20170510

Bandeiras azuis, bandeira negra

Din que as bandeiras azuis son un símbolo do bo estado das instalacións e protección da natureza en lugares que teñen que ver co mar. Coido que xa teño falado máis dunha vez sobre este tema, e axustado que unha entidade privada non pode garantir que o coidado da natureza sexa o representado por unha bandeira azul,  mais de calquera xeito, algo simbolizan. E Ribadeo remata de obter, un ano máis, varias. Coido que falta algunha das que se concederon outros anos (a do porto deportivo), pero estimo que o seu mantemento correspondería a outra entidade diferente do concello, o que leva a un trato aparte dese caso.
Unha das bandeiras azuis corresponde ó "sendeiro que discorre entre o faro da Illa Pancha e As Aceas". E aí ven o de bandeira negra. Bandeira pirata que se podería enganchar ó comezo da ruta despois do secuestro dunha illa de 10000 m2 por unha concesion de 500 m2. Unha illa que parece ser o segundo lugar máis visitado de Ribadeo e no que non se pode entrar a non ser que durmas alí a prezo de pazo. Despois, o camiño discurre á beira dunha prácida ría que está mesmo sendo rexerada en árbores autóctonos ó seu paso, tendo só en contra desa conservación ambiental e de servizo público o que as antes limpas augas e fondos de Porcillán se vexan agora emporcadas ó non haber a renovación mareal coa forza de arrastre que tiña antes ó estar incluído ese porto nunha rada cunha estreita abertura que agora se quere dificultar aínda máis para ganar unhas poucas prazas de amarre no porto deportivo.
Bandeira pirata, collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Pirate_Flag_of_Jack_Rackham.svg, no dominio público.

Ningún comentario: