20170131

Mirando fóra: hoxe, corrupción

De súpeto remato de atoparme un correo da Open Knowledge Foundation España ó partir do que chego a unha nova web interesante  neste mundo da apertura de datos en España: o 'repositorio de datos sobre procesos de corrupción' do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Despois dunha primeira ollada, coido que os datos son máis ben escasos, mais pode resultar un exercicio de curiosidade facer un par de procuras.
Anímate, experimenta e sinte o ter un mínimo se non de control, si polo menos de coñecemento sobre este aspecto, a corrupción, no que España é punteira e segue a facer esforzos.
Por se te animas, a ligazón á introdución ofcial do repositorio.

20170130

Se segue sendo normal: cortes de luz

Lembro un pouco a cousa, que podedes seguir nas entradas anteriores:
Co hashtag #‎cortesdeluzRibadeo, levo unha tempada tomando nota de 'novas' de cortes de luz en Ribadeo. Segue sen ser moita a xente que vai apuntado, pero é abonda para ter unha pequena ristra que vou actualizando cada pouco e que nos útlimos tempos inclúe:
20161005 16:00 aprox. 2 cortes abondo seguidos, máis longos que os microcortes normais, pero curtos. Zona catro calles.
20161106 sobre as 17:00, un cuarto de hora de corte, zona centro de Ribadeo
20161220 14:50 microcorte zona Catro Calles + Avda. Galicia
20161223 14:30 microcorte zona catro calles, Ramón Gonzalez - Deputación - S. Roque + Vilaframil + Reinante
20170130 10:45 sobre medio minuto + 10:49 varios segundos, zonas San Roque, institutos, Vilaselán, Vilaframil. Polo menos na Avda. Galicia e en Mercadona está sinalado aínda outro terceiro corte semellante máis.
20170203 23:42 2 minutos, zona catro calles + avda. Galicia + Rdguez Murias
20170322 12:01 Microcorte O Valín 
20170327 12:00 segundos zona Avda. América
+ 13:20 Rodríguez Murias, varios segundo
20170328 4 cortes de luz de segundos entre 16:00 e 18:00 en O Valín (Ove)
20170419 a partir das 13:56 diversos microcortes, cortes de segundos e varios minutos (a partir das 14:04) na zona dos institutos. Corte de luz en Reinante as 14:04, corte longo, seguido de idas e vidas. O mesmo en S. Miguel. Parello en outras zonas de Ribadeo.Un microcorte e varios cortes de luz consecutivos, das 14:00 ás 14:21 h, zona Cuatro Calles. Tamén en S. Roque, Calvo Sotelo, Avda de Galicia (media hora como mínimo, cortes moito máis longos que os intervalos, que só duraban segundos), Ramón González (case 1/4 de hora a vez máis longa)
20170421 2:00 Rosalía de Castro, microcorte
 

Dise Sicixia

Sicixia é o aliñamento de corpos celestes. Algo que o director da película, Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor, A esmorga...) tenta reproducir a escala humana nun film que resulta ser o son, a imaxe e a vida da Costa da Morte plasmada a traverso dunha historia mitolóxica moderna.
As sensacións envolven ós personaxes, que loitan como individuos cunha conciencia de derrota fronte a un destino que leva as rendas ó tempo que corpo e mente síntense mergullados nel.
Unha historia onde o documental transcende, xerando o propio transcorrer.
Todo iso é Sicixia. Máis de hora e media de película que non deixa indiferente, guste ou non, que para gustos píntanse cores. E haberá quen gabe o son ou quen poña o pero da lentitude dunha historia que, ó tempo, queda sen tempo para desenvolverse do envoltorio de son e imaxe. Ou, polo contrario, quen quede substraído pola forza escénica da protagonista e quixera máis desenvolvemento fronte ó contexto director. Quen resalte feminismo ou quen o faga con Galicia (que non galeguismo)
Un coloquio final aclarou o punto de visto do director sobre algúns pareceres relacionados coa cinta, que para algo é nomeada como 'cine de autor' (como se houbera cine sen autor, como os personaxes de Pirandello). Cine persoal, si, e moito. Do autor, e de calquera persoa que entenda un mínimo sobre Galicia, sobre o mar ou sobre a condición humana. Hai moitos anos que Susan Sontag falou contra a interpretación da obra de arte: arte dado no sentido que o sentes, non no sentido en que o interpretas. Pero para sentilo necesitas ter uns mínimos referentes E neste caso, con algún premio xa no estranxeiro, parece que son referentes humanos aínda que entramados por circunstancias galegas naturais.
O Monte Pindo, Fronte a Fisterra, un dos símbolos da película. Tanja Freibott en Wikicommons, lic CC by-sa 3.0 es

20170127

450 € por terraza

De media, cada unha do aproximadamente medio centenar de terrazas (en xeral, zonas de ocuapción de rúa) ocupando as rúas de Ribadeo costará este ano 2017 uns 450 €, supoñendo para o concello uns 23 000 €, segundo dato da prensa de hoxe.
Claro que, coa moi diferente ocupación que fai cada local da rúa, haberá tamén grandes diferencias entre os pagos duns e outros locais.

O tema das terrazas tense tratado no blog moitas veces de diferentes formas, facéndome eco de O Tesón ou de xeito individual, relacioando co espazo ocupado ou coa falta de espazo libre... : 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, ... n

20170126

Mirando o paro

Remato de atoparme con varias infografías sobre o paro. Xa que me deixan, comparto as dúas que coido son mellores: o paro por provincias e por CC.AA. En ambos casos, pode verse pasando o rato por riba as cifras (por defecto) ou as porcentaxes (usando a lapela de 'porcentaxe', opción que permite facerse unha mellor idea da situación, ó descontar o tamaño da poboación. A nosa provincia parece ser a que menos paro ten da zona, mentres que a comunidade supera ás ceciñas polo maior paro no sur (Pontevedra e Ourense).Atención: é unha infografía que nada di sobre as causas de aumento ou diminución do paro!
O de provincias. E agora, o de comunidades autónomas:

Sorpresa! si?

PSOE: dous concelleiros na actualidade, neste mandato en Ribadeo. O primeiro, Roberto Ramos, xa dimitiu hai tempo, quedando no seu lugar a terceira da lista, Aurora González. Agora, o segundo da lista, David Fernández, tamén dimite. Co que lle tocaría ó cuarto da lista entrar, Camilo Vázquez. Pero non, nin o cuarto, nin a quinta, Paloma Díaz, nin o sexto, Ramón A. Coto. Ata chegar á sétima persoa, Cristina Losas, ninguén acepta ser remprazo.
Entérome pola nota de prensa da alcaldía sobre o pleno (si, si, houblo pleno martes 24) e vou á páxina do PSOE Ribadeo para atopar a súa versión da nova, as explicacións, algo máis meditado que unha nota no Facebook. Pero non, a páxina non se renova ao menos dende hai medio ano. E miro nas redes sociais. En Twitter, dende mediados do ano pasado, inactividade. En Facebook, dende máis tempo aínda.
... certamente, a falta de información tamén é información.

20170125

A banda cumpre anos: 25!

25 anos da presentación da Banda de música de Ribadeo, o 25 de xaneiro de 1992 na igrexa de Santa María do Campo... e un longo recorrido dende aquela na historia da música en Ribadeo, e de moitos ribadenses!
O cartel e o libriño da presentación, ó grande, como a ilusión que levábamos!

Para ver e descargar.

O Tesón: convocatoria


Por se non se ve ben a imaxe:
Pola presente, convócase a tódolos socios de O Tesón á asamblea xeral ordinaria que terá lugar no salón de actos da Casa do Mar o día 4 de febreiro de 2017, sábado, ás 20:00 horas en segunda convocatoria (ás 19:30 en primeira convocatoria, que previsiblemente non se fará por falta de quorum)
Está previsto un punto único na orde do día:
1.Futuro da Asociación.
Como comentario ó único punto, despois de ter pasado un ano de prazo como foi previsto na última asamblea, e ante o feito de que non hai candidaturas á directiva, pero si nos teñen manifestado moitos socios (e mesmo non socios) un apoio para a continuidade, estanse estudando diversas posibilidades, como continuar a situación actual de xeito indefinido, editar un novo libro de tema ribadense, etc, algo que queremos consultar a quen teña a ben asistir.
En Ribadeo, a 15 de xaneiro de 2017
O Presidente,
Francisco J. Campos

20170124

Agresión machista con subtítulo

Imaxe (recortada) de wikiHow
O primeiro que me atopo ó mirar o xornal esta mañá: a nova dunha agresión machista en Ribadeo. Na rúa, sábado pola noite. Polo que parece, xa está sendo investigado despois de ser identificado o mozo.
Ata aquí, por desgraza, algo ó que xa estamos afeitos, 'normal'. O que xa non me resulta tan 'normal' por desafortunado é o subtítulo que leva a nova, que se repite no corpo da mensaxe: sen que aparentemente se tiveran dado causas que xustificasen tal actitude.
Faigo a reflexión de que tal e como estamos facendo unha regresión social no tema do machismo (aínda que dita regresión non é o único no que se nota), o do subtítulo é 'un desliz' que pode pasar de xeito moi doado. Pasar o ser posto e pasar o ser visto como algo natural. Éo?

20170123

ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA. Francisco José Campos Dorado


Na rúa Atalaia, situada o fondo da rúa Trinidad, nunha casa pintada de cor marelo escuro, onde viviu o ben recordado veciño Manolín de Peruxo e súa dona Dª Maruja Mir, na fachada principal está este deteriorado escudo español (foto supra) e case destruído, que pola forma dos cortes transversais na bordura e nos marcos de división, así como nas figuras, parece que foron golpes de cicel ou de alcotana dados adrede, non sabemos por qué, pero quizais nalgún episodio do reinado de Carlos IV (1788-1808), de José I (Pepe Botella) (1808-1813) ou de Fernando VII (1813-1833) relacionado coas brutalidades vandálicas e sanguinarias habidas en Ribadeo durante a Guerra da Independencia (1808-1813). As figuras representan armas dos Valledor (ver outros Balledor de Ribadeo en La Comarca del Eo, 14-Xaneiro-2017) e está timbrado cun casco de fidalgo de tres liñas paternas e maternas, situado de perfil mirando a destra, visera aberta levantada, e a parte inferior baixada, véndose moi malamente tres grilletas correspondentes a súa liñaxe de tres liñas. O conxunto, casco e gola, está claramente desprazado un terzo, cara o cantón sinistro do xefe ou parte alta, sobre a filiera ou bordura diminuída do contorno. O adorno exterior consiste nun penacho de dúas plumas sobre o casco e uns sinxelos e curtos lambrequines que caen lateralmente a ambos flancos do campo. Está datado no ano 1774, gravado na esquina destra baixa da pedra armeira.
Este escudo da Atalaia descríbese como: cortado de dúas liñas e semipartido de outras dúas. O campo esta cuartelado en sete cuarteis: tres en xefe, tres en faixa e un en campaña (parte baixa ou punta, tanxente o borde inferior e dun terzo da altura do campo). Os mobles ou figuras do seu campo, están moi desfeitas e case indescifrables, pero neste caso, temos a gran sorte de poder valernos para a súa identificación da gran profusión de armas que presenta o magnífico e ben conservado escudo da Casa dos Valledor de Castropol (foto baixo), pois ambos escudos parecen ser de familias con parentesco de consanguinidade.

Pormenorizando ámbolos dous, atopámoslles unha moi curiosa semellanza: Os seis primeiros cuarteis do escudo da rúa da Atalaia, teñen as mesmas figuras simples (armas puras) que os tres primeiros cuarteis do escudo de Castropol onde se presentan as figuras dobres (labras matrimoniais da familia).
Vexamos. No primeiro cuartel do escudo da rúa da Atalia, aparece unha árbore. No primeiro cuartel do escudo dos Valledor, na parte alta, tamén aparece unha árbore e na parte inferior do mesmo cuartel, un home e un can perseguen a un oso pasante a sinistra perto dunha árbore sinistrada. Pois ben, no cuarto cuartel do escudo da Atalaia, moi desdebuxado, aparece tamén un oso pasante a sinistra. As demais figuras, si acaso as houbera, están irrecoñecibles.
No segundo cuartel do escudo da Atalaia, recoñécese moi desfeito, un soldado con lanza á sinistra, e parece como que o brazo dereito téñao levantado. No segundo cuartel do escudo de Valledor, na parte alta, aparece un cabaleiro con espada envaiñada a sinistra que pasa por detrás da figura e a punta saíndolle por destra e está empuñando coa man destra unha lanza alta (vertical coa punta arriba). Na parte inferior un castelo con tres torres, e da central de maior tamaño ou de homenaxe, sae o corpo dunha aguia coas ás despregadas. No escudo da Atalaia, no quinto cuartel vese claramente unha torre donjonada con torre de homenaxe e percíbense as ás dunha gran aguia. Parecen ser as primitivas armas dos Alvarado (familia que aparece implicitamente en Ribadeo, como veremos nun próximo artigo, no escudo da Capela de Ánimas e da Virxe do Carmen da igrexa parroquial de Sta. María do Campo), pero tamén puidera ser o brasón dos Moure ou dos Artaza (apelido vasco procedente de Górliz, Bilbao). Faltan os esmaltes para precisalo.
No terceiro cuartel do escudo da Atalaia, tamén moi desfeito, unha flor de lis surmontada dunha estrela (unha lis de ouro superada dunha estrela de prata) que son armas puras dos Valledor. No terceiro cuartel do escudo dos Valledor (foto 2) hai unha flor de lis surmontada dunha estrela de oito puntas, e na parte inferior, un home remexe o contido dunha caldeira o lado dun estandarte ou insignia militar de dúas puntas ou zarpas, fincada no chan. No sexto cuartel do escudo da Atalaia, tamén aparece, bastante recoñecible, un home corpulento con ampla “falda” que porta, ou remexe, unha caldeira coa man destra e a súa sinistra hai unha oriflama de dúas puntas fincada no chan. Estas figuras, parecen ser moi propias dos Valledor, reflectidas tamén nas dos escudos dos Balledor de Ribadeo descritas no artigo “Casa Brasonada da Rúa da Atalaia” publicado en La Comarca del Eo do 14-Xaneiro-2017. (Nota: a grafía “Balledor”, aparece no escudo que había na rúa Buenos Aires de Ribadeo e “Valledor” no escudo de Castropol. Ambas parecen ser a mesma palabra: “bale” ou “val”, pero etimoloxicamente o seu significado podería cambiar, pois mentres un significaría: “a persoa que ampara ou auxilia a outra” (baledor, valedor), outro sería: “val do ouro” (Balledor, Valledor, Valadouro). Sería caso de estudio dun lingüista.
Na campaña ou sétimo cuartel do escudo da Atalaia, vese claramente á sinistra do escudo unha torre ameada donjonada cunha torreciña de homenaxe (que ten outra pequena torre sobre dela, que representa a casa onde vivía o señor). Está cargando sobre o que parece unha gran asta de bandeira inclinada a destra, e situada sobre algo grande (unha roca, un penedo, un terrasado). Estas figuras semellan ser armas dos Lavandeira de S. Xulián de Sante, Trabada (en campo de azur unha torre de ouro da que sae unha bandeira de azur sobre un terrasado de sinople (unha figura de cor verde, que representa o chan). Pero puideran ser armas dos Xusto emparentados cos Malvar e cos Acuña (en campo de ouro, unha torre de gules, da que sae unha bandeira de gules, inclinada cara o cantón destro do xefe). A torre está adestrada dun contorno desfeito, no que parece verse un home totalmente tombado no chan e outro de pé con adarga no brazo esquerdo e espada no brazo dereito levantado como para ir asestar un golpe; unha escena parecida a do escusón dos Valledor (foto2).
Na campaña do escudo da Atalaia as figuras dan pé a variadas interpretacións xenealóxicas, das que procuramos encontrar a máis probable, aínda que, ó mellor, non sexa a máis acertada. D. Juan García Lavandeira Miranda, de San Xulián de Sante, en 1702 está casado con Dª Antonia Bermúdez Santiso, filla de D. Juan Bernardo Lavandeira Santiso e de Dª Jacinta Bermúdez Santiso, empadroados como nobres en Sante e en San Juan de Piñeira de 1702 a 1759. Seu fillo D. Manuel Lavandeira Miranda casa con D. Antonia Bermúdez Monjardín e Lastra, de Santo Estevo de Piantón, empadroados como nobres desde 1750 a 1802 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José S. Crespo del Pozo, Volumen III, páx.151)
O escudo da rúa da Atalaia, non ten máis cuarteis que describir, pero no escudo dos Valledor de Castropol hai varios máis, que pasamos a completar por non deixalo a medias. No cuarto cuartel,vense dous lobos andantes a sinistra en pau, sobre unha arbore entre aspas. Semellan as moi antigas armas dos Crú(z) Montenegro de Barragáns de Pontevedra.
O quinto cuartel, un escusón das armas dos Ybias, con bordura na que se pode ler o lema: “YBIAS YBIAS (en xefe); DIOS (flanco sinistro); ME A (en punta); YVDE (flanco destro) (“YBIAS, YBIAS DIOS ME AYUDE”) intercalado entre oito aspas. As figuras do brasón son: en xefe, un torreón redondo de dúas ameas, sinistrado dunha figura posiblemente unha brisura, e en punta, un cabaleiro armado na man destra cunha espada ou cun látego que serpentea no aire a súa sinistra, en cuxa man porta unha adarga e está atacando a outro home case derrubado (sentado) no chan que se escuda do ataque cunha adarga na dereita e na esquerda apoiada no chan, rende o que parece unha espada desenvaiñada. O lado destro do cabaleiro en pé, hai unha estrela, posiblemente brisura correspondente o brasón dun fillo terceiro. Na Heráldica, o escusón representa o corazón do escudo, e era unha peza que concedía un soberano por algunha fazaña merecente dun brasón que cargue sobre o todo (como parece neste caso). Anotemos, como curiosidade, que algunhas veces, o escusón era un distintivo amoroso, pois a miúdo nos torneos ou lizas, o cabaleiro colocaba no centro do escudo unha sinal ou unha cor distinta que só podía ser comprendida pola dama por quen suspiraba (Ciencia del Blasón Código Heráldico Histórico, D. Modesto Costa y Turell, 1858)
No sexto cuartel dos Valledor de Castropol, unha torre redonda de cinco ameas, donjonada doutra torre de homenaxe tamén de cinco ameas, a cuxo arredor hai sete anilletes, un surmontando ámbalas torres, tres e tres en flancos e un máis dentro do portalón da torre baixa. Son armas dun brasón descoñecido, quizais dun quinto fillo con anillete na brisura.
No sétimo cuartel do escudo de Castropol, na parte alta do xefe, hai unha figura quimérica alada. Poden ser armas de Reboreda ou o grifo alado dos Arriba que esta botándolle a pata destra a un home encarado que empuña un látego que arrastra polo chan. Abaixo un aguia volante ou de ás estendidas, mirando a sinistra, que puidera ser dos Aguiar ou dos Pardo.
No oitavo cuartel da campaña partida (cantón sinistro da punta, foto 2) hai unha torre mocha (sen nada encima) con catro lanzas altas (punta arriba), dúas a cada lado do portón (parece un dos variados brasóns das armas dos Lanzós). Esta torre está superada por unha ponte de tres ollos, en cuxo centro hai unha árbore acompañada en xefe por dúas aspas (semellan parte das armas de Piñeiro de Ulloa, marqués de Bendaña. Quizais os apelidos “Piñeiroa” e “Piñeyrúa” sexan a contracción de Piñeiro de Ulloa ou de Piñeiro y Rúa, e este brasón sexa o que lle corresponda a tal liñaxe de carpinteiros de ribeira, algúns deles construtores de barcos de madeira no estaleiro da Liñeira durante o século XIX).
Ó noso parecer, o escudo da Atalaia é de anterior factura que o de Castropol, por estar cuartelado cos brasóns individuais dalgúns dos membros da familia nun determinado momento da súa historia, e o de Valledor de Castropol xa son as labras dos brasóns matrimoniais. Temos que ter en conta que era moi frecuente entre familiares de reis e nobres a endogamia ou matrimonios entre persoas dunha mesma liñaxe (primos carnais e segundos entre si, tíos e tías con sobriños, etc.). Esta era unha costume moi antiga que xa practicaban os hebreos, os faraóns de Exipto, os Incas do Perú ou os aztecas de México, con obxecto de conservar a “raza de pura sangue azul”. Hoxe practícase entre algunhas familias das altas finanzas, quizais máis por motivos de confianza e afinidade de raciocinio, que “de casta”.
Na Chancillería de Valladolid hai varios preitos dos Valledor de Asturias. En 1607 aparece un preito entre D. Arias González de Valledor y Navia xunto con Dª María Barrio, viúva de D. Diego Fernández no concello de San Antolín de Ibias (Asturias) contra de D.Juan Álvarez del Aguila, D. Pedro de las Losas e D. Pedro López, herdeiros de D. Gonzalo Pérez // En 1656, preito litigado por Pedro García de Presno con María Pardo de Ulloa, viuda de Pedro Fernández de Valledor, veciños de Castropol // En 1698 preito litigado por D. García-Manuel Valledor y Presno, señor das casas de Presno, veciño de Castropol... etc.
O escudo da rúa da Atalaia carece de lema, pero na bordura alta dos Valledor de Castropol, podemos ler: “EL SOLAR DEL VALLEDOR ES ANTIGVO I DE GRAN VALOR”. Lema algo mais curto do que describía o escudo da Rúa Buenos Aires de Ribadeo: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO”. O dicir ambos lemas do “SOLAR”, e máis probable que Balledor, Valledor, queira dicir Valadouro, do latín “Vallis” ou “valles” (feminino) ou simplemente se refira a “Casa Solar ou Solariega”, aquela máis antiga da familia onde se mantén ou mantivo a liñaxe noble.
Por outra banda, e tamén como curiosidade, vemos que hai unha gran semellanza entre o adorno exterior do escudo dos Valledor de Castropol, e o adorno do escudo da Casa de Agrelo da Rúa Trinidad, antigo Colexio das Monxas da Caridade, sobre todo, na similitude da figura do sostén: “con bodoques”, que posiblemente foran feitos na mesma época, a primeiros do século XIX, posteriores a 1774 factura do escudo da rúa da Atalaia. Quizais ámbolos dous fosen realizados no taller dos mesmos artesáns e ¿quen eran estes artesáns do precioso e prezado arte de labrar a pedra e onde tiñan o taller?
¡Moitas incógnitas hai na Historia dos habitantes destas preciosas Terras de Ribadeo...! ¿por qué? ¿está oculta a sabiendas e non se da a coñecer porque “non interesa”?

20170121

Asemblea de Amadores da música

Hoxe sábado, en segunda convocatoria, ás 20:30 no salón de actos da Casa do Mar tivo lugar a Asemblea de Amadores da Música que incluía, a máis da aprobación da acta anterior e rogos e preguntas, o estado de contas, informe de actividades desenvolvidas e o informe do director. 6 persoas na mesa e outras 17 nas butacas fumos a representación dos algo máis de 600 socios polos que debe andar a asociación.
Comezou o acto co agradecemento do Presidente, Chema Suárez, a concello e máis xente pola colaboración, e desculpando algún fallo como primerizo e asumindo a culpabilidade correspondente.
José Ángel Bolaño, o tesoureiro da asociaciación, desgranou as contas, que redondeando, se non tomei mal nota, céntranse nun superávit de 14 240 € a fin de ano, despois duns ingresos de 2000 € do concello, correspondentes a anos anteriores, uns 8000 € de cotas de socios e 7200 € por concertos. Pola beira dos gastos, 5000 € de incentivos, 1600 € de reparacións, 1550 da realización da páxina web e 4900 € de colaboracións con músicos. Total, 2000 € de superavit, e tendo que cobrar aínda diversas axudas, co que se pon o monto total de dispoñibilidade a estas datas nuns 24 000 €.
O informe do director, David Ballester, incluíu unha relación de diversas actuacións, citou novas incorporacións (2 + 4 en total no período) e lembrou que en poucos días é o 25 aniversario da presetnación da banda, co que este ano hai prevista unha exposición conmemorativa, un concerto ó que se invitará a participar a tódolos músicos que pasaron pola banda, e ensinou un logo que lucirá a cartelería en este ano conmemorativo, feito por Álvaro e consistente nun palco da música cun pentagrama sobreimpreso. A máis, deu conta da petición de colaboración por parte do FMCR para este 2017.
Xa en rogos e preguntas, Mari Luz Álvarez preguntou sobre unha entrevista que saiu na prensa, feita ó presidente de Amadores, e na que se falaba de falta de colaboración entre banda e escola. Comezou entón unha serie de intervencións de Mari Luz, concelleira encargada da Escola de Música, e Chema Suárez, na que interviron tamén outras persoas, principalemtne David Ballester. As declaracións foron tildadas de pouco afortunadas por Mari Luz, expúxose que foran revisadas polo director da escola, Hugo García (ausente da asemblea), xunto con Chema Suárez, lembrouse unha e outra vez a falta de xente para algún instrumento (non se citou, pero aí está o gasto citado de colaboracións musicais), saiu a relocer a separación actual (pero non a comezos de século) entre a dirección de banda e de escola, a existencia dun subdirector da banda (Rubén Solloso), que a pasada xunta directiva foi casa por casa dos nenos que podían entrar na banda para tentar de que así fora, que o RRI foi renovado en 2015, que a plantilla está en precario cara a este ano, que hai que poñer proxectos sobre a mesa e diversas variacións, que se leva traballado arreo para tentar superar a situación de falta de músicos, etc, incluído, nalgún momento, derivacións diversas. Entre outras persoas que falaron, eu propuxen unha xuntanza entre concelleira, presidente e os dous directores de banda e escola, con 3 propostas escritas, dentro de 15 días para ver os inconvintes, dificultades... Cousa da que se tomou nota e máis ou menos serviu para cambiar de tema.
Por último foi proposto por outro dos asistentes a realización de actividades extraescolares relacionadas coa músca nos colexios. Falouse brevemente da proposta, atopando falta de dispoñibilidade horaria nun primeiro momento, pero estimándoa.
Rematouse algo antes das dez da noite, coido que coa idea de todos os asistentes de que hai que tentar enfocar dun novo xeito algúns aspectos da actividade de Amadores, tentando artellar maior e mellor colaboración cara ós desafíos que ten a banda fronte a si.

Mañá xa remata (Fitur)

Miro a ficha técnica, por se acaso e si, mañá xa remata FITUR. Procuro no seu buscador 'Ribadeo' e aparéceme o Parador como empresa participante. Só o Parador. Procuro por 'O Cabazo', que vin en fotos que estaban os seus donos na feira, e non sae. Procuro por 'A Mariña', e obteño como resposta uns cantos hoteis que teñen a palabra 'Marina', pero ningún da Mariña. Procura empresas, non lugares.
Está visto. É unha feira para participar, non para visitar telemáticamente. Para facer fotos e que logo saian na prensa. Para facer unha viaxe previa á viaxe dos teus sonos. Ou mellor, para que podan venderte de común acordo un destino.
Non remata de convencerme o último que puxen. Que destino te van vender se non poden procurar nel? Está visto que non visito Fitur e pérdome nos detalles. Que coas fotos que aparecen nos xornais, coas galerías de fotos que poñen a disposición, non te podes facer unha idea máis que de caras máis ou menos coñecidas sorrintes (non sei moi ben se por estar alí, porque saben que os podes ver ou por algunha outra razón.
O caso é que despois dunha chuvia de novas con base en Madrid, mañá rematará Fitur e voltará a verse Madrid na lontananza, despois de que todos sexan parabéns, porque a viaxe a Madrid supón que todo ten que saír ben.
Non importa que non haxa un plan. As fotos están feitas. Misión cumprida.
Se queres acceder á web de Fitur, http://www.ifema.es/fitur_01/Informacion_general/Presentacion/index.htm

20170118

Nota de prensa de 'Por Nuestro faro'

O pasado día 9 de decembro de 2016 o colectivo POR NUESTRO FARO remitiu un escrito á Dirección Xeral para a Conservación da Natureza da Xunta de Galicia exercendo o dereito á información medioambiental que garanten as leis europeas e españolas (lei 27/2006 de 18 de xullo) e seguindo os protocolos da SEO BIRD LIFE. O prazo de resposta era de un mes pero non chegou a dia de hoxe. O trámite seguinte, dacordo ca lexislación vixente, é a presentación dun novo escrito confirmando a petición e facendo declaración expresa de que a calada será interpretada como un silencio afirmativo positivo. Ou sexa, un novo silencio, no prazo dun mes, daríanos a razón no plano xurídico e debera ter consecuencias no plano administrativo e político, anque de sobras sabemos que nanai de la China.
A pregunta do noso colectivo é a mesma que vimos repetindo dende hai moitos meses nos medios de comunicación e nos foros políticos e parlamentares, galego, español e europeo. “¿Existe un informe, no expediente do hotel da Illa Pancha, que avalíe a non afección a Rede Natura 2000?” Pregunta sinxela e doada de respostar… querendo. As respostas cóntanse por evasivas, como a da comisión especializada do Parlamento Europeo “Pregunte na oficina do lado” ou a da Valedora do Pobo : “Eso é cousa de Madrid” ou a da Consellería de Medio Ambiente: “Non recibimos o expediente” ou a do Defensor del Pueblo: “Agarde” “Siga agardando”. No trasfondo resoan as palabras e os silencios do alcalde de Ribadeo e toda a corporación e de non pouc@s ribadenses que agardan ou deben unha sinecura, un trato de favor. “Un premio para Ribadeo” “os informes técnicos son precetivos e vinculantes” si, e infalibles e inapelables, engadimos, como os do Fiouco, técnicos, infalibles, preceptivos, segredos, inapelables. E despois pasa o que pasa.
O Sr. Alcalde de Ribadeo defende a tese de que non puido facer nada e que a responsabilidade da desfeita é doutros organismos. A realidade é absolutamente ao revés. O Sr. Alcalde agochou o proxecto, negou información substancial no momento máis crítico, ou sexa nos primeiros meses da tramitación, saiu en defensa pública do mesmo (un premio para Ribadeo), deixou sen respostar cinco preguntas da veciñanza cando saiu á luz inevitablemente, deixou de procurar informes obxectivos e rigorosos, xogou ao despiste cos movementos veciñais e artellou un coro ben adubiado para entoar o “non podo facer nada”. Mesmo cando os veciños xestionamos, ao noso cargo, a procura de informes e asesorías estamos facendo a laboura social e cultural que debera facer un concello democrático mínimamente participativo e representativo. Hai varias semanas preguntamos ao concello por la presencia dunha pala mecánica na illa. Resposta: Nula. Agora pódese observar que as obras levan consigo actuacións a carón do antigo Faro. Pódese preguntar se esas actuacións estaban na licencia, pero non haberá resposta.

A próxima semana, pleno

Iso é o que se deduce da nota de prensa que liberou o concello, na que se indicaba que mañá xoves haberá comisión informativa previa. Ou sexa que, aínda que de xeito indirecto, sabemos que a próxima semana será o pleno ordinario que se realiza cada dous meses, en mes impar, estes últimos tempos, de xeito aleatorio. Polo tanot, se alguén quere participar polo menos a nivel de información propia, xa sabe a que aterse. Porque se se segue coa liña de moitas outras veces anteriores, non sairá anunciado debidamente o día e hora, supoñendo o lugar, que coma sempre será o salón de plenos do concello (sempre queda o recurso de ir mirar tódolos días o taboeiro da entrada do concello...)
A nota de prensa da importancia ás licencias de obra, con un porcedemento que se variará para a súa outorgación, e que, segundo a propaganda do concello, será máis sinxelo e xusto.
Hoxe mesmo tamén sae na prensa que se dará licenza de primeira ocupación a cinco edificios que non a tiñan e que andiveran no xulgado por sobrepasar o permitido no vello PXOM. Resulta que tras perder o xuízo, ser multados os promotores e os arquitectos, tersentencia de demolición parcial, etc, agora si se van legalizar co novo PXOM na man. Isto, para quen diga que as sentencias están para cumprilas ou para quen se asuste de casos mediáticos que deixan a un apampado co seu resultado. Despois de todo, chegouse a un acordo e os veciños terán o que xa teñen, mais legalizado. Algo que implica, por exemplo, ter luz individualizada, non de obra.

20170117

A non pirámide de poboación

Despois de diversas embestidas das novas sobre a demografía en Galicia, ven unha e outra vez a nova do anuncio de medidas para evitar a debacle poboacional en Galicia. Así, de xeito illado, como se non existiran cousas como a emigración, condicións económicas e de traballo ou mentalidade. Como se abondara con dicir algo como 'neniños, procreade'. Por suposto (queda moi lonxe das ideas dos nosos gobernantes) sin considerar tampouco a presión sobre recursos, o seu uso adecuado ou a súa distribución. En Galicia hai tempo que a pirámide de poboación deixou de ter forma de pirámide. Mesmo en España. O gráfico que deixo é a pirámide de poboación feita polo INE cos datos do censo de 2011, expresando en porcentaxes a contía dos grupos de idade, para españois e extranxeiros residentes, onde se ve que a abulia procreativa foi avisada hai uns 50 anos, e evidente hai uns 40 a nivel España. E, de paso, vese tamén como os extranxeiros residentes en España están de xeito moi maioritario na zona 25-45 anos, contribuíndo ó tecido produtivo e ben pouco ó uso de asistencia social.
Noutra entrada falremos máis da relación da pirámide poboacional en Ribadeo, Lugo, Galicia e España ó longo do tempo...

20170116

Mínimos contraproducentes

A conta dunha queixa ó Valedor do Pobo sobre o mínimo do consumo de auga no concello de Barreiros, volve a estar visible o cobro de cantidades non consumidas.
Con diferentes xustificacións, atopamos pagos 'mínimos' en moitos servizos, dende telefonía a auga, pasando por electricidade ou gas canalizado. A xustificación soe estar relacionada con que o manter a dispoñibilidade do servizo, custa. Mais o que pasa é que se emprega ese mínimo de xeito recadatorio, esquecendo que unha vez feita a instalación, o mantemento correspondente é moito menos que recadado, usando os pagos para engrosar beneficios da compañía (e/ou, no caso de participación de institucións públicas, aumentar a recadación)

A denominación (como ocorre na factura de Viesgo que se amosa) é o de menos. O de máis é que pode existir unha mínima xustificación de cobro por mantemento, pero dispárase para 'equilibrar' ingresos das compañías e/ou institucións sen vir a conto, mesmo pasando a ser a parte principal do cobro, forzando un desinterese sobre o aforro (e sobre o consumo). No caso do recorredor ó Valedor do Pobo barreirense, segundo parece non había consumo, e houbo cobro. No caso das eléctricas, xa ten saído na prensa veces abondas casos semellantes, mesmo aparatocos , de cobro por subministro. Na factura que se presenta, hai máis cobro 'por potencia contratada' (é dicir, independente do consumo) que 'por enerxía consumida'. A factura pertence a unha zona como a nosa, con cortes abondantes no subministro eléctrico, que fai supoñer que o mantemento se realiza de xeito abondo deficiente, non garantindo a potencia contratada. Algo polo que, por certo, as grandes empresas pagan un canon extra (ver o caso de Alcoa) que polo que parece non chega e subvencionamos todos...
Voltando ó comezo, estamos pagar ás grandes empresas (quenes se encargan destes cobros son en xeral grandes empresas, mesmo que sexan por conta dos concellos por privatización do cobro) algo que non nos garantizan, e o estamos a facer a prezo de ouro. E, ademáis, usan ese 'canon' para dicir que os servizos son baratos, non contabilizándoo no custe do propio servizo... Mais, se non o contabilizan como custe de servicio, por que o cobran?
E, mentras non nos rebelemos, a cousa ha seguir así. Ou peor. E mentras, seguirán desincentivando o aforro e collendo, tamén por ese método, máis poder.

20170112

Suicidio made in Galicia

Que levamos varias décadas cun número de nacementos inferior ó necesario para o mantemento da poboación? Iso non chega! Imos facelo máis difícil: batamos a marca!
Ese parece o lema da sociedade galega. Claro que hai complementalo: tamén máis emigración. Canta xente nova que esteña no seu lugar de orixe cun trinta anos coñeces? E que estea en Galicia? Agora compara o número coa cantidade de xente desa idade que marchou fóra.
Chega con saber así polo alto que xa na actualidade a poboación galega en que está chegando á idade de repodución é pouco máis da metade da que chegaba hai trinta anos. Ou que, nese mesmo tempo, a idade media da xente que vive en Galicia aumentou máis de dez anos, sen que aumentara máis aló de un par de anos a esperanza de vida.
Parece sinxelamente que a sociedade está suicidándose. Non sería o primeiro caso de sociedade que se suicida...
O descenso da natalidade é un problema polo remprazo, aínda que ó planeta necesite unha diminución da presión sobre os recursos: sabido é que os recursos renovables que se gastan no planeta en pouco máis de medio ano equivalen ós que rexenera o planeta no ao enteiro. Pero en Galicia desenganchamos con esa realidade. O razonamento sobre o remprazo xeracional nmon ten que ver con ela.
Quizáis ten máis que ver con  cousas como as perspectivas de futuro, a economía, o emprego ou a mentalidade de desfrute.
O caso é que temos un problema, que se pode resumir de xeito gráfico coas previsión do Instituto Galego de Estatística (mesmo con curiosidades!):

Onde se ve o descenso de poboación previsto para os próxims anos en Galicia. Mais peor é aínda na Mariña, lonxe das grandes cidades:
E se evidencia máis por franxas de idade, decrecendo o número de pequenos, pero máis o número de poboación adulta, mentras medra lixeiramente o número de vellos.:
As táboas correspondientes, nas que deixo as porcentaxes en relación a este ano 2017, e onde se ve claramente que a diminución de poboación mariñán é máis acusada que a nivel Galicia:

Por franxas etarias para a Mariña, primeiro en número e logo en porcentaxes:

E unha curiosidade, tentando desdramatizar o final: o número de mulleres en tódalas previsións é maior que o número d ehomes, se benna Mariña o número de mulleres por cada home é máis próximo á unidade que no conxunto de Galicia, aínda que nos dous casos tenda a medrar o cociente ó longo do tempo, a medida que a poboación se vaifacendo máis vella.

20170110

Pago por control

Pagar por controlar. Que paguemos (todos) porque nos controlen (algúns). O último episodio veciño, As Catedrais.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a semana pasada, no DOG, fixo o anuncio:
"RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, pola que se anuncia a licitación, polo procedemento aberto, tramitación ordinaria e anticipada de gasto, para a contratación do servizo de actuacións de ordenación do uso público e divulgación dos valores naturais do monumento natural da Praia das Catedrais, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020."
Está claro, emprego de fondos enuropeos para o desenvolvemento para que unha empresa privada se encargue do control no acceso e folletos de divulgación nas catedrais. Poden obterse máis datos nos pregos, que istos si se poden verna web, non como sucedeu coa Illa Pancha, e visto que non se sxixe unha clasificación de actividade determinada para acceder ó contrato, que IVE incluído, representa 150 645 € para unha duración de 23 meses a partir da súa resolución (meses que non son contínuos, pois o control non se extende a todo o ano e a propaganda non hai exixencia tampouco de facela continuada).
Catro guías, catro peóns e dous educadores serán a plantilla que, de xeito discontínuo, atenderá ata a semana santa do 2019 as labores. Sabes o persoal que había o ano pasado? Sabes que no verán pasado pasaron case 250 000 persoas polas catedrais?
Son páxinas abondo para comentar de xeito breve. Por iso quédome cun detalle curioso, aparentemente sen importancia, para facer boca: os pregos de cláusulas administrativas teñen un peso dixital 4 veces maior en galego que en castelán (hai o ficheiro nos dous idiomas). Por?
Por certo, a nova saiu o día de Reis nos xornais, para quen quera consultar que poñían en relación a isto.

20170109

A illa Pancha, desaloxada... Noticia!

A illa Pancha, desaloxada... Noticia!
O domingo, un xornal daba a nova de que a illa Pancha foi 'desaloxada' de xente polo concesionario. Precisamente o día de reis, con máis visitantes e máis potencial de noticia. Coidamos que se deben aclarar algunhas cousas sobre o feito.
1.A oposición de 'Por nuestro faro' é ben anterior a calquera oposición do concello. Coido que é importante aclaralo porque significa que os veciños, o común, se puxo en marcha reclamando os dereitos de todos e nun sentido amplo antes que calquera institución comezara a defender parcialmente algún deses dereitos. O sentido é ben diferente á redacción que presenta a nova, na que se invirte a orde e parece limitar a intervención veciñal.
2.Se o concello en algún momento se opón a como van indo as cousas débese á oposición do pobo a traverso de 'Por nuestro faro'. Oposición que, e non é a primeira vez que se di, tivo que comezar por cousas aparentemente tan sinxelas como procurar información de que e como se estaba a facer, ou concienciar á xente de que a illa é de todos, un ben común.
3.É de recalcar que non é a primeira vez que sucede que a porta quede aberta, nin que xente non autorizada visita a illa de mans do promotor. Sorprende que esta vez se lle dera cabida como nova, cando nos consta de que non é unha primeira vez, nin tampouco o sería que a illa teña visitantes ós que se lle abriu a porta. E chama a atención tamén porque a responsabilidade parece diluírse: a verxa 'quedou aberta', como se fora un acto voluntario da propia verxa. Se ocorre un accidente, a responsabilidade tamén será "da verxa"?
4.O coidado da illa Pancha queda patente por novas coma esta. Polo escavado do entorno, que non está permitido en ningún papel. Pola vulneración continuada do contrato en temas facilmente demostrables como os prazos. Polas mentiras en medios diversos como as fotos de xa hai un ano de dentro dun hotel, 'aberto e cunha magnífica adega', etc. 
E seguimos.
Seguimos porque se poderían dicir moitas cousas máis, e porque é necesario ir dicíndoas para que se comprenda a situación. E si, queda moito: cando se escavou arredor do edificio, que pasou? Nada. Feita a 'intervención', xa non se ve nada (ao menos, dende fronte á illa, que as limitacións de entrada son as que son) e a vida segue sen que a Pancha se entere de que hai unha protección sobre ela. 
Agora ben, xa máis aló de que a illa é un ben común, con todo o que iso implica e os dereitos e deberes asociados, quen pode confiar no seu coidado cando se comeza polo incumprimento de cuestións nimias (e non tan nimias) ben antes de que entre en funcionamento o hotel? Mesmo ben antes de que 'La Alacena Roja' publicara en papel de calidade e con anuncios de chiringuitos oficiais as fotos dun teórico hotel aberto xa en xaneiro de 2016 na illa, cunha magnífica adega. Ou, quen pode confiar nun Puertos do estado que leva xa anunciado en diferentes lugares un hotel de nonseicantas estrelas no faro, como se a institución fora o empresario, co hotel xa aberto?

20170108

O comezo de ano máis frío do século en Ribadeo

O quencemento global é un feito. Aínda hai poucos días que un pequeno estudo neste blog aportaba dados que testemuñan que ano tras ano, Ribadeo tende a ter un clima máis quente.
Mais a media de temperaturas é algo estatístico, e poden darse episodios aleatorios que vaian en dirección contraria á media. Así está pasando este comezo de ano en Ribadeo, no que, cos dados da estación mateorolóxica automática da Pedro Murias, podemos afirmar que está sendo o máis frío do que levamos de século.
Se collemos o número de días nos que se acadaron temperaturas por baixo dos 3 ºC, na primeira semana do ano, este comezo suñera amplamente ó resto (hai dous anos, 2001, do que non hai dados, e 2002, do que faltan dados aínda que os que hai apuntan a que non quegou ó número de días por baixo dos tres graos centígrados que levamos). E hoxe todo indica que será outro día a sumar á lista, aumentando a diferenza con outros anos.
Por certo, este ano xa levamos máis días con temperatura nalgún momento por baixo de 3 ºC que o ano pasado ou que 2014. E ó rematr o día de hoxe, igualaremos ó total de 2015...
Deixo embaixo unha táboa e unha gráfica ilustrativas:


* Publicado primeiramente en fqribadeo *

20170104

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. III.-Vento

*Primeiro publicado en FQ Ribadeo
*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*
'Só nos lembramos do vento cando ventea'. É entón cando rememoramos dalgún día especial con vento veloz que causou destrozos. E maldicimos cando saímos á rúa e o vento non nos deixa usar paraugas, facilitando que nos mollemos despois de ter dobrado e inutilizado o que estabamos a usar.
Hai máis características da temperie que son medidas puntualmente nas estacións meteorolóxicas como compoñentes climáticas, mesmo como causantes dos fenómenos máis sentidos (como sucede coa presión atmosférica). mais con esta terceira parte dou por rematada a análise correspondente ó ano pasado.
A rpimeira gráfica presenta o vento acumulado cada ano dende comezos de século, medido en km recorridos. Pódese observar que o ano pasado tivo vento abondo no inverno, primeira parte do ano, mais logo ralentizou, rematando cunha media máis ben baixa. Como curiosidade, os 84 228 km recorridos polo vento en Ribadeo no 2016  (case un 20% menos que en 2008, con máis de 101 000 km recorridos, e o que recorre a Terra en 3/4 de hora) representan 230 km diarios, case 10 km á hora de media (2,7 m·s-1).
A táboa indica os resultados finais (acumulados) do vento ó longo de cada ano, e a media diaria ó longo do século:
As dúas gráficas seguintes expresan os mesmo datos en diferentes unidades, m/s e km/h, a velocidade media do vento en cada ano. A tendencia é a aumentar lixeiramente, correspondente co aumento de temperaturas, que indica unha maior enerxía na atmosfera (aínda que como xa dixen, este ano non tivera unha velocidade media grande).


O vento diario por meses, acumulado no século, indica que os meses nos que é máis veloz son os do inverno, e nos que e menos veloz, os de verán, volvendo a repetirse unha certa simetría como no caso das temperaturas, se ben nesta ocasión, máis imprefecta.
Agráfica a continuación presenta os mesmo datos que a anterior en formato diferente para visualizalos mellor:
A última gráfica presenta o vento por semanas, con altibaixos que lembran á gráfica semanal de chuvia, se ben con menores variacións.
Como resume das tres partes, , algo obvio: Ribadeo disfruta dun clima temperado, chuvioso, sen grandes variacións. Vivimos nun sitio de clima agradable.

20170103

Deslinde do concello de Ribadeo

Aló polo 1927 debían ter problemas de deslinde os concellos de Ribadeo e Barreiros, polo que encargaron a Jesús García Rodríguez, de A Devesa, o deslinde do concello de Ribadeo, por unha beira, e o deslinde do concello de Barreiros, pola outra. Traballos que executou e polos que parece que cobrou no seu momento algo máis de 300 pesetas do momento.
Unha copia mecanografiada de ambos traballos chegou ás miñas mans cedida por José Mª Rodríguez, e aquí a reproduzo. Pódese descargar aquí ou aquí ou ver a continuación (e descargar de xeito directo, en dúas plataformas diferentes, por se falla algunha delas)

Ou aquí:

Un ano de temperie en Ribadeo. II.- Chuvia

As dúas variables meteorolóxicas que máis se cre lembrar son as temperaturas, en primeiro lugar e das que xa falei, e a chuvia. E iso pasa porque nesta terra son os factores determinantes da temperie.
Un dito apunta a que nesta terra 'a fame ven en barca', e polo momento o cambio climático non invalida o dito, seguindo na liña de choiva e verdor ó noso arredor.

A táboa anterior indica que o ano pasado foi máis ben chuvioso, case duplicando ó ano no que menos chuvia caeu do século, o 2004, situándose as precipitacións case un 20% por enriba da media anual.
O gráfico a continuación amosa a evolución ó logo dos anos, presentándose o 2016 en liña máis remarcada, na que se poden observar as notables precipitacións de comezos de ano, e en xeral ata o mes de abril, que rematou sendo o primeiro cuarto de ano máis chuvioso do século. Mais despois o verán foi seco e o outono só un pouco máis chuvioso que a media.

Se comparado con outros anos foi un período húmido, tamén a tendencia confirma que estamos a sufrir un aumento leve de chuvia caída cada ano,
que aumentou a media anual nun 10% dende comezos de século.

A distribución da chuvia caída por meses ó longo do século non sofre variacións aprezables, como era de esperar por aumento dun período pequeno en relación ó total. Segue a destacar (cada vez máis) novembro, por riba de xaneiro, e o outono-inverno como tempada de chuvias, mentres o destaque do verán é pola falta de chuvias (tamén, cada vez máis).

Se representamos os mesmos datos en círculo, non aparece a mesma simetría da que facía gala a representación de temperaturas:

De calquera xeito, a chuvia é aleatoria. Algo que pode observarse na distribución semanal  que deixo a continuación, onde é identificable a semana na que se produxo a inundaciòn de xuño de 2010...



20170102

CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA. Francisco José Campos Dorado

Baixando desde a Praza de Abaixo pola Rúa Trinidad, o fondo, torcendo a man dereita para subir a capela, está a rúa da Atalaia. A primeira casa, a dereita, é a magnífica Casa Indiana de Dª Panchita Acevedo. Enfronte, pintada de cor marelo escuro está a casa onde vivía o noso ben recordado veciño Manolín de Peruxo, casa tamén brasonada da que falaremos nun próximo artigo, e un pouco máis arriba, pegada o atrio da capela, está a Casa de Prelo en cuxa fachada presenta a pedra armeira que hoxe nos atinxe (foto). Esta casona coñécese como dos Prelo, posiblemente por ser, ou por haber sido, dos familiares da Casa dos González de Prelo ou de D. Diego Suárez de Prelo (ano 1587) do concello de Boal.
A labra esta realizada sobre unha pedra cadrada de mármore branco e enmarcada por pedras de cantería rectangulares. Consta dunha bordura xeral onde malamente se poden ler algunhas letras da lenda, empezando por abaixo a esquerda: “ARMAS.(en punta); Y BLASON...(flanco destro); DE PEDRO GONCALEZ(?) (en xefe); DE ...COP..AIº.S” (flanco sinistro), o cal, fai difícil a identificación xenealóxica, e tampouco ten gravada unha data de execución que puidera ser esclarecedora. No campo desta pedra armeira aparecen unha serie de adornos simétricos en forma de cinta adentada, que realzan as figuras dun brasón nobiliario: un cabaleiro montado a cabalo, cara a sinistra, con armadura e casco sen visera, tipo borgoñota con penacho, lanza en riste (baixo o brazo), alanceando un animal, que parece un cérvido femia esvelto e de longa cola. A escena ocorre fronte a unha árbore de copa arredondada (un teixo) e arrancada ou desenraizada (unha árbore á que se lle ven as raíces de fora).
Se por un intre nos remontamos a Mitoloxía Grega e Romana poderemos ver certas similitudes nos gravados dos seus mitos e lendas con algúns dos brasóns da baixa Idade Media. É lóxico pensar que para idear un brasón descritivo dun feito heroico ou dunha escena campestre, os artistas gravadores da Idade Media se inspiraran en deseños debuxados nos pergamiños dos mosteiros ou nos gravados das ánforas, urnas, conxios, cotilas ou calquera outro tipo de pote cerámico decorado, e trasladaran a idea ás escenas dos seus tempos. Neste caso, o brasón aseméllase as ilustracións do mito de Belerofonte, neto de Sísifo que matou á Quimera montado sobre o cabalo alado Pegaso, nacido da sangre de Medusa. Este comentario, sirva só de apunte do arte, pois puidera ser motivo de investigación e estudio aparte.
Segundo as figuras do campo parece ser un dos brasóns dos Valledor. En Ribadeo había tres casas brasonadas dos Valledor (hoxe quedan dúas), con tres escudos de armas distintos, de dous dos cales, nos ocupamos neste artigo, e do outro nun próximo.
Revisando os arquivos da Chancillería de Valladolid, cremos que esta casa da Rúa Atalaia, pertenceu a D. Pedro González Navia y Valledor do val de Allande (Asturias), ou a algún dos seus sucesores, pois este señor aparece no ano 1597 preiteando con D. Pedro Fernández, cura, como herdeiro de D. Juan de Llano de Caldevilla sobre uns bens que comprou a D. Sancho de Ron y Osorio, xunto coa xurisdición, vasallos e rendas de Caldevilla (Asturias). Así mesmo, aparece en 1715, preito de Dª. Ana Fernández de Boal contra outro D. Pedro González Navia, e nunha data máis próxima, en 1818, hai executoria do preito litigado por D. Pedro González Trelles y Valledor, veciño de Avilés, con D. Antonio Suera y Trelles sobre unha entrega de bens.
Esta antiga casona, pola magnífica situación sobre a paisaxe da Ría de Ribadeo, e pegada o atrio da Capela da Atalaia, ten tódalas trazas de ter sido a casa familiar dalgúns dos membros desta familia que seguramente se ocupaban nalgún negocio do Comercio Marítimo de Ribadeo, ou onde pasaban grandes tempadas da súa vida gozando a diario da ría: bañándose na praia de Cabanela, pescando, mariscando, velexando ou zaleando dun lado para outro.
É unha pena a desgraciada e mal cualificada restauración externa que, o noso entender, lle fixeron a esta preciosa casona, pois aquelas magníficas fiestras, balconadas e portalóns dos días de esplendor desapareceron. Non queremos nin pensar, que sería daqueles alongados salóns interiores, daquela larguísima mesa de comedor onde os faladoiros da sobremesa duraban horas, daquela amplísima cociña con escudo nobiliario sobre a cheminea...! En fin!

Outro antigo escudo de armas dos Valledor (debuxo, tomado do Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 108 en diante) desaparecido de Ribadeo a primeiros da década de 1970-80, cremos que o levaron para o Museo de Lugo cando se derrubou a casa de D. Xusto Barreiros que estaba na esquina da Praza de España, ó comezo da Rúa de Figueirúa, hoxe Rúa de Bos Aires.
Segundo a ilustración debuxada por D. Amando Suárez Couto, é un escudo cortado, ou así parece, aínda que pode ser un só campo cunha escena en perspectiva, timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra. Consta das seguintes figuras e mobles: un castelo de pedra de tres torres, entre as cales, sobre o adarve, asoma a cabeza dun home que asexa o campo. Adestrado dun teixo e sinistrado dunha flor de lis superada dunha estrela de oito puntas (en campo de gules, un teixo de sinople flanqueado por unha lis de ouro superada dunha estrela de prata). Abaixo, fronte o castelo, aparece unha escena de caza similar a da foto; neste caso, o cabaleiro está mirando a destra en actitude de lanzar un venabre ou unha xavelina a un oso ao que acosan un can e dous homes armados de lanzas (monteiros). Á sinistra un home, armado de lanza está sentado no chan e contempla a escena do campo. Tras do cabaleiro, á sinistra, outro home porta unha caldeira coa man dereita e na esquerda debe ter(?) “unha culler de madeira para revolver o pote”. Na bordura pódese parcialmente ler, comezando por xefe e flanco sinistro: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (o lema borrado, completámolo na obra: Heráldica de los Apellidos Asturianos, D. Francisco Sarandeses, Oviedo 1994, páx.367)
As ramas xenealóxicas desta familia, emparentan cos Arias de Lugo, cos Pose de Betanzos, e cos Sotelo e cos González de Carvajal de Viveiro. A rama familiar deste escudo do Ribadeo Antiguo (debuxo) parece ser a de D. Pedro Fernández Valledor, casado con Dª María Pardo de Ulloa y Losada (hai un preito de 1656 litigado por Dª Maria, viúva) cuxo fillo, D. Xacinto Valledor y Lavega, capitán, casado con Dª Sabela de Lamas Vaamonde de Andrade e Montenegro, tiveron por fillo a D. García-Manuel Valledor Presno Llamas Montenegro (hai un preito de 1698), capitán tamén, casado con Dª Catalina Trelles e Villaamil, cuxo fillo D. Xacinto Valledor e Presno, capitán, estaba casado con Dª Mariana Raimúndez Pardo Osorio Miranda e Azcuedo, e o seu fillo, D. García-Francisco y Presno, señor de Montealegre, casou con Dª Melchora Queipo de Llano... (Blasones y Linajes de Galicia, D. Xosé Crespo del Pozo do Mosteiro de Poio, Tomo V)
¿Como é posible que se estea perdendo sistematicamente tanto patrimonio histórico de Ribadeo? ...os castros do concello, o xacemento de Louselas, os pecios afundidos na Ría de Ribadeo, a propia Ría colmatada de area a causa de tanta obra civil mal pensada... se permitan demoler casonas históricas de Ribadeo, como o Colexio S. Clemente, a Casa de Villamil no Xardín, a casa de Leopoldo Boado en Figueirúa....e se cambien por vulgaridades totalmente fora de todo entendemento patrimonial? Incluso lles apetece agora levarse por diante “aeternum” a Illa Pancha e o seu Faro a catro empresarios, pero... ¿a qué intereses espurios están vendidas as “nosas autoridades” que sen ruborizarse un centímetro da súa cara permiten e firman estas obras? ¿Non fomos capaces nin os ribadenses, nin os galegos de votar a ninguén con raciocinio dabondo como para non hipotecar con estas absurdas resolucións o nosa esencia de ser? Porque, non nos chamemos a engano, machacado o patrimonio e cegada como está a Ría e Porto de Ribadeo, para barcos de 5000 Tm a 10 000 Tm para abrirnos ó Comercio Marítimo transoceánico que foi desde sempre o motor de riqueza de Ribadeo ¿qué facer? ¿seguir emigrando de Ribadeo? ¿Non lles importa a estas “autoridades de traballo eventual” o futuro dos seus propios fillos? Traballar por e para eles, baixo as condicións que sexan, onde sexa e como sexa, para crialos e estudalos, para que logo teñan que atopar traballo en A Coruña, Bilbao, Madrid, Cáceres, Hamburgo, Londres ou Nova York e que veñan á casa só nas Festas do Nadal. ¿Toda unha vida dedicada a traballar, para ó final, votar ós fillos da casa...? ¡tendo Ribadeo tantísimo potencial económico de riqueza, desprezado e tirado pola borda un día tras doutro! ¡que pena! ¿non?.

Un ano de temperie en Ribadeo. I.- Temperaturas

Nota: este artigo é duplicado do aparecido en FQ Ribadeo

Hoxe por hoxe, abondo antes de rematar o ano xa nos chegan novas sobre canto de quente foi o período anual correspondente, para toda a Terra. así, sabemos que unha vez máis no que vai de século, a media das temperaturas no noso planeta volveu subir no período que abranque o ano 2016. Algo que pode contrastar co que pasa nunha localidade particular, como Ribadeo, que, a ano rematado, tivo unha temperatura media o ano pasado de 14,10 ºC.
De xeito natural. por termo medio, as localidades individuais seguen a tendencia xeral, mais tampouco é raro que non o fagan un ou varios períodos consecutivos: estamos a falar de estatísticas. E este ano, Ribadeo seguiu a tendencia ó quencemento, mais non batiu marcas de temperaturas.
Recollendo os datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias no que vai de século, atopámonos con que o número de días nos que se acadou nalgún momento unha temperatura por baixo dos 3 ºC igualou ó mínimo de hai dous anos, con 3 días en todo o período. Iso confirma a tendencia de que, por termo medio en Ribadeo, cada catro anos hai 5 días menos con temperaturas por baixo de 3 ºC.
 Polo contrario, nas temperaturas por enriba dos 25 ºC non se produce tal máximo. Case ó contrario, está en mínimos do século. algo que indica que o que nos atoparemos na media non será un nivel demasiado alto de temperatura.
Para facernos unha idea do que represetna o non acadar máis días de máis de 25 ºC, a gráfica seguinte, correspondente á media das máximas temperaturas acadadas en cada un dos días do ano. E nela vese que a media de temperaturas máximas dos días máis cálidos anda polos 23 º, aínda lonxe dos 25 ºC.
Considerando as temperaturas anuais en conxunto, este ano non foi espectacular en ribadeo, como amosa a gráfica seguinte, na que se ve clara a súa quinta posición nos 14 anos considerados (anos con datos fiables abondo). A tendencia xeral está respaldada: dos cinco máis calurosos, 3 son os últimos (entre eles, os dous máis quentes).
 Así, a liña de tendencia está clara: cada ano a media de temperatura de Ribadeo sube algo máis de 0,03 ºC. Ou sexa, de seguir así, algo máis de 3 ºC no século, apoiando o nacemento da 'Galicia caribeña'.
As dúas gráficas seguintes son máis difíciles de interpretar, aínda que representan versións do mesmo fenómeno. a que aparece a continuación marca a media de temperatura dos 365 días anteriores. Marca unha tendencia ó aumento, mais o máximo está no período verán 2006-verán 2007.
A outra é a temperatura media dende comezos de século. Faise notar a perioricidade verán/inverno, cada vez máis atenuada ó ter maior número de datos e polo tanto, contar menos cada unha das tempadas individuais. E séguese a notar o aumento da temperatura, aínda que neste caso o coeficiente da recta de axuste non estea asociado a nada recñecible.
As dúas últimas gráficas son típicas, indicando a media mensual no que levamos de século en Ribadeo. Como curiosidade, a primeira danos moi boa aproximación a unha simetría arredor do ano, só un pouco xirada arredor do eixo febreiro-agosto, como corresponde ó atraso duns 45 días das temperaturas en relación ó período astronómico correspondente, con mínimas arredor do 5 de febreiro e máximas arredor do 5 de agosto.
 A última é maís recoñecible, indicando unha temperatura media (día con noite) de 19 ºC en agosto,por menos de 10 ºC en febreiro.
O resume:
aquí, o que dicía da temperatura os anos anteriores:
En 2016
En 2015
En 2014