20180315

Centro de cultivos mariños

Unha nova de hai 25 anos chega hoxe nas lembranzas dun diario: O Centro de Cultivos mariños de Ribadeo lograba a reprodución de coquina, con vistas ó seu estudo e implantación na ría de Ribadeo, varios anos despois de que comezara o Plan Marisquero.
Hoxe na ría, cultivar, cultivar, coido que só se fai con ostras, aínda que se recollen outras especies. Á beira do Costal, o paseo ás Aceas pasa sobre unha pequena edificación que servía de apoio a unha zona de cultivo, hoxe non usada.
Se se mira na web do CIMA, atópase: "O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) realiza unha investigación orientada e aplicada, cal finalidade é lograr a xestión racional e eficaz dos recursos mariños renovables, no ámbito xeográfico de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
O CIMA depende da Consellería do Medio Rural e do Mar. Intégrano o Centro de Investigacións Mariñas de Corón en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e unha planta de cultivos mariños ubicada en Ribadeo (Lugo).
"
En http://mar.xunta.gal/gl/cima/persoal aparece que traballan 12 persoas, cos seus nomes. Unha cifra importante para unhas instalacións que moitos ribadenses non saben que existen.
As instalacións dependen de Vilanova de Arousa, base do CIMA, e hoxe, na rede, están colgadas as memorias anuais dende 1999 a 2015, entre outras cousas que poden dar unha boa idea do desenvolvemento das instalacións nestes anos, aínda que non nos anteriores dunha xa longa historia. No 2015 aparecen 19 nomes no persoal de planta.
Embaixo, o centro de cultivos (tella de lousa no centro da foto, edificio administrativo), e a caseta no Costal, tamén no centro da foto.


Ningún comentario: