20171005

A elástica legalidade do ser


   O colectivo “Por nuestro faro” remata de distribuír polos buzóns un folleto para informar aos cidadáns sobre a segunda resolución do Defensor del Pueblo. Nela, o Defensor reitera a falta de informe de impacto ambiental no proceso accidentado da transformación da illa Pancha, ó tempo que pon de relevo a necesidade de cumprir cos trámites legais.
   ¿Que é a legalidade? A última vez que o goberno español se pronunciou ó respecto foi para levantar a prohibición que pesaba sobre o uso hostaleiro dos faros, a lei que facía falla para dispor dun ben público e poñerllo en bandexa a un particular. Un día antes, a lei prohibía o acceso á Illa Pancha a calquera veciño. Os motivos que fan cambiar unha lei dun día para outro sen contar co pobo son inescrutables. Como resultado, o proxecto “estrela”, que chamaron algúns, de Faros de España, quizais porque era o único, o diseccionado antes do seu nacemento, o abortado en varias etapas, o interrompido na actualidade, o inacabado a día de hoxe, o incompleto na súa tramitación, o inviable por omisión, pero o bendicido polas autoridades implicadas e algún medio de comunicación. Ese proxecto estrelado viu a luz a traverso dun recorrido accidentado, cheo de fallas, de interrogantes, de desinformación, de contradicións e de incertidume que non molesta nin á Xunta, nin a Puertos, nin ao Concello de Ribadeo e que é subvencionado moralmente polo silencio de quen cala e outorga.
   Sabemos que o Concello de Ribadeo ten posto certas condicións para a reapertura desas dúas habitacións que fan do noso faro e da nosa illa un coto privado. Descoñecemos cal é o estado dese aloxamento, descoñéceno todos os ribadenses. Pero aínda menos entendemos como pode obviarse o resto da tramitación asinando licenzas como quen asina autógrafos.
   Dende o colectivo “Por nuestro faro” non aceptamos que un ben público, o que é e será sempre un símbolo para todos os ribadenses, nos sexa vedado por un desexo individual ou gobernamental, amovible, caprichoso ou silencioso. Por iso hoxe, esiximos que se cumpra a lei, toda a lei, non só a primeira ou a última senón a do medio, a que sinala o Defensor del Pueblo citando artigos, a única entidade que, a día de hoxe, xustifica a súa argumentación baseándose nas normas. Esiximos ó Concello de Ribadeo que admita a súa responsabilidade e que a exerza. En definitiva, que asuma o seu papel e que faga respetar a lei.
Covadonga Suárez, colectivo “Por nuestro faro”

Ningún comentario: