20171005

A voltas cos cortes de luz. #cortesdeluzRibadeo

De novo queixas. De novo, desorde para presentalas. De novo, confianza en que novas infrastuturas eliminarán os cortes. De novo, unha ilusión que non contempla organización para esixir nin cartos para mantemento.
Onte unha nota de prensa do concello voltou á liña habitual nestes casos: veñen a queixarse ó concello, quéixome no seu nome.
Cunha conciencia social das empresas, posiblemente abondara. pero hoxe as empresas usan a conciencia social como señuelo, non como día día. E, dentro do conxunto, as eléctricas non se distingue precisamente pola preocupación social.
A clave estaría nunha estación eléctrica (subestación) que leva arrastrado problemas xudiciais e á que se lle botan as culpas porque é moi doado e así respáldase a posición da empresa en relación á súa construción. Polo que parece, a construción, 'que nunca Ribadeo tivo' vai 'resolver de maneira moi importante' o problema. Mentres, as liñas e o seu coidado no monte non se tocan. Si no centro urbano de Ribadeo, rematando a nota nun 'confiamos' despois dun 'expreso un desexo'. A alguén lle soa 'obras son amores, que non boas razóns'?.
Imaxe do Sigpac (xa vella) centrada no lugar de construción da subestación. Arriba á esquerda, a Autovía e Tubolens. Arriba á dereita, a circunvalación. As casas da esquerda, Folgosa. Os dous 'camiños' abertos na vexetación son para a liña eléctrica pra a subestación e para o gas.

BARCIA ESPERA QUE SE VEXA A LUZ AO FINAL DO TÚNEL
Cortes de luz
04/10/2017
O alcalde, Fernando Suárez, agarda que a finais de ano estea rematada a subestación eléctrica de Ribadeo e as obras de mellora na rede de máis de 6 quilómetros de vello cableado na vila. Deste asunto falou cos responsables da compañía tras os últimos micro cortes de luz que se produciron nas últimas horas e que orixinaron queixas da veciñanza e do empresariado local.
O rexedor dixo que "en relación con esta situación de queixa por estes cortes no subministro eléctrico que habitualmente se veñen producindo en Ribadeo e que xeran moitas queixas entre a veciñanza en xeral e entre o pequeno comercio en particular, eu agardo que de aquí en adiante e a curto prazo sexan boas novas as que vaiamos tendo, que vaian encamiñadas a resolver todas estas incidencias que sufrimos".
Suárez Barcia explicou que "digo isto porque despois de estar falando cos responsables da compañía eléctrica e no que ten que ver coa construción da subestación eléctrica e co grao de execución desta obra tan importante, despois de salvar as cuestións xudiciais que tivo o proxecto paralizado durante varios anos e que as obras foron reanudadas hai uns meses, é polo que se me indica por parte da compañía eléctrica que a previsión de remate das mesmas, que ía ter lugar a primeiros do 2018, quizais se poida anticipar a finais deste ano xa que os traballos avanzan con maior rapidez da programada inicialmente. E iso, segundo os responsables da compañía eléctrica, o de que Ribadeo dispoña dunha subestación, que ata agora nunca na súa historia tivo, vai resolver de maneira moi importante toda esta problemática".
O alcalde ribadense engadiu que "por outra banda, tamén me gustaría dicir que a xunta de goberno municipal autorizou varias licencias de obras, que presentou a compañía eléctrica para a renovación e reforzo das instalacións de cableado eléctrico de media tensión no ámbito urbano fundamentalmente. Estas actuacións teñen como misión a substitución de vellos cableados nunha lonxitude aproximada duns seis quilómetros e medio por diversas rúas da nosa vila. Esa rede de vello cableado tamén deu moitas veces nestes últimos tempos a importantes problemas de apagóns, etc. Como agora xa dispoñen de autorización municipal confiamos que se inicien axiña estas obras e o resultado poida estar realizado a finais deste 2017".
Suárez Barcia manifestou: "expreso un desexo, a ver si por fin podemos empezar a ver a luz ao final do túnel, que ven moi acaído para o momento, e ver que esta problemática eléctrica padecida ao longo destes anos se lle pon fin dunha vez por toda. Confiamos que sexa así".
Por certo, que dos cortes de luz de onte non teño datos en #cortesdeluzRibadeo.

Ningún comentario: