20181229

Facendo propaganda a conta dos pensionistas


Hoxe foi un deses días nos que era doado, moi doado, atopar novas con titulares truculentos, sen ter que chegar a ler nada máis que iso:  o titular. Como mostra, val un botón, din.  E iso é o que fago neste artigo, traer unha mostra relevante. Está sacada da portada de La Voz de Galicia de hoxe. Era a nova iso, relevante, da portada: 'Los pensionistas gallegos recuperan poder adquisitivo por primera vez en cinco años'.
A ver... iso sucédelles ós pensionistas galegos por ser iso, galegos a máis de pensionistas, ou ós pensionistas españois, por ser sinxelamente iso, pensionistas en España? Coido que a resposta está clara: a raíz dunha edida tomada polo goberno, os pensionistas revalorizarán as súas pensións, de media, máis que a inflacción oficial. Pero, é iso o que di a nova? Non! só se refire ós galegos, cando está tratando cunha causa que afecta a todos os pensionistas, galegos ou non.
O artigo non entra na veracidade da afirmación da recuperación do poder adquisitivo: tería que ter en conta diversas cousas que levarían a unha análise dun nivel de datos, coñecementos e métodos netamente superior ó observado.
Non obstante, si hai algo que se ve claramente: a quen beneficia a nova. Independentemente de que a xeración da nova, a causa, poda ser considerada ou non promoción política dos gobernantes en Madrid, o caso é que a redacción leva a pensar como causantes da nova ós gobernantes en Galicia, e polo tanto, serían estes -lembremos, integrantes do PP e non do PSOE como os do goberno central- os beneficiarios da sensación positiva de mellora que trae a nova para o colectivo de pensionistas.
Prensa neutral? Non. Obxectivamente, non pode selo, pois dende a elección das novas a difundir a calquera outra actividade relacionada en diante, supón o uso de valoracións propias como base de elección. Pero, aínda que sexa imposible unha neutralidade 'total', cada medio si debe ter uns mecanismos que permitan achegarse ós feitos dun xeito veraz. Hoxe por hoxe, ese 'debe ter'representa, nunha parte abrumadora dos casos, non un deberobrigado, senón todo o máis, un desexo optativo.
Gustaríame saber a influencia, contada en votos, de un trucaxe dunha noticia así. Algo moi difícil, por outra parte. E por esa dificultade, xunto cos subterfuxios lingüísticos da avogacía, estamos así...

Da presentación do libro de José María en Mondoñedo: un par de fotos e comentarios

Onte, 28 de decembro, tivo lugar a presentación do libro editado pola AVV O Tesón, 'José María Rodríguez Díaz, in memoriam' en Mondoñedo. Presidiu a mesa a alcaldesa, Elena Candia, e participaron no acto Manuel Otero 'Xanetos', e Isidro Fernández 'Cidre', a máis de min. O público escoitounos por tres cuartos de hora o relato de diversas vivencias de/con José María e relacionadas co libro. Ó final do acto, o concello de Mondoñedo agasallou ós asistentes cun exemplar.
Resultou emotivo, ó tempo que se poideron lembrar uns, aprender outros, novas cousas sobre José María e a época e os feitos que lle tocou vivir.

As fotos son de Mª José Cociña.

 Obras de José Mª Rodríguez

20181217

20181216

Nota de prensa do concello. BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX

Nunha semana o blog ten acollido dúas entradas que recollen de xeito directo a situación do transporte na zona, tendo o tren como principal vector. Por iso coido que debo recoller tamén íntegra a nota publicada polo concello o pasado día 12:

BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX
 Xuntanza polo tren
12/12/2018
O alcalde, Fernando Suárez, asistiu hoxe a unha reunión en Ferrol para abordar a situación da liña de tren que atravesa Ribadeo e o litoral da comarca da Mariña ata a cidade departamental. O rexedor explicou que non asistiu ningún alcalde do PP e que Adif anuncia o inicio dos trámites en xaneiro para renovar as máquinas. Suárez Barcia considera que a xente non utiliza este servizo de transporte público porque ten unha grande falta de credibilidade.
O alcalde declarou que "tivemos unha xuntanza en Ferrol, que foi convocada por responsables de Adif, é dicir do Ministerio de Fomento do goberno do Estado, e tamén da Xunta de Galicia, para tratar de dar unha explicación a esta situación terrible e lamentable que vivimos na Mariña por mor da liña do tren de Feve, concretamente o tramo de Ribadeo a Ferrol. É un treito que máis parece sacado da Transilvania do século XIX, que no lugar onde nos toca vivir a todos e a todas".
Fernando Suárez contou que "debo dicir que, entre os alcaldes que fomos, non había ningún do PP e iso tamén chama a atención, porque penso que a liña de Feve pasa por todos os concellos, independentemente de quen goberne en cada un, pero alí había do Bloque, do PSOE, de En Marea, etc…, pero non había ningún alcalde do PP. Tamén quero dicir que asistimos con moita prudencia ás boas intencións que parece que agora Adif vai ter con esta liña, no senso de iniciar os trámites para renovar as máquinas, aínda sendo conscientes de que se isto vai a un consello de ministros de xaneiro, os procesos de compra e de adxudicación demoraranse, segundo as súas verbas, entre tres e catro anos".
O rexedor relatou que "tamén nos explicaron que están en proceso de reparación de toda esta maquinaria rodante, que ten máis de corenta anos en moitos casos, e que o que está provocando en toda a cidadanía, non soamente en Ribadeo senón en toda A Mariña e en toda a cornixa cantábrica, polo menos no que ten que ver con Galicia, unha situación de descrédito desta liña absolutamente, e de falta de confianza de que a xente non usa este medio de comunicación público, ecolóxico e ao mesmo tempo bo, porque non cre nel, porque sabe que vai pero igual non pode volver, porque se estraga, porque vai no tren e ten que acabar collendo un taxi ou volvendo en autobús, é dicir, unha falta de fiabilidade e de credibilidade inédita para vivir no ano 2018".
Suárez Barcia subliñou que "tamén chama a atención que o representante da Xunta que, durante todos estes anos non exerceu o liderado en todo isto, agora tamén se anime a reivindicar. Parécenos moi ben que se animen agora, pero durante moitos anos que o PP gobernou no Estado non se lle vían esas ansias. En todo caso sexan benvidas e a ver se entre todos podemos volver a dar un crédito e unha confianza a este medio de comunicación que podería vertebrar perfectamente A Mariña, pero que non a vertebra en absoluto porque a xente e a cidadanía non confía".
O alcalde agarda que "se leven adiante estas talas de árbores, que nos dixeron, para a limpeza da vía e das súas inmediacións, que se liciten uns proxectos de estabilización das trincheiras, é dicir, que dalgunha maneira se lle preste atención a un servizo de comunicación público merecedor de tal cualificativo. Esperemos que estas verbas vaian tornándose en feitos, porque o certo é que estamos acabando un mandato exactamente igual que cando se empezou con estas reivindicacións dende moitos Concellos para poñer en valor isto, xa hai anos. En todo este tempo non se fixo nada e as liñas cada vez están máis abandonadas, a falta de revisores, a falta de persoal, os trens, os vagóns e as locomotoras practicamente están para ir á chatarra, e isto non pode seguir así".

20181214

O pequeno comercio. Pablo Mosquera

(Artigo traducido)
Gústanme as rúas gremiales. Gústanme as rúas dos nosos cascos históricos. Gústanme as rúas con cheiro a mar. Gústanme as pequenas empresas familiares. Gústanme os escaparates do sector terciario emprendedor, autónomo, con tradición familiar. Declárome romántico e crente en torno a Prisciliano e Álvaro Cunqueiro.
Detéñome sempre ante unha vella ferretería. Quedábame extasiado diante daqueles coloniales. Boto de menos os moliniños de café e os frascos de cristal. Gozo coa mirada do meu neto diante do escaparate dunha xoguetería. Odio as video consolas. Son un antigo, dos que xogaba á billarda, peonza de madeira e canicas de barro.
Ás veces penso, aínda que non o diga: ¡o que se perden os nosos nenos!. Daquelas historias que contaban os mareantes nas cantinas, non queda nada. Agora os relatos diante do animal lume, cambiámolos polos silencios alienantes diante da televisión, e o lume... póñeno as máquinas encargadas de alimentar a adicción polo xogo. ¡Que estupidez máis perigosa!.
Gústanme as librerías vellas. Onde me imaxino, polas noites cando se apagan as luces, saen os personaxes dos libros e organizan un faladoiro. ¡Que cabreo collín!, o día que comprobei, nas rúas polas que o meu pai paseou coa estudiantina Compostelana, que as históricas librerías convertéronas en tendas de lembranzas.
Agora todo é en liña. Ninguén escribe unha epístola. O meu querido Mondoñedo garda as sombras daqueles seminaristas, sabios alumnos de Santa Catalina, que paseaban polas súas fermosas rúas escoitando á Paula e á Ronda. Ata a choiva non é igual que cando Cunqueiro describiu aquel Reino, rico en augas, pan e latín.
Recordo con emoción, pois o trasladei a Vitoria, "o pequeno comercio é o sorriso da túa cidade". ¡Magnífico slogan!. Á mesma altura que o de "a faísca da vida". Só que un era anunciando unha bebida propia de yankilandia e o outro poñía alma galega á cidade do Landro.
As grandes superficies, algunhas chegadas doutros países, rodean como exércitos invasores aos nosos pequenos e elegantes comercios de toda a vida. Pero agora son elas as sitiadas polas compras a través de Internet. ¡Xusto castigo ao consumo desmadrado e publicitado!. Debo ser resto daquela estirpe que gustaba de tocar a calidade do xénero para un pantalón, ou almorzar lendo un xornal en papel, mesmo gardando os artigos que me sorprenden por que me obrigan a reflexionar sobre o mundo, os seus acertos e as súas miserias. Son lector inmisericorde. Parroquiano de cantinas como Casa Eladio no histórico antigo concello de Galdo. E é que resulta conmovedor o seu ambiente, a atención desa familia que sempre ten un sorriso hospitalario. Ata o viño sabe mellor... ademais nunca faltan os torreznos.
Por favor, paren o vehículo, quero baixarme para gozar de todas e cada unha das nosas parroquias do antigo Reino de Galicia que está a piques de celebrar o Nadal. Pero, en galego e como galegos.

20181212

Onde conduce?

Coido que a foto é abondo explicativa. A vía recta cara adiante, sen ninguén que a transite e con lixo descoidado á beira. Unha alegoría do tren na comarca na actualidade (e no pasado), e por extensión, dos transportes en xeral. Podería ser unha vía ó futuro, mais polo momento, parece unha vía ó pasado de atraso e incomunicación. Algo que se pode contaxiar da sociedade ó individuo.

20181211

Ponteando a vixiancia das Catedrais

Ponte da Inmaculada Constitución. Invasión de xente. Nas Catedrais, tamén. Despois de discusións sobre a vixiancia e seguridade entre as autoridades, páxinas web de visitas, contrato de seguridade privada...
Multa? E quen vai poñela?
Non se pode andar por riba da illa? De veras? Que fai logo o camiño que xa se ten formado?

Coido que as fotos amosan unha realidade na que a seguridade privada non está activa en días de abonda afluencia de xente, o mesmo que a páxina web de visitas, mentres non hai disputas entre autoridades e segue no limbo a participación cidadá.
Coido que non se trata de prohibir porque van caer pedras (ou persoas), que seguridade total non hai nunca (non te pode dar un infarto agora mesmo, ou?) pois o coidado da natureza e o sentidiño non son cubertos enchendo papel (e a base de prohibir infantilízase a sociedade), pero menos aínda se  o cubrir o papel non vai acompañado de medidas para o cumprimento do que pon.

20181207

O difícil futuro da mobilidade na zona de Ribadeo


Hai non moitos días o goberno de España lanzou un plan para rematar co transporte a base de combustible convencional. Xa daquela tiñan lugar as protestas dos chalecos amarelos en Francia pola suba de combustible, que afecta de xeito desproporcionado a unhas zonas periurbanas con conexión deficiente nas que o uso do coche particular é obrigado. E moito antes, o tren na nosa zona ten diminuído a calidade do transporte, despois de perder hai máis de medio século outra liña de tren á zona interior, e ver como as liñas de autobús van caendo. Unha restruturación das concesións de liñas xunto do transporte escolar o ano pasado mellorou en teoría o transporte pola cosa, con baixa calidade de funcionamento, pero fixo pouco polo interior, abocado a poder baixar ó pobo dende primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde, e impedindo que a xente do pobo poda subir,
Logo, que? Non subir o prezo do combustible e eliminar a lei que trata de dar a puntilla a un desastroso e contaminante consumo de recursos naturais? Non, coido que a cousa non vai por aí. É mais, ven demasiado tarde con prazos demasiado grandes. Pero mover un armatroste de 1400 kg para que unha persoa de 70 kg se poda desprazar significa empregar vinte veces máis enerxía da debida. E se, ademais, facer un recorrido de 15 km supón emitir ó ambiente 3 kg de dióxido de carbono, uns 1500 L, podemos ver que non só non é mantible pola falta de recursos (esgotamento do petróleo), que se manifesta na suba de prezos, ou pola contaminación que supón o método de extracción de novos recursos en boga hoxe, o fracking, senón tamén pola degradación do aire que respiramos contaminado por miles de millóns de coches, ou a degradación que supón o aumento de temperaturas pole efecto invernadoiro.
Pero necesitamos unha resposta a un problema. E si, hai que racionalizar os desprazamentos de cada quen a nivel particular, pero tamén artellar que os desprazamentos particulares podan ter un encaixe nun transporte colectivo. Nas cidades poden ter máis problema de aparcamento, pero a densidade de poboación permite establecer liñas de autobuses, tren, metro, que achegan abondo ó destino. Na soidade do campo galego, a cousa varía abondo. Pero é necesario darlle unha solución. e só é unha aproximación ó primeiro paso a defensa dun tren que se cae a pedazos  por falta de atención.
Complemento medioambiental, de antonte mesmo:
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, dixo: "Estamos en apuros. Estamos en profundos problemas co cambio climático. O cambio climático está indo máis rápido que nós e debemos poñernos mans á obra máis cedo que tarde, antes de que sexa demasiado tarde ".

20181206

O primeiro CD da banda de Ribadeo, en Youtube

Atopeino hoxe de casualidade. E coido que merece unha difusión maior da que presentan o número de visitas que hai nestes momentos en cada un dos temas. Está gravado pola banda baixo a dirección de Hernán polo Servicio de Producción da Radio Galega os días 12 e 13 de agosto de 1997 no auditório da Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias, de Ribadeo, agás as obras "Andante Spianato e Gran Polonesa", "Sinfonia do Novo Mundo" e "Piensa en mí", que foron rexistradas en directo no concerto ofrecido pola Banda Municipal na Igrexa Parroquial de Ribadeo o 1 de agosto de 1997.
Obra:Andante Spianato e Gran Polonesa en Mi bemol Maior Op.22.
Autor: F.Chopin.
Transcrición: Hernán Naval.
 Obra: Sinfonía do Novo Mundo (fragmento)
Autor: A.Dvorak
Arranxo: Michael Sweeney.
 Obra: Finlandia.
Autor: J.Sibelius.
Transcrición: Frank Winterbottom.
Obra: O Segundo Vals, da Jazz Suite nº2.
Autor: D.Shostakovich
Arranxo: A.Waignein.
 Obra:Pavane in Blue.
Autor:T.Huggens
 Obra: Portbou-Saraxevo.
Autor: Hernán Naval
Obra:( Everything I Do) I Do It For You, BSO de Robin Hood.
Autor: Bryan Adams.
Arranxo: Ron Sebregts.
Obra: Lonxe do Mar (Habanera).
Autor: Hernán Naval.
Obra: Piensa en mí (Bolero).
Autor: Agustín Lara.
Arranxo: Hernán Naval.

20181203

O sentemento das bandeiras: unha imaxe para pensar

Hoxe, mesmo en Ribadeo, fálase moito do resultado das eleccións andaluzas de onte. Esta mañá, as bandeiras na Pedro Murias ondeaban co forte vento feitas farrapos. Non son as persoas as que están feitas farrapos, senón as ideas e o que se fai con elas...
Unha imaxe para pensar...

20181130

Algunhas fotos de outono na ría de Ribadeo

Unha volta pola ría soe estar ben, pero hai momentos nos que está mellor...





Ribadeo, Madrid. Transporte

Hoxe entra en vigor a prohibición de circulación sobre algo máis de 4 km2 no centro de Madrid. Contaminación, tráfico, aparcamento, desenvolvemento da vida no centro da capital van verse afectados. Comparar unha cidade de catro millóns de habitantes cun pobo unhas 700 veces menor non é doado, nin en tráfico. Mais, en medio da polémica do comercio que houbo días pasados, coido que ten sentido facer un pouco de planificación de futuro tamén en Ribadeo sobre o tráfico rodado, acceso, aparcamento, e, sobre todo, liñas de comunicación públicas ou compartidas de diverso xeito para facer as comunicacións e transportes mantibles e respectuosos co entorno. Hoxe por hoxe, as restricións ó transporte que pouco a pouco se van estendendo por todo o mundo teñen vairas cousas en común, entre elas, que deixan moito mellor paradas ás aglomeracións urbanas, con grande densidade de poboación, con moita xente coa que compartir e moitas posibilidades de uso de transporte público xa de xeito previo, fronte ás zonas nas que a poboación está dispersa, como ocorre no noso entorno. As liñas de tren de proximidade das cidades están a desenvolverse e fomentarse, mentres aquí o ferrocarril da costa cáese en anaquiños diante da nosa vista, desincentívase o seu uso, recórtanse conexións... algo polo estilo pasa coas liñas de autobús. Cabería facer unha excepción coa liña Viveiro-Ribadeo, pero está visto que unha cousa é a teoría e outro o funcionamento real, con pasos por paradas sen parar, retrasos ou ausencias (cousas vividas de primeira man), etc, e unha app para avisar de que vas viaxar que aínda non sei que lle fora útil a ninguén.
Cousa polo estilo pasa cos aparcamentos. Nas cidades están a estenderse os 'aparcamentos disuasorios', mentres aquí son aparcamentos complementarios polo reducido espazo de aparcamento que se estima nas rúas, dado ademais que o uso do coche particular é necesario ante a falta de alternativas. alternativas que pasan con moita dificultade polo uso de posibilidades como blablacar, pois para ir camiño de Xixón podes ter unha certa frecuencia, mais para ir a Lugo a cousa xa está máis difícil, e non digamos se tes que ir a Allariz, como me pasou a min hai non tanto tempo, ou sinxelamente desprazarte a Arante para facer alí algo pola mañá.
Coido que Ribadeo só non pode loitar contra iso, pero tamén que voluntarismos como ir ó encontro de fútbol entre os equipos de Ribadeo e Viveiro en tren (volvendo en autobús, que así están as cousas e non se pode un arriscar) ou esquecementos como a chamada do comercio a consumir aquí esquecendo que o transporte tamén atrae consumidores, e polo tanto, esquecendo esa compoñente que nos afecta a todos, non son loitar pola defensa dunha vida mellor para todos, cidadáns e comercio incluídos.
Agora ben, hai xente de Ribadeo que vive en Barcelona e non ten coche porque non le fai falta. Isto, antes da adecuación do transporte na cidade. Aquí, que nin hai nin se espera de momento dita adecuación macro, sen coche, estás atado, cautivo. Sexa para ir ó hospital da Costa (ou o HULA), sexa para mercar en Ribadeo xente de Barres ou en Lugo xente de Ribadeo, sexa para ir ó partido de fútbol en Vilalba, ou mesmo á charla que dan na Veiga. E a cousa tende a empeorar coa falta de mantemento e supresión das liñas ... sen unha loita organizada e con queixas dispersas que, ademais, pretenden facer un aproveitamento directo e non xeral (que reverquería despois no propio aproveitamento)
Autobús de liña en 1975. De https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:1975_-_Pontevedra.jpg; autor Antonio, lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual xenérico 2.0

20181128

Envases lixeiros, burocracia pesada

Na procura infrutuosa dunha convocatoria do pleno de onte, atópome nas web do concello dúas notas a considerar. A primeira  corresponde a un documento de 100 páxinas, "PROXECTO DE EXPROPIACIÓN PARA A MELLORA E RESTAURACIÓN DE HÁBITATS NATURAIS NO CORREDOR FLUVIOESTUARINO DA RÍA DE RIBADEO ZEC RÍO EO-GALICIA (ES1120002) ZEPA RIBADEO (ES0000085)", aprobado inicialmente por acordo plenario de 24 de maio deste ano e asociado do proxecto LIFE FLUVIAL “Mellora e xestión sostible dos corredores fluviais na Rexión Atlántica Ibérica” (LIFE16 NAT/ES/000771).
O documento ten cousas interesantes, aínda que o que máis me chamou a atención son os planos da zona a expropiar, da ponte da N-642 en Reme cara á ría. Planos públicos, pero que se non é unha cousa destas é difícil que saian á luz. A distribución de fincas nunha zona de marismas da unha idea impacgante do que pode ser o minifundio galego. Por suposto, hai outras cousas, como que nas novas que aparecen na prensa se asocie á eliminación de pinos e eucaliptos o que son marismas, ou o que leva a pensar nos trámites farragoso-administrativos, de data de aprobación preliminar 24 de maio, data de anuncio de publicación no BOE 27/11 (coido que aínda non está publicado) e data de sinatura do proxecto, 18/7.
A outra nota está tamén relacionada co farragoso-administrativo. Trátase de que por fin se vai máis ou menos a normalizar a recollida de lixo, apartado de envases lixeiros, de xeito provisional pola empresa ASCAM mentres o concello se da sacado de arriba o contrato con Soil Recovery, que hai tempo que por problemas propios non recolle.  Procuro na rede e entendo que a 'nova' empresa é ASCAN, non ASCAM, e que ten unha longa historia en internet que inclúe multas por incumprimento. O caso é que polo momento vai funcionar, pero tamén que a seguridade que se pretende cos trámites administrativos para amparar a legalidade evidentemente teñen numerosos defectos que fan que moitas veces non salvagarden a legalidade e sexan un lastre para a boa administración.

20181127

Mirando á pasta

Pasta como sinónimo dos cartos ou pasta de papel? Ambas.
A semana pasada apareceu unha nova nos xornais resaltando non unha nova auténtica, senón o recoñecemento de algo que era vox pópuli: que Ence leva xogando cos políticos para conseguir subvencións cando está ganando cartos. E que para iso, usa Mirasol, o tren e o que faga falta. Algo moi común entre as empresas, sangrar ó sector público como complemento ou suplemento dos réditos comerciais. Aí está a mesma semana pasada o recoñecemento doutro segredo a voces, o agasallo ós bancos de 50 000 000 000 € (euro arriba, euro abaixo, que máis da, máis de mil euros por cada un de nós) despois de vendelo á opinión pública dicindo que era un préstamo con intereses para salvar ós cidadáns..
O caso é que unha vez logrado que Portos de Galicia rebaixase o custo de uso das instalacións portuarias de Mirasol, ENCE xa perdeu o interese na liña férrea. Polo medio, politiqueos de todo tipo con pouca ou nula base real, manobras como a intención da construción dunha macronave, e de xeito sorprendente para min, pouca ou ningunha referencia a que o tren é un transporte máis respectuoso co medio ambiente ou  ó estudo da posibilidade do ramal de ferrocarril a Mirasol. Ó fin, non ían por aí os tiros, como se está a ver. Pero, mentres, Portos de Galicia segue a recibir unhas cantidades moito menores polos dereitos de embarque das que percibía antes do tira-afrouxa co Musel, e o coidado do porto de Mirasol recibe menos atención da que debera, despois de ser segregado do pobo polo valado (realizado coa desculpa de tráfico con países terceiros de fóra da Unión Europea...)
De Navia a Ribadeo
Coido que o que leva pasado a conto do traslado de mercadoría de Ence ó Musel é de libro e debera servir como caso exemplificador para algunhas outras actuacións empresariais de todo tipo na nosa contorna ou máis aló. Que así se faga ou non implicará consecuencias no futuro...

20181124

Xornada de portas abertas na residencia de Ribadeo 20181124

    Hoxe tivo lugar a primeira das xornadas de portas abertas para que a xente poda visitar a nova residencia de maiores de Ribadeo. Foi un acto emotivo  do que deixo diversas fotos e, ó final, un vídeo do acto principal, coas intervencións da Concelleira de servicios sociais, Sonia Meilán, o representante da Plataforma e da Comisión pro Residencia, José Antonio Ares, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, coa presenza constante do esprito de José María Rodríguez. Ó final do mesmo descubriuse unha foto da manifestación do 22 de abril de 2014 e comezou a visita ás instalacións.
Completan a entrada as dúas novas do concello relativas ó acto.
Detalle da sala de estar, con acuario e decoración con montaxes de fotos de Ribadeo (como a xeralidade de estancias)

Momento da sinatura da petición do PIA

Rematando de descubrir a foto da manifestación na entrada. dos portadores da pancarta, faltaba Tino Reymóndez e José María Rodríguez (está presente na foto a súa dona). A exconcelleira de Servicios Sociais estaba no acto pero non aparece na foto, o mesmo que Lalo Gutiérrez. Si están presente na foto José Antonio Ares, Manuel Valín e o alcalde. Ós pés da xente, a alfombra de entrada: "O noso soño, o teu fogar"

Vista parcial dende o solario do segundo andar.

Vista parcial dende unha habitación ó surleste.

Vista parcial dende un cuarto ó noroeste.



    Transcrición das verbas de José Antonio Ares Taboada:
    "Hai xa case oito anos, a finais de 2010, que unha tarde Juan do Espín máis eu fomos cabo de José María Rodríguez na procura de apoio para unha necesidade que sentíamos no pobo e que se manifestaba mesmo nas nosas familias: un coidado mellor e máis próximo para os nosos maiores.
    José María recolleu o guante e de aí a cousa botou a rodar. O Tesón convocou ás asociacións, e o apoio das asociacións de veciños á Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo foi unánime, tanto no social como no económico.
    Comezaba un longo camiño, pois aínda ano e medio máis tarde, o 22 de abril de 2012, vimos a necesidade de convocar unha manifestación para empurrar o proxecto. Unha manifestación que tivo unha resposta multitudinaria e inclinou as resistencias que puidera haber, coa xente facendo súas unhas consignas que sentían, como ‘por ti e polos teus, residencia en Ribadeo’.

    Dese día en diante foi claro que o que se estaba a pedir tiña milleiros de persoas detrás: a xente de Ribadeo.
    Adoptouse entón o acordo do pleno do concello, que levou o sentir e querer do pobo ás institucións que nos cadran un pouco máis lonxe creando a comisión municipal, na que tamén participamos José María e máis eu. Así, a Deputación de Lugo embarcouse tamén neste proxecto conxunto ata levalo a bo porto xunto co concello de Ribadeo, e ambos sendo conscientes de que tiñan detrás, e seguen a ter, o apoio dun pobo.
    Foi esa a continuación do longo camiño no que a forza da sociedade estivo sempre detrás dos nosos representantes na administración para ir cumprindo etapas. Dende a Plataforma cremos que debemos dar as grazas a todos os participantes, pero os de Ribadeo, ó fin, son, somos, como unha gran familia, somos nós mesmos; por iso as grazas deben ser máis patentes para quen recolleu o guante fóra de Ribadeo, contribuíndo a que as nosas institucións a nivel provincial se comprometeran.

Moi atrás quedou xa unha data: o 24 de xuño de 2014, día da colocación da primeira pedra da Residencia. Atrás quedaron tamén diversos problemas e complicacións.
    Hoxe, 24 de outubro de 2018, catro anos despois, estamos aquí coa residencia a punto. Si, faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas... aínda se tardará tempo en ver ós nosos maiores desfrutando nestas instalacións. Mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro.
Iso si, un futuro no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas, nin cando a inauguración permita ver a xente dentro. Sinxelamente, non remata: o compromiso cos nosos maiores e cousa de todos, todo o tempo.

    Moitas grazas."

Notas do concello:
Novas
TERÁ UNHA DURACIÓN DUNS 50 MINUTOS APROXIMADAMENTE
Acto na residencia de maiores
23/11/2018
O alcalde, Fernando Suárez, convida á veciñanza a participar mañá, sábado, na xornada de portas abertas que se celebrará no centro de atención a persoas maiores. Ás 12 da mañá haberá un acto institucional que contará coa participación do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, da concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, de José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores, e do alcalde, Fernando Suárez, que lembrou hoxe que a forza dun pobo serviu para algo, para conseguir que este centro sexa unha realidade.
O rexedor comentou que "a partir de mañá é cando podemos con todo orgullo mostrarlle a todo o mundo, a toda á cidadanía, o resultado deste traballo ímprobo que partiu, xa hai varios anos, no 2012 cunha manifestación da que Ribadeo se puido sentir orgulloso onde, da vila e do campo, xentes de todo tipo saíron a rúa xunto cos representantes políticos, con nós, para pedir que Ribadeo debía ter unha nova residencia, porque 10.000 habitantes necesitaban máis prazas públicas das que había en Ribadeo".
Suárez Barcia lembrou que "no 2014 iniciamos a construción desta residencia e agora, catro anos despois, se concluíu, se equipou e estamos no paso previo ao inicio do seu funcionamento, dado que nestes días estamos asinando os convenios de colaboración entre o Concello e esta gran administración, moi amiga de Ribadeo e dos veciños e das veciñas de Ribadeo, que é a Deputación de Lugo nestes últimos anos polo moito que nos ten axudado, e singularmente neste ámbito. Por iso tamén conosco mañá estará o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, para ensinarlle a todos os que queiran ir alí durante este acto desta fin de semana, e durante as seguintes dúas fins de semana, para que poidan ver todo o que fomos traballando".
O alcalde ribadense subliñou que "a forza de todo un pobo serviu para algo, porque isto vai para eles, para nós cando sexamos maiores e para os que xa hoxe en día son maiores que queren pasar os últimos días nas súas casas como é lóxico, pero os que non poidan por diferentes motivos, que saiban que teñen unha casa marabillosa aquí en Ribadeo para pasar con ledicia, alegría e ilusión os últimos días das súas vidas, que esperemos que sexan moitos".
Fernando Suárez convida "a todo o mundo a que vaia mañá ao acto, será ás doce do mediodía, e a partir de aí quedarán as portas abertas, en horario de mañá e tarde, para que todo o mundo que queira poida visitalo cos seus amigos, familiares, etc…".
O rexedor engadiu que "tamén nestes días pediremos o PIA, o permiso de inicio de actividade, á Xunta de Galicia e o que pido, como sempre, xa que non quixeron poñer un céntimo en toda esta obra marabillosa, cando menos que non poñan paus nas rodas e que nos deixen traballar ao Concello e á Deputación como estamos facendo, mao a mao para que redunde en beneficio dos nosos paisanos e das nosas paisanas".
O acto de mañá dará comezo ás 12:00 horas con música. Despois pronunciarán discursos Sonia Meilán, José Antonio Ares, Darío Campos e Fernando Suárez. Seguirá outra peza musical e o descubrimento dunha placa conmemorativa e máis da fotografía da manifestación cidadá do ano 2012. E despois será a visita por parte do público asistente ás instalacións.
Por outra banda, hoxe foron publicadas no as bases polas que se rexerá a confección de listas para a contratación do persoal técnico na nova residencia de persoas maiores de Ribadeo:
-Fisioterapeuta
-Terapeuta Ocupacional
-ATS-DUE
-Psicólogo/a
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados dende o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.


Novas
SEGUEN AS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS Á RESIDENCIA
Acto emotivo en Ribadeo
24/11/2018
Fernando Suárez e Darío Campos asinaron este mediodía en Ribadeo o convenio específico de xestión do centro de atención a persoas maiores e tamén a petición de autorización para o inicio de actividade. O presidente da Deputación de Lugo agarda que en tres ou catro meses a residencia estea en funcionamento. O alcalde ribadense subliñou que "por proxectos coma este, é polos que merece a pena estar en política".
A Escola Municipal de Música e Danza foi a encargada de interpretar as pezas musicais que alí se puideron escoitar. No tempo de discursos interviñeron a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán; José Antonio Ares, en representación da Comisión de Asociacións Veciñais Pro-Residencia de Maiores de Ribadeo; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; e o alcalde ribadense, Fernando Suárez.
Sonia Meilán dixo que "a nivel persoal non é o doado explicar a miña satisfacción. Os maiores son a miña paixón, a miña profesión está directamente relacionada coa xeriatría, son xerocultora desde hai dez anos e sempre digo que son unha privilexiada porque traballo no que verdadeiramente me apaixona e me gusta, co cal creo que sería moi difícil explicar con palabras o que sinto hoxe".
A edil ribadense sinalou que "como concelleira de Servizos Sociais debemos loitar e apostar por unha atención de calidade para os nosos maiores e penso que coa construción desta residencia cumprimos o obxectivo, pero debemos seguir día a día sen deixalo de lado para que unha vez por circunstancias os nosos maiores xa non poidan seguir vivindo nas súas casas continúen disfrutando do seu entorno, do que foi a súa vida diaria, dos seus familiares e das amizades e do paseo por onde disfrutan a diario".
José Antonio Ares na súa intervención manifestou que "estamos aquí coa residencia a punto. Faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas e aínda se tardará tempo en ver aos nosos maiores disfrutando destas instalacións, mais dende a Plataforma esperamos a chegada dun bo futuro, no que todos seguiremos a ser necesarios. A tarefa non remata hoxe coa xornada de portas abertas nin cando a inauguración permita ver á xente dentro, porque o compromiso cos nosos maiores é cousa de todos todo o temp".
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Darío Campos, explicou que "acabamos de firmar hoxe un convenio no que vamos colaborar Deputación e Concello, asinamos tamén a petición do PIA á Xunta de Galicia, que eu espero que non poña máis atrancos".
E reiterou en varias ocasións que "hoxe é un día da alegría e espero que marque un antes e un despois e que en tres ou catro meses poidamos ter aquí aos nosos maiores usando esta residencia, porque eu son inimigo dos edificios baleiros e paréceme que estas cousas hai que poñelas a andar o antes posible porque son necesarias".
O alcalde, Fernando Suárez, pronunciou un discurso "desde o corazón" no que destacou "a incansable e comprometida actitude do portavoz destas Asociacións veciñais. Quero expresar publicamente e recoñecer que, a pesares de non telo coñecido demasiado anteriormente, conseguiu inspirarme a min en particular, para que non esmorecera a ilusión de converter este soño realidade. Hoxe non pode estar aquí porque nos deixou non hai moito e non lle deu tempo a ver a realidade que hoxe poden ver vostedes. Estou seguro que hoxe José María Rodríguez Díaz habería estar ben orgulloso".
O rexedor aludiu "á multitude de xuntanzas que houbo para sacar isto adiante isto en todas as súas fases. Das horas dedicadas a este proxecto que agora podemos ensinar con orgullo e con fachenda. Sempre coa ansia de cumprir co compromiso adquirido: Aquí non atoparán desvíos de obra, aquí non atoparán certificacións de partidas de obra que non están. Aquí non atoparán nada da mala praxe política que por aí adiante foron desprestixiando o nobre o oficio da arte da política (que non é outro que o de tentar facer cos recursos dispoñíbeis o mellor benestar posible para os nosos homes e mulleres). Pola contra, aquí si que atoparán o mellor do traballo en conxunto técnico e político. Dos técnicos municipais e dos representantes dos veciños: do goberno e da Corporación en xeral. Así como tamén atoparán outra cousa, que desgraciadamente non é moi frecuente: a colaboración leal, sincera e total con outra administración que sempre estivo ao pé de nós desde o primeiro momento: A Deputación de Lugo. E sublio esta estreita colaboración tanto cos seus técnicos como cos seus representantes do goberno provincial".
Fernando Suárez Barcia tivo palabras de recoñecemento para quen fora vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e para o presidente da institución provincial, Darío Campos: "Quero dicir isto porque detrás das institucións están os proxectos políticos (distintas formacións políticas) e detrás destes, están as persoas, como non. Quero recoñecer o compromiso do que foi Vicepresidente dela no mandato anterior (2011-2015), Antón Veiga Outeiro. Con el iniciamos as conversas, os acordos económicos para a súa construción (cando outras administracións, como a Xunta de Galicia, daba mil voltas para non acabar dando nada). Aquel mandato acabou e logo veu outro, e nós seguimos atopando comprensión e apoio no actual presidente da Deputación, Darío Campos Conde, porque neste actual mandato, a Xunta de Galicia, e a pesar de ter as competencias en Servizos Sociais deste rango, seguiu con voltas e reviravoltas sen acabar aportando nada. Con Darío continuamos as conversas, os encontros, as xuntanzas para continuar cos apoios económicos para o equipamento e o mobiliario e, mais tarde, para artellar un dos mellores proxectos a nivel do Estado que as Administracións Públicas podan levar a cabo: a colaboración e a cooperación para o ben común".
E seguiu a relatar: "por isto, entre os técnicos e os políticos dun e doutro goberno estivemos meses tecendo e deseñando,dentro das posibilidades que nos dan as leis actuais, os acordos, os convenios, as ordenanzas, os regulamentos, etc. Todo este traballo xurídico foi apoiado e aprobado unanimemente pola actual Corporación Municipal de Ribadeo e así poder ofrecer aos nosos paisanos e paisanas que o desexen a estancia nesta casa grande co mellor dos servizos posibles ao menor custo posible. Confiamos pois que cando bote a andar, estea chea de xente feliz e orgullosa de pasar aquí os últimos (e que sexan moitos) anos da súas longas vidas".
Nos recoñecementos de Fernando Suárez tamén estiveron presentes os membros da anterior e actual Corporación Municipal e tamén os traballadores públicos do Concello de Ribadeo: "e por isto, quero salientar o compromiso total da anterior e da actual Corporación Municipal. Seguramente con momentos de debilidade, quizais porque vivimos nun momento pouco dado ás unanimidades. Eduardo Gutiérrez, Manuel Valín, Tino Reimóndez como voceiros da anterior, así como a Roberto Ramos, Aurora González, Marta Saiz e Jesús López, como voceiros desta e extensivos aos vosos compañeiros e como non, a todos e cada un dos meus compañeiros/as deste mandato. Quero valorar tamén as achegas da anterior concelleira de Benestar, Teresa González, e como non, a todos e cada un dos compañeiros deste mandato, por participar das tensións, xuntanzas, acordos, desacordos que vós ben sabedes. Como tamén quero expresar admiración e gratitude aos/as traballadores públicos deste Concello por aturarme sistematicamente para que deran o mellor de si neste proxecto: A María Mon, a José Rodil, a José Antonio Carro, a Luís Vázquez, a Joselo Gegunde e a Francisco Moreda. E quero valorar igualmente a outros tantos que nin remotamente coñecía, pero aos que desde entón valoro profundamente. Son técnicos da Deputación, e cónstame que estiveron e están a dar igualmente o mellor de si: a Manuel Angel Jove, a Silvia García, a Manuel Cutrín, e outros moitos que estiveron por detrás e que non sei os seus nomes por non ter ese contacto directo, mais sei que tamén sempre estiveron aí".
Fernando Suárez subliñou que "iniciamos no 2014 a construción da residencia cos proxectos técnicos elaborados por nós, mais coa autorización administrativa da Xunta. Agora, en novembro de 2018 estamos ao final desta ilusionante pero longa e tortuosa travesía. Mais aínda non chegamos. Acabamos de asinar (hai uns minutos) o convenio específico de xestión polo que nos comprometemos con dereitos e con obrigas Concello e Deputación. E polo tanto temos toda a documentación lista para enviar á Xunta. Así o acabamos de rubricar o presidente da Deputación e mais eu, coa sinatura conxunta do documento de petición da Autorización de Inicio de Actividade (AIA). Toda a documentación sairá a semana que vén para Santiago. Agardemos pois, que de non poñer un peso en todo este proxecto, cando menos, a Xunta non poña trabas que impidan que se encha de usuarios e usuarias canto antes".
Un dos momentos máis emotivos do discurso de Fernando Suárez foi cando lles explicou aos seus fillos que por proxectos coma este, é polo que paga a pena estar en política: "hai un pedaciño quixen estar aquí cos meus fillos, eles son noviños, e moitas veces inocentes de como funciona o mundo. Ensineilles o froito de tanto traballo. E díxenlles: por proxectos coma este, é polo que paga a pena estar en política. Sei que os políticos temos mala fama, supoño que moitas veces merecida. Pero quero con este exemplo dignificar o traballo que se fai dando o mellor de nós, e deixando os mellores anos da nosa vida loitando por cousas xustas. Como xusto é lograr que Ribadeo teña o que se vén negando desde hai decenios. E cumprir o que nos comprometemos diante dos membros das AAVV e especialmente de José María Rodríguez: unha nova residencia en Ribadeo, preferentemente para os/as de Ribadeo e a prezos asumíbeis para as pensións dos de aquí".
E rematou: "meus amigos, quen lles fala é unha persoa sincera que fala desde o corazón, os que nos coñecedes sabedes que temos un vontade negociadora e dialogante indubidable, pero que ao mesmo tempo unha capacidade de loita e resistencia infinita por conseguir as cousas que se nos negan por capricho. En palabras do bardo Ramón Cabanillas, naquel poema tinguido de épica que En Pé, e que me inspirou sempre para guiarme:
Irmáns, en pé, sereos
a limpa frente erguida
envoltos na brancura da luz
que cae de riba
O corazón aberto a toda verba amiga
e nunha man a fouce e noutra man, a oliva
Seguimos traballando no noso soño para facelo unha realidade en funcionamento dentro de ben pouco. Sede pois benvidos, como indican as verbas que podedes ler no chan cando entrades: O noso soño, o teu fogar".
Darío Campos e Fernando Suárez descubriron unha placa conmemorativa situada debaixo dunha foto da manifestación coa que centos de veciños e veciñas reclamaron unha nova residencia de maiores para Ribadeo na que se pode ler:
"22 de abril de 2012. A loita de todo un pobo, vila e campo, representantes municipais e cidadanía encheron as rúas de Ribadeo para demandar unha nova residencia para as persoas maiores.
24 de novembro de 2018. Xornada de portas abertos ao Centro de Atención a Persoas Maiores.
O POBO É QUEN MAIS ORDENA".
Ducias de veciñas e veciños asistiron a este acto e coñeceron as instalacións da nova residencia de maiores, que poderá ser visitada mañá, domingo, e tamén os días 1, 2, 8 e 9 de decembro en horario de mañá e tarde.

20181123

Actividade por Ribadeo: Suso Peña

Non é unha data especial: o próximo ano cumpriranse 14 dende o pasamento de Suso Peña. Por iso a lembranza e homenaxe que se propón de Suso como artista mariñán a destacar no 2019 non aproveita unha circunstancia de datas, senón só a valía do artista, de Suso.
Non, non é a primeira volta que se lle fai unha homenaxe a Suso. Desta, está por medio a petición de fillo predilecto de Ribadeo. Algo que está en xerme pero a bó seguro sairá adiante a pouco que se recolla o sentir do pobo.

20181122

16 de novembro de 1934: unha curiosidade na Comarca

Coller unha Comarca vella non deixa de ser unha fonte de sorpresas (case coma hoxe, pero con matices diferentes). deixo abaixo unha foto tomada polo medio da comarca de 16 de novembro de 1934, é dicir, hai 84 anos, en tempos da Segunda República. O caso é que en semanas anteriores viña traendo o semanario referencia a dúas subscricións que se estaban a facer naquel momento. O feito de que foran dúas xa é indicativo dunha mentalidade algo diferente da de hoxe en día. Pero a cousa vai máis aló. Unha delas, para a homenaxe á vellez do mariñeiro, levaba unhas cantas semanas máis que a outra, 'para a forza pública', que era a terceira semana que aparecía. En cambio, o montante desta última era seis veces superior naqueles momentos, e, na semana anterior, aparece que só o concello xa tiña depositado unha cantidade que superaba toda a subscrición para a homenaxe dos mariñeiros. Sen meterse en condicións do momento, parece que hai cousas que non cambian moito.

20181121

Nota de prensa. Colectivo Por Nuestro Faro

Sobre unha foto de Covadonga Suárez

O resumen é moi sinxelo: Despois de dous meses e medio non conseguimos saber porqué se deu unha licencia de apertura sen legalizar o sistema de residuais e porqué o concello de Ribadeo rexeita crarexar todas as dúbidas. Entendemos que un alcalde debe dar toda a información que se lle pide sen que haxa que suplicarllo.
As datas son as seguintes:
1.- 24. 8. 18 A Xunta de Galicia somete a exposición pública un proxecto de legalización dunha fosa séptica na Illa Pancha, construída en abril de 2017 e que verque nunha canaleta as augas supostamente depuradas. O Colectivo POR NUESTRO FARO presenta alegacións en prazo e forma.
2.- 7.9.18. O noso colectivo presenta un escrito no rexistro do concello aportando as nosas alegacións baseadas nunha lista de contradiccións evidentes. Pregúntaselle tamén o concello ten pensado estudar o proxecto e presentar alegacións.
A día de hoxe seguimos agardando resposta.
3.- 18.9.18. Pleno Municipal. A concelleira do PSOE Dna. Aurora González Ginzo pregunta polo mesmo asunto. Resposta do Sr. Alcalde con aire fastidioso: “o que digan os técnicos”… “o que non esteña dacordo que vaia ao contencioso”… “sempre respostamos ás preguntas do colectivo”.
Seguimos agardando a resposta.
4.- 10.10.18. Novo escrito do Colectivo POR NUESTRO FARO ao Abeiro da Lei de Trasparencia (19/2013 de 9 de diciembre de Acceso a la Información Pública y Buen Gobierno) para lembrarlle ao concello que ten a obriga de respostar por lei ás preguntas dos veciños.
Mes e medio despois seguimos agardando resposta.
COMENTARIO: A Lei de transparencia da un plazo de un mes para respostar ás peticións dos veciños, que pode ampliarse a dous se o asunto é moi complexo. Non semella que unha fosa séptica e un verquido sexa un caso de especial complexidade. O prazo de un mes xa rematou o dez de novembro, e o plazo de dous meses rematará o próximo 10 de decembro. Compre lembrar tamén que a información administrativa non é propiedade privada dos gobernos, e que unha elemental ética democrática esixe facilitar esa información cando se require. Esperamos non ter que recurrir ao “Consejo de Trasparencia y Buen Gobierno” que establece a mesma lei para casos de silencio administrativo ou resposta insatisfactoria, e non descartamos chegar ao Contencioso Administrativo que sería o último paso.
Colectivo POR NUESTRO FARO

20181115

Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo, Nota de prensa

A residencia, en Google maps

Despois da celebración de pleno de 23 de outubro de 2018, vista a acta e os comentarios aparecidos con posterioridade nos medios, esta plataforma ve a conveniencia de dar publicidade a algún aspecto que consideramos importante e que non saíu á superficie ata o momento.
Con data 26 de setembro, presentamos alegacións ós documentos que se estaban a tratar sobre a Residencia de Maiores de Ribadeo (ver doc I, abaixo). Ditas alegacións foron as únicas presentadas, foron informadas e apareceron no pleno ó longo do tratamento dos diversos puntos (mostra desta afirmación, ver abaixo o correspondente á acta no punto 2, doc II).
Así, queda claro que a corporación municipal, en pleno e de xeito unánime, co alcalde á cabeza, non só aprobou as normativas que se presentaban sobre a Residencia de Maiores de Ribadeo, senón que tamén tomou o compromiso de presentar á Comisión de Seguemento no menor prazo posible diversos cambios sobre o aprobado. Se ditos cambios non se fixeron xa no pleno do pasado 23 de outubro foi sinxelamente, como aparece en acta, para non dilatar os prazos de posta en marcha da Residencia, tido en conta que non só intervén a administración do Concello, senón tamén a da Deputación, e isto nun marco de conversas nas que se puxeron de acordo outros varios concellos, e que, polo tanto, unha modificación na normativa aprobada suporía recomezar un proceso de acordos que xa foi complicado e longo de por si. E, en relación ós cambios presentados nas alegacións e que non foron recomendados polo informe, dita falta de recomendación non estaría baseada nun desacordo sobre o alegado, senón ‘na consideración de que ao se tratar dun Regulamento con carácter xeneralista para implantar e executar un sistema de servizos sociais en diferentes centros de atención a persoas maiores da provincia conforme ao convenio interadministrativo aprobado coa Deputación Provincial’ habería que ter en conta dita xeralidade.
As alegacións presentadas foron explicadas con abonda anterioridade ó pleno ós grupos políticos do concello, co entendemento unánime do que é o verdadeiramente importante. Algo que, repetimos, quedou patente na acta do pleno, reflectindo o acordo sobre esa base de mellora convinte, dando de xeito unánime tódolos grupos a aprobación despois dos comentarios anteditos sobre as alegacións.
Así pois, esperamos que nun futuro non moi lonxano os familiares dos residentes podan participar nun Consello da Residencia, así como a introdución de diversos outros axustes na normativa. Asemade, tamén esperamos, como plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo, seguir traballando para contribuír a que o día a día dos nosos maiores se desenvolva do mellor xeito posible.
Ribadeo, 14 de novembro de 2018.
---
I.-Alegacións presentadas.
Que tras analizar os documentos aprobados inicialmente no pleno de 23 de agosto sobre o centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo, observamos diversas eivas, das que decidimos expoñer como alegacións:
Que, en canto á Ordenanza reguladora do prezo público, sendo desexable o achegarse o máis posible á gratuidade, somos conscientes das limitacións económicas das que parte esta corporación e das que partirá calquera outra, por iso asumimos a ordenanza non sen recomendar unha redacción que facilite a súa comprensión ós usuarios, como un piar máis da necesaria transparencia de funcionamento.
Que, en canto ó Regulamento de réxime interno, contempla a regulación de relacións contractuais residente / residencia, obviando que na residencia desenvolverase todo un conxunto social. Somos conscientes de que non se pode especificar unha normativa para cada acto social, pero iso debera alentar a deixar clara a posibilidade de adaptación dos regulamento, incluído o xeito de facelo e a participación de residentes e familias en dito cambio.
Que, tamén en canto ó RRI, sería convinte o contemplar algún tipo de consello que permitira participar ós residentes, ós seus familiares e a algunha asociación externa (‘Asociación de amigos da ’) que teña como obxecto axudar ó bo funcionamento da residencia.
Que, en canto á Ordenanza de Acceso, se harmonicen as ordenanzas correspondentes ós servizos de atención en Ribadeo (antes de calquera reestruturación posible dos servizos subministrados polas dúas Residencias e o Centro de Día)
Que se definira con criterios claros a ‘situación de necesidade’ (art. 8.b.) para evitar elementos subxectivos e diferenzas de xuízo en casos diferentes. Ditos criterios deben ter un resultado cuantitativo, para permitir a súa baremación e con ela a obtención de resultados obxectivos. Que (art. 12.1, parágrafo final) a derivación da avaliación social ós servizos sociais da Deputación de Lugo, sendo aprezada pola descarga de traballo que pode supoñer, debe levar asociado un procedemento que facilite que non desvirtúe o control do acceso dende Ribadeo así como a homoxeneización no caso posible no que ás veces se faga a avaliación en Ribadeo e ás veces en Lugo.
Que, na modalidade excepcional de acceso (art. 12.2), e para evitar o incumprimento sistemático dos prazos previstos ou mesmo o seu uso como unha entrada traseira que se trata de evitar, sexa previsto un procedemento de desaloxo.
Que, na resolución unilateral do período de adaptación deberan aparecer algún tipo de indicacións ou método para evitar abusos en dita resolución, que podería ser, por exemplo, algún tipo de penalización de cara a un futuro intento de entrada.
Que, na resolución de servizo por falta de pagamento é necesaria a especificación dalgún tipo de prazo e/ou, no seu caso, un argumentario xustificativo de variacións.
Que, en xeral, as causas de baixas están especificadas de xeito insuficiente.
En canto ós tres documentos, solicitamos se preste maior atención ós detalles lingüísticos, incluíndo neles a unificación de nome da Residencia (centro de Atención a Persoas Maiores, Centro de Atención Residencial, ...)
---
II.-Acta do pleno 2018-0008, pp.11 e seg. (en parte, repetido noutros lugares da acta);
“2.- EXPEDIENTE NUM. 2552/2018 RELATIVO AO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO PARA O CENTRO DE ATENCIÓN A MAIORES.
Por Secretaría dase lectura ao ditame da Comisión Informativa de data 18/10/2018 que se transcribe:
“ DITAME: Dase conta da proposta da Alcaldía que se transcribe:
“ PROPOSTA
Visto expediente tramitado para aprobacion do Regulamento de réxime interno do Centro de Atención a Persoas maiores (CAM) de Ribadeo.
Vista aprobacion inicial que se produciu por anterior acordo plenario de 23 de agosto de 2018.
Vistas alegacións formuladas durante o período de exposición pública así como o informe emitidom polo Traballador social sobre este asunto, que obra no expediente.
Esta Alcaldía, no uso das atribucións que lle confire a lexislación vixente PROPÓN ao Pleno Municipal que previo ditame da Comisión Informativa correspondente se adopten os seguintes acordos:
1o.- Rexeitar, neste intre, as alegacións formuladas ao documento de aprobación provisional do Regulamento de Réxime Interno do Centro de atención a persoas maiores de Ribadeo na consideración de que ao se tratar dun Regulamento con carácter xeneralista para implantar e executar un sistema de servizos sociais en diferentes centros de atención a persoas maiores da provincia conforme ao convenio interadministrativo aprobado coa Deputación Provincial convén manter criterios e opcións harmonizadas co resto de Centros.
2o.Prestar aprobación definitiva ao Regulamento de referencia procedendo á súa exposiciòn pública aos efectos legais correspondentes.
3o.-Adquirir o compromiso de elevar as seguintes propostas á COMISIÓN ESPECÍFICA DE SEGUIMENTO DO FUNCIONAMENTO DO CENTRO, conforme aos criterios manifestados polo Traballador Social no seu informe, segundo se sinala a continuación e sen prexuízo de calquera outra que en dita Comisión se considere procedente tratar:
1.- Aceptar as alegacións numeradas cos puntos 3, 4, 8 e 11
No punto 3 . Paréceme importante contar cun Consello da Residencia. Non obstante debemos de ter en conta que se trata de por en funcionamento un centro residencial partindo de cero.
Isto supón un importantísimo desafío. Novos traballadores, nova xestión, novo edificio, novos residentes, dúas administracións ... Todo isto por sí só xa vai a supoñer ter que sortear moitos obstáculos. Incorporar, desde o principio un novo axente sería engadir máis dificultades.
Por outra banda cando o centro esté funcionando, os traballadores, os residentes, as familias, a empresa ou empresas, se coñezan sería o momento idóneo para que entre en escea este tipo de organo. Propoño, polo tanto, que nun prazo de dous anos, se cree o Consello da residencia.
No punto 4 propoño que se harmonicen as ordenanzas correspondentes ós servizos de atención de Ribadeo, na medida do posible, dadas as especiais circunstancias dos outros dous servizos. Non obstante isto non suporá variación algunha na presente Ordenanza de acceso.
No punto 8 Propoño incorporar á redacción da Ordenanza o seguinte texto : A persoa que non supere o período de adaptación non poderá presentar outra nova solicitude nun prazo de dous anos.
Con respecto ó punto 11 propoño aceptar a alegación e unificar a denominación do centro en tódolos documentos.
2.- Aceptar parcialmente as alegacións correspondentes ó punto 2 no relativo a participación dos familiares e residentes nos cambios que se poidan producir , no futuro no Regulamento de réxime interno, a través d Consello da Residencia. No resto estamos ó que xa dicimos na resposta a ese punto.
4o Facultar á Alcaldía-Presidencia para realización de cantos actos, trámites ou xestións sexan procedentes para o bo fín dos acordos adoptados.”
Tras deliberación, a Comisión Informativa por oito votos a favor (dos membros dos Grupos BNG,PP e C ́ds) e unha abstención da membro do PSG-PSOE acorda ditaminar favorablemente esta proposta modificando o apartado 3o no senso de que a Comsión para o tratamento deste asunto non é a que figura na proposta senon a que consta no Convenio Marco concretamente a Comisiòn de Seguimento xeral.”
Intervén a concelleira do Grupo Municipal Socialista Sra.González Ginzo que sinala que as alegacións que se formularon durante o período de exposición parece que son aceptadas pero en diferido pero que hai certas cuestións que, ao seu xuízo, non se deben dilatar ou aprazar polo que entende que deberían examinarse e resolverse agora.
O Concelleiro do Grupo Municipal Popular Sr. López Penabad intervén e manifesta que cre que en todo caso hai un compromiso para atender esas alegacións a lo menos en parte e que hai unha Comisión na que están representados os actores mais importantes polo que o voto do seu grupo vai ser afirmativo.
Intervén o sr.Alcalde, manifesta que suscribe integramente todo o dito polo portavoz do Grupo Popular, que están en sintonía coa Deputación Provincial e que iso leva a unha homoxeneización nos textos cos outros concellos pero que existe ese compromiso de levar á primeira reunión da Comisión polo que pensa que na votación non debería romperse a unanimidade como se mantivo ata o de agora.
A Concelleira Dona Aurora González Ginzo manifesta que, en todo caso, as cuestións que ela refire son para defender exclusivamente no concello de Ribadeo e non teñen porqué afectar ao resto
Entáblase debate entre a concelleira e o Sr.Alcalde que lle manifesta novamente a concelleira a petición de manter unha unanimidade neste asunto como en todo que poida afectar ao Centro de maiores con beneficio para Ribadeo.
Rematada a deliberación sométese a votación o ditame que resulta aprobadc por unanimidade de todos os membros da Corporación nos seus propios termos.”

Ribadeo e o tren: 1933

Cinco anos pasaran dende que en plena ditadura de Primo de Rivera un consello de Ministros decidira que Ribadeo tería tren xa... Na República, tamén, como se ve nesta nova de  La Comarca de 23 de outubro de 1933:
O proxecto xa camiñaba, claro, mais visto dende agora, estaba claro que camiñaba a ningures. Dende o 33 ó 72 que foi inaugurado pasarían case 40 anos, a maioría absoluta de ditadura, para que o proxecto se convertira en realidade. Pouco máis de 40 anos máis tarde aínda, non fan falta consellos de ministros para quedármonos sen tren...

20181114

Ribadeo e o tren: 1928

Agora que hai máis de medio século que Ribadeo perdeu a liña de tren a Vilaoudriz, agora que o ferrocarril da costa ven sufrindo desdeixamento e ataque tras ataque  ata deixalo anémico, coido que pode axudar a tomar conciencia do problema os prazos para conseguir a liña Ferrol-Xixón. Hai máis de 90 anos, o 11 de xaneiro de 1928, 'La Comarca' traía a seguinte nota:
Algunha lembranza:
O ferrocarril da liña Ribadeo - Vilaoudriz funcionou dende 1903 ó 24 de agosto de 1964. (por certo, data próxima o desmantelamento do xulgado)
A Liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón foi inaugurada o 6 de setembro de 1972.
As locomotoras da liña Vilaoudriz-Ribadeo (... ou viceversa), en dúas entradas: 1 e 2,
E abondo máis na etiqueta 'tren' de ribadeando (entre outras, a nova de 25 de marzo de 1918 que anunciaba a subasta da ampliación da liña de Vilaoudriz até Ponferrada...), ou na 'ferrocarril', na que se pode atopar o presuposto para taxi da actual liña Ferrol-Xixón... para os viaxeiros, non para os directivos!

20181112

Contraste de luz nas catro rúas de Ribadeo

O centro de Ribadeo tivo durante o fin de semana falta de luz nas rúas Rodríguez Murias e Villafranca del Bierzo, o que ofreceu un contraste que se pode observar nas fotos.