relación de 1571 hai moitos fidalgos con casa solar nas parroquias rurais e con fortunas en metálico, que inverten en bens raíces. A fidalguía activa é unha das características do pobo, que tanto xenera rendas do comercio marítimo como da agricultura. Os Condes de Ribadeo non aparecen nunca pola vila, e as elites locais, están encantadas de que isto ocorra, pois ninguén lles interfire nin nos negocios, nin nos asuntos cotiáns, polo que Ribadeo, nestes tempos, goza dunha verdadeira oligarquía local, aínda que non se deixara oír esta opinión en voz alta.
A harmonía entre fidalgos e comerciantes era moi grande. Son xente acomodada que escasamente se diferencian, e tanto uns como outros participaban dos mesmos beneficios do tráfico marítimo e da actividade agropecuaria. Nestes tempos abundan as profesións liberais de escribáns, notarios, avogados e administradores de rendas, así como, as asociacións profesionais dos gremios de zapateiros, alfaiates, ferreiros, carpinteiros e mercadores.
Mapa arredor da r/ Bispo Veres (http://www.openstreetmap.org/export#map=17/43.53827/-7.03689&layers=Q)

A vida municipal ía ben, ata que ocorre unha gran recesión de poboación en 1598, debido a peste. Despois dunha tremenda crises, Ribadeo e o seu entorno volve a coller auxe a partires de 1640 co cultivo de millo. En 1719, sofre a invasión dos piratas ingleses que afunden as fragatas San Francisco e o Galgo de Andalucía, cuxos pécios “aínda” se deben atopar no fondo da Ría de Ribadeo.
Nos séculos XVI e XVII, os fidalgos comerciantes marítimos de madeira, eran os Miranda, Menéndez Navia, Bustos, Sierra, Ribadeneira ou Aguiar, que emparentan cos Osorio, Acevedo, Lanza, Campoamor e os Villaamil. A República de Ribadeo, tal como a nomean os membros do rexemento en 1752, volve reactivarse en 1770 có Permiso de Importación directa de liño e cánabo, téxtiles que antes viñan vía Bilbao encarecidos polas ganancias propias e “impropias” das comisións dos intermediarios.
En 1774 o fidalgo D. Antonio Raimundo Ibáñez Llano e Valdés chega a Ribadeo para practicarse no comercio e terminar os estudios. Con 25 anos está de mordomo na Casa de Guimarán de D. Bernardo Rodríguez Arango e Mon e comeza a facer a súa fortuna persoal nun viaxe a Cádiz co encargo de vender unhas fincas, con cuxo produto comprou unha partida de aceite que trouxo por mar para Ribadeo. En 1788 tanto os Villaamil como Ibáñez, e algúns outros comerciantes da vila, importan viño, augardente, ferro e sobretodo liño fiado do Báltico. O florecemento comercial destas datas é moi grande e a poboación duplícase entre 1750 e 1826, pero non puideron nunca mellorar as condicións do porto de Ribadeo que xa empezaba a presentar problemas para os “grandes barcos” que saían cargados de madeira. Dous séculos despois, seguimos sen resolvelos.

20160530

Ollando máis lonxe

O mapa presenta o alcance dos faros no noroeste peninsular a mediados do século XIX. Está exposto no faro de Cabo Vilán. Aí está a Illa Pancha como un referente do alumeado marítimo, servizo público, dende entón.
É só unha lembranza de que para ir cara algures hai que ter claro que se quere ir, e ter unha orientación.
En Ribadeo, sen aclarar aínda (dende moito tempo que está pedido) o Ribadeo que queremos en conxunto, a primeira condición está nebulosa, e a segunda, o ter unha referencia para orientar, non parece ser considerada tampouco dun xeito compartido. O pretender a instalación dun hotel privado coas instalacións pertinentes na illa Pancha, protexida por rede Natura e despois de estar cerrada ó público moitos anos amósase así como un indicativo do que remato de dicir.
Mentres, hoxe, plenos. Queres saber máis de Ribadeo? Vai.

20160527

Difundindo o goberno de Ribadeo

Onte, 26 de maio, apareceu na web do concello, con catro días de antelación, a convocatoria do próximo pleno, que será o luns 30. En realidade, dos dous próximos plenos, pois haberá un ordinario e un extraordinario o mesmo día. Un conxunto que non lembro que ocorrera ata agora. Estamos de noraboa.
A nota de prensa é curta, mais vai acompañada de dous documentos que completan a información:
O primeiro é o pleno extraordinario, convocado para as oito da tarde, para concederlle a Lalo, Eduardo Gutiérrez, o título de cronista oficial. A lembrar que no seu momento xa lle pareceu ben a tódolos grupos, aínda que houbo queixas por non ter sido unha decisión compartida:
O segundo é o ordinario. Nel, tras a aprobación do pleno anterior, aparece unha dación de contas sobre o cumprimento da lei contra a morosidade nas operacións comerciais, redactado dun xeito que hai que ir na procura da lei para enterarse. Os dous puntos posteriores complementan o segundo punto. O punto quinto tamén vai de economía, e coido que con máis importanciaque os anteriores, pois trátase da aprobación do feito co orzamento do ano 2015.
Os dous puntos seguintes son en relación cos créditos para este 2016. Chama a atención que a pequena nota de prensa non dedique unha soa letra a este conxunto económico, que só foi tratado na nota de prensa correspondente ás comisións informativas previas ó pleno, sacada o mesmo día das comisións.
Os puntos restante corresponden á xestión preceptiva para a baixa dunha arma vella da Policía Local, a petición para a cesión por parte da Deputación de viais na zona das Catedrais, a modificación da ordenanza medioambiental e o control dos órganos, asuntos todos, excepto o último, que apareceron xa nas novas nalgunha ocasión.
A petición de cesión de viais implicará no futuro un control maior por parte do concello da zona das Catedrais, e tamén un maior gasto da institución para o seu coidado. Na actual tendencia a unha maior cooperación Concello-Xunta, implicaría un maior poder negociador do Concello. Mais a cuestión é o que se vai facer con iso, e coido que non está claro, ao menos, cara á cidadanía, e menos aínda, que se vaia propoñer unha apertura ó cidadán para a participación no futuro da zona. Por certo, que non aparece para este pleno a moción presentada polo PSOE na que presenta unha proposta para un regulamento de participación cidadá.
En canto á ordenanza medioambiental, trátase de aceptar unha alegación ó xa aprobado no pleno ordinario pasado no sentido de que haberá unha praia para cans, e a presencia dos mesmos estará prohibida no resto en Semana Santa e tempada de verán. Só.
Complétase con dúas mocións, unha sobre o catastrazo e outra sobre o apoio á plantilla de Alcoa-San Cibrao.
Por certo, o parágrafo de entrada coido que indica algo da precariedade na que se atopa o concello no que respecta á secretaría. Coido que non afecta moito a temas coma este, pero poidera afectar a outros.
Agora xa podes ir enterado ó pleno do próximo luns.

20160526

Abrindo o coñecemento: contas de Ribadeo

Hai tempo recibo información sobre os movementos de OKFN.es, Un grupo activista con obxectivo de apertura do coñecemento, en particular a traverso da apertura, transparencia e liberdade de datos. É a traverso deste grupo que chego a unha iniciativa que ven de hai tempo pero que foi mellorando ata a actualidade, gobierto. Iniciativa que na actualidade está tentando facer transparentes o orzamentos municipais. Traduzo o parágrafo de presentación nunha das súas páxinas, que parece dirixido ós representantes no concello, pero vai dirixido a toda a poboación:
"O orzamento é un dos temas que máis chama a atención dos cidadáns. Se publicas o teu proxecto de orzamentos nun PDF de deceas ou centos de páxinas estás cumprindo coa Lei de Transparencia pero, ¿realmente iso te está a axudar a conectar cos teus veciños?"
O desenvolvemento é amplo na actualidade, cun blog (última entrada: "Presupuesto vs. Ejecución: Análisis de la desviación de los presupuestos municipales y el gasto real" ou a oferta ós concellos para a instalación dunha ferramenta que visualice os datos do orzamento na web municipal, pasando pola oferta dunha guía, 'conectando con tus vecinos', descargable de xeito libre, ou a comparación de orzamentos municipais entre varios concellos.
Un exemplo, cos orzamentos de Ribadeo 2015. Aí van varias capturas de pantalla, ampliables, e algún pequeno comentario. Para máis, mellor pasarse pola web e 'xogar' un pouco con ela.
Gasto por habitante comparado coa media dos concellos a nivel Lugo, Galicia e España, nos últimos anos:
Reparto o orzamento entre diferentes partidas contables, de xeito gráfico e en táboa:
Un apartado particular, xunto con posibilidade de participación ('levanta a man', 'pide ó teu concello'):
Unha vista particular sobre o gasto en servizos públicos cos niveis provincial, galego e estatal:
Os gastos, en aprtidas 'identificables'
a conparación con outro concello; neste caso, elixín Ribadeo e Vilalba:
E unhas cantas cousas máis, que podemos contribuír a mellorar pedindo.

20160525

Nota de prensa « Por nuestro faro » 25/05/2016


Queremos informar de que hemos recibido respuesta a nuestra alegación al Catálogo das Paisaxes de Galicia.
A través de nuestra intervención la Xunta de Galicia estima la inclusión de Fonte Cavada y Rego da Viña respectivamente en dicho catálogo, como « Lugar de Especial interés paisajístico » (LEIP).
En el correo se nos informa que Illa Pancha, Pena Furada y As Aceñas ya estaban incluídas en el Catálogo.
Concretamente, en el caso de Illa Pancha, tuvieron en cuenta el Plan de Ordenación do Litoral (POL), que identificaba y delimitaba un conjunto de áreas de interés paisajístico entre las que se encontraba la Isla Pancha, En consecuencia, dicho espacio figurará catalogado como « Lugar de Especial interés paisajístico » (LEIP) y Area de Especial interés paisajístico (AEIP).
Estimamos, una vez más, tremendamente contradictorio, que un área ultraprotegida por tantas etiquetas a nivel autonómico, estatal y europeo que garantizarían dicha protección, pueda ser utilizada para llevar a cabo un proyecto hostelero con todos los añadidos previstos. Y que, una vez más, el hecho de que resulte reconocida paisajísticamente, no impida legalmente reconsiderar a las autoridades competentes un proyecto que prevee la instalación de una terraza de carpa metálica de 47 m², por ejemplo, que por sí sola consideramos un atentado a la fisonomía paisajística de nuestra isla.
Por último, desde « Por nuestro faro » quisiéramos denunciar públicamente la intimidación y el acoso al que están siendo sometidos algunos de los miembros de nuestra plataforma, así como simpatizantes de nuestra causa, por medio de insultos, gestos y actitudes chulescas en pleno Ribadeo, e incluso visitas recriminatorias en los lugares de trabajo de algunas personas. Queremos hacerlo público porque nos parece una actitud inadmisible, dado que nuestras reivindicaciones no van dirigidas a una persona física sino a las autoridades competentes, y también con la esperanza de que se calmen los ánimos para evitar que tener que tomar medidas más drásticas.

Dereitos vulnerables

Hai case un mes que saltou a nova de que a asociación Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) pediu á AEPD en 2015 que sancionaran ó Concello de Viveiro polas videocámaras instaladas. Ribadeo tivo algunha tentativa de instalar cámaras por iniciativa da entidade pública que é o concello, que non fructificou polo momento, segundo a prensa, por falta de orzamento. No blog teño falado varias veces do tema. Por exemplo, en febreiro (Fóra dos focos, con liberdade), en outubro (O gran irmán, cada vez máis cerca) ou hai un ano (Xa votaches, agora témosche vixiado). Fíxeno porque considero que é unha vixiancia que vai contra o cidadán, non ó seu favor. E non son o único que pensa así: ata a UE advirte do perigo.
Como segue o caso de Viveiro? Non hai novas dende hai un mes, mais as cámaras foron desactivadas despois da denuncia, e polo tanto, deben seguir desactivadas, aínda que estaban en funcionamento dende 2008, sen autorización. E sen inspección... despois de acudir ó Valedor e de denuncias anteriores. Con recoñecemento da propia Policía Local, en teoría encargada do manexo, de se se habían pedido os permisos obrigados ou as horas de gravación.
Seguimos con Viveiro... porque a pesar do manifesto descontrol sobre a vixiancia ós veciños, a asociación de comerciantes viveirense pretendeu instalar tamén cámaras. Xa se remitiu información a Madrid, á AEPD, e estaba avisada unha empresa para a adaptación dos sistema á protección de datos. Iso dicía a prensa hai un mes.
Mais ou menos daquela, a ACIA ribadense tamén declarou que manexaba a idea da instalación. Polo que parece é a moda: vixía. O obxectivo parece ser evitar roubos. Ou destrozos. Ou que todos nos comportemos de xeito educado. A realidade , á vista está, pode ser ben diferente, con literalmente calquera cuns certos coñecementos e ganas accedendo ós sistemas e ós datos xerados. En Ribadeo non se instalou 'por falta de cartos'.  Como iso depende da asignación orzamentaria, con variar as partidas, solucionado. Así de doado pode ser que alguén se meta nas nosas vidas.
Vixiando a saída do edificio no que vivo hai cámaras, instaladas por unha empresa privada. Os veciños das 18 vivendas, vixiados nas nosas entradas e saídas. Sen pedilo, claro. Pode ser que tentaran atracar a oficina bancaria do baixo... ou que intentaramos facelo nós!. Polo momento, xa houbo roubos no edificio coas cámaras instaladas, e non serviron de nada. Houbo altercados na rúa, e que eu saiba, non se usaron. Pero seguen a controlar en imaxes as entradas e saídas. Suponse que os datos están controlados. Na época de internet, enviando imaxes por internet, cunha cadea de tratamento de imaxes na que interveñen terceiras persoas, controlados?
Estamos a perder a intimidade, e con ela a independencia. O das cámaras é un momento máis que non debemos pasar, para poder afrontar outras verquentes máis espiñosas, como que, ó ter o posicionamento activado, a compañía correspondente saiba onde estamos en cada momento. Neste caso, o 'obxectivo' e poder prestarun servizo máis axeitado. A cambio, calquera (aí están as contínuas excepcións de seguranza) pode acceder a onde estivo o teléfono (e o posuidor) en cada momento nos últimos meses... Algo que pode resultar alucinante visto de xeito gráfico , de consecuencias imprevisibles e que é cualificado como 'doado de facer' a outro móbil.
Temos dereitos, mais como non os defendamos, podemos falar xa, en pasado, porque sempre haberá xente que pense en conseguir máis a base diso precisamente: de que quedes ti con menos.

20160524

Coñeces a Xosé Otero Canto? (II)

A entrada anterior, 'Coñeces a Xosé Otero Canto?', quedoume incompleta. Faltábame a referencia ó BOP de 10 de maio de 2016 na que sae a nota (ver embaixo as dúas páxinas implicadas) e algún comentario

Nas imaxes anteriores vese o prezo, que se vende non a destinatarios finais, e tamén algo que me chamou a atención: poden comprar sen medo, hai recompra. É dicir, a ganancia está asegurada para a empresa privada por parte da entidade pública. Algo que, de moitos xeitos, está sendo común cos cartos públicos.
E, claro, é un acordo realizado por Xunta de Goberno (non no pleno, logo de xeito menos transparente), e realízase en dúas fases, non quedando aprobado definitivamente ata comprobar que pase o prazo correspondente e non haxa recursos. Isto lévanos ó que xa comentaba onte: houbo acordo para a edición?
Curiosidades.

20160523

Coñeces a Xosé Otero Canto?

Posiblemente non. Xosé Otero Canto saltou á palestra en Ribadeo cando hai algo máis de 10 días (10 de maio) apareceu 'o anuncio' no Boletín Oficial da Provincia para vender o seu poemario sobre As Catedrais, editado polo concello, ó prezo de 5,60 €/unidade. A cousa é que ese prezo non é para compradores finais, senón para intermediarios, os únicos que o poderán comprar, e que o poderán vender a un máximo de 8 €.
Sabía alguén que se estaba a editar? Evidentemente, no concello si debían saber algo. Por que foi editado? Supoño que a resposta é a mesma. Por que se fai un anuncio no BOP (e só alí, que se saiba, nin aínda na web do concello) para a venda do libro? Iso xa é máis complicado de responder, coido. Mais na Galipedia, por exemplo, espero poñelo eu hoxe... Unha volta que me entere de algo máis.
Deixo embaixo o vídeo da declamación dun poema seu.

En Galicia Dixital aparece reproducido algún fragmento da súa obra.
Deixo outro vídeo coas súas verbas ó ser premiado no XVIII Certame de Paradela (2014, onde tamén foi premiado Farruco Graña):
--
Segunda parte

20160520

Participación cidadá

Vexo no xornal que o PSOE presentará unha moción ó próximo pleno (non atopo nada sobre el máis que nunha nota de prensa sobre outro tema que di que o haberá próximamente) na que proporá un Regulamento de participación cidadá. Aleluia!
Dende hai tempo O Tesón estivo dándolle voltas, implicando á Mesa de asociacións, propoñendo, e despois de que o concello pasara do tema e propuxera o que non era máis ca un pastiche con erros diversos, eivas evidentes e tendencias claras, aínda en base a el, aínda fixo unha reproposta. Non sei se leerían ningunha das dúas, porque a historia amosa que o regulamento foi aprobado  e recurrido (algo que xa sucedera con outro a comezos dos 90), mesmo eu fixen unha serie de catro artigos comentándoo e suxerindo, e despois deixado sen máis. Unha longa historia para conquerir a participación cidadá en Ribadeo.
Agora, unha nova proposta. Despois de anos e de desconsideración cos veciños (as propostas feitas non foron nin contestadas), un novo intento. aínda non tiven tempo de ler con calma o documento, e a falta de saber o día do pleno, non sei se me dará tempo a comentalo (ó PSOE e despois, aquí). Sinxelamente, dicir 'que sexa para ben', aínda que opino, igual que teño dito moitas veces, que a presentación dun documento así debera ter en conta ós veciños, abrilo con tempo abondo para construílo entre todos (que non é só recoller opinións).
Deixo embaixo o documento consensuado entre O Tesón e as asociacións de veciños participantes na Mesa de Asociacións, xa hai dous mandatos.

20160519

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RIA SOBRE A RESERVA DA BIOSFERA

   O pasado venres, 13 de Maio, celebrouse en Castropol unha xuntanza sectorial do Foro de participación Social da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Buron, ca participación entre outros colectivos dunha representación da Plataforma. O obxectivo desta xuntanza era o debate do Plan de Acción, se ben se trataron moitos temas colaterais que non son doados de resumir agora. A Plataforma prantexou a necesidade de iniciar a curto prazo un estudo polo miudo dos verquidos incidentes en toda a conca do Eo que, obviamente,veñen afectar dun xeito ou outro á Ria de Ribadeo.
   No momento actual estase redactando o documento saido das xuntanzas sectoriais que, en principio será publicado nos boletíns oficiais galego e asturiano o 25 de Maio para ser sometido a un periodo de exposición pública e posteriormente pasar á aprobación definitiva.
   O que pretendemos suliñar no momento actual e que tódalas asociacions interesadas polos temas ambientais – entendidos en senso moi amplo - poden participar nesta fase do proceso e presentar alegacións ou propostas que deben ser atendidas e respostadas pola equipa redactora do plan.
   Pola nosa banda ofrecémonos a facilitar información, contactos e mesmo participar en grupos de traballo relacionados os temas devanditos.
   Para ponerse en contacto connosco temos o móvil 669752495, email elombardero@hotmail.com.
   Plataforma pola Defensa da Ria de Ribadeo
---
Algunhas entradas anteriores relacionadas coa reserva da Biosfera (as últimas en data):
20160426
20160416
20160216
20160123
20160119
20141007
20140401

Corre, que te pillo!

Algo diso deberon pensar os directores económicos dese ente que se chama España: corre, débeda, que se non ímoste pillar e a este xogo xa non imos xogar!
Onte era a nova de prensa: a débeda pública xa alcanzou ó PIB. Iso significa que os españolitos teriamos que pasar un ano enteiro sen recibir un céntimo (en teoría, de Amancio Ortega a ti) nin pagar a proveedores, nin efectuar calquera outro pago, como impostos, para poder xuntar os cartos correspondentes á débeda. Evidente: é inviable. Os 23 500 €/español (bebés e anciáns incluídos, claro) que 'debemos' representan iso, abondo máis que o soldo que corresponde promediado entre rentistas e traballadores, por unha beira, e dependentes, por outra. Redondeando, catro millóns das antigas pesetas por cabeza. Nunha familia de catro, corresponden 94 000 €, ou sexa, case 12 000 000 pesetas. Outro xeito de velo: esa familia tardaría 20 anos, a razón de 400 €/mes, para poder sacarse de enriba esa débeda, supoñendo que non tiver xuros, o que non é certo e habería que incrementar. E, se os xuros foran só o mellor diferencial con Alemaña (isa cifra que tanto levan cacareado e que últimamente está máis ben oculta) destes últimos anos, habería que incrementar o pago en cousa doutros 100 euros/mes máis. Repito. No mellor dos casos, para amortizar a débeda a 20 anos vista, cada familia de catro membros deberá desembolsar 500 euros mensuais. A Rajoy ou ó presidente da patronal que tan lindas declaracións produce non lles supoñerá problema. A quen non teña medios nin para alimentarse, algo máis: terá que se esforzar.
E poderiamos pensar isa é 'a cruz' da moeda.
Pero non, esa sería máis ben 'a cara'. A cruz está nos recortes sufridos, nos roubos cos que apencamos, no aumento de desigualdade, na xente sen traballo, na fame. Nunha carreira na que nun só mandato máis que se multiplicou por dous a débeda deixando á xente na cuneta, sen dereitos, cartos ou xeito de conseguilos nun país que por momentos se vai parecendo a unha cárcere  onde a única saída é esa: saír, marchar, emigrar  e esquecerse dunha nacionalidade que leva emparellada débeda e sometemento, fuxir onde haxa un futuro que aquí non se ve e que temos que facer que se vexa.
Bandeira de España desgarrada. Collida de https://eduardobrionesgomez.com/2013/06/02/bandera-de-espana-rota-por-el-viento, quitándolle o fondo.

20160518

As letras en Parque Principado

Hai algúns anos fixen un comentario no blog sobre as letras e a viaxe de compras a Parque Principado. Xa non se chama así, pero o fenómeno segue a ser o mesmo: Para parte de Ribadeo a celebración das letras galegas consiste en algo así como gastar os cartos fóra de Galicia en castelán.
Lembrábao onte mesmo, día das letras galegas, un cartel publicitario dun establecemento hostaleiro de Ribadeo, O Recuncho: "Non vaias a Parque Principado, carallo!"  ofrecendo unha alternativa de empanada e agasallo no local.
O comercio de Ribadeo, potente na zona e competitivo  co seu horario dominical, resulta que perde clientes en favor de fóra de Galicia coa celebración dunha festa galega. Certo que non debe ser o único caso, mais non por iso debe deixarse a unha beira e seguir o camiño sen consideración, como fixo O Recuncho.
Canta xente de Ribadeo foi onte ó Parque Principado? Canto gastou? Que alternativas tiña en Ribadeo? Por que as deixou de lado? Que alternativas para pasar o día? Quizais a ACISA lle resultara máis proveitoso facer un pequeno estudo diso que abondas das campañas que fai.
Entrada minimalista no 17 de maio de 2012.
Mentras, agora xa con máis calma, pasado o 17 de maio, podes ver a biografía de Manuel María, a quen se lle adicou este ano o día.
Placa en homenaxe a Manuel María na súa casa da Coruña, cuns versos do poema "Galiza". Collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Mar%C3%ADa, obra propia de jflamela, lic. CC BY-SA 4.0

20160517

Nota de prensa. Grupo « Por nuestro faro »

O grupo « Por nuestro faro » manifesta que despois dun ano de procura de información por diferentes vías, seguen a existir lagoas e puntos nada claros en relación ós trámites, contido dos expedientes, e desenvolvemento do proceso.
Por exemplo, non existe un trámite claro no que se faga unha avaliación global da suma dos dous novos proxectos (faro, por unha beira, e, polo outro, cafetería ampliada por terraza exterior con carpa de 46,17 m² máis) máis os engadidos de carteis, aparcamento, e outros recheos na illa. Tampouco temos informacións en relación á fase inicial de adxudicación da concesión nin á exposición pública do expediente.
Con respecto ós documentos examinados, existen unha serie de informes sectoriais moi confusos, con argumentos que se prestan a diversas interpretacións, ás veces contraditorios, ademais de existir, a día de hoxe, certos informes aínda inexistentes ou descoñecidos.
Pensamos, por outro lado, que o non respectar as datas iniciais estipuladas no contrato de concesión para o inicio das obras, e para a presentación do proxecto, e todas as modificacións levadas a cabo dende hai un ano ata chegar ao que agora son « dous » proxectos representan cando menos un serio interrogante en canto á validez do contrato inicial.
Pensamos, de igual xeito que, coun mínimo de sentido crítico, o alcalde de Ribadeo debería polo menos incidir nestas carencias e estudar de preto os diferentes aspectos do expediente antes de dar o visto bo no que respecta a informes ambientais, de paisaxes, Rede Natura, etc, pois non está obrigado a dar aa licenza de obras a cegas só porque outros informes de Portos ou da Xunta sexan tolerantes. Temos constancia de que noutras cuestións, o seu punto de vista diferiu de xeito notable do de istos, e así o fixo saber, como foi no caso da financiación do Centro Social de Ribadeo o da protección de As Catedrais. En consecuencia, apoiar unha obra sen cuestionar o impacto real desta así como os danos para Ribadeo e a súa comarca serían reveladores de parcialidade e dun interese específico para que a obra se leve a cabo.
Nas condicións actuais estimamos que non existiría unha base sólida para outorgar a licenza municipal, e no caso de dala, estaríamos dispostos a recurrila.
O movemento « Por nuestro faro » conta co apoio dos seus máis de 700 membros en facebook, seus máis de 1600 sinaturas en internet, e 800 recollidas a pé de rúa que lexitiman a súa iniciativa popular, dada a porcentaxe masiva de cidadáns ribadenses entre os seus simpatizantes.
Por todos istos motivos, dispoñémonos a presentar unha alegación ante o Defensor do Pobo nos próximos días.
Grupo « Por nuestro faro »

Celebrando o día das letras galegas na práctica

Coido que o mellor xeito de celebrar o día das letras galegas é usando a lingua e dándolle novas oportunidades, ampliando o seu campo, facendo 'patria lingüística'. Como fai por exemplo Pancho Campos descubrindo un pouco da historia de Ribadeo no seguinte artigo.
"CASA BRASONADA DO PARQUE DE RIBADEO
Francisco José Campos Dorado
O escudo que se presenta a sinistra é o escudo da casa do parque de Ribadeo, coñecida como a “casa dos cuatro hermanos”, onde estaba o comercio de Maseda que fai esquina entre a rúa Villafranca del Bierzo e a Praza de España, coñecida de vello en Ribadeo como o campo ou o parque. O escudo central é o escudo da Casa do Patín, a construción civil en pé “máis antiga” de Ribadeo, segundo a Gran Enciclopedia Gallega (editada por Silverio Cañada, 1974, Tomo XXVI). O escudo dereito está na Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante.
Os tres escudos presentan o mesmo cuartelado en cruz e os mesmos mobles en cada cuartel, con diferenzas de labrado propias da mestría de cada escultor. En canto ós adornos exteriores son nos tres diferentes, quizais debido os deseños de cada cabaleiro que aínda sendo de ramas da mesma familia, tiñan ideas e presupostos distintos para pagar cadansúa realización.
Escudo da Casa do Parque. Ribadeo

O primeiro, da casa do parque, non ten data. É un escudo español clásico, cunha cruz cristián no centro rompendo a borde alto da bordura, na que non consta lema. Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra, rematado cun penacho de cinco plumas. O campo está orlado con dúas ramas de palmeira en grilanda que parten da parte baixa. 
Escudo da Casa do Patín. Ribadeo

O segundo, da casa do Patín, e un escudo español con data do 1700, de factura máis antiga, modificado a unha forma cuadrangular segundo o xenio do artista, e que asemella máis os escudos presentados no “Nobiliario Vero” de Ferrán Mexía de 1492. Na parte alta da bordura ten unha pequena cruz cristián cun Cristo ben esculpido en primorosa miniatura, sobre o lema: “MENENDEZ AVANTE CON LA CRUZ ADELANTE”, das armas dos Menéndez Navia. O campo de armas está totalmente rodeado de lambrequines propios do arte renacentista e sostido por follas dunha planta acantácea propias do arte clásico.
Escudo da Casa do Outeiro. San Miguel de Reinante

O terceiro, da casa do Outeiro de San Miguel de Reinante, é un escudo español, tal como o primeiro, timbrado cunha cruz cristián máis aparente que apoia sobre a bordura onde se le o lema: “ABANTE CON LA CRUZ ABANTE” das armas dos Villaamil. O adorno exterior semella un fermoso pergamino que se envolve sobre a bordura como soporte e sostén. A casa foi feita polas primeiras décadas de 1700 por D. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil, casado con Dª. Mª Luisa de Carmen Trelles Prelo Castrillón. É moi posible que algún dos Villaamil que ocuparon esta casa fose do estado eclesiástico pertencente o Santo Oficio, pois o timbre deste tipo de Cruz Cristián é característico do Tribunal da Inquisición.  
No primeiro escudo, primeiro cuartel, vemos unha barra engolada de dous dragantes e un home cunha cruz procesional con mango longo en posición vixiante, situado sobre o que parece un escusón faixado ou burelado sen bordura lateral. Son armas dos Lamas e dos Busto, estes últimos poderosos comerciantes marítimos. Este cuartel é similar o 1º e 3º do escudo de armas da casa de Dª María Lamas e de D. José Navarro Reverter, sito no lateral norte da súa casa da rúa Viejo Pancho de Ribadeo. Tamén son armas dos Menéndez Navia emparentados cos Villaamil. 
No segundo e no terceiro escudo, o escusón é máis aplanado, parecéndose a cuberta dun barco antigo. No terceiro, o home, é un soldado vixilante que porta unha alabarda de coitela de prata e asta de ouro (sen esmaltes), quizais facendo máis énfases sobre o carácter de comerciantes marítimos da familia dos Busto. O segundo cuartel é igual nos tres, unha águia coroada mirando a destra, co vó baixado ou coas ás caídas, das armas dos Aguiar e a cada lado da cabeza e a mesma altura días coroas laterais das armas dos Villaamil (en campo de azur unha águia coroada de ás baixas de prata, con dúas coroas laterais do mesmo metal á mesma altura da cabeza). 
O terceiro cuartel, igual nos tres, unha águia coroada mirando a sinistra, salvo na casa do Outeiro que mira a destra, co vó baixado ou de ás caídas, das armas dos Pardo (en campo de sinople unha águia de prata coas ás baixas, coroada co mesmo metal). Podemos ver un águia similar, no 4º cuartel do escudo do patronazgo da capela da Virxe de Lourdes, dentro da igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo. 
O cuarto cuartel é igual nos tres escudos, e mostra un castelo sobre ondas do mar das armas dos Villamil. 
As árbores xenealóxicas das familias que relacionan estes tres escudos, son as seguintes, aínda que non sabemos exactamente en que momento algúns dos seus membros viviron nestas casas que se mencionan e nas que deixaron a súa impronta. Obviamos outras ramas doutros fillos para non ser demasiado extensos e non enturbar a cronoloxía de trescentos anos que nos interesa neste relatorio. 
Xenealoxía 
1. D. Salvador Menéndez Navia Villamil (vive en 1719) (sin descendencia) 
2. D. Sancho Manuel Menéndez Navia Villamil casa con: Dª Mª Josefa Fuertes Sierra Prelo Castrillón. O seu fillo: 1. D. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil (señor da Casa do Limonar hoxe do Outeiro de S. Miguel de Reinante) casa con: Dª MªLuisa de Carmen Trelles Prelo Castrillón. O seu fillo: 1. D. Juan Antonio Menéndez Navia Villamil y Trelles (1752-1815) casa con Dª Melchora Mª Valledor y Lamas (f.1829). A súa filla: 1. Dª. Mª Luisa Menéndez Navia y Valledor (1771-1852) casa con: D. Vicente Fco. José Lamas de la Torre (1765-1817)(do Pazo de Quintalonga). O seu fillo: 1. D. Vicente de Lamas Menéndez (1796)(señor do Pazo de Quintalonga) casa con Dª. María Teresa Navia Osorio (1814). O seu fillo: D. Ramón de Lamas Navia Osorio (1851-1926) casa con Dª. Anunciación Amalia Sanjurjo. A súa filla: 1. Dª. María Teresa Lamas Sanjurjo (1886-1970) casa con D. José Navarro Reverter. 
Recordar estes escudos, é ás familias que pertenceron, é unha labor que nos permite albiscar anacos da prezada e preciosa historia do noso pobo, así como, non esquecer que algún día o Concello ou algunha Asociación Cidadán, deberían de facerse cargo de inventariar o patrimonio municipal, tanto civil, como militar e sacro, como marítimo, etnográfico e arqueolóxico, e a poder ser, e a non tardar, para que non desapareza de todo, facer un museo o suficientemente amplo como para conter tanto salas de exposición como cuartos e laboratorios de investigación."

20160516

Ribadeo: 16 M, 5 anos despois

O día seguinte ó 15M. A continuidade despois do nacemento dunha idea. Cinco anos despois...
En Ribadeo o 15M víase pola televisión, pero chegou. Non o mesmo día, nin ó seguinte, pero chegou. Non pasara máis que tres semanas dende a concentración en Sol cando houbo unha xa próxima, na Caridade. Ribadeo esperou un pouco máis, ata o 19 de xuño, e máis ben impulsada dende fóra, cara ó que era e é a capital dunha comarca transfronteiriza Galicia-Asturias, para xuntar uns 150 'indignados' segundo a terminoloxía daquel momento. Asemblea que recalou pronto en Ribadeo pola importancia comarcal, pero que era itinerante.

A asemblea do 15M en Ribadeo, o 19/6/2011
E algo así seguimos: nas redes, a celebración deixouse sentir por xente que está fóra, ribadenses que marcharon, ou dalgún xeito, fóra de xogo, tentando entrar (e modificar á vez) ese xogo social que nos levou á necesidade de pensar nun cambio representado no movemento 15 M. A celebración aquí tivo os aires de multitude para celebrar fin de semana, ponte ou campeonato internacional de fútbol (o terceiro), incluíndo as cousas 'típicas' de calquera fin de semana, mentras a prensa falaba do 15 M ben en pasado, ben como se sucedera nagún lugar afastado, ben en xeito dun aproveitamento das ideas para trunfos electorais tradicionais.
Mais o 15M non pasou, teno calro moita xente, é un movemento que continúa e que aínda que tenta ser usado, sinxelamente impregna. Non sucedeu nun lugar afastado, senón que segue a suceder aquí e en nós, aínda que en Ribadeo a parte visible se vexa amplamente superda por outras actividades (como o foi nun comezo e no tempo dende entón). E en Ribadeo tampouco se pode falar de trunfos electorais tradicionais, aínda que si de tentativas de reciclaxe de ideas para partidos tradicionais.
Si hai que recoñecer algunhas cousas. Como que o blog creado pola asemblea local do 15M durou un par de meses (non lembro quen se encargaba do asunto, mais un blog sen ter que poñer remata morrendo, léveo quen o leve). Ou a desaparición da rede dunha das canles principias de comunicación indignada.
Mentres, seguimos a tecer redes.

20160512

Xulgado o estado do xulgado

Interior dos locais do xulgado de Ribadeo, onte.

Hai xa máis de medio século que Ribadeo saltou da lista dos partidos xudiciais da provincia que se estudaban naqueles tempos. Dende aquela, o xulgado é de paz. E en paz quedou. Coido que o movemento máis importante para tentar recuperar o xulgado de primeira instancia e instrución foi o que realizou o Tesón, con apoio amosado por sinaturas por parte da cidadanía pero que non se viu moi apoiado institucionalmente máis aló da foto da día de fin de ano (31 de decembro de 2010), como para felicitar as festas.
Todos de acordo
Esa historia pode recuperarse a traverso do blog, ca etiqueta 'xulgado': http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/xulgado
Mais o abandono da loita polo xulgado parece que vai máis aló. Nun xulgado de paz onde o persoal depende da Xunta e o edificio é do concello, non se entende moi ben como, despois de protestas diversas, mesmo a traverso de sindicatos, polo estado do local, quen vaia por alí se atopare isto:
Unha esquina. Non inclúo os baldes preparados para recibir a auga que se filtra por 'pudor alleo'.

Ó chegar ó piso alto

Subindo as escaleiras

Recepción ó entrar no edificio
Máis aló de que a maioría de asuntos que se levan en Mondoñedo saen de Ribadeo, e que polo tanto a distribución debera ser outra, parece evidente que manter o edificio así implica unha deixadez coa xustiza que non se corresponde con querer recuperar unhas instancias xudiciais que se foron hai tempo. Nin tampouco coa consideración que xustiza debe ter nunha sociedade equilibrada. Sexan de quen sexan 'as culpas' a nivel institucións ou partidos.

20160511

Doutro lugar. Capitalismo, comunidade e illa Pancha

Despois de tempo de traballo por conseguir algo en común, comézase a ter a experiencia para mellorar ese traballo, e tamén para velo cun sentido máis amplo.
Un vello libro (preto de dez anos) sobre a nova economía que o fenómeno de comunicación en internet permite chamoume a atención pouco tempo atrás por algúns parágrafos aplicables de xeite directo á xestión da illa Pancha e á concepción que dela ten moita xente. Aí van:
(...) supón adoptar novos modelos mentais e novos xeitos de conceptualizar a creación de valor. Dende hai moito tempo está de moda afirmar que os bens públicos opóñense á creación de riqueza. A miúdo, economistas e líderes empresariais teñen defendido que todo o que vai parar á propiedade común réstalle valor ás empresas privadas. Por suposto, agora cada vez son máis quenes se decatan de que iso é unha tolería. Sen a propiedade común non existiría empresa privada. (...) "É como dicir que as obras públicas restan valor ó sector comercial privado". Aínda que a propiedade pública de aspectos esenciais da rede de transporte reduza as oportunidades de beneficio privado, a ganancia para o resto da economía fai que as perdas parezan minúsculas.
Pois ben, esas verbas parecen escritas para a illa Pancha. A illa é un atractivo para o pobo, e tamén para os seus comercios ou hostalería. Máis aló da consideración medioambiental ou da idea dunha illa comunitaria (non comunista, que iso é outra cousa), máis aló da idea utilitaria pensando na entrada nela, máis aló, repito, os beneficios económicos que supón para o conxunto de Ribadeo ese enclave na saída da ría e o conxunto de terra e mar que domina, son abondo superiores ós que podería resultar para unha empresa o uso da illa para un par de prazas de hotel e unha cafetería fóra de lugar na natureza do enclave.
Público.

Por certo, fáltame dicir o título do vello libro: Wikinomics. A nova economía das multitudes intelixentes. (pp 140-141 da versión en rústico en castelán). Como se ve, non estaba escrito precisamente pensando na illa.

20160510

A relixión por estes lares

Na fin de semana, o bispado facilitou á Voz, entre outros, os seguintes datos sobre a diócese de Mondoñedo-Ferrol:
4523 km2
274 290 habitantes
273 975 católicos
141 sacerdotes (136 na diócese, 2 fóra, 3 máis, no extranxeiro)
1168 bautizados (suponse no 2014, pois os datos corresponden a ese ano)
580 confirmados
1154 comunións
310 matrimonios
10 colexios relixiosos
5063 alumnos
2 centros de acollida de Cáritas
15136 asistidos
Isto é, a extensión da diócese, que non é de agora, é equivalente á metade da provincia de Lugo, extendéndose por Lugo e A Coruña. A densidade de poboación da 60 habitantes cada km2, é dicir, tan só 2/3 da galega, ó non incluír ningún núcleo de poboación dos 'grandes', unha vez que Ferrol decabalgou definitivamente dos núcleos grandes ó ir baixando o naval.
Polo que parece, na diócese hai pouco máis de 300 persoas que non son católicas. Coido que esas contas están mal botadas. Non só por xente doutras relixións, senón por xente que deixou de ser católica (ou que non lle deixaron 'borrarse da lista'), a máis da non practicante, que non aparece reflectida.
Aínda co anterior, e supoñendo que os 136 sacerdotes 'reais' da diócese sexan todos activos de cara ós fieis (e non en tarefas administrativas, por exemplo) e todos en idade tamén activa (o que é moito dicir, visto a idade media dos sacerdotes e que hai 1 seminarista), saen a 2000 persoas a atender por cada sacerdote. Coa dispersión de Galicia, a atención, por moito que queiran...
1168 bautizados implica que para chegar a remprazar a 'poboación católica' actual deberían pasar uns... 250 anos! (supoñendo que nese tempo non morrera máis que a poboación actual, claro) De xeito equivalente, vale dicir que o tamaño da diócese, medido en número de fieis e suposto que non haxa 'emigración dende o catolicismo a outras opcións', diminuirá a un 1/3 do actual nuns 80 anos. Suposto que por outra parte é dubidoso, pois houbo 580 confirmacións. É dicir, só a metade dos bautizados se confirma, reducindo así polo menos á metade as cifras de fieis proxectadas (ou duplicando ata os 500 anos o tempo que sería necesario para o remprazo!)
As cifras correspondentes á primeira comunión, como festa familiar tradicional, mantéñense apegadas ás de bautismo. En cambio, outra festa social, o matrimonio, reduce tamén os seus números equiparándoos cos de confirmados (310 matrimonios x 2 persoas implicadas sae unha cifra semellante á de confirmados) Non é o meu obxectivo razoar aquí sobre as causas dunha e outra cifra, que considero ben diferentes.
Di que hai 10 colexios relixiosos. Aí debe entenderse 'de propiedade relacionada coa igrexa', pois na actualidade o seu claustro ten unha porcentaxe de monxas (os curas son abondo menos) ben reducida. Así que as ordes relixiosas seguen a ter o poder neles, pero exérceno sobre seglares.
O número de alumnos corresponde a unha porcentaxe en liña con outras partes de Galicia e España.
En canto a Cáritas, dicir só que se fala de 'asistidos'. E esa palabra é abondo dúctil, incluíndo moitas categorías posibles.
No dominio público, realizado por Susana Freixeiro, collido na Galipedia.

20160509

O título...

Non sei ben que título poñerlle. É sobre Ribadeo, claro. E apareceu nas redes sociais esta fin de semana, co que a parte fundamental xa estará sabida por moita xente.
O caso é que saiu a convocatoria dunha praza de 'técnico de administración xeral do concello'. Non, non está aínda na web do concello, e o  certo é que non sei se está no taboeiro ese que ten de anuncios o concello, no que atopas cousas que levan caducadas varios meses (como vin no seu momento o do faro da illa Pancha) pero no que é difícil atopar nada, e no que hai que ir ex profeso ó concello para 'estar ó día' 'do que sexa', sen saber que pode saír, a menos que esteñas informado con anterioridade.
Saíu? Cando? Onde? Pois o 16 de abril de 2016, no DOP. E para facer que?, porque o título, "BASES ESPECIFICAS REGULADORAS DO ACCESO A UNHA PRAZ A DE TÉCNICO DE DE ADMINISTRACIÓN XERAL CON CARACTER DE FUNCIONARIO INTERINO." non deixa entrever moito. Se seguimos lendo, a cousa aparece máis clara: "programa denominado DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DE RIBADEO 2016-2019". Ou sexa: Técnico de medio ambiente. Agora xa está a cousa máis clara.

Nas bases, maioría de temas administrativos fronte a temas de medio ambiente, algo 'típico', ou a constitución dun tribunal que será de funcionarios do concello, non especialistas, pero que elixirá os temas, que non sairán a sorteo. Na convocatoria aparecen exercicios diferenciados, pero na cualificación final fala de exercicios das diferentes fases. Por certo, no primeiro exercicio, eliminatorio, poden entrar temas que sexan elixidos só de tipo administrativo, por xemplo. Ah, e tamén está previsto na convocatoria que "A convocatoria anunciarase no DOG e as Bases no Boletín Oficial da provincia de Lugo e farase pública tamén no taboleiro de anuncios do Concello e web municipal. www.ribadeo.gal ", pero polo que parece debeu haber algún problema con iso. No DOG non a din atopado, supoño que por pouca pericia, mais se saiu no BOP o día 16 e a presentación de candidatos era de 20 días naturais, o prazo xa debeu rematar, aínda que teña preeminencia o DOG... e na web do concello non está ó amencer do día 9 de maio.
Nota posterior:  "O anuncio co extracto da convocatoria saíu no DOG do 26 de abril (10 días despois de publicarse a mesma no Boletín da provincia), e o prazo -según di a propia reseña- é de 20 días NATURAIS a partir do seguinte á esa data, ou sexa o luns 16 de maio."

20160506

O Fiouco, néboa explicada (que non resolta)

Avanzando a primavera, comezan a sentirse máis os peches da A8 no Fiouco. Acadarán o seu máximo cara a xuño, e voltarán descender en intensidade ata o mínimo invernal. É unha predición doada, coñecida de vello pola xente do lugar, explicada polo funcionamento de ventos e humidade e por se acaso, estudada nun costoso informe, encargado a posteriori do desastre a unha empresa balear especializada en meteoroloxía que corroborou unha media de dúas horas diarias de néboa intensa ó longo do ano (ver táboa). Predición doada, solución (agora) complicada.
Visibilidade preto do alto do Fiouco, segundo o estudo citado: en xuño de 2015 houbo tanto tempo visibilidade inferior a 50 m como superior a 1000 m. E na época estudada (2014/2015) houbo visibilidade menor de 50 m unha media de máis de dúas horas diarias.

A explicación que ten é tan sinxela como a que explica o resultado dun experimento que podes facer agora mesmo: colle un vaso a temperatura ambiente, achégao á boca e sinxelamente, expira. Verás como se condensan pequenas gotiñas de auga sobre o vaso. Por que? Porque á superficie do vaso, máis fría, chega aire dos pulmóns, máis quente e cargado de auga: a auga condensa. O mesmo fenómeno ocorre cando botamos aire un día frío no inverno: notamos como se botáramos 'fume'.
Datos relativos a un episodio de néboa reproducido no informe para o Ministerio de Fomento. O pk 546 (685 m s.n.m.) queda preto do punto máis alto da autovía. A visibilidade (escala dereita, liña azul) vese que varía rápido dende máis de 2 km a uns poucos m, con tres episodios de néboa de case un día enteiro cada un, e varios menores.

Os días que na costa temos unha zona anticiclónica cara ó norte, enviando vento a unha temperatura media ou alta dende o mar (=con auga disolta, ainda que non se note por ter unha temperatura algo máis alta que a necesaria para condensar en gotiñas), o aire chega á zona do Fiouco e vese forzado a subir para pasar á outra beira das montañas. Ó subir, enfría. Ó enfriar, a auga condénsase e forma gotiñas: a néboa.
O fenómeno vese favorecido porque o aire mariño leva consigo pequenos grans de sal que favorecen a condensación. O mesmo que pasa nos saleiros das nosas casas cando o sal se apelmaza porque colle auga do aire, húmido.
O mecanismo de formación de néboa (ó fin, unha nube a nivel de superficie) no Fiouco pode aproveitarse doutras condicións, pero segundo o estudo feito, tres de cada catro veces que se produce a néboa ten esa causa. E seguirá a tela.
No mapa de embaixo vese o tramo da autovía afectado pola néboa de xeito principal (continuaría un pouco máis á dereita, cara a Ribadeo). Xusto no centro está a curva onde se produciu o accidente en cadea, e un pouco más á dereita está o punto máis alto da autovía.

O estudo meteorolóxico encargado por Fomento incluíu catro estacións meteorolóxicas operativas durante un ano. Iso foi a parte doada, xa sabida. Agora queda o poñerlle solución e escoitar unhas ideas que son todas caras, algunhas insostibles, unhas cantas producen sorrisos, ... despois de invertir xa ¿máis de 10 millóns de euros? en cada km da zona
--
Versión en papel, tal como saiu o 20160507 en A Mariña-el progreso, p.3

20160505

Nota de prensa: chamamento á participación na concentración de usuarios da bici

Remátame de chegar a nota de prensa correspondente á concentración ciclista de maio. Aínda que xa puxen esta mesma semana a entrada "En cinco días #ribadeoenbici", subo tamén a nota de prensa, completa (ilustración incluída):
"

Un venres mais de principios de mes, facemos unha concentración de usuarios da bici, non só de ciclistas, que en forma de auto-convocatoria, nos concentrará no Cantón ás 8,30 do serán e no que faremos unha serie de actos lúdicos para reivindicar os usos saudáveis da bicicleta e ao mesmo tempo nos leve a visibilizar ao resto dos viciños, a necesidade de compartir espazos e usos. 
Esta autoconvocatoria é plural e poden asistir persoas de toda idade e condición, o único necesario é ter unha bici e gañas de pasa-lo bem. Esperamos a todas aquelas persoas que crean que outra forma de desprazamento por a nosa entorna é posivel.
Ribadeo a 5 de maio do 2016."

DE DRAGADOS E VERQUIDOS (Segunda volta) , por Evaristo Lombardero Rico

Un novo dragado da ría foi avisado. De novo, coller a area e tirala demasiado cerca, sen máis. Evaristo Lombardero fixo unha reseña para entrar no meollo do que está a pasar cos dragados. Só algún apunte máis antes de deixarte coas súas palabras: 1 milla náutica = 1852 m é a distancia máxima á que se depositarán areas equivalentes a encher o campo de fútbol do Ribadeo, pouco máis de 6000 m2, cunha altura de area de preto de 40 m, que se retirará da canle de Gondán. A unha distancia que podería, ademais dos destrozos que cause nas proximidades do lugar de verquido, voltar entrar na ría.
O lugar sinalado na composición fotográfica sinala aprosimadamente a milla naútica de distancia á Punta da Cruz da que se fala no artigo de Evaristo.

"
O Boletín Oficial de la provincia de Asturias do día 3/5/16 ven de publicar a resolución pola que se formula declaración de Impacto Ambiental do proxecto de dragado n acalde de As Figueiras. A resolución, naturalmente, é favorable ao proxecto “con tódolos pronunciamentos”.
Lembraremos brevemente que o proxecto consiste no dragado de 225.000 metros cúbicos de materiais sedimentarios entre Asteleiros Gondan e a Ponte dos Santos, repartidos en catro anualidades de 55.000 m3 cada unha. O dragado leva aparellado o verquido destes materiais aproximadamente a unha milla ao norte da Punta da Cruz. A Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo presentou unha alegación en tempo e forma ao ponto de verquido. Suliñamos o problema da colmatación progresiva na boca da ría, nos canais e nos resto dos espazos. Lembramos a evidencia destes datos, confirmados, entre outros, polos estudos batimétricos realizados para a confección das cartas mariñas oficiais e o amplísimo consenso entre os profesionais. Prantexamos como alternativa que o ponto de verquido se desprazase ao norte e que se fixese un seguimento do impacto do verquido con estudos batimétricos previos, perante e ao remate dos dragados. A resposta está na páxina www.asturias.es, “Consultas e información pública de trámites ambientales”. O sustantivo é a frase seguinte: No se contempla realizar estudios batimétricos de la zona de vertido, ni durante ni a la finalización del vertido, por no ser un requisito obligatorio (al tratarse de un vertido inferior a 250.000 metros cúbicos y de materiales de categoría A, tal y como establecen las directrices del CIEM en su artículo 46.3.V).
Despois de revisar as directrices do CIEM (Comisión Interministerial de estrategias marinas 2015) entendemos que a declaración de impacto ambiental fai unha lectura sesgada das devanditas directrices e concretamente do todo o capítulo VII (art 29 e seguintes) do cal somente imos suliñar os seguintes apartados pola sua extensión: 

   Art 29. Evaluación de las zonas de vertido
   1 Para aquellos materiales pertenecientes a las categorías A o B y cuya alternativa de gestión resulte ser el vertido al mar, el promotor de la actuación deberá proceder a la selección de la zona más adecuada para el mismo. Para considerar y evaluar las diferentes alternativas se deberá disponer de la siguiente información referente a cada zona y su entorno.
      i Características batimétricas de la zona.

     iii Localización de áreas amparadas por cualquier figura de protección autonómica, nacional o internacional, con determinación expresa de la distancia mínima hasta las mismas.
      iv. Identificación de otros usos legítimos del mar que pudieran resultar afectados por la actuación, con especial atención a la existencia de zonas sensibles y caladeros de pesca.
     v. Identificación de zonas degradadas, especialmente zonas de vertido de material dragado o de cualquier otro tipo de desecho, o contaminadas e información sobre las causas que originaron dicha situación y los contaminantes implicados.

   5. Sobre la zona finalmente seleccionada y cuando no se disponga de la información necesaria a través de estudios previos en la misma, se deberá proceder a la realización de campañas de reconocimiento y de toma de datos y muestras en campo con el siguiente alcance:
     i. Levantamiento batimétrico. 

Mais adiante as directrices recomendan que se teñan en conta especialmente as zonas incluidas na Rede Natura 2000 e prohíbe os verquidos onde haxa menos de 25 metros de calado. Se temos en conta que a propia resolución de impacto rexeita a posibilidade de realizar estudos batimétricos que os últimos oficiais publicados teñen mais de dez anos darémonos de conta cómo se están incumplindo outravolta as normas de protección da ría e mesmo dándolle un aer de legalidade a través dunha lectura parcial e sesgada das mesmas.
Fronte a esta situación hai varias vías. A xurídica, económicamente inviable e de eficacia nula. A política que agora pode ter alguna porta aberta pero fora na nosa comarca, onde non hai con quen contar. Debemos suliñar mais unha vez a papel do alcalde de Ribadeo e o seu grupo que non ten ninguna actividade nen proxecto de promover ningunha iniciativa pola protección da ría. Finalmente queda a vía da información e movilización sociocultural, tamén de escasos resultados."

20160504

CASA DA RÚA ENXEÑEIRO SCHULZ, por Francisco José Campos Dorado

Á metade da rúa a man esquerda segundo se baixa desde a Amando Pérez cara a rúa Viejo Pancho e Antonio Otero, atopamos unha casa blasonada cun antigo escudo de armas. Está realizado nunha pedra enroxecida, posiblemente pola cantidade de anos que estivo sometido as goteiras do canalón a traverso dos crampóns de ferro, pero suficientemente dura como para poder ver con claridade os seus ornamentos e mobles, aínda cubertos co encalichado co que algunha vez se pintou a fachada do edificio. Dende aqui darlle as gracias a Carlos Rolle Vijande que desde o seu confortable Hotel Rolle me deixou facer esta precisa foto do escudo.
O que primeiro se observa é unha encimera casi máis grande co propio campo do escudo, que consiste nun casco situado de fronte e con viseira romboidal. Segundo o Diseño Heráldico (Luis Messía de la Cerda y Pita, 1990) un casco de fronte e con viseira levantada romboidal é propio dun rei. ¿De que rei?.
Na dudosa data do escudo, 1616, que aparece na parte alta da bordura, reinaba Felipe III (1598-1621) que accedeu o trono despois de Felipe II (1556-1598) e que logo sería sucedido por Felipe IV (1621-1665).
Os tres estiveron implicados nas interminables guerras de Flandes, onde Ribadeo xugaba un importante papel como porto de abastecemento e de abrigo seguro a todo tipo de barcos, tanto si era para protexerse dun temporal como de ataques de piratas e corsarios que infestaban por aquel tempo as nosas costas. En 1624 constrúese o Forte de San Damián sobre a Punta do Carballo, para defender a bocana da Ría de Ribadeo e, en 1627 había catorce baixeles para protexer a ruta de Flandes, distribuídos entre A Coruña, Ribadeo e Pasaxes (“España, Flandes y el Mar del Norte”, José Alcalá-Zamora y Queipo de Llano, Pax.200)
Pero volvendo o casco do escudo. Que se saiba, en Ribadeo non houbo no século XVI nin no XVII, unha casa solariega donde residira o rei, aínda que só fora para estar de vacacións. Polo tanto o diseño do casco de frente e coa viseira romboidal, está equivocado según as normas da heráldica consultada, pero por outra banda, podemos ver que a viseira ten cinco ou seis grilletas angulares que lle protexen a abertura, dándose entonces á interpretación de ser un casco coa viseira baixada, propio dun duque ou dun marqués, e incluso poidera ser dun conde si estivera siquiera unha miguiña ladeado a destra.
O casco está rematado cun amplo penacho de oito plumas en abanico e a súa configuración é un pouco estraña, pois ten dúas prolongacións que saen da parte baixa da viseira, que rematan en espiral sobre ela e que forman dous redondeis cuns botóns centrais a modo de ollos que lle dan tétrica aparencia. Ademais parece ter unha ranura na zona da boca, propia dunha sorrisa sardónica, isto é, de labios estirados pero sen apego de sorrisa, máis ben mete medo o seu aspecto, pois un pode imaxinar algo moi sinistro no cabaleiro que portaba tal indumentaria.
O casco está sostido por un raro adorno con rasgos de figura fantástica que semellan dous “tentáculos de polbo” de desproporcionado grosor respecto da finura das formas heráldicas tradicionais, e cuxos extremos se envolven en dúas volutas a cada lado do casco, sobre a cabeza de dous bustos de tenante de pelo longo. Ó lado da cara dos tenantes poden verse como tres ventosas que saen dos tentáculos.
Ditos bustos dos tenantes, están sostidos pola cabeza de dous lobos ou de dous leóns empinados, que están de pé igual cos rampantes pero apoiando as patas dianteiras sobre o borde do escudo. As patas traseiras apóianas sobre burletes que asemellan as olas dun mar embravecido. Estes leóns, tamén teñen algo de estraño, pois a altura do medio da barriga, aparece “unha man” dende o fondo que non se sabe ben de donde procede, e suxetan lateralmente o escudo, aparentando nacer e subir das volutas laterais das olas do mar que se entremisturan coa crina do rabo de cada león. Hai dous “leóns apanterados” e empinados de igual forma, a cada flanco do escudo de armas das Torres de Donlebún en Figueiras, pero neste caso, as mans, son claramente as patas traseiras esquerda e destra de cada león.
O escudo de Schulz, remata por abaixo ó estilo francés, que é igual que o escudo español pero rematado en punta en vez de redondeado, e está sostido pola cabeza dun tenante de pelo longo.
Na bordura ten grabado o lema “DOQARESO EL VAR.” o cal, é unha incógnita.
É un escudo cortado ou dividido en dous por unha liña horizontal. A parte alta pode interpretarse de varias maneiras ó non atopar documentación da propia casa que nos indique algo da súa xenealoxía. Vese un castelo cunha gran portada e outra construción enriba de ampia fiestra, o que en heráldica se coñece como unha torre “donjonnada” (Heráldica do Marqués de Avilés, Ciencia Heroyca,1725), cun cabaleiro a cabalo que empuña unha lanza coa destra e leva posto un casco cun penacho de gran pluma. O cabaleiro parece estar o galope nunha xusta, ou ben, cabalgando hacia o castelo. En principio, aparentan ser armas dos Valledor, pero fáltanlle moitos elementos para selas, como: unha flor de lis, unha estrela, un oso que mata coa lanza o cabaleiro, e dous lebreis que suxeitan o oso. Tamén poidera ser a composición dunha linaxe familiar, onde o cabaleiro é das armas dos Guntín ou Gundín, emparentados cos Salgado, e o castelo das armas dos Méndez de Navia, que un século máis tarde por lazos matrimoniais, no ano 1732, nacería en Ribadeo Dª Josefa Méndez de Navia Castellano, filla de D. Anxo Méndez Navia e de Dª Catalina Castellano.
A parte baixa do escudo son armas dos Arines, 10 panelas: tres, tres, tres e unha, acompañadas dun luceiro de oito puntas das armas dos Bengolea.
En xeral, parece o escudo dalgún cabaleiro que ten que ver co mar ou con temas de marina. Según os blasóns de Galicia, D. Pedro de Arines de Vigo, en 1525 casaba con Dª Ana Troncoso, neta de D. Fernán Troncoso de Sotomayor, señor de Picoña, que defendeu Baiona dos corsarios.
Seu fillo D. Pedro de Arines Troncoso casa en terceiras nupcias con Dª Mayor Fernández de Acuña, filla do escribano de Bayona, e teñen oito fillos, e entre os seus descendentes os Duques de Atrisco, os Marqueses de Valladares, os Condes de Maceda, con casa solariega en S.Xusto de Cabarcos, e tamén contan cós Vizcondes de Meira. D. Juan de Arines o terceiro fillo morre en Foz en 1602 e estaba casado con Dª María de Castro.
¿Era esta casa de Ribadeo unha das casas solariegas dalgún destes fillos? Non sabemos, pero o casco da encimera é de alto linaxe e outra das casas blasonadas de Ribadeo que estivo case a piques da ruína total ata que fai poucos anos se puxeron a medio reconstruíla amecida á outra de máis enriba de D. José Pérez da familia dos Perecitos, na que tiveron bazar e mueblería, e que logo tamén tuvo alugada para fábrica de gabardinas de Llaú.
Quizais alguén saiba máis certamente da súa historia, e no lo queira contar como fixo excelentemente Jesús Díaz Cadenas, sobre a Aduana Vella, ampliando a biografía dos propietarios, de como fora adquirida en 1799 por D. Pedro Miranda Villamil, fidalgo e comerciante de ultramar de mans de Dª. Nicolasa Ortega, para dedicala a casa propia, e cuxos baixos servían de pósito e almacén de produtos ultramarinos, nunha etapa florecente do século XIX do Porto de Ribadeo. Esperemos que agora chegue a bon porto esta casa sita na rúa Enxeñeiro Schulz e non a abandonen de novo per sæcula sæculorum... como están facendo coa Torre dos Moreno e algunhas casas blasonadas máis.
Fachada de Enx. Schulz 5, en obras (Google Street View)

20160503

Avance das obras na r/Paco Lanza

Dende a Avenida de América á Alfredo Deaño: ese é o tramo da rúa Paco Lanza que se está vendo afectado por obras na beirarúa. Mellor, deberamos dicir, a beirarúa correspondente á residencia de maiores, aínda que tamén colle un tramo do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Comezaron o día 19 a preparar:
Foto tomada dende o IES cara ó leste-sur
E así estaba o día 24:
E onte, día 2 de maio:

As obras achatarán un pouco o extremo da confluencia de Paco Lanza e Alfredo Deaño:

20160502

En cinco días #ribadeoenbici

Amence con Sol, e subindo a temperatura, do día, natural ó saír o sol, e a media, polo cambio de ventos. Un día como para andar en bici.
O venres 6 de maio será a terceira concentración ciclista #ribadeoenbici despois de que na primeira unhas poucas persoas nos reuniramos baixo unha chuvia inclemente e decidiramos facer da xuntanza un feito mensual, e na segunda xa estiveramos 28 persoas nunha tarde acolledora.
Canta xente haberá este venres diante do concello ás 20:00 coas bicis? No post anterior adicado ó tema adiantei que apostaba por superar as 50 persoas. Polo momento a previsión indica que o venres algo ha chover, pero deixando claros abondo. Estás invitada. Estás invitado. Á concentración e pequeno paseo posterior polo pobo. Por se tes que lembrar de que vai o tema, aquí. Ou, resumido, a nota de prensa da convocatoria pasada:
"Os usuarios da bicicleta de Ribadeo, facemos novamente unha convocatoria a todas aquelas persoas que se queiran sumar á concentraciòn que diante do concello de Ribadeo, facemos todos os venres primeiros de cada mes, para reivindicar o uso da bici como um medio saudabel de desprazamento e ao mesmo tempo para reivindicar o poder compartir as vías públicas xunto con os coches e os peós. Citámo-nos este venres ás 8 do serán, no Cantón dos Moreno para crear un espazo de encontro e fazer un pequeno paseo en bici polo centro de Ribadeo."
Comezo dunha carreira. Fotografía 'Leipzig, Straßenrennen der Junioren, Start, de Wendorf; Schaar, Helmut, na Allgemeiner Deutscher Nachrichtendienst - Zentralbild (Bild 183)'. Obtida na Galipedia