20180207

De seguridade, incumprimentos e boas intencións

Ninguén desbota que os mandos de seguridade teñan boa intención para evitar roubos ou calquera outra fechoría. Mais á hora da práctica, as cousas suceden cun patrón: unha xunta, un acordo de máis e mellor colaboración entre forzas, un reforzo de medios cara ó futuro... e ata a próxima alarma, na que se voltará a facer máis ou menos o mesmo.
Coido que Ribadeo non é unha zona insegura en relación con outras, e que, a pesar do que poda soar, os casos de roubos agrupados nalgunhas datas pódense cualificar de illados, como di o representante gubernativo na provincia. Mais tamén de repetidos. E, mentres, tamén son repetidas as promesas.
Desta volta, sóame a promesa de aumentar a vixiancia nouturna. Hai xa abondos mandatos municipais, aló polo 2003, o alcalde daquela prometeu vixiancia nouturna municipal todas as noites. Daquela o tema era outro, pero a efectividade das promesas coido que era parella: rematou o mandato sen tempo para o cumprimento e sen ampliación de prazo nin renovación de promesa. E ata o de agora (polo medio, houbo algunha comunicación de aumento de vixiancia, si...)
Desta volta noto sin embargo a falta dun acompañamento: a petición de máis cámaras de vixiancia. Pode que porque os afectados sexan pequenos negocios, non se lanzara de novo a petición periódica de aumento de control gravado, que resulta en xeral en maior control dos veciños inocentes, pero non en maior prevención de actuacións de culpables.
E, por certo, a vida é un factor de risco. É evidente que quen non está vivo, non pode morrer. Ven isto a conto de que a seguridade perfecta non existe, que sempre hai algo de inseguridade como inherente ó desenvolver diario. E que diminuír esa inseguridade só por medios de poder organizado, a máis de disparar o custe de mantemento do poder, leva consigo o aumento da inseguridade e indefensión fronte ó mesmo poder.
Si, hai que tomar medidas efectivas para manter a seguridade. Pero enfocar o remedio só sobre as forzas de seguridade, sen implicar máis ós veciños supón non só afastalos unha vez máis, senón tamén deixar de lado algo fundamental: a colaboración cidadá e a implicación das persoas na sociedade na que viven.
Imaxe de wikimedia Commons. Lic CC rec. compartir igual xenérico 2.0. Realizada por Lansbricae.

Ningún comentario: