20170123

ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA. Francisco José Campos Dorado


Na rúa Atalaia, situada o fondo da rúa Trinidad, nunha casa pintada de cor marelo escuro, onde viviu o ben recordado veciño Manolín de Peruxo e súa dona Dª Maruja Mir, na fachada principal está este deteriorado escudo español (foto supra) e case destruído, que pola forma dos cortes transversais na bordura e nos marcos de división, así como nas figuras, parece que foron golpes de cicel ou de alcotana dados adrede, non sabemos por qué, pero quizais nalgún episodio do reinado de Carlos IV (1788-1808), de José I (Pepe Botella) (1808-1813) ou de Fernando VII (1813-1833) relacionado coas brutalidades vandálicas e sanguinarias habidas en Ribadeo durante a Guerra da Independencia (1808-1813). As figuras representan armas dos Valledor (ver outros Balledor de Ribadeo en La Comarca del Eo, 14-Xaneiro-2017 e en Ribadeando) e está timbrado cun casco de fidalgo de tres liñas paternas e maternas, situado de perfil mirando a destra, visera aberta levantada, e a parte inferior baixada, véndose moi malamente tres grilletas correspondentes a súa liñaxe de tres liñas. O conxunto, casco e gola, está claramente desprazado un terzo, cara o cantón sinistro do xefe ou parte alta, sobre a filiera ou bordura diminuída do contorno. O adorno exterior consiste nun penacho de dúas plumas sobre o casco e uns sinxelos e curtos lambrequines que caen lateralmente a ambos flancos do campo. Está datado no ano 1774, gravado na esquina destra baixa da pedra armeira.
Este escudo da Atalaia descríbese como: cortado de dúas liñas e semipartido de outras dúas. O campo esta cuartelado en sete cuarteis: tres en xefe, tres en faixa e un en campaña (parte baixa ou punta, tanxente o borde inferior e dun terzo da altura do campo). Os mobles ou figuras do seu campo, están moi desfeitas e case indescifrables, pero neste caso, temos a gran sorte de poder valernos para a súa identificación da gran profusión de armas que presenta o magnífico e ben conservado escudo da Casa dos Valledor de Castropol (foto baixo), pois ambos escudos parecen ser de familias con parentesco de consanguinidade.

Pormenorizando ámbolos dous, atopámoslles unha moi curiosa semellanza: Os seis primeiros cuarteis do escudo da rúa da Atalaia, teñen as mesmas figuras simples (armas puras) que os tres primeiros cuarteis do escudo de Castropol onde se presentan as figuras dobres (labras matrimoniais da familia).
Vexamos. No primeiro cuartel do escudo da rúa da Atalia, aparece unha árbore. No primeiro cuartel do escudo dos Valledor, na parte alta, tamén aparece unha árbore e na parte inferior do mesmo cuartel, un home e un can perseguen a un oso pasante a sinistra perto dunha árbore sinistrada. Pois ben, no cuarto cuartel do escudo da Atalaia, moi desdebuxado, aparece tamén un oso pasante a sinistra. As demais figuras, si acaso as houbera, están irrecoñecibles.
No segundo cuartel do escudo da Atalaia, recoñécese moi desfeito, un soldado con lanza á sinistra, e parece como que o brazo dereito téñao levantado. No segundo cuartel do escudo de Valledor, na parte alta, aparece un cabaleiro con espada envaiñada a sinistra que pasa por detrás da figura e a punta saíndolle por destra e está empuñando coa man destra unha lanza alta (vertical coa punta arriba). Na parte inferior un castelo con tres torres, e da central de maior tamaño ou de homenaxe, sae o corpo dunha aguia coas ás despregadas. No escudo da Atalaia, no quinto cuartel vese claramente unha torre donjonada con torre de homenaxe e percíbense as ás dunha gran aguia. Parecen ser as primitivas armas dos Alvarado (familia que aparece implicitamente en Ribadeo, como veremos nun próximo artigo, no escudo da Capela de Ánimas e da Virxe do Carmen da igrexa parroquial de Sta. María do Campo), pero tamén puidera ser o brasón dos Moure ou dos Artaza (apelido vasco procedente de Górliz, Bilbao). Faltan os esmaltes para precisalo.
No terceiro cuartel do escudo da Atalaia, tamén moi desfeito, unha flor de lis surmontada dunha estrela (unha lis de ouro superada dunha estrela de prata) que son armas puras dos Valledor. No terceiro cuartel do escudo dos Valledor (foto 2) hai unha flor de lis surmontada dunha estrela de oito puntas, e na parte inferior, un home remexe o contido dunha caldeira o lado dun estandarte ou insignia militar de dúas puntas ou zarpas, fincada no chan. No sexto cuartel do escudo da Atalaia, tamén aparece, bastante recoñecible, un home corpulento con ampla “falda” que porta, ou remexe, unha caldeira coa man destra e a súa sinistra hai unha oriflama de dúas puntas fincada no chan. Estas figuras, parecen ser moi propias dos Valledor, reflectidas tamén nas dos escudos dos Balledor de Ribadeo descritas no artigo “Casa Brasonada da Rúa da Atalaia” publicado en La Comarca del Eo do 14-Xaneiro-2017. (Nota: a grafía “Balledor”, aparece no escudo que había na rúa Buenos Aires de Ribadeo e “Valledor” no escudo de Castropol. Ambas parecen ser a mesma palabra: “bale” ou “val”, pero etimoloxicamente o seu significado podería cambiar, pois mentres un significaría: “a persoa que ampara ou auxilia a outra” (baledor, valedor), outro sería: “val do ouro” (Balledor, Valledor, Valadouro). Sería caso de estudio dun lingüista.
Na campaña ou sétimo cuartel do escudo da Atalaia, vese claramente á sinistra do escudo unha torre ameada donjonada cunha torreciña de homenaxe (que ten outra pequena torre sobre dela, que representa a casa onde vivía o señor). Está cargando sobre o que parece unha gran asta de bandeira inclinada a destra, e situada sobre algo grande (unha roca, un penedo, un terrasado). Estas figuras semellan ser armas dos Lavandeira de S. Xulián de Sante, Trabada (en campo de azur unha torre de ouro da que sae unha bandeira de azur sobre un terrasado de sinople (unha figura de cor verde, que representa o chan). Pero puideran ser armas dos Xusto emparentados cos Malvar e cos Acuña (en campo de ouro, unha torre de gules, da que sae unha bandeira de gules, inclinada cara o cantón destro do xefe). A torre está adestrada dun contorno desfeito, no que parece verse un home totalmente tombado no chan e outro de pé con adarga no brazo esquerdo e espada no brazo dereito levantado como para ir asestar un golpe; unha escena parecida a do escusón dos Valledor (foto2).
Na campaña do escudo da Atalaia as figuras dan pé a variadas interpretacións xenealóxicas, das que procuramos encontrar a máis probable, aínda que, ó mellor, non sexa a máis acertada. D. Juan García Lavandeira Miranda, de San Xulián de Sante, en 1702 está casado con Dª Antonia Bermúdez Santiso, filla de D. Juan Bernardo Lavandeira Santiso e de Dª Jacinta Bermúdez Santiso, empadroados como nobres en Sante e en San Juan de Piñeira de 1702 a 1759. Seu fillo D. Manuel Lavandeira Miranda casa con D. Antonia Bermúdez Monjardín e Lastra, de Santo Estevo de Piantón, empadroados como nobres desde 1750 a 1802 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José S. Crespo del Pozo, Volumen III, páx.151)
O escudo da rúa da Atalaia, non ten máis cuarteis que describir, pero no escudo dos Valledor de Castropol hai varios máis, que pasamos a completar por non deixalo a medias. No cuarto cuartel,vense dous lobos andantes a sinistra en pau, sobre unha arbore entre aspas. Semellan as moi antigas armas dos Crú(z) Montenegro de Barragáns de Pontevedra.
O quinto cuartel, un escusón das armas dos Ybias, con bordura na que se pode ler o lema: “YBIAS YBIAS (en xefe); DIOS (flanco sinistro); ME A (en punta); YVDE (flanco destro) (“YBIAS, YBIAS DIOS ME AYUDE”) intercalado entre oito aspas. As figuras do brasón son: en xefe, un torreón redondo de dúas ameas, sinistrado dunha figura posiblemente unha brisura, e en punta, un cabaleiro armado na man destra cunha espada ou cun látego que serpentea no aire a súa sinistra, en cuxa man porta unha adarga e está atacando a outro home case derrubado (sentado) no chan que se escuda do ataque cunha adarga na dereita e na esquerda apoiada no chan, rende o que parece unha espada desenvaiñada. O lado destro do cabaleiro en pé, hai unha estrela, posiblemente brisura correspondente o brasón dun fillo terceiro. Na Heráldica, o escusón representa o corazón do escudo, e era unha peza que concedía un soberano por algunha fazaña merecente dun brasón que cargue sobre o todo (como parece neste caso). Anotemos, como curiosidade, que algunhas veces, o escusón era un distintivo amoroso, pois a miúdo nos torneos ou lizas, o cabaleiro colocaba no centro do escudo unha sinal ou unha cor distinta que só podía ser comprendida pola dama por quen suspiraba (Ciencia del Blasón Código Heráldico Histórico, D. Modesto Costa y Turell, 1858)
No sexto cuartel dos Valledor de Castropol, unha torre redonda de cinco ameas, donjonada doutra torre de homenaxe tamén de cinco ameas, a cuxo arredor hai sete anilletes, un surmontando ámbalas torres, tres e tres en flancos e un máis dentro do portalón da torre baixa. Son armas dun brasón descoñecido, quizais dun quinto fillo con anillete na brisura.
No sétimo cuartel do escudo de Castropol, na parte alta do xefe, hai unha figura quimérica alada. Poden ser armas de Reboreda ou o grifo alado dos Arriba que esta botándolle a pata destra a un home encarado que empuña un látego que arrastra polo chan. Abaixo un aguia volante ou de ás estendidas, mirando a sinistra, que puidera ser dos Aguiar ou dos Pardo.
No oitavo cuartel da campaña partida (cantón sinistro da punta, foto 2) hai unha torre mocha (sen nada encima) con catro lanzas altas (punta arriba), dúas a cada lado do portón (parece un dos variados brasóns das armas dos Lanzós). Esta torre está superada por unha ponte de tres ollos, en cuxo centro hai unha árbore acompañada en xefe por dúas aspas (semellan parte das armas de Piñeiro de Ulloa, marqués de Bendaña. Quizais os apelidos “Piñeiroa” e “Piñeyrúa” sexan a contracción de Piñeiro de Ulloa ou de Piñeiro y Rúa, e este brasón sexa o que lle corresponda a tal liñaxe de carpinteiros de ribeira, algúns deles construtores de barcos de madeira no estaleiro da Liñeira durante o século XIX).
Ó noso parecer, o escudo da Atalaia é de anterior factura que o de Castropol, por estar cuartelado cos brasóns individuais dalgúns dos membros da familia nun determinado momento da súa historia, e o de Valledor de Castropol xa son as labras dos brasóns matrimoniais. Temos que ter en conta que era moi frecuente entre familiares de reis e nobres a endogamia ou matrimonios entre persoas dunha mesma liñaxe (primos carnais e segundos entre si, tíos e tías con sobriños, etc.). Esta era unha costume moi antiga que xa practicaban os hebreos, os faraóns de Exipto, os Incas do Perú ou os aztecas de México, con obxecto de conservar a “raza de pura sangue azul”. Hoxe practícase entre algunhas familias das altas finanzas, quizais máis por motivos de confianza e afinidade de raciocinio, que “de casta”.
Na Chancillería de Valladolid hai varios preitos dos Valledor de Asturias. En 1607 aparece un preito entre D. Arias González de Valledor y Navia xunto con Dª María Barrio, viúva de D. Diego Fernández no concello de San Antolín de Ibias (Asturias) contra de D.Juan Álvarez del Aguila, D. Pedro de las Losas e D. Pedro López, herdeiros de D. Gonzalo Pérez // En 1656, preito litigado por Pedro García de Presno con María Pardo de Ulloa, viuda de Pedro Fernández de Valledor, veciños de Castropol // En 1698 preito litigado por D. García-Manuel Valledor y Presno, señor das casas de Presno, veciño de Castropol... etc.
O escudo da rúa da Atalaia carece de lema, pero na bordura alta dos Valledor de Castropol, podemos ler: “EL SOLAR DEL VALLEDOR ES ANTIGVO I DE GRAN VALOR”. Lema algo mais curto do que describía o escudo da Rúa Buenos Aires de Ribadeo: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO”. O dicir ambos lemas do “SOLAR”, e máis probable que Balledor, Valledor, queira dicir Valadouro, do latín “Vallis” ou “valles” (feminino) ou simplemente se refira a “Casa Solar ou Solariega”, aquela máis antiga da familia onde se mantén ou mantivo a liñaxe noble.
Por outra banda, e tamén como curiosidade, vemos que hai unha gran semellanza entre o adorno exterior do escudo dos Valledor de Castropol, e o adorno do escudo da Casa de Agrelo da Rúa Trinidad, antigo Colexio das Monxas da Caridade, sobre todo, na similitude da figura do sostén: “con bodoques”, que posiblemente foran feitos na mesma época, a primeiros do século XIX, posteriores a 1774 factura do escudo da rúa da Atalaia. Quizais ámbolos dous fosen realizados no taller dos mesmos artesáns e ¿quen eran estes artesáns do precioso e prezado arte de labrar a pedra e onde tiñan o taller?
¡Moitas incógnitas hai na Historia dos habitantes destas preciosas Terras de Ribadeo...! ¿por qué? ¿está oculta a sabiendas e non se da a coñecer porque “non interesa”?

Ningún comentario: