20170417

NOTA DE PRENSA DO COLECTIVO POR NUESTRO FARO (20170410)


 Como saben os lectores, dende o pasado sábado, día 21 de abril, están abertos os apartamentos no Faro da Illa Pancha. Nada de hotel como se veu decindo perante varios anos. Xa temos escrito dabondo da tramitación dun expediente trufado de irregularidades, como o deixou ben claro o Defensor del Pueblo no seu informe do 16 de febreiro, que tamén suxería a paralización das obras. Cáseque dous meses despois a Autoridade Portuaria da a calada por resposta, a Xunta de Galicia non sabe non contesta e o concello de Ribadeo –terceiro en concordia- deixa a decisión aos anteriores e lávase as mans. Do compromiso do Sr. Alcalde (26.11.16) de non dar a licencia de apertura se non se autorizaba o uso público da illa nunca mais se soupo.
 Folga suliñar que o colectivo “Por Nuestro Faro” vai seguir traballando ata conquerir que o faro sexa un espazo de uso público e denunciando tódalas eivas que deron paso á concesión da licencia para un hotel que ficou en dos apartamentos privados. Agora está pendente o seguimento polo “Defensor del Pueblo” das respostas ao seu informe e mesmo do noso escrito que ampliaba as primeiras denuncias. Por certo, damos conta de que nas últimas horas estanse presentando numerosas solicitudes de ingreso no noso grupo (vinte na tarde do domingo).
 Seguindo cos mesmos obxectivos, no día de hoxe diríximonos á Autoridade Portuaria para solicitar unha copia do expediente ou resolución que xustificou nos anos sesenta o peche definitivo da porta da Illa Pancha. Esa decisión foi moi anterior á promulgación da lei de Costas (1988), á reforma da mesma (2013) e ao regulamento que a desenvolve (2014). Mesmo á reforma da lei de portos que tamén nos afecta é do ano 2011. Solicitamos unha copia íntegra do expediente para comprobar se se axusta á normativa vixente na actualidade, dado que en caso de non existir nengunha documentación porque fose unha orde verbal ou non axustarse á lexislación actual, exiximos que se aplique urxentemente o artigo 27, apartado 1 da lei de Costas que establece, con carácter preceptivo, o libre tránsito nunha banda de seis metros a carón do mar, cousa que non se cumple actualmente na Illa Pancha, dado que os veciños e visitantes teñen que quedarse na porta mentres os usuarios dos apartamentos teñen toda a illa ao seu dispor. Ainda mais, a Autoridade Portuaria, dacordo ca Lei de transparencia 19/2013 está obligada a facilitar esa información por ser de interés xeral e non formar parte das listaxes de exclusión.
 En conclusión imos dirixir este escrito á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e pasarlle copia ao Sr. Alcalde de Ribadeo, lembrandolle o seu compromiso de non dar a licencia de apertura se os veciños non tiñan libre acceso, como está a suceder ate o día de hoxe.

Ningún comentario: