20170606

ESCUDO DE ARMAS DA CAPELA DE SAN LÁZARO. Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas atópase na fachada Norte ou lateral esquerda da Capela de San Lázaro, segundo se mira desde a porta Oeste da entrada principal.
É un escudo español redondeado en punta e apuntado en xefe, posiblemente do século XIV ou anterior, que representa as Armas de Ribadeo. Unha chave lixeiramente en banda co paletón alto mirando a destra e o ollo baixo co interior redondo e o exterior cadrado e non redondeado ovalado como o do Escudo da Virxe do Camiño (foto 2). A chave está adestrada de cinco ondas de mar inclinadas. Esta inclinación “en banda”, úsase na Heráldica Militar e na simboloxía de xentes de guerra, desde o século XII, pois a banda, representa o tahalí, que é a tira de coiro que cruza desde o ombro dereito ao lado esquerdo da cintura, onde leva ou enfunda a espada o cabaleiro destro, que eran a maioría, pois o guerreiro zurdo leva o tahalí a inversa, do ombro esquerdo ó lado dereito da cintura.

Da Capela de San Lázaro, hai moi poucas noticias acerca da súa antigüidade, pero un dato seguro de que é anterior o século XVI, é que hai un inventario de pertenzas do ano 1555 (Ribadeo Antiguo, Francisco Lanza, páx. 254). Posiblemente, o edificio, estaba pensado, nun principio, como Capela do Hospital de San Lázaro, destinado principalmente á cura de leprosos. De aí que na Regueira, a súa situación estea estratexicamente pensada, xusto ó lado do Camiño de Santiago, por onde tantos peregrinos pasaban (e pasan), moitos deles “lacerados”, mancados e esmagados polos tantos días de viaxe, e emporcados polos barros e lameiras dos camiños medievais. Aquí, no Hospital podían curarse ou aliviar feridas máis ou menos ulceradas, cuxo mantemento hospitalario, debía correr a cargo do Concello, así como, as obras de “retexos” (de retellado) da Capela (Ribadeo Antiguo, páx.254). En cambio (ibidem, páx.254) se nos di que no ano 1844, se reedificou a Capela, grazas a piedade do presbítero D. Juan Rodríguez Quintana, “a fin de que non se escurecera tan loable antigüidade e poidan os fieis continuar cumprindo os seus piadosos votos”. Supoño que os fieis de S. Lázaro, e os que non somos tan fieis teremos que acordarnos de D. Juan, cando tratemos de preservar algunhas das nosas antigüidades, cousa que vexo bastante dificultosa de ensinar e inculcar as Autoridades “competentes”, pois hoxe, polo que estamos vendo, onde algún “señor” pon o ollo especulativo para facer negocio, alguén da Administración da licenza inmediata para poñer ladrillo, aínda que se destrúa o “sursum corda” do patrimonio público ou do privado con interés público, ou iso parece que levan infectado no ADN algúns individuos venais.

Sobre o percorrido do Camiño de Santiago que levaban en Ribadeo os peregrinos enfermos, da conta a toponimia da Parroquia de Ove, pois alí atópase o Barrio dos Malatos. Malato, malata, ven dos termos da linguaxe italiana, que significan: enfermo, enferma, sendo malattia: enfermidade. O plural en “s” de “malatos”, é debido a norma xeral do plural na linguaxe galega ou na castelán, pois os plurais italianos son: “malati”: enfermos (masculino), e “malate”: enfermas (feminino). Curiosamente na toponimia do Concello de Foz, atopamos “Malates” (pluralización en “s”, do xa plural italiano “malate”: enfermas).
Pero nos “Apuntes de Ribadeo” de Mendez San Julián, páx.42, nunha Acta do Concello de Ribadeo do ano 1550, faise a tradución de “malato” como “leproso”, cando se refire a unha muller chamada María Basanta “que por su aspecto era malata (leprosa) y no obstante iba a la iglesia y alternaba con los sanos, vendiendo pan y fruta con oprobio y deshonestidad de las personas sanas y el pueblo pidió que se la separase del trato de las gentes...”.
Por todo isto, seguramente, ó Barrio dos Malatos, era o lugar apartado a onde se mandaban hospedar ou a lavar o río os enfermos denunciados por lepra ou por enfermidades con úlceras que podían ser infecciosas e afectar os núcleos grandes de poboación. As magníficas augas do río dos Malatos, que desembocaba na Vilavella, foron desde moi antigo, usadas para lavar a roupa dos veciños do Concello de Ribadeo (hai fotos de finais do XIX con varias lavandeiras no río) e as augas da Fonte dos Malatos, ata o día de hoxe, son usadas para beber. Este manancial, “débelle o nome á malatería, fundada no século XIV pola Orde de San Lázaro” (As Fontes de Ribadeo, Alicia Sarmiento e Teresa Díaz, 2006, páx.45).
Outro vestixio da leprosería é a perfecta e antiga Cruz de Malta da fachada Oeste da Igrexa de Ove, emblema dos Cabaleiros Cruzados ou Templarios que na primeira cruzada do ano 1098 estando as ordes de Godofredo de Bouillón, tomaron por símbolo a mesma cruz que xa tiñan en Terra Santa os membros da Orden de San Lázaro de Xerusalén. Esta Cruz de Malta, máis grande e pometeada (con roeles nas puntas) podemos vela tamén na fachada Oeste da Capela da Virxe do Camiño, cuxa forma, a día de hoxe, utilízase para as cruces de condecoración dos membros distinguidos por esta Orde de San Lázaro de Xerusalén.
Por outro lado, este escudo de San Lázaro, formula un enigma máis ás primitivas Armas do Escudo de Ribadeo (Escudo de Ribadeo (I), tamén en La Comarca del Eo 20-08-2016). Observado detidamente, podemos ver que sobre a parte alta do paletón ó final da asta, hai unha pequena estrela de seis ou oito puntas (está moi gastada e vese mal, no debuxo está aumentada) e sobre as tres gardas (dentes da chave), percíbense dúas aspas. ¿Qué significan ou significaban estes símbolos?. A forma das gardas desta chave, tres dentes cadrados, parecen representar unha “xurisdición civil”, tipo das ameas das torres e castelos, e das coroas murais do poder civil, véxase a coroa do Escudo de Armas do Pazo do Xulgado de Ribadeo (La Comarca del Eo 1-Outubro-2016). Si son armas de “xurisdición civil”, ¿como é que están nunha Capela e non nun edificio civil? ¿Foi trasladada esta pedra armeira da fachada do Hospital de San Lázaro para a Capela o día que se derrubou aquel?. Puidera ser.
As chaves de “xurisdición eclesiástica”, bastante claramente nolas dan a entender as gardas da chave da Virxe do Camiño (foto 3), cuxo escudo parece tanto, ou algo máis antigo que o de San Lázaro, e presenta unha chave cun paletón moi particular, pois ademais de ter antes da asta, dous entalles, un arriba e outro abaixo, as gardas forman un oco coa figura dunha cruz cadrada (de brazos iguais). A cruz do oco, da a entender que é unha “chave pontificia”, isto é, pertencente o poder do Papa, que neste caso, estaría representado e baixo a xurisdición dun bispo (Escudo de Ribadeo (I), La Comarca del Eo 20-08-2016). Por outra banda, a chave, cremos que si tivera esmaltes, debería ser de prata neste brasón da Virxe do Camiño, debido a que as dúas chaves pontificias en aspa, da insignia papal, a da destra é de ouro, o que significa o poder sobrenatural que se estende o ceo, mentres que a sinistra é de prata, e representa o poder sobre os fieis da súa igrexa (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Curso de Licencia, Madrid 1961, páx. 176). Como o bispo de Ribadeo, exercería o poder sobre os fieis e non un poder sobrenatural estendido o ceo, por iso cremos que a chave é de prata. ¡Pero, ¿quen sabe...? o mellor, pode haber outra opinión, e debera ser unha chave de ouro pois o Papa delega o seu poder ós Bispos, e tamén nós pensamos, que “de Ribadeo o Ceo”...! En fin!
Á vista de todo o exposto, ¿será por isto, do traslado do Hospital á Capela de San Lázaro, polo qué o escudo se colocou nunha fachada lateral da Capela, cara o Camiño, e non no frontispicio ou fachada dianteira principal do edificio?. ¿A estrela e aspas do paletón da chave, terá que ver cunha distinción ou graduación militar de Comandancia que ostentaba o xefe ou administrador do lazareto? Eu non creo que sexa unha estrela de graduación militar, máis ben paréceme que ten que ver coa simboloxía heráldica baseada na lenda daquela estrela que se “pousou” para anunciar o lugar en que se atopaba a sepultura do Apóstolo Santiago no seu descubrimento, e cuxo símbolo debeu servir como marca do Camiño nos primeiros séculos da peregrinación a Santiago, antes de adoptarse a cuncha de vieira para dita sinal. ¿E por qué está colocada na punta da asta da chave e non no campo libre como no escudo actual de Ribadeo?. Dado que o significado da simboloxía antiga gravada nas pedras, é algo esotérico e oculto en misterios para ós que non estamos iniciados, podemos soamente aventurar unha interpretación comprometida, de que como Ribadeo é porto de mar, era un primeiro punto (Norte) por onde se entraba por mar na Gallaecia ou no Reino de Galicia, morada do sepulcro de Santiago, asemellando así o significado do porto coa punta da asta da chave que tamén é a parte primeira da chave que entra na cerradura.
Sen dúbida estas preguntas fágoas soamente por curiosidade, pola inquietude de establecer conclusións, por encontrar coñecemento nos recunchos da tradición. Como di a frase daquel autor anónimo: “Solo quen ten o poder de asombrarse pode dar un paso adiante entre tantas incógnitas”, e a nós podería levarnos a formular moitas preguntas máis, razóns non nos faltan.
Como sabemos, os Hospitais de San Lázaro, ou lazaretos, foron creados por primeira vez en Francia polos Cruzados que volvían de Terra Santa no século XII, e estaban destinados a coidar a todos aqueles que presentaban enfermidades con úlceras na pel. Así que, a Capela e o Hospital de San Lázaro de Ribadeo, tamén poderían datarse de finais do século XIII, cando S. Francisco e algúns discípulos (¿todos italianos?) pasan por Ribadeo en 1214, camiño de Santiago, e fundan o Convento de San Francisco e ¿por qué non puideron tamén fundar unha leprosería (malatería) que como podemos corroborar a día de hoxe aínda conserva os nomes italianos “malatos” e “malatería”, e non o de leprosos e lazareto?
Por outro lado: ¿como é que o Camiño de Santiago pase pola Regueira o lado da leprosería, que se supoñía era o lugar a onde se levaban ou ían os enfermos infecciosos, e non pase, como seu nome “parece indicar” pola Capela da “Virxe do Camiño”? ¿habería en Ribadeo, nun principio, un Camiño de Santiago para a xente que desembarcaba na cala e praia de Guimarán, ou na dársena de Porcillán, cunha senda para a xente sa, e outra cun desvío ó lazareto para os enfermos (malatos), onde se curaban ou aliviaban da lepra (daquela chamada “mal de San Lázaro”)? ¿Había no Barrio dos Malatos algunha casa, pousada ou establecido un lazareto onde se lles facía gardar “corentena” os peregrinos “lacerados” para ver si estaban infectadas de lepra as súas úlceras, e non propagar a infección polo Camiño?
Nós non chegamos a indagar tanto, pero queremos deixar preguntas sen contestar ante tantas particularidades das reliquias coas que nos atopamos dando unha volta polos Barrios de Ribadeo, pois desde pícaros pasamos “mil veces” polo lado delas e nunca chegáramos a ver o que agora relatamos.
Non quixera esquecerme de dicir de que detrás da rexa imaxe de San Lázaro, vese que hai algúns trazos facendo un rectángulo dunha pintura mural tapada polo caliche e que parecen non ter interés patrimonial ¿ou si o teñen?, ¿sería cousa de restaurar a pintura do fornelo do Santo?
Desde aquí darlle as miñas máis expresivas grazas o veciño e amigo Julio Méndez Rodríguez, dono do comercio de pícaros, bebés e lencería MENFER do lado da Praza de Abastos de Ribadeo, quen pasou toda unha tarde comigo, ensinándome o barrio e o posible percorrido do río dos Malatos, entre tantos leitos de ríos e regatos que por alí houbo, que chegaron a mover case unha vintena de muíños de fariña, e hoxe desaparecidos: o Rio de Ove, de Reverte, da Alza, canles públicas artificiais como río O Amalló que chegaba ó Pipelo que desembocaba na Cova da Vella e outra rama en Cabanela, hoxe todo elo oculto e desfigurado pola estrada de circunvalación de Ribadeo e transformado nunha “fraga”, case que unha “xungla” impenetrable. ¡Non temos remedio!

Ningún comentario: