20170316

O DEREITO Ó PÚBLICO


   Nos derradeiros días temos asistido a unha avalancha de publicidade en tódolos medios, destinada a insistir na inminencia dun hotel que leva sendo inminente dende hai dous anos. Esta morea de vídeos, artigos, especiais adicados á reconversión hoteleira dos faros españois e a asocialos á idea de progreso e confort, intervén no momento no que as obras do faro da Illa Pancha avanzan e vaise esgotando o último prazo que restaría dignidade e credibilidade ministerial a un proxecto que apostou forte coa imaxe da nosa illa e o seu faro-hotel. A publicidade 'oráculo' á que nos ten afeitos o programa 'Faros de España', como se un plan fora un feito consumado, tense visto incrementada dende que o Defensor del Pueblo deslexitimou de xeito público o proxecto de hotel no faro de Ribadeo, ó poñer ó descuberto todas as fallas do expediente. Certo que, aínda co peso desta institución e co valor incuestionable do primeiro estudo minucioso que ten sido divulgado sobre o tema, outras institucións parecen obviar -polo momento- esta realidade, e multiplican a publicidade co fin de afogar o impacto do Defensor en calquera que teña unha conciencia sobre o que debe ser un curso legal.
   En 'Por nuestro faro' temos insistido dende o comezo en todas estas cuestións que desbaratan un proxecto destinado a pasar deslizándose diante dos nosos ollos, facendo o mínimo ruído, e creando unha mínima resposta social. O defensor deunos a razón, e así o ten feito saber. Debera de abondar. Por iso quizáis debera estrañarnos -pero non nos estraña- que certas institucións decidan parapetarse nos seus propios intereses obviando as recomendacións baseadas en feitos reais e legais, pero todo é posible: conseguíronse sortear as carencias do expediente en cada paso do camiño, xugouse á información enganosa, e á desinformación de masas, dende o Ministerio co seu programa de reconversión hoteleira, ou Puertos co seu contrato de concesión, ata o concello de Ribadeo coa súa licenza a cegas.
   Somos conscientes de ter razón, e de contar co aval dunha institución independente, e iso non fai máis que reforzar a nosa determinación. Non obstante, todo o ruído xerado arredor destas cuestións estanos afastando da ofensa orixinal que supón instalar un hotel para uso privado nun enclave público, nun edificio emblemático, noso templo, e no noso propio xardín.
   A idea de luxo, de instante privilexiado, que non para de difundirse nestes últimos días, vai asociada á idea de exclusivo e de privado, de pagar polo que é noso ou, en caso contrario, de cerrarnos o paso. A idea que nos facemos do faro e da illa Pancha vai e irá sempre asociada á idea do público, non podemos pagar por entrar na nosa propiedade, nin nos poden impedir o acceso. Non se pode profanar un símbolo e convertilo nun emblema mercenario de cinco estrelas, non se pode. Nin un particular nin unha institución, erixirse en xestora dun ben patrimonial e natural e poñerlle prezo a un valor incalculable. É un sinsentido, e convén lembrar as bases deste principio tan evidente, por se algunha institución vinculada de xeito sentimental a Ribadeo decidira defender o dereito de todos os ribadenses, o dereito ó público. 'Por nuestro faro' vai seguir facéndoo.
Covadonga Suárez, do colectivo 'Por nuestro faro'

Ningún comentario: