20170213

ESCUDO DA QUINTA DA VILAVELLA. Francisco José Campos Dorado


Este magnífico escudo de armas, único no Concello de Ribadeo polo seu deseño: cuadrilongo, apuntado en xefe, redondeado en punta e ensanchado na parte superior, característica dos escudos de estilo inglés (Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro -C.S.I.C.-, Hidalguía, Madrid 1961, páx.113), estaba situado antigamente na fachada da casa da Quinta da Vilavella, coñecida como a Casa de Gallardo, por ser os membros desta familia os que levaban ou arrendaban a propiedade, alpendres e casa, antes de ser demolida para facer a rotonda e a estrada de circunvalación de Ribadeo, Vilavella- Piñeira.
Situación da casa, esquerda da foto, centrada (sinal triangular azul). Costas, 1991. http://fototeca.cnig.es/

Carece de timbre e de adorno exterior o campo, non está datado, pero si poden lerse na cartela os nomes dos brasóns da súa orixe. Segundo se mira, na parte alta esquerda “AGVIARES”, na destra “VIVERO”, abaixo esquerda “MARQUESES” e abaixo dereita “TEXEIROS”.
Esta cuartelado en cruz ou en catro cuarteis, e antes de continuar a descrición de cada un deles quixera apuntar a diferenciación que existe entre brasóns e labras. En Heráldica o “brasón”, son as armas lexítimas dun cabaleiro ou dunha familia recollidas nun memorial ou pergamiño, e son únicas para cada liñaxe, pois son armas herdadas dos seus antepasados. En cambio, a “labra”, é a reprodución heráldica nunha pedra, xeralmente fincada na parede dunha casa, dun edificio ou gravada na lápida dunha sepultura, e sole agrupar no mesmo contexto artístico varios brasóns diferentes. Isto converte á labra, nas Armas dunha Casa, que son unha sucesión de liñaxes unidos por lazos de consanguinidade e afinidade, que ó longo de xeracións moraron en determinada vivenda (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria, Proyecto Galicia, Tomo LIV, Baixa Idade Media. Cap.1: Descrición e identificación de pedras armeiras).
Por outra banda, debemos facer notar, unha vez máis, que na descrición heráldica, a esquerda e a dereita, son a esquerda e a dereita do cabaleiro que empuña o escudo, ambas contrarias a man do observador que está en fronte mirando cara a el.
No primeiro cuartel, vemos unha labra que representa, a destra, unha aguia coroada e espraiada (de ás estendidas ou volante) sinistrada (que ten a esquerda) dunha torre donjonada cunha cúpula rematada dunha gran cruz, en cuxo brazo ou hasta vertical ondea unha bandeirola de dúas zarpas ou puntas (un estandarte de “dragóns” ou de infantería e cabalería lixeira). Cargadas na torre e apoiadas unhas noutras, hai catro e tres lanzas, e no chan, en primeiro plano cinco ou seis pirámides pequeniñas.
O conxunto da torre con cúpula, remate da cruz e bandeirola, lanzas e pirámides, parece a escena dun campamento cristián en Terra Santa, onde a torre ameada con cúpula é típica de Xerusalén e as “pirámides” ou roquetes (figuras triangulares) simbolizan pequenas fogueiras ou as tendas de campaña dos soldados, así como, as lanzas parecen estar estibadas no campamento para ser usadas inmediatamente en calquera momento de alarma xeral ou de “zafarrancho” de combate. Co marxe de dubida correspondente, parece a labra de dous brasóns enlazados, por un lado, dos Aguiar (en campo de azur un aguia parda, volante, coroada e armada de ouro (armada = “coas garras” de ouro, metal distinto á cor do corpo) e por outra banda, as lanzas están labradas de forma tan evidente, que puideran estar falando de armas dos Lanzós. Menos probable é, que as lanzas sexan estacas para construír unha empalizada pois están aguzadas, o que entón serían armas dos Valcarcel. De calquera das maneiras, ambos brasóns están unidos por consanguinidade matrimonial ou de herdanza, ou por lazos de fraternidade entre cabaleiros, que como parece ser, foron xuntos as Cruzadas entre o século XI e XIII.
No segundo cuartel, un soldado de infantería mirando sinistra, armado con alabarda en posición de ataque ou de defensa, pasante (que vai andando) por detrás dun escudete similar ó principal, con cinco barras que non completan o recheo do campo, e sinistrado de tres árbores folladas sobre montículos e ondas de auga. As barras do escudete parecen armas dos Varela ou dos Villarmeá (Heráldica, Genealogía y Nobiliaria, Proyecto Galicia, Tomo LV), e as árbores folladas sobre montículos e ondas de auga son armas dos Vivero ou dos Fajardo (P.Gándara, Armas y Triunfos, 1677). No escudo partido das armas do apelido “Lugo”, de D. Sancho Romáiz de Lugo, constan estas armas primitivas dos Fajardo na primeira partición, e na segunda partición outras dos Vivero (unha cruz angulada de catro espigas de ouro) armas que gañou na batalla das Navas de Tolosa, 16 de Xullo de 1212, ás ordes do rei Afonso VIII contra as tropas do exército almohade de Miramamolín.
No terceiro cuartel, en xefe, un lis centrado e no cantón sinistro un crecente ranversado algo tornado (coas puntas cara abaixo e un pouco mirando a destra) superando catro estrelas de seis puntas, a central no interior do crecente é máis grande cás tres adxacentes (parecen ser do brasón dos Luaces de Viveiro). Na figura central un home con vestimenta folgada en cuxa “camisa mulida” leva recosida unha cruz en relevo, pantalón ancho e “bombacho” e calza botas ou polainas. Na man dereita porta un paxaro e na cabeza leva un gorro de pel de furón ou de esquío. ¿Está o furón ou o esquío vivo sobre a súa cabeza?. Mais ben parece estar vivo, pois apréciase que ten o rabo gordo levantado e parece ter o ollo aberto. A sinistra un can levantado e acolarado (con colar o pescozo), parece xogar coa man esquerda do home. A figura do home está cargada (sobre ou por diante) do que parece un arado romano, cuxa rella asoma pola súa dereita e pola sinistra aparece a rabela ¿apoiada nun soporte vertical?.
Os motivos que aparecen neste cuartel son un misterio, debido a fantasía de quen os escolleu, e por faltar o memorial do brasón, polo que só trataremos de interpretar o sentido representativo das figura ou pezas que vemos. O home parece ser un amante dos animais e semella estar entretido facéndolles festas ou amestrándoos. A súa indumentaria de campo denota unha profesión, como a de “montero”, pero neste caso, faltan as bucinas ou trompetas de caza que ó representan na Heráldica, polo que, máis parece ser un “alimañero real” (de aí, a concesión deste brasón do que parecen “armas cargadas” ou de mercé dun soberano). O alimañero, era quen se encargaba de cazar os animais que prexudicaban “o deporte” da caza menor, utilizando animais amestrados como o can ou o furón, e preparaba reclamos artesanais dunha ou doutra arte, como a triquiñola do paxaro na man, para atraer e atrapar os bexatos vivos que mataban as pombas, para logo adestralos para o arte da cetrería. O lis pode representar á flor do lirio ou ser imitación dunha abella, insecto de onde provén a confusa orixe do xeroglífico do lis (Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, 1853, páx.104).
No cuarto cuartel, á destra unha árbore (un teixo) cargada dunha torre adxurada (con porta e fiestras abertas) baixo a cal se ven as raíces da árbore, e a sinistra unha aguia coroada, de ás espraiadas e “escamada” no centro do corpo. A árbore e a torre son armas dos Texeiro. Noutros brasóns das armas dos Texeiro, soamente está a árbore á destra, e sinistrada dunha torre surmontada dunha aguia de sabre (cor negro). Neste caso, a aguia vese como con “escamas” e parécese máis á do brasón dos Solarzano ou á dos Azebedo de S.Fernando de Tui, onde Dª Ana Azebedo y Vivero de Castañón vivía no ano de 1547.
O escudo, no seu conxunto, parece que representa unha labra familiar da casa de Dª María Marquesa Pardo Lanzós Aguiar e Montoto, dona e señora dos cotos de San Xulián de Cabarcos e Canedo, casada co capitán D. Pedro Bravo de Oyos e Solarzano, de Reinosa (Santander). Un familiar, D. Gonzalo de Solarzano foi bispo de Mondoñedo (1567-1570) e o seu escudo de armas esta gravado no claustro da catedral baixo un capelo (sombreiro de bispo) e dous cordóns caendo polos flancos do escudo, cada un con seis borlas. Durante o seu mandato, D. Gonzalo concedeu varios foros (contratos polo dominio directo dunha propiedade, pola que se pagaba unha renda anual) nas parroquias da bisbarra, un deles en Santalla de Vilausende en 1570.
Na Chancillería de Valladolid hai un preito que dura desde o ano 1498 o 1544 entre o Convento de San Francisco de Ribadeo, e D. Lope Díez Tejeiro, veciño de Ribadeo. Isto acredita a antigüidade da familia Texeiro en Ribadeo, ademais de darnos a entender un certo “status” ou posición social relevante, pois non cremos que calquera se puxera a preitear con membros da igrexa por aqueles tempos (¡e nin agora tampouco!)
Outros familiares deste escudo de armas son: O que foi señor do val de Cabarcos D. Pedro Pardo de Aguiar casado con súa prima, Dª María Osorio de Aguiar unha das máis nobres señoras do Reino de Galicia que vivía en 1556. Dª María era filla de Dª Mayor Basanta de Aguiar, señora da Casa-fuerte de Samarugo situada no monte Seivane da parroquia de Santiago de Samarugo (Vilalba). Dª Mayor, estaba casada con D. Pedro Álvarez Osorio, fillo do primeiro matrimonio de Dª Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela e de Dª Sabela de Castro) con D. Galeor Osorio. Dª Constanza casou en segundas nupcias con D. Fernán Ares de Saavedra, fillo de D. Arias Vázquez de Saavedra de Párraga e de Dª Constanza López de Saavedra.
Encontramos outros familiares, na antedita Chancillería, nun preito litigado en 1599, por D. Lope Ares Marqués, como marido de Teresa Pérez, veciños de Ribadeo, co cóengo (canónigo) D. Pedro Domínguez de Trabada, da mesma veciñanza, como titor de D. Pedro Rodríguez de Trabada, e D. Gonzalo Díez de Castropol e San Xulián, como marido de Dª Inés Pérez de la Vega, veciños de Castropol, sobre o testamento e herdanza de D. Fernando Álvarez de la Vega.
Outros parentes aparecen nun Expediente de Probas do cabaleiro da orden de Carlos III, D. Pedro de Viveiro Pardo Teixeiro de Aquiar y Reigosa de Chao, natural de Mondoñedo, Ministro do Tribunal da Contadoría Maior, Mordomo da Real Casa, Rexedor perpetuo máis antigo e Alférez maior da cidade de Mondoñedo; cabaleiro pensionista; Ano 1779.
¡Quédanos moito por descubrir e descifrar da Historia do noso querido Ribadeo! Pero, “A Deus rogando e co mazo dando”, dicía unha das máximas do Colexio dos Hermanos, pois non é cuestión de desesperar, senón de perseverar na busca entre tantas materias relacionadas entre si, e que requiren de moita paciencia para desentalingalas das áncoras que as manteñen fondeadas na “Dársena do Esquecemento”, pero que, sen ningunha dubida, son apaixonantes de estudar, e pouco a pouco irán aflorando...!

Ningún comentario: