20170525

Arredor da estrada 'no porto'

Onte a alcaldía liberou unha nota de prensa dicindo que a estrada que evita Mirasol (non 'no porto' como pon a nota no título, e que eu copio) seguirá cortada. Aproveita para dicir que 'neste tema' están a partir un piñon, o xefe de portos e o alcalde.
Mais, hai uns días, aparecía neste blog 'aproveitaches a pasar por Mirasol?', e tráioo en lembranza porque alí dicía que Mirasol seguía cerrado ó tráfico (aínda que boa parte do tempo esteña aberto, non por facilitar, senón por mala xestión). Algo que, ó parecer, e se nos fiamos da nota, seguirá a ser así: Mirasol, colonia de portos de Galicia, algo así como un 'Guantánamo á galega'... mentres o alcalde, en plural maiestático, 'sentíndoo moito, entendemos, comprendemos e asumimos tamén o que nos suxire Portos de Galicia'. Así que, aproveitaches a pasar por Mirasol?
A estrada cortada fóra do porto

20170524

Telenovela Pancha

Estes días, a Pancha está no candeleiro. Hoxe, de novo, noticias de que, ante a insistencia dos medios pedindo información, dende a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a delegación de Puertos que ten mando sobre o asunto, liberaron unha nota de prensa. Nota que non está na súa web, seguindo así coa tradicional opacidade á que nos ten afeitos.
De calquera xeito, é unha nota de prensa, nada oficial transmitido a quen pediu información, sexa o Concello de Ribadeo dun xeito, sexa o grupo Por Nuestro Faro, en múltiples ocasións.
E, que di a nota de prensa? Nada. O que xa é abondo.
Si. Vexamos: a nota, polo que parece apunta 'Hemos recibido la solicitud del Concello de Ribadeo de que se revise de oficio la concesión de Eirobra en Isla Pancha. En estos momentos estamos a la espera de que nuestros servicios jurídicos nos indiquen de forma concreta los pasos a seguir. Desde la Autoridad Portuaria Ferrol-San Cibrao se recuerda que la concesión es una figura jurídica muy regulada, no solo en su otorgamiento sino también en sus posibles modificaciones, cesiones, compras, revisiones, rescates... Y cualquier actuación se ha de hacer conforme a dicho marco'. É dicir, non di nada, mentres que outras veces estaba todo claro como mostra da decisión política que é, e iso da pé ó que indica o alcalde e ven repetindo Por nuestro faro dende hai, literalmente, anos: a concesión é incorrecta.
Hai algún tempo, comezou a saír na prensa de Madrid algunha referencia ós 'problemas' na illa Pancha despois de capitanear a propaganda de Puertos e o seu programa 'Faros de España'. Estou esperando a que saia algunha nova sobre esta última parte, que coido non tardará. Un paso máis cara ó fin da telenovela illa Pancha, un paso máis cara á illa Pancha común, emblema natural de Ribadeo e de uso comunitario.
Non, non estamos seguramente ante o capítulo final da telenovela, non vai rematar mañá. Pero os síntomas son de que se achega o seu fin.
En Openstreet Map está claro: Faro de Ribadeo

20170523

Carta a un gran Mindoniense

Imaxe de José Mª Rodríguez, cabeceira do seu blog

   José María Rodríguez Díaz nunca nos dejará. Creo en la inmortalidad del espíritu. Creo en la huella imborrable que dejan las obras de personas dedicadas a investigar, divulgar y promover hechos que conforman legado socio cultural para mejor gloria de nuestra identidad como pueblo y comunidad ciudadana. Querido maestro: Tuve la suerte de encontrarte en aquella tertulia radiofónica que con tanto acierto y respeto nos organizaba Beni Mántaras. Comparto contigo y con Antonio Gregorio el orgullo de pertenecer -por encima de otras consideraciones geopolíticas- a un territorio noble por su historia. Siempre defendimos nuestra adscripción a la provincia con capital en Mondoñedo. Nos enseñaste la grandeza de nuestra Britonia. Tengo en mis manos tu trabajo de investigación sobre tu querida parroquia de Vilaselán. Tus dos estudios sobre el Monasterio de Esperautano y su Coto. La indispensable aportación a la historia de tu natal y querido Ribadeo sobre La Colegiata.
   Aunque ambos somos más de pluma estilográfica que de ordenador, no por ello renunciamos a poner la máquina al servicio de la creatividad histórica y cultural. Por ello, confieso que, en mi relación de favoritos, disfruto con tu página encabezada como Diócesis de Mondoñedo-Ferrol. Y es que Santa Catalina dejó semillas de inquietud eterna entre alumnos y profesores.
   Le recomiendo a mi amigo Vidal Martínez-Sierra, que amén de cuidar el Monasterio de San Salvador, siga la historia-leyenda de los Caballeros Templarios, desde tu trabajo "Presencia de los Templarios en Ribadeo". A nuestro querido Cronista Antonio Reigosa, alcaide del mágico Mondoñedo, entre Cunqueiro y Don Enrique Cal Pardo, que haga como yo, repasar a modo de consulta tus acertadas consideraciones sobre ese lugar rico en aguas, pan y latín.
   Intenté convencerte, desde el faro de Punta Atalaya, para que tú y los demás amigos de O Tesón, no abandonarais el "Argos" de la cultura. Lo mismo que, te debemos, seguir con la antorcha del relevo para exigir el derecho a que nuestros mayores, y nosotros mismos cuando llegue la hora, podamos seguir disfrutando de la ciudadanía desde un centro de cuidados para ese fenómeno demográfico que es el envejecimiento, sin la terrible soledad que produce la deslocalización. Prometo solemnemente, por Maelok, Obispo Sarmiento, El Conde Osorio, El Mariscal Pardo de Cela y su esposa Isabel de Castro, que seguiré contándoles a nuestra muchachada que Ribadeo fue sede Episcopal con Catedral, y cómo tras maniobras políticas de mediados del XIX, buenas gentes trataron de recuperar la provincia, con la anuencia de galaicos-astures unidos por El Eo.
   Nos veremos en Isla Pancha.
Pablo Mosquera Mata

ESCUDO DE ARMAS DA CAPELA DE SAN ANTONIO E DE SAN JOSÉ DE Sta. MARÍA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Entrando na Igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, a primeira capela a man dereita é a capela de San Antonio e de San Xosé. Sobre o arco de medio punto está este Escudo de Armas e dúas laudes a ámbolos seus lados, que deben explicar as cláusulas e gravames que deixou establecidos o fundador ou fundadores do maiorazgo. O escudo é de deseño clásico español redondeado en punta, timbrado cun casco de fidalgo con penacho de tres plumas e adornado de lambrequines curtos que caen por ambos flancos ata a metade do campo. Na parte alta destra do casco, hai unhas letras moi confusas, que parecen ser: “P A Z M D Y A I” e das que non podemos comprender o significado. Está empotrado na parede do templo, polo que supoñemos sexa orixinal dun maiorazgo do Convento de San Francisco e que non veu trasladado da Igrexa Colexiata de Sta. María do Campo, como xa explicamos noutros casos. A ámbolos dous lados da pedra armeira hai unhas laudes (pedras con inscricións) para nós moi difíciles de interpretar debido o pintado e repintado á que estiveron sometidas durante catro e tres séculos e o caleado encheu os ocos do gravado e desapareceu da vista parte da inscrición. Na laude esquerda, segundo se mira, parece rezar: “ESTA CAPILLA ES DE ALGº (¿ALONSO, ALVARO GONZALEZ?) DEL b’NAYA(?) PA(?)DO (?) VO ESTANDO ESTABLECIDO A SV COSTA I DOTO CON SEIS MISAS CANTADAS (?)ANO 1594(?) IbEP(?)r..RIOr A CAVMA(?)..CON SVS RESPONSOS CANTADOS Y CRVZ (?)”.
 Na laude da destra, parece que continúa a ladaíña: “I SE AN DE DECIr DYA DE SAN ILDEFONSO Y DE ADRIAN I EL DIA DE (¿NAVIDAD?) DYA DE .... OTRA DYA DE N SEÑORA....DYA DE SANTO DOMINGO OTRA DIA DE SAN MYGUEL AÑO DE 1675”.
A primeira laude (esquerda), parece ser á da fundación do maiorazgo, e parece darnos a data da antigüidade do escudo, que ven a ser da mesma época que o da Capela da Virxe das Dores (1594) e case como ó da Capela das Ánimas e da Virxe do Carme (1604). Con dúbida, pois é difícil de ler por estar moi confusas as letras, parece que se refire a D. Álvaro ¿González Ribadeneira?.
O segundo laude (dereito) mostra a data de 1675, máis tardía que a primeira, posiblemente, porque foi cando se estableceron novas cláusulas na “licenza” do maiorazgo, como expresan as especificacións do laude. Este mesmo tipo de cláusulas, a posteriori da fundación, vímolas no Escudo brasonado e familiar dos RON, na Capela da Virxe do Rosario, que estableceu de novo D. Pedro de Miranda en 1616 (tamén en La Comarca del Eo, 18-Marzo-2017)
O campo do escudo está partido por unha espada baixa ou fixada (coa punta abaixo) e desenvaiñada, en pau (vertical) coa empuñadura arriba no punto de honor (punto central do xefe sen chegar a tocar a boca ou borde do escudo). Sobre este punto, baixo o centro do xefe, lábranse “as armas paternais” ou armas hereditarias transferidas polo primeiro posuidor ós seus descendentes. Son armas dun cabaleiro que tivo algún cargo militar ou pertencente a algunha Orde Militar (en campo de gules unha espada baixa de prata, coa empuñadura de ouro).
Observamos que con data do ano de 1675, que describe a segunda laude, xa vimos este tipo de partición do campo, por medio dunha espada fina, no Escudo de Armas na Casa de Del Río, da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016), pero ámbolos dous escudos non teñen relación pois os mobles ou figuras dos brasóns son distintas. De todas maneiras, non podemos descartar nada ó cen por cen, pois os VILLAAMIL, estiveron emparentados cós OYA, SARMIENTO, SOTOMAYOR, MONTENEGRO, etc. pero sendo rigorosos nas análises, aquela espada está acompañada de dúas veneras, unha a cada lado do puño, que puideran ser armas dos POUSADOURO ou POUSADEIRO, mentres que esta espada é máis curta, cun pomo no puño, con cruceta e sen garda, como se ve na espada do terceiro cuartel, do escudo dereito da Casa dos MIRANDA na rúa Amando Pérez (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016).
Na partición destra, deste escudo da capela de S. Antonio e S. Xosé, móstrase en xefe, desde o centro ó cantón destro, unha barra engulida en dragantes. Poden ser armas dos VILLAR (Blasones y Linajes de Galicia, J.S.Crespo del Pozo, Volumen I, páx.422). Na Real Audiencia e Chancillería de Valladolid atopamos dous preitos: Código: ES.47186.ARCHV// 8.7.1//CAJA 1750,28. Executoria do preito litigado por D. Juan Martínez del Villar, veciño de Ribadeo, con D. Diego de Villamane e D. Domingo Pérez de Quintana, veciño de San Martín de Oscos, sobre execución de bens por cuantía de 50 ducados en razón de media paga acumulada de certo censo outorgado en dicha vila. Fecha: 20-Novembro-1593.
Con Código ES.47186.ARCHV/8.7.1// CAJA 2189,78. Executoria do preito litigado por Dª. Aldonza Sierra Osorio, viúva de D. Juan Martínez del Villar, e fillos, veciños de Ribadeo, con Juana González de Miranda, veciña de Castropol. Fecha: 21-Agosto-1615.
Tamén poden ser Armas do Marqués de Santa Cruz, iguais que ás que se poden ver no primeiro escudo, terceiro cuartel da Casa dos Miranda (tamén en La Comarca del Eo 3-Decembro-2016).
Puideran ser Armas dos OMAÑA (en campo de ouro una banda de gules engulida por dous dragóns de sinople) (Diccionario Heráldico y Nobiliario, Fernando González-Doria, 1994). Os OMAÑA, de orixe asturiano, están enlazados cos liñaxes galegos: ULLOA, OSORIO, MOSCOSO, RIBADENEYRA, etc. todos eles con familias en Ribadeo, e probaron a súa nobreza na Orde de Santiago en 1639, e na Real Chancillería de Valladolid en 1608 e 1670. D. Pedro Miranda Omaña era o Marqués de Sta María del Villar en 1706 (“Escudo da Capela da Virxe das Dores” tamén en La Comarca del Eo, 8-Abril-2017). Por outra banda, sen estar claro, xa dixemos que a laude esquerda parece dicir: Álvaro ¿González Ribadeneira?. Este señor era Mariscal, avó de Ares de Omaña, quen era padre de D. Fernando Ares de Saavedra e Baamonde, o cal otorgou unha escritura de concordia ante D. Gregorio Vázquez de Parga o 21-Marzo-1607 (Linajes Y Blasones de Galicia, Crespo del Pozo, Volumen IV). ¿Isto querería dicir que os OMAÑA eran propietarios dun mairorazgo desta capela pertencente o Convento de San Francisco, e os VILLAR do outro maiorazgo? ¿Un de San Antonio e outro de San José?. Posiblemente.
Esta banda engulida, tamén puidera ser Armas dos NAVIA ou dos MENENDEZ NAVIA emparentados cos VILLAAMIL, segundo xa vimos nos Escudos do Altar Maior, que datan de primeiros do século XVII e no escudo da Casa do Patín de Ribadeo que data do ano 1700. Tamén son Armas dos SANJURJO da Casa dos BUSTO (“Casa brasonada da Rúa Viejo Pancho”, tamén en La Comarca del Eo, 24-Decembro-2016) ou Armas dos ANDRADE ou FREIRE DE ANDRADE, pero nestes catro últimos casos, a figura é unha banda e non unha barra engulida, as cales se diferencian en que a banda e a barra son figuras unha inversada da outra. Dado que o criterio dos artistas escultores estaba, nalgúns casos, máis coa estética do conxunto das figuras do campo brasonado, que coas normas heráldicas, non descartamos que puidera ser calquera dos apelidos anteditos, particularmente dos OMAÑA RIBADENEIRA ou dos NAVIA, como parecen rezar na laude, e que teñen as mesmas Armas dos ANDRADE ou FREIRE DE ANDRADE (en campo de sinople –cor verde- unha banda de ouro engulida en cabezas de dragón do mesmo metal). Os ANDRADE foron grandes fundadores de conventos e protectores das ordes relixiosas mendicantes, e cuxas Armas aparecen nos Nobiliarios en ámbalas dúas formas: en banda e en barra. A incógnita resolverase o día que se limpen as laudes, e se poida ler sen error o que poñen e desde estas poucas liñas, pediría que se fixera algo para que se limparan, por restauradores profesionais, estas laudes de Sta. María do Campo, pois están imposibles de ler. Respectando, por suposto, o criterio e autoridade do cura Párroco da Igrexa, que tería que dar a autorización, non creo que saíra tan cara a limpeza, pois o que cubre as letras gravadas, debe ser cal ou lechada de pintar, que posiblemente sairá mollando con auga e refregando cun trapo. É un dicir, pero incluso se podería facer pagando “a escote” ós que nos gusta conservar o patrimonio, por encima de calquera outra liorta política ou relixiosa. ¿Quizais, sería cuestión de “poñerse a elo”?.
No flanco destro dous crecentes ranversados colocados en pau e no cantón destro da punta unha venera o natural. Son Armas primitivas dos OYA do Condado de Salvaterra de Ponteareas, ás que lles falta unha aspa de gules en xefe, para estar completas, cuxa figura está substituída polo brasón da barra (banda) engulida antedita. Recordemos que as armas máis modernas dos (H)OYA, son: en campo de azur cinco lises de ouro, postos en aspa ou sotuer. Cambiando os esmaltes son as mesmas Armas que as dos MALDONADO, ALDAO ou ALVARADO, como xa vimos na Capela de Ánimas e da Virxe do Carme (tamén en La Comarca del Eo, 22-Abril-2017) Tanto os OYA como os MIRANDA, son Fidalgos do Condado de Ribadeo, provintes da Casa dos OYA-OZORES. D. Manuel Antonio Oya Ozores, estaba casado con Dª Isabel Felipa Miranda Ribadeneyra, filla de D. Pedro Miranda Ribadeneyra e de Dª María Josefa Montenegro Santiso. D. Manuel e Dª Isabel teñen varios fillos: Dª Rosalía de Oya Miranda (que sigue a liñaxe), Dª Catalina Juana, Dª Micaela e D. Carlos Oya Miranda de Ribadeo. D.Carlos cásase con Dª María Saavedra e Cotón de Lugo, e tiveron por fillo a D. Manuel Antonio de Oya Miranda y Saavedra (Blasones y Linajes de Galicia, D.José Santiago Crespo del Pozo, Volumen IV). Un dos últimos descendentes co apelido Oya en Ribadeo, foi: Dª María de los Ángeles Martínez de Aguiar y Oya, que tivo o pasamento en Ribadeo o 8-Marzo-1954, viúva de D. Gumersindo García de Presno Cotarelo, cuxa xenealoxía xa describimos, en parte, no Escudo brasonado da Capela da Virxe de Lourdes (tamén La Comarca del Eo, 6-Maio-2017).
Na Chancillería de Valladolid, atopamos dous preitos, que nos dan datas certas de cando viviron estes ribadenses: 1) Preito por Alimentos litigado no mes de Setembro do ano 1732, por D. Carlos Manuel de Oya Miranda Rivadeneira, veciño de Lugo, que probablemente sexa o mesmo fillo de D. Manuel e Dª Isabel, que se reporta na xenealoxía de D. José Santiago Crespo (ibidem). 2) Preito Civil, entre os anos 1804-1809, de D. Pedro Ramón de Oya y Miranda, de Ribadeo e D. Vicente Lamas de la Torre, de Santa Eulalia de Vilaosende (Pazo de Quintalonga), sobre anulación de escritura de foro dunha casa e horta situadas en Ribadeo. Anotemos, como curiosidade, que na Lista de Embarcacións do Porto de Ribadeo de 16-Agosto-1787, atopamos a D. Bartolomé OYA, Dª Manuela Campo Amor e D. Manuel Quintana son armadores do barco “La Concepción” de 60 Tm. de rexistro bruto, e que foi arqueado de novo en 19-Febreiro-1845 dando un porte total de 85 Tm. Este barco desguazouse na Liñeira o 9-Marzo-1850.
Aínda que as Armas primitivas dos OYA, son as máis probables neste escudo, a figura redonda da punta, tamén puidera ser un roel (si fora de cor) ou un bezante (si fora de metal). O escudo é moi antigo e estas figuras parecen estar moi pulidas ou desgastadas, para poder precisalas. A venera, que presentan varios escudos de Ribadeo, é un dos brasóns que se concederon na primeira metade do século IX, ós cabaleiros que participaron na batalla de Clavijo (Arte de Escudos de Armas, D. Pedro Joseph de Aldazaval y Murguía, ano 1775, Libro I, capítulo XI, páx.112). As veneras do Apóstolo Santiago, gañadas en batalla, aparecen noutros escudos de Ribadeo, acompañadas doutras figuras, p.e.: cunha espada baixa desenvaiñada (coa punta abaixo e o puño alto, en pau), no escudo de armas da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do segundo escudo da Casa dos Miranda (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016). Na partición sinistra tres crecentes ranversados colocados en pau, e no cantón sinistro da punta ¿unha casa?, ¿un palacio?, ¿unha tenda de campaña?, ¿un casón?, ¿unha “yacija” ou arca onde se depositaban os restos dalgún defunto?. Esta partición presenta un brasón totalmente descoñecido para nós. Fáltanos a documentación da Xenealoxía Familiar e da acreditación das Armas do fundador ou fundadores deste maiorazgo, polo que de momento, nos quedará a dubida das Armas posibles deste brasón, que non atopamos entre ningún dos miles de brasóns da bibliografía consultada.
Misterios que quedan por explorar da Fidalguía do Ribadeo Señorial, pois perdeuse moita ou toda a documentación do Convento de San Francisco, e xa non digamos, onde iría a parar a documentación da maioría das Casas de Fidalgos onde están os seus Escudos de Nobreza, pois salvo algunhas excepcións, estas casas pasaron a ser propiedade dos que eran levadores ou arrendatarios da casa ou das fincas, no mellor dos casos, e outras foron adquiridas por xente totalmente allea os propietarios orixinais. Non esquezamos que ademais disto, a destrución de documentación tamén se debeu as expurgas de arquivos, así como, a múltiples episodios bélicos que houbo en Ribadeo, desde aquelas fechas, e onde se destruíu de todo: asalto de piratas, Guerra da Independencia, Guerra Civil, perda de Consulados... etc.etc.

Un comentario propio e unha nota de prensa do concello, coa Pancha ó fondo

Portada do Concello de Ribadeo no Facebook, hoxe.

Onte tivemos unha pequena xuntanza algúns dos membros que participamos en Por Nuestro Faro. As novas que van saíndo nos xornais en resposta á nova actitude do concello, na que comezamos a recoñecernos, anímannos. Recibimos asemade ánimos na rúa, de xente que caladiñamente estivo ó noso carón aínda que se mantivera apartada, e que agora abandoa o silencio tras recoñecer unha situación máis relaxada. Segue aumentando o número de peticións para participar no grupo de Facebook, principal expresión na rede... Dende hai xa máis de dous anos que o grupo se comezou a xestar, a idea dunha illa Pancha común, en harmonía co entorno e co que ten de símbolo para o pobo, segue inalterada. O traballo de procura de documentación, lexislación, asesoramento, seguemento do proceso, etc, foise estruturando pouco a pouco e segue nestes momentos nos que sentimos que aínda hai que facer para apoiar a quen está connosco.
Queda a continuación a nota que onte apareceu na web do concello:
A ENTIDADE NON CONTESTOU AOS ESCRITOS ENVIADOS HAI MESES
Faro da Illa Pancha
22/05/2017
O Concello pídelle á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a revisión da concesión para uso hostaleiro do Faro da Illa Pancha.
O Concello ven de pedirlle á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a revisión de oficio do seu acto de concesión administrativa para instalación de uso hostaleiro no faro da Illa Pancha. O alcalde, Fernando Suárez, manifesta que esta decisión prodúcese a raíz dos pronunciamentos do Defensor del Pueblo nos que advertía de graves irregularidades na tramitación dese expediente por parte da Autoridade Portuaria.
O rexedor explicou que "acabamos de instar formalmente á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para que proceda á revisión de oficio do seu acto de concesión administrativa para instalación de uso hostaleiro no faro da Illa Pancha. A Autoridade Portuaria é o organismo dependente do Ministerio de Fomento e é titular da Illa Pancha e responsable tamén da concesión administrativa outorgada no seu momento a unha empresa para a conversión dun edificio que está enclavado nunha parte da illa, o antigo faro, como uso hoteleiro".
Suárez Barcia sinalou que "esta decisión que acabamos de adoptar transcende desde o punto de vista administrativo, e ben dada a raíz dos pronunciamentos de hai meses do Defensor del Pueblo, e dos que tivo coñecemento este Concello, nos que advertía de graves irregularidades na tramitación dese expediente por parte precisamente da Autoridade Portuaria, fundamentalmente sinalando a omisión do trámite medioambiental".
O alcalde subliñou que "despois de que en dúas ocasións este Concello se dirixira formalmente á Autoridade Portuaria, concretamente o 22 de febreiro pasado e reiteramos un escrito o 29 de marzo, para pedirlle que aclararase esas supostas graves deficiencias de tramitación, e non tendo a día de hoxe resposta formal de ningún tipo pola súa parte, algo que nos parece inconcebible desde o punto de vista ético e legal, sobre todo".
Fernando Suárez indicou que "por todo isto debemos considerar que efectivamente o que manifestou o Defensor del Pueblo debe considerarse correcto. Polo que, aplicando formalmente un precepto da lei de procedemento administrativo, queremos instar á Autoridade Portuaria para que proceda á revisión de oficio por nulidade de pleno dereito na tramitación deste acto administrativo de concesión".
O alcalde ribadense engadiu que "agora eles estarán obrigados a comunicarnos a resolución que vaian adoptar, toda vez que desde o Concello queremos garantir a legalidade e a seguridade xurídica de todas as actuacións da administración e particularmente as que adopta o Concello de Ribadeo, co fin exclusivo de evitar, se fora o caso, prexuízos de imposible ou difícil reparación, como ben puideran ser as responsabilidades patrimoniais".

20170522

Ampliando a vía verde do ferrocarril mineiro

Alcaldes en acto protocolario

Onte un grupo numeroso de xente reuniuse para recorrer a ruta do ferrocarril. Que cambiou en relación a outras veces? A convocatoria, feita polo grupo Albións de A Pontenova, foi a correspondente á décima edición das andainas anuais que organiza o grupo. Ben organizada, como soen, era a primeira vez que a marcha comezaba fóra do concello de A Pontenova. Pero ese era un detalle circunstancial...
Placa altimétrica no concello de Ribadeo

A primeira diferencia era cuantitativa. Non dispoño de cifras exactas, pero polos autobuses na saída, puxémonos a camiñar non menos de 250 persoas, o que marca un fito para a vía verde do ferrocarril.
taxea orixinal

A segunda, reivindicativa. O grupo organizador quixo facer da décima edición da andainas un chamamento a retomar un proxecto do que hai dez anos, en 2007, asegurouse que estaba non só aprobado, senón dotado para ser levado a cabo. Un proxecto que, como o ferrocarril mineiro inicial, estaba chamado a influír sobre o desenvolvemento de toda a zona, e que, dez anos despois, só ten desenvolto o que tiña daquela: o tramo Santiso de Abres - A Pontenova, e este último como estrada asfaltada, se ben de último nivel. Por iso se comezou a camiñar en Ría de Abres, abrindo un tramo de máis de 4 km que estaba a camiño, pero en mal estado para ser recorrido, sen sinalizar, etc. Para empalmar co tramo recuperado, houbo que facer case 2,5 km por estrada... Así chegouse ós 18 km de ruta, dende os 11 que constitúen a vía verde actual.
Unha vista en Saldoiriña

A terceira, que nun acto protocolario, logrouse xuntar ós catro alcaldes e alcaldesas galegos e asturiana (A Pontenova, Santiso, Trabada e Ribadeo, os catro concello polo que transcorría o trazado), de tres partidos políticos diferentes, como apoio á petición. Coincidindo ademáis que o alcalde de A Pontenova é na actualidade presidente de Deputación Provincial. Protoclario, pero a súa presenza ó fin da unha imaxe política para o relanzamento dunha ilusión. E protocolario, porque o único concello que moveu ficha, non para apoiar o acto, senón para apoiar a vía, foi o de Trabada, limpando, ampliando, aplanando o novo tramo de camiño usado. Tramo que, por certo, ten cousa de 1 km paralelo pero non coincidente co trazado orixinal, por cousa de propiedade de terras.
Irá a iniciativa adiante? Recomeza con bó pé, pero tras ver o que pasou arredor de 2007, todo o mundo é consciente  de que o camiño non vai ser doado. E de que vai facer falta algo máis que sacarse unha foto.
Placa altimétrica no concello de A Pontenova

20170521

Aproveitaches a pasar por Mirasol?

Onte pola tarde, sábado, pasei por Mirasol. Sen garda, sen barreira, tomeino como unha facilidade alternativa destes días deferencia de Portos de Galicia por estar cortado o paso da vía que baixa dende o paseo marítimo e continúa cara a Vila Vella entroncar co que antes foi N-642, a raíz dun derrumbe a semana pasada. Hoxe quixen volver, pero xa estaban as dúas barreiras baixadas, aínda que sen vixiancia. Polo tanto, o de onte foi sinxelamente unha máis das veces que a Portos non lle importa o porto e non unha contribución para paliar o corte dunha vía en Ribadeo. Coido que é cousa de lembralo: aberto cando quere, cerrado cando lle peta. Opaco nas decisións, opaco nas estatísticas. De costas ó pobo, unha entidade máis que xestiona un ben de todos como se non fora de ninguén, aproveitándose alguén.
Deixo embaixo tres fotos do que fixeron estes días as máquinas para comparar coa foto que ilustraba a nota de prensa do alcalde o outro día.




20170519

Arredor dunha suposta entelequia

Onte chegou ata min unha nova pola que o alcalde de Ribadeo, falando en relación coa illa Pancha, dicía, referíndose ó grupo 'Por Nuestro Faro', "medio entelequia, ou non sei ben o que é, de afectados".
Ó respecto, como membro do grupo (que non portavoz) coido que é convinte aclarar algunha cousa:
1.Cremos que afectados polo que pase na illa Pancha somos todos, no grupo e fóra.
2.Se unha cousa non se sabe o que é, non se lle debe asignar unha verba que non se sabe se corresponde, porque logo veñen as correccións.
3.Se 'entelequia' significa algo no mundo das ideas, non ten medios: ou algo o é, ou non.
4.O grupo non é algo perfecto. Xa quixéramos achegarnos á perfección!
5.Se somos ideais, non somos reais, e polo tanto, seríamos incapaces de facer as cousas que estamos a facer.
En resume: Fernando, dende o respeto que se che debe como persoa e como alcalde, o que remarco arriba é algo que non ven a conto. Podendo, ademáis, enterarte, pois nunca nos negamos a falar (mentras que esperamos unha e outra vez respostas por parte do concello). E claro, podemos dialogar, pero comprendo que é difícil dialogar con algo que se considera unha entelequia.
Somos un grupo, non unha asociación ou partido. Heteroxéno, onde hai diferencias grandes en moitas cousas, aínda que esteamos unidos na defensa da illa. Tamén se chaman grupos á xente dentro de cada partido nun concello, aínda que teñan unha estrutura abondo maior e unha diversidade de ideas abondo menor, e son grupos, non entelequias, aínda que ás veces parezan cohortes e outras, nada (certo que son as menos).
Sei que ás veces as novas de prensa non reflicten a realidade, mesmo nas citas literais, e que por 'minucias' informativas, tampouco hai desmentidos e si poden vir problemas, pero coido que alguén tiña que facer algunha aclaración.
En relación ó resto da nova, ás posturas sobre actuacións na illa e sobre ela, podemos discutir e tentar achegarnos, visto que os técnicos poden equivocarse e tamén ser usados como moneda de cambio para escudarse neles ou escudalos dicindo que outros técnicos enviaron informes que se dan por válidos.
Pero iso deixámolo para outro momento, que hoxe a intención é outra. Sinxelamente, seguiremos, porque somos un grupo, imperfecto pero real.

20170518

Eleccións municipais en Ribadeo? Dous puntos de lembranza

Estamos a 'medio mandato', que dirían por aí. Un motivo máis para exercer unha actvidade que debera ser diaria, a introspección social, seguemento e participación cidadá nos asuntos públicos. Lembroumo hoxe o Facebook, esa ferramenta social que ten influído tanto na política (e segue a facelo! -pero isa é outra historia-). E, repasando, vin varias novas a lembrar por diferentes razóns.
Por poñer contraste, collerei unha publicada no blog no 2011, pero referida ás primeiras eleccións municipais no que hoxe chamamos democracia. Trátase de varios recortes de anuncios que inclúen 'haberá servizo de autobuses para ir votar' da UCD. Algo que daquela, coa ditadura recente, debía parecer normal, e que elección tras eleccións, segue habendo, pero agora tentando disimulalo do mellor xeito posible.
As exhortacións ó voto que se poden ver son curiosas para os ollos actuais, pero non están en posicións tan afastadas da actualidade como pode parecer en principio.

O contraste -relativo- ven dado pola segunda ligazón, un debate mantido entre os candidatos na ORT e colgado en Youtube, complementario do mantido no cine-teatro, polos candidatos das pasadas eleccións municipais.
É dicir, algo que, visto hoxe, pódese contrastar coas actuacións posteriores mantidas na Casa do Concello. Máis que historia, é lembranza a contrastar.

20170517

In the Galician Letters day, practica o castelán

Non o atopo... onte dinme de bruces contra un anuncio que me invitaba, hoxe, a achegarme de compras a Asturias, a celebrar (en castelán) o día das letras galegas. Quería reproducilo aquí, pero con isto do 'machine learning', 'smart net' e cousas polo estilo a saber onde estará agochado para perpetrar a seguinte impresión.
Menos mal que, en sentido contrario, hoxe atopeime a lembranza de ter colgado hai dous anos o Comunicando de Hernán Naval na rede, o que levou os meus pensamentos pola lembranza dun amigo. O que me levou, tamén, ó detalle que collo da Galipedia.
E é que unhas cousas van levando ás outras... só hai que escoller o bo sentido para facer o recorrido.

20170516

Os goles do Ribadeo F.C., penúltima xornada

Está a piques de rematar a liga. Hai un par de semanas fixera varios resumes sobre goles e puntuación do Ribadeo F.C. (1, 2, 3) animando a que dende o club (ou un aficionado, que saberá máis ca min) se fixera de xeito sistemático. Como polo momento non colleu ninguén o testigo, e para non botar ó lixo a táboa que xa teño, engadínlle os datos correspondentes as dúas pasadas xornadas ligueiras e unha táboa máis, e estes son os resultados despois da xornada 36, na que o Ribadeo F.C. está no 6º posto da táboa de clasificación, a só tres puntos da UD Paiosaco pero lonxe do Noia CF, cos seus 78 puntos:
Na primeira gráfica, a evolución de partidos ganados, empatados e perdidos, xornada a xornada, onde se ve como pouco a pouco a cor amarela (partidos perdidos) vai deixando paso á cor azul (partidos ganados)
A evolución da puntuación xunto coa proxección de puntuación na xornada 39.
O balance de goles, a favor e en contra, onde se ve que a liña amarela está no máis alto da tempada, amosando a maior diferencia a favor do clube na liga 2016/17.
Os goles por partido expresan o mesmo que a gráfica anterior, pero de xeito diferente, tinguíndose de azul a medida que pasa a liga.
Deixo de novo a ligazón á páxina do club: https://www.ribadeofc.com/

20170515

A illa Pancha é (e segue a ser) cousa de todos. NOTA INFORMATIVA DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”

A illa Pancha, cun coche dentro, onte (foto Suso Fernández)

Dicían que, despois da apertura, o 'tema faro' estaba acabado. Se se miran as novas, parecen máis ben que por fin comezou...
NOTA INFORMATIVA DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”
   Ao fio das últimas noticias sobre o peche de actividades dos apartamentos da Illa Pancha desexamos expor os seguintes datos para mellor coñecemento dos veciños:
   1.- Por se alguén ainda non se enterou, o noso grupo ven denunciado unha riola de irregularidades na tramitación deste expediente dende hai cáseque dous anos.
   2.- A primeira resposta positiva foi o informe do Defensor del Pueblo, que o dia 16 de febreiro de 2017 confirmaba a utilización incorrecta da lexislación aplicable a este caso, a falla do preceptivo informe de afección á Rede Natura 2000 e o desdoblamento ilegal en dous expedientes (hotel e cafetería) que serviu de base para conceder a licencia de obra para o famoso hotel que se quedou en dous apartamentos. Lembremos tamén que o Defensor recomendaba a paralización das obras mentras non se tramitasen correctamente os puntos devanditos.
   3.- O Concello de Ribadeo non tomou en conta o informe do Defensor, cando debera suspender a licencia de obra e non tramitar a de actividade ao ser advertido das manifestas irregularidades detectadas. No canto de asumir a súa responsabilidade, legalmente indelegable, limitouse a consultar á Autoridade Portuaria o que tiña que facer e seguiu tramitando un expediente claramente ilegal dende o comezo.
   4.- A Autoridade Portuaria non se da por aludida e deixa correr o tempo mentres o concello de Ribadeo se limita a queixarse e despois de dous anos descubre novas irregularidades e acaba suspendendo a licencia de apertura. Caese do seu peso que coun mínimo de sensibilidade social non se houbese chegado a esta situación.
   5.- Debemos de insistir en que a concesión das licencias de obra e de apertura faltando informes preceptivos é unha práctica flagrantemente ilegal, poidendo incurrir en prevaricación no caso da segunda dado que o informe do Defensor xa era dabondo coñecido. Mesmo a duplicación do expediente debe correxirse de oficio retrotraendo os trámites ao momento anterior a este desdoblamento.
   6.- Ademais dos puntos anteriors debemos lembrar outras irregularidades que xa foron notificadas ao Defensor e van traer consecuencias:
   a) Como xa temos anunciado repetidamente, o contrato de concesión estipulaba unhas parcelas de 500 metros cadrados cando na práctica a concesión é da totalidade da illa, de tal xeito que esta concesión “directa” é nula de pleno dereito ao superar os 2500 metros cadrados que exixe o artigo 86,c de lei de portos.
   b) Non existe memoria económica de viabilidade que exixe a mesma lei, pero en caso de haber algún documento deste tipo inclue unha cafetaría que non existe.
   c) Non se respecta o acceso libre á zona de servidume de tránsito que exixe o art. 27 ap 1 da lei de Costas.
   En resume, entendemos que o Concello de Ribadeo ten a responsabilidade de crarexar estes pontos e non delegar noutros organismos, e consecuentemente suspender as licencias de obra e actividade namentras non se tramite a totalidade do expediente con arreglo a dereito.
Ribadeo 14 de Maio de 2017
Dúas semanas despois de ser denunciada, a sinal segue no sitio...

COMPAÑEIRO JOSÉ MARÍA RODRIGUEZ. Francisco José Campos Dorado


 Como empezar unha carta de despedida que non quero escribir. Como dicirche adeus para sempre, amigo e compañeiro, pensando que nunca poderei volver a escoitar as túas respostas cando eu che fale e che consulte todo o que me faga falta. Como expresarche a miña amizade, ademais de cunha aperta ou cun apertón de mans como sempre que nos víamos.
Empecei a coñecerte aquel día do ano 2007 na asemblea da AAVV “O Tesón”, cando fun elixido como relevo de Gilberto Suárez, pois o home sentíase xa cansado coas súas cousas, e me xuntei convosco na directiva, xunto con Antonio Gregorio, Soledad, Jóse, Rocío Botana e Arturo Linares. Como pensar, naquel momento, que chegaría a sentirme tan arroupado e tan orgulloso de estar codo con codo traballando con todos vosoutros.
Para min haberte coñecido e haber cooperado cun home coma ti, honesto, honrado e tan involucrado na política social, que nunca lle importou caer mal ou ben, a este ou a aquel, ou a esta ou aquela facción, con tal de levar adiante unha idea ou unha acción que entre todos víamos que era causa de abandono ou un despropósito en prexuízo do pobo, ou que era un servizo necesario para o benestar da xente, e que tiña que facerse ben. Esta idea do social, soubeches comunicárnola daquela maneira, pero foi un privilexio haber vivido no teu tempo e haber compartido contigo, ducias de horas de amena e instrutiva charla, tomando un café ou un bo caldo de viño tinto, ou branco ou unha caña de cervexa, acompañada dunha excelente Tapa de Ribadeo. Como prescindir desa mente tan sumamente traballadora e privilexiada que era capaz de desenrolar unha utopía e transformala en realidade palpable, case que perfecta, baseándose na audacia de pensamento, nun extraordinario interese na acción, na constancia de darlle volta tras volta ás ideas, ata atopar esa porta que se abre á razón indiscutible, para facer o que hai que facer, porta de entrada a ese mundo onde os soños se transforman en realidade concluínte. Como expresar coa serenidade necesaria esa exposición de ideas, que tantas veces contrasta coa adversidade da intolerancia ou cun desmando da linguaxe. Como ser prudente na exposición, cando a sangre che fai berrar de pena polo que estás vendo. Pois ben, o teu era saber facer, coa linguaxe máis culta, unha exposición maxistral xunto coa incisiva proclamación das ideas e da acción.
Foise José María, un intelectual de tal calibre que será moi difícil de igualar. Para a Historia de Ribadeo, ben contada, baseada en feitos e en documentos reais, é unha enorme perda. A súa vida ten uns anos de incesante publicación de libros e relatos históricos e lingüísticos. Os seus estudos meticulosos na tradución do “Diploma do Rei Silo” que data do 23 de agosto do ano 775 e de varios documentos do século XII e XIII, levárono a escribir o magnífico traballo sobre “El Convento de Esperautano y su Coto” situándoo en A Graña do Concello de Ribadeo, rompendo mitos de malas traducións do latín, onde desmonta as malas interpretacións, de Tabulata, como Trabada, de Celeiro como Celeiro de Mariñaos, etc. etc. Os libros: “Estudo sobre a Toponímia de Ribadeo”, ano 2007; “Sobre os Castros de Ribadeo”, ano 2009; “La Sede Episcopal de los Britones”, do ano 2009, incluído nos Estudos Mindoniensis; “Vilaselán, aproximación histórica”, ano 2010; “La Colegiata de Ribadeo, ano 2011; “Santo Estebo de Augas Santas”; “Santo Estebo da Pagá”, e un cento de artigos periodísticos máis. Os seus magníficos e documentados traballos históricos foron publicados nos Cadernos de Estudos Mindonienses, unha garantía da sapiencia de José María.
Dicía Ralph W. Emerson: “O esplendor da amizade non radica nunha man estendida ou na bondade dun sorriso, se non na inspiración que o espírito ó descubrir que alguén cre en nosoutros, está disposto a brindarnos a súa confianza”. Eu sempre fun un mariñeiro solitario, e pouco souben da vida social, ata que coñecín os membros da directiva de “O Tesón”, e alí estaba José María. Non quixera xamais chorar pola falta dun compañeiro, pois a auga salgada das bágoas, quero que sempre me recorden as delicias do Mar, a miña vida mariñeira, e nunca a tristeza das despedidas. Pero en algunhas ocasións ocorre, que o pracer inicial dá presentación xúntase coa amargura dun: adeus meu amigo.

Medio mandato, mandato a medias

Aló polo 2003 comezaba a súa andadura unha corporación municipal que, ó ano seguinte, recibiu por parte da AVV O Tesón unha nota en relación ós puntos do seu programa que foran tratados no que ía de mandato, vendo o desenvolvemento de cada un nunha porcentaxe estimativa, poñendo esa porcentaxe en relación co tempo transcorrido e sacando unha nota media en consecuencia.
Coido que a sorpresa foi elevada, a pesar de que foi tomada cun certo nervioso folclore, e máis aínda, a modo de festa cando as puntuacións eran algo máis elevadas do que correspondería. O das puntuacións, ó ter en conta que aínda que soe ser a tempada de máis ímpeto de cambio, tamén é a que menos se coñece o cargo e polo tanto, no que as cousas tenden a ir con máis dificultade (algo que me consta non se tomou en consideración por parte dos políticos afectados)
Ó fin, coido que foi a única vez en democracia na que en Ribadeo se fixo unha avaliación obxectiva (con todos os defectos que poidera ter na súa concepción e desenvolvemento dunha primeira vez) do decorrer dunha corporación.
Por diversas causas, entre elas o traballo necesario, a experiencia non se repetiu ata o momento. En cambio, nestes tempos temos as novas de prensa. Novas nas que esta fin de semana pasado apareceron os alcaldes facendo un balance... do seu propio recorrido.
Coido que hai unha diferencia.

20170512

Por que?

Sigo sen explicarmo. Onte houbo pleno. Entereime a auga pasada, despois de estar mirando día a día o taboeiro de novas do concello. Nada. Non vin ningunha referencia a que onte ía haber un pleno, algunha posibilidade de enterarme de que ía, que se ía tratar... Remato de repasar os títulos das novas das últimas dúas semanas. Das más recentes ás máis antigas, aín van os títulos:
Desprendemento en Mirasol
Apego
Apicultura
A media asta
Bandeiras azuis 2017
Obradoiros de swing
Plan único
Audicións da EMMeD
II Heroican Race
Situación económica
Exposición en Turismo
E así chegamos a hai dúas semanas...
Hai que dicir que na nota titulada 'situación económica' facíase propaganda das bondades actuais da economía do concello e tamén, ó comezo, dicíase que ía ser motivo do próximo pleno ordinario. Si, o de onte. Mais en ningures se citaba día, hora ou orde do día detallada.
Hai tempo que deixei de ir sistemáticamente ós plenos, en parte porque cada vez eran máis móbiles e con menos aviso, partindo dunha situación na que os plenos ordinarios teñen un día asignado. Nestes últimos anos (poñamos, os 5 últimos) a porcentaxe de plenos celebrados no día asignado por defecto aproxímase a 0. E a de plenos que foron avisados con máis de 24 horas na web do concello non chega nin de lonxe ó 10%. Iso si, notas posteriores da alcaldía de como tería ido, segundo a súa opinión, o transcurso dos plenos, cobren a práctica totalidade dos plenos ordinarios ou extraordinarios.
Así pois só podo tratar hoxe algún detalle do pleno de onte, que me chega de man de terceiros, ós que llo agradezo. Foi así como me enterei de que nos tratos en relación á illa Pancha, despois do informe do Defensor del Pueblo e de o concello botar balóns fóra pedindo informes á Xunta e a Portos, responde a Xunta (Urbanismo, non medio ambiente) que o pedido é competencia da autoridade portuaria. E a autoridade portuaria, 'xa lles contestaremos'. Algo que polo momento non foi comunicado ó grupo que, aló por febreiro, informou ó concello da resolución do Defensor e pediu medidas. E tamén que o secretario lle lembrou ó alcalde que xa consta documentalmente a perda de eficacia da comunicación previa á comunicación da actividade na illa. Isto é, que os apartamentos deixan de estar autorizados provisionalmente e polo tanto, téñense que clausurar. Debían estar xa utomáticamente clausurados (aínda que non está claro se foi cursada a orde).
É dicir, pouco a pouco, todas as irregularidades non teñen outro remedio que ir saíndo e causando efecto. Onte o xornal El Progreso xa adiantaba algo do que poño máis arriba, misturado coa nota de prensa de Por Nuestro Faro en relación ó escrito presentado no concello que colguei tamén onte. orque está claro que, sen ser técnicos nin dispoñer acceso debido a información, o grupo vai empurrando para que quen si dispón de técnicos e ten a información se mova, e informando á cidadanía, que vai collendo conciencia de que un ben de todos está sendo tratado como se non fora común.

Abro un xornal en internet e sorrío. Polo momento, non fala do pleno de onte, pero recorrendo as novas atópome unha foto do alcalde apartando ramas de eucalipto recén cortadas no Costal e outra, en medio do desprendemento no vial por fóra da verxa de Mirasol, inspeccionando o cantil. Para cando unha foto semellante na illa Pancha?



20170511

Os límites de Ribadeo

Hai uns dez anos que teño escrito o que segue, unha pequena divagación sobre Ribadeo e o seu entorno inmediado, e polo tanto, tamén sobre o noso entorno. Hoxe, repasando vellas cousas, atopeino. Aí vai en dous formatos:

Límites

Cales son os límites de Ribadeo? Calquera foráneo que mire un mapa poderá dicilo: nomeándoos polo que hai máis aló, Ribadeo limita con Barreiros e con Trabada. Para moita xente, abondará con eses límites. Iso non obsta para que, a pouco que se colla un mapa máis amplo, por exemplo, poda (e podamos) ver que limita con Asturias. Distinguindo, co concello de A Veiga. Chegamos así a un primeiro 'Asturias (o máis aló) existe!' que pode ser administrativo ou con outro sentido, pero non deixa de ser certo, e ser un límite, Eo polo medio. Especifico o de Eo polo medio: nos casos dos límites internos a Galicia, os ríos ou promontorios que nos separan son máis tenues, menos separadores que o gran río.
Claro que, quedándonos con eses límites, teriamos unha grande falla: a ría de Ribadeo desaparecería do mapa. Así, pois, sigamos incorporando beiras, limitando: Ribadeo limita con Castropol. Si, os setecentos metros que separan os peiraos das dúas capitais de concello son de ría, a ría de Ribadeo. Pero Ribadeo non limita coa ría: limita con Castropol na ría. É algo que debe quedar claro, pois a ría é compartida e non propiedade de Ribadeo, aínda que non me quede claro de todo o vencellamento continuado dese espazo de xeito a partir da célebre disputa entre Bispos por terra e muller. Así pois, unha volta claro que a ría é de todos e polo tanto, non é fronteira (*), senón en todo caso, posibilidade de unión por medio da comunicación que resulta de sucala, continúo.
Indo máis aló, afondando nos límites, ó norte do concello diriamos que Ribadeo limita co Mar Cantábrico. Se nos lembramos do nome dunhas célebres xornadas (célebres ao menos entre nós), 'Mar por medio', os que vivimos por esta banda sabemos que o mar non limita, a pesares dos cantís que fan de contención da auga (ou da terra), e que dende o mar poden ser vistos como un auténtico muro, unha fronteira. Pero xa hai tempo que os mariños da terra e os comerciantes capitaneados polo Marqués de Sargadelos nos ensinaron que iso do límite mariño é algo difuso. Podemos dicir con máis xeito que Ribadeo limita con co sur de Inglaterra, ou coa Bretaña, por exemplo. Está claro que, mar por medio, Ribadeo limita con calquera outra costa de mar aberto: é o límite máis amplo dos enunciados, e non o digo polos recortes, entrantes e saíntes, furnas e covas, que forma o litoral, senón porque xeracións anteriores de ribadenses fixeron posible a comunicación a traverso do mar e puxeron os límites de Ribadeo mais aló, moito máis aló dos cantís de Augasantas.

Pero estes novos límites, extensos, lévannos a pensar un pouco máis aló, a outros, e desta volta, descoñecidos ou desconsiderados: o primeiro, cara abaixo: pouco sabemos deses límites, que nos describen os xeólogos e que podemos ollar nas canteiras da Devesa ou nas covas do litoral. En calquera caso, non considerados, non citados como límites, esquecidos como tales. O segundo, cara arriba, o ceo infinito aberto á comunicación e á imaxinación. Lugar sucado ata hai moi pouco só por poetas, novelistas, pintores, ... que fai limitar Ribadeo coas estrelas. Este é o límite máis incógnito e ó tempo, sempre o máis achegado. Un límite que non pecha, senón que se deixa aberto. Un límite que fai de fronteira e, ó tempo, que nos permite albiscar máis aló, ó infinito. O único límite de verdade que debe ter Ribadeo, ou, ó menos, os ribadenses.

Antonio Gregorio Montes

(*) Sobre fronteiras, que poden ser moi diferentes a límites, un traballo de hai uns anos de Suso Fernández Acevedo, titúlase así.