20080930

Primeiro o alonxamento, despois o retraso. Ou era ó revés?


Vexo hoxe na prensa que o Sergas recoñece retrasos en atención pediátrica primaria. Días despois de que saibamos que a Mariña se queda sen representación veciñal no consello do hospital da Costa, sendo representada por xente de asociacións de Lugo. E quédas un perplexo: teñen algo os de Lugo que non teñamos por esta zona? O que di o Sergas que teñen é organización, federación de asociacións de veciós mentras que aquí a mesa de asociacións de Ribadeo non bota a camiñar de todo e a nivel da costa sempre hai problema de organización para tratar, valla a redundancia, os problemas.
O caso é que coido que ambas cousas, retrasos e falta de representación, teñen visos de ir asociadas, e haberá que loitar, a auga pasada, para que non se repitan no futuro. Con retraso porque non se pode atender a todo e non se coñecen moitas cousas ata que é tarde. Pero con idea de que hai que superar ese atraso.
A imaxe,o porto de Porcillán aparentemente a tope de pantaláns. A tope? Non. Vai a haber en breve outros 77 postos de atraque e 150m de barandilla de madeira apra 'separar o tráfico rodado e de peóns'. Quen se lembra de cando fronte á rampa as augas eran cristalinas?

20080929

Despois da ponte, a realidade

Nunha nota rápida, despois de colgar a entrada da ponte, vexo que nos EEUU xa hai acordo para o rescate dos ricos. Van empregar aproximadamente o que ganan 10.000.000 de empregados, o 40% dos empregados españois de menor soldo, durante 10 anos, íntegro antes de impostos, dos seus impostos (é dicir, pagarano os empregaods estadounidenses en principio) para facer un 'préstamo' ós bancos. Parece que non lle chaman anti Robin Hood (Dooh Nibor) ...

Unha nova ponte

Eso era o que parecía onte, con restriccións de paso de coches e de persoas, sen rematar as proteccións, etc. Víase (difícil amosar nas fotos) o bandeo en cada parte da calzada, pero tamén o lembro de antes. Parece ser que na proba de carga tiña unha flecha engadida (é dicir, recuo cara abaixo) uns 40cm nalgún lugar. É abondo, pero en case 700m, 200 por arco, non se nota se vas camiñando sobre el.
Asaltan as dúbidas de se por exemplo a xunta de dilatación da barandilla (ver foto, mellor ampliada) está axustada como a xunta de dilatación que se está a instalar na calzada, pero é de supoñer que sexan totalmente infundados.
As vistas desde a ponte non son novas (quedan para outro día), pero teñen novidades. Por certo, a beirarúa é en realidade máis ancha (non moito máis) do que parecía ó pasar en coche, algo co que penso que estará contenta moita xente de Ribadeo e das Figueiras.








20080927

Déixasme pensar por ti?


Así, solta, é unha pregunta tonta, das que, se se plantexa, é en circunstancias moi especiais e ademáis con connotacións tamén especiais.
Nembargantes, o que poderiamos chamar forza da tontería que subxace varía moito se pasamos da mera pregunta á aseveración: penso por ti. Distingamos novamente: non o un “penso en ti“, senon un “substitúo o teu raciocinio polo meu pensamento“, que é radicalmente diferente e perxudicial, pasando a ser o substituído non un neno ou algo polo estilo, senón un monigote manexado por quen é substituído.
Os parágrafos anteriores, escritos hai xa tempo, toman corpo en Ribade con demasiada frecuencia. Non hai moito un político ribadense reclamaba que as asociacións se meteran noutro lado e deixaran o campo libre ós políticos, co gallo da nave do porto. Agora é o Sergas, dnde Lugo, que constitúe unha comisión mariñana de lucenses capitalinos. Deixeino correr cunha breve nota cando sucedeu, como unha politicada máis a corrixir no futuro. Pero agora resulta que a disculpa que da sanidade é que sería difícil organizar as asociacións para elixir representantes. Algo así como 'non hai moita xente, logo non imos considerar que haxa xente'. Pois hai asociacións, hai xente, e témolo amosado. É certo, somos poucos, pero seguiremos a loitar porque as cousas se fagan o mellor posible para os mariñanos.

Outro artigo xa vello: fotos

    Fotos 
    Paseando por calquera vila, en particular en Ribadeo, poden atoparse fotos elocuentes. Xunto a outras, testimonio de enlaces matrimoniais, banquetes e demáis, amósanse algunhas que fan de testimonio gráfico da xeografía ribadense.
    Hoxe chamáronme a atención dúas, expostas no mesmo escaparate, nas que se amosa nunha, Ribadeo coa ría, e, noutra, a ría con Ribadeo. Pode parece que son a mesma, pero non. Na primeira, a foto céntrase en Ribadeo, collendo da ría os portos, a ponte, a bocana... Na outra, a protagonista é a ría, co entrante da Liñeira nun primeiro plano e a pequenez ribadense facendo de contención das augas polo fondo, contención á que se engade aposentada enriba a terra ata Foz en máis aló. O caso é que, nestes días nos que xa se ten ouvido falar dun novo recheo no porto comercial, ambas sirven para ter unha imaxe das implicacións que dita obra pode ter no futuro. 
    Cabe lembrar que aló polos anos sesenta D. Isidoro Asensio advertira en diversas ocasións, en particular sobre o daquela proxecto dun muro/escolleira de contención para a praia que agora é “dos Bloques“, que un muro tal traería unhas consecuencias graves, convertindo a área nun cenagal. Eso é o que se pode observar hoxe en día calquera persoa que pase preto do lugar, tra-la construcción dunha obra semellante máis de dez anos despois do estudio de D. Isidoro. Dende aquela, as obras sobre a ría non pararon de facerse; máis ben cabería dicir arrebatar sitio á ría para convertila en terra firme ou dificulta-lo movemento das augas. E con elas, o aumento amosado dos tesóns e as cada vez máis frecuentes e perentorias necesidades de dragado, entre outras. 
    Hai moitas preguntas en relación ó xa feito. Algunhas delas son sinxelas, con respostas que apunto deben ser incomprensibles como razón posible pola que non se dan. Por exemplo, ¿hai explicación para que non se fixeran estudios de impacto ambiental en ningunha delas? Ou ben, sabido que a obra do recheo onde hoxe está a lonxa presentouse como unha conquista de chan industrial, entón, ¿por que a maior parte dela permanece ben con herba, ben con asfalto, mesmo ocupado por un aparcamento ó aire libre de remolques de embarcacións? Respecto a esta última obra, lembro alguén que me sentenciou: “se da un posto de traballo, está ben feito“. Dende logo, deu ben poucos; ¿non quitaría máis dos que deu? 
    Ben, hoxe preséntase unha nova obra para encher uns oito mil metros cuadrados da rada norte de Mirasol e convertilo en terreos onde meter... non se sabe moi ben que. Parece que en principio ían construírse naves de almacenamento. Logo, tamén galpóns onde albergar maquinaria auxiliar da construcción naval. O caso é que nas fotos que dixen ó comezo nótase ben que a ría na beira de Ribadeo está chea de pedras e cemento, e que, se na beira asturiana se tivera feito o mesmo, non xa cousas máis ou menos “bucólicas“ como as aves que lle dan renome, senón tamén bens económicos como o turismo terían desaparecido en boa parte. Calquera que se de unha volta por Mirasol poderá observar que as naves xa construídas ou ben teñen un aproveitamento que deixa que desexar ou ben serven de sinxelo almacenamento barato para empresas ubicadas noutro lado e que embarcan os seus productos en Ribadeo. Unha curiosidade que pode observar calquera persoa allea ás operacións portuarias que non lea como é debido a prohibición de entrada ó porto: fálase en contra do “porto seco“ ou da “estación de transferencia de mercadorías“, pero na realidade, o que se denosta de lugares así, a saber, que supoñen un paso máis no proceso de transporte, é precisamente o que se está a facer con esos almacéns: acumulación de mercadoría por longo tempo e non para pequenos axustes entre a chegada ó peirao e o seu embarque. Claro, o arrendamento das naves é barato, por suposto non cobre o custe do recheo, e fai o espacio “competitivo“. Mirando as fotos tamén se ten outra sensación clara. O recheo vai cubrir prácticamente a metade da superficie da dársena, case toda a parte sur. E a gran maioría da superficie de atraque, se ben é de esperar que parte do novo borde sexa adicada tamén a peirao. Mais así, ¿cánto tempo se tardará en facer o recheo de toda a rada entre Mirasol e a lonxa? 
    Pode que, ó ser do interior, se me escape algún detalle necesario para a comprensión do conxunto. Ou que polo pouco espacio non teña en conta outros datos como que dende que eu lembro se ven falando de polígono industrial en Ribadeo sen haber nada novo ata o momento, mentras na ría xa perdín a conta das obras que se levaron a cabo. Aínda así, cónstame que a maioría do pobo de Ribadeo está contra un novo recheo gratuíto máis, un novo atentado que non se mantén nin económicamente, que é a bandeira usada nestes casos para arrasar co que se poña por diante. En fin, este é un artigo e non un informe técnico no que discutir máis a fondo o tema. O que parece é que ese informe non se fixo nin por parte dos impulsores do recheo, ou peor aínda, que por algunha razón se está a escamotear da vista do público. Antonio Gregorio Montes

Un artigo xa vello: comentario a pé de páxina

    ... afortunadamente, o último envite contra da ría non saíu adiante... Comentario a pé de páxina. 
    A Corporación Municipal de Ribadeo parece ter pasado de páxina co tema do recheo. A ese cambio refírese o título: comentario sobre o cambio que presenta un novo panorama. 
    O artigo que se publicou na Comarca o pasado 27 de decembro, “Despois das lembranzas, a Deus rogando ...“ tivo para min un aquel de inocentada: escrito xusto antes de coñecerse a noticia da viravolta dos responsables municipais sobre o recheo, apareceu impreso despois de varios días de comentarios de prensa sobre ese feito. Unha vez relido, nembargantes, parece ter resistido os embates do cambio. O forzar a Portos (e polo tanto á Xunta) polo aviso e posterior manifestación, a falta de estudios previos, a súa exposición, a execución “limpa“ das obras... seguen a ser o reflexo da realidade. Pódese ver claramente tanto agora como antes: o Plan Director do Porto parece ser coñecido en detalle só por xente dalgún xeito afín ó poder e que acepta o botar máis lixo na ría (eu pedino, pero ...); aínda así, non hai o estudio previo da súa necesidade, a súa bondade ou as súas consecuencias. En canto a realización limpa das obras, calquera que teña visto como parte dese plan, o aumento do cierre no Porto Deportivo, íase ca marea en cada subida ou baixada, sinxelamente dudarao. 
    Parece que a Xunta quere aplicar aquelo de "a quen non quere caldo, dúas tazas". Dúas tazas: ese é o resultado pretendido por unha institución con xente que parece ter, recursos e poder a parte, abondo máis tablas que a do Concello ribadense, aínda que pese ós votantes deste conxunto que foi tan ben recibido como cambio necesario. Así, dunha volta, fai o que pretendía no peirao "deixando claro quen manda" e desacredita o governo dun Concello posible opositor. 
    A negociación mantida... , ¿que parte da negociación? ¿Aquela na que se pretende deixar que enchan a ría de escombro a cambio de axilizar obras que competen a Fomento e xa están sinaladas e en fase de licitación? ¿A parte que di que se favorecerá a creación do Polígono Industrial despois de vinte anos (non me lembro exactamente cántos máis, nin creo que importe moito)? ¿Aqueloutra que pretende acelerar un PXOU/PXOM do que a primeira edición, auspiciada pola Xunta, tivo que volverse atrás por razóns legais? A boa intención que de seguro puxeron nas “negociacións“ os nosos representantes municipais non borra as consecuencias: quedaron co cu ó aire. A "boa fe" xa veremos se se ve correspondida (aínda con promesas non escritas sobre cousas xa gañadas e que se deben ó pobo) ou máis ben o fai tomando conta do dito aquél de "Roma non paga traidores" que me lembraron esta mesma tarde. De calquera xeito, alédome de que os nosos representantes poideran tomar no seu apoio unha manifestación ben nutrida e de que lles servira para algo; é unha magoa que non sexa citada como apoio a tódalas "cousas conseguidas" na correspondente nota de prensa: ó fin, foi o pobo quen apoiou, o pobo que representan por elección. Por certo, ¿alguén oiu que a Xunta dixera que fixo concesións para chegar a un acordo? Sempre quedarán outras dúbidas no ar. Unha, por exemplo, a de se o tema do recheo non serviu de cortina de fume para ocultar a máis que probable polémica sobre a subida das taxas municipais. 
    Como nota a pe de páxina xa é abondo. Pero sobre o que se ten visto por diante e por detrás creo que se pode escribir un libro enteiro. A constitución dunha comisión de seguemento seguro que xeraría moita máis información, a xuntar á dos aspectos técnicos, sucesivos enganos e ocultación de información, presións a tódolos niveis, aspectos caciquís, ... E aínda non rematou o tema, a obra nin a oposición. 
    Antonio Gregorio Montes

20080926

Caca, culo, pedo, pis ... e Barras eléctricas Galaico-Asturianas

Mentras as eleccións norteamericanas pasan a ser a principal nova nacional, outras cousas menores ocupan o nicho que lles deixa a nova principal. Unha nova levoume ó título da entrada de hoxe, lembrando con que fruición os pícaros pequenos manifesta unha rebeldía con sorriso ó permitírselles mentar unha retahíla de palabras semellante ás do título. A nova non vai de nenos pequenos, senón de cans, e relacionada coa desagradable proliferación de cagadas de cans en diversos sitios, como na Atalaia. Resulta que nunha pequena cidade israelí van promover a análise xenético dos cans para identificar a orixe das cagadas e así multar ós propietarios que non as recollan. Que vaia apuntando o concello.
Engadín no título a Barras porque no medio do paŕagrafo anterior fóise a luz, 10:30 da mañá do 27 de setembro de 2008, un día máis e un corte de luz máis (eso si, parece que no verán tamén hai vacacións para os cortes), que voltou a fastidiar á xente de Ribadeo. Un dato máis a engadir á base de datos de fallas de Barras, lembrando que segundo a empresa, todo está moi por encima do establecido legalmente.
Hoxe aparece nalgunha prensa aló polo fondo que en Madrid, a presidenta da Comunidade inaugurou un colexio "Leopoldo Calvo Sotelo, marqués de la Ría de Ribadeo", que non só honrará a Calvo-Sotelo senón que fará propaganda do entrono na nosa ría e do seu nome oficial, mentras que máis achegado a nós, o rexeitamento da UNESCO ó teleférico que uniría Santiago coa Cidade da cultura recebe á súa vez o rexeitamento do alcalde santiagués e fai lembrar aínda que de xeito lonxano ó noso futuro 'ascensor da Atalaia', segundo me fixo ver José Mª.
E, no entorno de Ribadeo, arranca en Celeiro o grupo de acción costeira, algo co obxectivo adicado á mellora de vida dos mariñeiros mariñáns pero que pola súa estrutura e disposición de cartos lémbrame á Asociación Ponte dos Santos que está a finalizar a súa actividade en Ribadeo por estas datas.
Un pouco máis preto, en Burela, institucionalízase unha iniciativa moito máis modesta pero que, de triunfar, a medio prazo podería ter tamén abondo máis impacto, un banco de tempo, un sistema de intercambio de traballos sen cartos, baseado no trueque.
Por último, hoxe e mañá poderase ver a Ponte dos santos chea de camións: son as probas de resistencia que farán que se corte o tráfico ó tempo que camións cargados estaciónanse no recén posto asfalto para probar que a ponte non se virá abaiso ás primeiras de cambio. Miguel o fotógrafo terá unha boa oportunidade de tomar fotos aéreas do evento, unha curiosidade ribadense.

Váise movendo ...



... o tema da legalidade urbanística. Hoxe mesmo aparece na prensa outro capítulo das multas por irregularidades urbanísticas.
Como complemento, deixo as dúas fotos dos extremos da rúa Trinidad.
mentras, a nivel mundial vése unha vez máis aquelo de 'facer virtude da necesidade', e aínda arriba con 'glamour': en tempos de diminución das pesquerías tanto por sobrepesca como polos efectos da contaminación, e a conseguinte proliferación de medusas, 'medusa alta cociña'.

20080925

Anécdota ilustrativa sobre a burocracia


Se non fora xa coñecendo o mundo, deixaríame de moi mala leche unha entrada como esta. Así, o que me produce é ganas de sorrir, e por eso elixo poñer no blog una feito que pasou en Ribadeo e que ilustra o que é a burocracia.
O caso é que un veciño foi facer unha xestión ó concello. Eso xerou uns gastos, que tamén pagou nunha institución bancaria. Xustificou o pago no concello e foise tranquilamente para a casa. Ó cabo duns días recebe unha chamada na casa: está no rexistro de morosos no concello. Motivo? Non pagara esa xestión. Pero está paga... Non, falta 1 céntimo! Fíxose a conta mal no mesmo concello ... enténdao, non é pola reclamación do céntimo, pero eso implica que está no rexistro de morosos e eso pode ter outro tipo de consecuencias (para petición de axudas, por exemplo)... co que tras unha conversa telefónica, o veciño decide aboar o céntimo pasando polo concello e así ter a festa en paz.
Cando mo contou, dixen que eu deixaría que me embargaran, pero amosouse convincente co tema da conversa da inclusión nun suposto rexistro de morosos e deixei apuntado o asunto para referilo aquí.
O caso é que a xestión dese céntimo coido que costoulle ó concello máis que a simple non inclusión do "moroso" en rexistro algún, por non dicir o tempo empregado polo veciño no abono de 1c, a parte do gasto de papel da documentación de tal abono.
A burocracia é así, mesmo en Ribadeo, e mesmo por 1c.
Por certo, vin os dous papeis, o do pago principal, de máis de 300€, e o de ingreso de 1c., non é que mo contaran de terceiras: burocracia é burocracia, e é difícil saírse dela. Cambiar as cousas soe ter dificultades. Pero pode pagar a pena.

20080924

Pleno extra



Non é só que sexa extraordinario, senón que vai representar máis entrada de cartos ó pobo, desta para cuestións inmobiliarias e urbanísticas. Ó contrario que por norma xeral, terá lugar ás sete da tarde, e dubidaría moito que se salira do guión de aprobado rápido e unánime.
Coido que, despois de tantos ARI e a crise inmobiliaria, hai que plantearse o xeito de pensar respecto á construcción. En países europeos levan tempo tirando para atrás na construcción de primeira vivenda e promocionando a rehabilitación, co resultado de trabalos máis especializados, mellor ocupación do solo, unha ligazón mellor co entorno... non quero dicir que sexa unha panacea, pero o certo é que primar primeiras vivendas en troques de mantemento adecuado das existentes é un erro que costa moitos cartos e deterioro (a particulares e institucións). As multas impostas polo concello no casco urbano para obrigar a un mínimo mantemento dos edificios aproxímanse ó tema dun xeito lateral, pero marcan unha dirección da que a medio prazo será difícil saír.

20080923

Política ou outra cousa?

Despois de ler a última nota de prensa de hoxe (e de amañar tódalas entradas do mes no blog de notas de prensa do concello de Ribadeo que estaban sen as citas textuais), versando sobre os bancos nas proximidades do forte de San Damián, e saber que a terra onde estaban os bancos fora mercada polo concello hai máis de dez anos, e que os protagonistas de dita compra estaban metidos agora na polémica, pregúntome se a nivel municipal o que estamos a vivir son actividades políticas ou outra cousa diferente...

Felicidades, John!

Despois de ler a Suso de Toro este fin de semana quedei coa impresión de que me perdera algo: a inclusión de John Rutherford na Real Academia Galega. Resulta que non, que non o perdín: hoxe sae na prensa a confirmación de que as liñas de Suso de Toro eran na realidade un adianto dunha honra (que leva asociada un traballo) a Rutherford. Por certo, unha vez pregunteille por curiosidade se tiña algo que ver con Ernest Rutherfod, científico neozelandés afincado en Inglaterra. Resulta que non.

20080922

Será noticia



Xa foi noticia, pero parece que será. O terceiro atentado de ETA en 24 horas parece que tenta desviar a atención dende a economía á morte. Estráname que non saíra xa algún comentario nese sentido.
En Ribadeo, será noticia a obra que parece que esta semana pode tomar corpo do ascensor da Atalaia, que corresponde coas fotos á beira co resultado das primeiras intervencións na zona. Por certo, visitala en domingo levoume a ver o resultado da falta de limpeza con botellas esparramadas por calquera sitio ou ter que mirar onde se pisaba para evitar o que lle pasou a unha parella de turistas: finalizar cos pés con cagada de can incluída. O complemento de que algún local de copas pechara o sábado xusto antes das oito da mañá.

Despois do teatro



Rematou a Mostra de teatro Daniel Cortezón coa agrupación teatral da ONCE - Galicia "Valacar", con "Enderezo descoñecido", de Kathrine Kressmann Taylor, a que é considerada a súa mellor obra.
Á beira, dúas imaxes, unha de Tres sombreiros de copa, e a segunda de Enderezo descoñecido, obra consistente en recitación dun intercambio epistolar entre un xudeu e un alemán. A asistencia ás obras, escasa na última, máis nutrida na terceira do ciclo,pero de calquera xeito, escasa.

20080921

Guerra e paz

Na foto, a Travesía da Paz en Ribadeo, por detrás do cine da praza de Abaixo. Travesía, como a paz: algo transitorio. E coidada... como a paz. Ó igual que o título da obra 'guerra e paz' de Tolstoi, o día de hoxe, día da paz, foi precedido pola guerra, neste caso dúas bombas etarras en Euscadi. A pesares da distancia aparente, non podo deixar de xuntar este feito coas verbas de Federico Mayor Zaragoza que oín esta mesma mañá (a cita é só aproximada, non literal): substituír a ética pola economía é un grande erro. Quizáis esteña influenciado pola nova de onte de que os programas universitarios que seguen Bolonia téñense deseñado para que os alumnos traballen 40h á semana, nunha nova volta de tuerca de considerar ós alumnos como 'clientes' (versión economicista, cómputo horario) e non como persoas (educación e formación). O caso é que a substitución de moitos aspectos por outros de tipo económico fai derivar as relacións dentro da sociedade, enrarecéndoas e presentando en realidade outra nova sociedade máis deshumanizada ó ser rexida por outros principios. Voltando ó comezo, ten que ver a economía co de ETA? Digo eu, íase manter actuando como o fai sen financiación? Que a consiguan con ou sen extorsión é importante, pero é matiz. Que a zona de actuación corresponda coa da aplicación da facenda foral, ó mellor xa está algo máis relacionado. O tema realmente é expiñoso, e non se pode disculpar por criterios económicos e menos, éticos, a actuación de ETA, pero teño claro que o conflicto terorista quedou hai tempo reducido ó aspecto guerra e danos, ocultando así a análise social e unha visión máis profunda do problema, as súas causas e a posibilidade de solución. Cambiemos de tema, achegándonos a Ribadeo. Saíndose pola tanxente ó mellor se pode endereitar a conversa, e por exemplo, rir. Onte por fin puiden pasarme pola mostra de teatro Daniel Cortezón; o Grupo de teatro 'San Tirso del Eo' de San Tirso de Abres representou 'Tres sombreros de copa', de Miguel Mihura, e sinxelamente, divertiu. Unha cita do díptico (traducida): 'rir é necesario. Nestes tempos o deixar de rir é unha dieta que non podemos permitirnos' Outras cousas. Hoxe remata a feira da horta (9ª edición), da que non puiden dicir nada antes, entregando premios gastronomicos... outra volta o parque foi ocupado pola carpa, mesmo despois da pequena reforma sufrida, que incluíu as beiras. Como quedará a cousa despois, veremos.

20080919

30000 €

Antes de cargar no blog de notas de prensa sobre o concello de Ribadeo as últimas que me pasaron, fíxome en dúas novas, http://www.elcomerciodigital.com/oviedo/20080917/oviedo/venga-ramoncin-20080917.html, e http://octubre.cat/activ_fitxa.php?id_activitat=633, e lémbrome dos 30000€ que acordou pagar o concello á SGAE hai poucos plenos... como comezo dos seus pagos 'per saecula saeculorum'.

20080918

Renovando

    Deixarei tempo máis adiante para ler os periódicos de hoxe. As declaracións consecuentes respecto a ter evitado a nave en Mirasol son para reler así, con máis calma e perspectiva. A Voz e o Progreso dan abondo de si. Dende a xente que pasa páxina á que parece actuar como se non tivera pasado nada. Dende actores a comentaristas. E mentras, o tema xa pasou... por eso, gardemos un pouco espazo para máis adiante, porqeu vai dar máis de si. Mentras, outros temas xa teñen un sitio na prensa. Irán facendo cola para cando teña tempo.

20080917

Unha victoria: comentario de pasada

    A salto de mata estes días, entérome de que sae na prensa que portos comezará a dar marcha atrás (máis ben, cortará) o proceso administrativo correspondente á nave de Mirasol
    Non me engano: é unha victoria, pero non 'a victoria', pois está aínda lonxe a existencia dun plan de ordenación da ría que permita un mantemento cara ó futuro e un aproveitamento económico acorde da mesma. 
    Tampouco me engano sobre a importancia que tiveron as organizacións veciñais, os veciños, na resolución con este resultado: coido que máis ben pouco, pero determinante. Contradictorio? Non. A importancia foi pequena e non foi un factor definitivo pola forza feita. Non embargantes, foi absolutamente necesario para que a xente que realmente interviu de xeito decisivo no proceso revisara outras vías e decidira unha variación. Variación que aínda non sei moi ben en que rematará consistindo, xa que os cartos destinados polo momento á opción Xixón non cubren nin moito menos o previsto en dita opción. Pero iso non debe facernos crer que as persoas - votantes de Ribadeo e aledaños tivemos un papel clave (abonda con mirar un pouco o desenvolvemento do tema por exemplo na prensa). O que si, debe quedar un pouco a modo de caso de estudo para ver como actuar no futuro para, aínda con poucas forzas, poder influír en decisións que si nos atinxen. E, de momento, victoria parcial.

20080916

Abellas



Mentras se seguen a suceder novas diversas, como a repetición da cesión do colexio por parte do bispado para albergue de peregríns, ou saltan alarmas por acoso en Alimerka, dáse nova de que mañá comeza a selectividade, que xa non pasa o Talgo por Lugo ou se vai esquecendo a actuación de alcalde e banda de música o domingo nos Remedios, planean outras cousas sobre Ribadeo que aprensa interpreta como foráneas, externas. Aquí, por exemplo, parece que imos algo retrasados na crise económico-financiera mundial, que día a día, vai sorprendendo con máis profundidade. É evidente que aquí non están as sés centrais de ningún banco para pensar en que poideran quebrar (e mesmo en xeral os bancos españois, co aumento de ganancias declarado ano tras ano dende hai moitos, parece que poden resistir mellor que outros, ó contario dos cidadáns españois en moitos casos perdendo poder adquisitivo dende hai anos despois dun punto de partida inferior ó dos nosos veciños europeos). Pero tamén é evidente que cando os fortes sufren, que se vaian preparando os débiles, que lles tocará sufrir máis.
E nesas están os emigrantes. Onte, nunha nnova de prensa, un político queixábase de que houbera 120000 emigrantes cobrando o paro mentras 20000 españois ían vendimiar a Francia. Coido que as cifras están lixeiramente retocadas, pero a cuestión non é esa: no pagaron antes eses emigrantes? Porque se non tiveran pagado, supoño que non cobrarían agora. Logo o dito, pensado para sacar tallada política da xenofobia, está dirixido á rotura dun contrato entre a sociedade e persoas concretas. A parte de que os extranxeiros, por diversos motivos, podan caer mal ou ben, como calquera outro veciño (algo do que podemos falar outro día), coido que hai cousas que son de xustiza. Entre outras cousas porque se se permite a rotura do contrato social cos emigrantes, nada garante que a continuación non caerá a rotura dese contrato a outras capas de 'autóctonos', algo que xa se está intentando por varios camiños, dende a reducción de dereitos ata a de servicios, pasando pola erda de poder adquisitivo.
O dos emigrantes lémbrame algúns ditos para comentar de xeito máis amplo. Hoxe, só un, atribuído a Einstein, que di que se as abellas desapareceran hoxe a humanidade extiguiríase en catro anos. A razón sería que quedarían moitos tipos de plantas sen polinizar e morreriamos de fame trans consumir as reservas en xeito de vexetais ou animais mortos. Ben, eu coido que non sería a desaparición da humanidade, pero si da civilización, porque quedaría abondo menos xente e voltariamos, despois dun periodo de caos, á prehistoria. Cos emigrantes coido que pasaría algo parello. Hoxe por hoxe son preto do 10% da poboación de España, e en forza laboral andan polo 13%. se desapereceran de repente, significaría mermar un 13% a economía, cunha contracción que non lembro que se produxera en ningún sitio desenvolto dun día para outro, poñamos dun ano para outro, co impacto desintegrador que iso tería. E os dous parágrafos, este e o anterior, tomando ós emigrantes só como traballadores, e non como persoas.
Mentras, as grandes e novas noticias enmascaran outras pode que máis pequenas, pero máis achegadas, como a renovación do perigo das piscifactorías ou que portos siga adiante co tema da nave...
As fotos, un barco cargando en Mirasol a semana pasada e, o mesmo día, unha vista de Castropol ó atardecer.

20080915

Edificante?

Non, non me estou a referir á ofrenda ós Remedios do noso alcalde do BNG, nin a reclamación de máis infrastructuras xunto co obispado nun acto no que planeaba tamén a cesión do antigo edificio do colexio das monxas na r/Trinidad para albergue, nin tampouco a cousas máis lonxanas como o uso de fondos públicos para cousas privadas (segundo e como)na actual crise financieira (bo, en xeral, económica) mundial.
Estoume a referir a unha nova que escoite pola radio este fin de semana. Un pequeno coro de voces infantís alegres pediu de cara ó micro, 'queremos noches blancas todos los días del año'. Un locutor remataba de dicir que fora a noite branca de Madrid, un montón de actos culturais para impulsar a pasar a xente toda a noite en branco, especificando ademáis que moitos maiores foran acompañados por picariños, o que deu lugar á intervención do 'coro'. Coido que a hora de irese á cama dos pícaros, dende a existencia de luz artificial nas casas, foi sempre un pequeno problema. Problema que sempre se resolveu a favor do ciclo circadiano que temos os humanos. agora xa non. Polo que parece, o que toca é habituar ós pequenos a facer vida nouturna, para que logo podan berrar ás tantas da noite ou poucas alternativas máis teñan que atiborrarse de alcohol. Poderán aproveitar e disfrutar moito da 'cultura', poñamos, ás tres de mañá? Dubido que sexa outra cousa que usar cartos públicos para perxudicar as costumes privadas.

20080912

Descoñecido

Coido que o máis interesante que pasou onte en Ribadeo, pasou desapercibido. En realidade, non é das cousas que soe ser noticia: unha táboa redonda nunhas xornadas de automoción pasa en xeral desapercibida. Onte participei nela como mantedor e intérprete e coido que, ás veces, non debera ser así. Estaba previsto que viñera xente de dúas empresas, todos italianos, a falar diante dos preto de cen participantes, todos profesores da rama de automoción de Galicia e comunidades limítrofes. Excusaron a súa asistencia dous participantes dunha empresa italiana e foron substituídos por un dunha empresa española, quedando ó fin constituída por Elio Premoli (empresa Multicar, Italia) e Eduardo Rega (Carrocería Hermanos Rega), sobre o tema 'Solucións para o automóbil: software'.
Por que foi remarcable? Empezando polo menos importante, persoal, foi para min un desafío o facer unha interpretación dunha intervención de máis dunha hora italiano-galego, sobre un tema que non controlo demasiado, e quedei a gusto de como foi saíndo a cousa. O traballo deixome a posibilidade (máis ben, case me obrigou a facelo) de pensar cunha certa profundidade na preparación da mesa e no seu desenvolvemento. E así, puiden ver como nun evento tipo mesa redonda non se pode pensar a priori en complementareidades: o italiano que fixo a súa exposición contaba coa exposición previa dos outros italianos e, o faltaren, tivo que variar de xeito rápido a súa exposición. De igual xeito, o representante da carrocería de Alfoz atopouse de saída cunha situación, que houbo que disculpar pola premura da preparación en última instancia, de menor uso de medios audivisuais. Entendámonos, calquera dos dous controlaba abondo a exposición que fixo, pero atopáronse de pronto con imprevistos sustanciais que non tiveron inconvinte en superar pero que implicaron unha exposición diferente á que terían de non haber fallado os outros italianos.
O representante de Hermanos Rega, que fixo a súa intervención en segundo lugar, amosou unha empresa en transformación que non parece cadrar cos estereotipos empresariais da comarca nunha industria tan competitiva hoxe como a da automoción, e que implica cousas como a preparación da súa industria como fabricante de vehículos, e non como sinxelo aportador dunha caixa que vai ó final dos camións. De feito, por fóra da táboa, atopeime con información complementaria que indica ata que punto unha empresa de 51 anos asociada á comarca está implantándose á súa escala no futuro tecnolóxico e de funcionamento interno. O seu descubrimento foi para min unha sorpresa.
O outro intervinte amosou tamén a súa empresa, que poderíamos asociar á idea dunha pequena rede de talleres de coches. A idea do empresario non vai exactamente por aí: certamente, trátase dunha pequena rede de talleres, pero os entresixos da mesma non son os tradicionais, procurando ó tempo a diversificación e a adaptación a un mercado do automóbil abondo máis maduro do que se da por aquí, e a liderar as relacións non só cos clientes para a súa fidelización senón tamén coas grandes aseguradoras que tentan ganar máis a conta de quedarse coa parte do pastel que lles corresponde ós empresarios do sector. Amosu así o movemento asociativo que se está a desenvoltar no norte de Italia para facer este tipo de industria desenvolto cara ó futuro, a súa historia a partires do ano 1992 e os movementos que o levaron a que, a pesares de cambios lexislativos e normativos estatais impulsados polas empresas de seguros italianas, coller a dianteira na preparación ante os mesmos.
Así, o dsenvolvemento pouco a pouco, procurando a mellora e o aumento da producción dunha empresa da zona (que por certo comezou como madereira e xa hai anos que emprega tecnoloxías 3D só como paso inicial nos procesos de deseño carroceiro) amosa o futuro de posibilidades (e necesidades) doutras moitas empresas da zona e de fóra. E a visión de tecido empresarial e colaboración, non só a nivel interno das empresas de tamaño mediano e pequeno, senón cara a clientes e centros de investigación dun italiano, permeten asemade unha porta aberta a industriais da zona para que pasen de seren pasivos, sorteando o que o mercado e a grande empresa indican en cada momento, a tomar as rendas pasando a seren actores propiamente do deseño do mercado. Dúas leccións que se me fan difíciles de transmitir aquí en poucas palabras, pero que estiveron patentes na teoría e na práctica ó longo das dúas horas. E que, ben aprendidas, non dubido que suporían un pulo fundamental para a zona na que sexan aplicadas, sexa Ribadeo, A Mariña, Galicia ou China.
So me queda dicir que os participantes, despois das intervencións, fixeron seu o campo intervindo á súa volta con preguntas que considerei interesantes, amosando unha disposición cara á temática e xeito de disposición da mesma que me fixo pensar que non fun eu só o que considerou moi interesante e ilustrativa a táboa redonda. Mágoa que foran profesores e non empresarios...

20080911

Sobre o plan acuícola



Una nova de hoxe: 'O portavoz do BNG asume o plan acuícola da Xunta'. Non podía ser menos unha volta sacado. Outra cousa é combatilo, algo que parece será abondo máis tibio do que parecía a semana pasada cando o mesmo consellerio que agora se desdí anunciaba que o seu partido combatitía dende todas as súas consellerías a implantación do plan. Ó mellor agora é cousa de facelo, non de dicilo. Así as cousas, andan os técnicos de cultura estes días recorrendo o camiño. Din as crónicas que se sorprenderon polo aparcamento en plena praza da catedral en Mondoñedo. Certamente é moi visible, pero a súa importancia relativa é abondo menor que outras cousas...
As anterores son mostras dunha certa controversia de principio, pero a auga pasada. E é que a falta de coordinación está aquí (e non só en Galicia) dende hai tempo e para quedarse, e aínda recoñecendo a necesidade de coordinacion, sería desexable non só mais efectividade nela, senón máis estudo (ou coñecemento do tema) en cada unha das partes que se coordinan. Porque coordinarse, se cada un dos pés desa coordinación non ten moita idea, das particularidades do tema a tratar, pode que non sexa de moita axuda. É dicir, a coordinación debe implicar uns coñecementos previos e unha meditación conxunta sobre os mesmos, postos en común.
Ó fío da meditación, deixo dúas fotos, unha da horta das monxas Clarisas e outra do muro dela, tomadas dende a antiga horta de Boado, hoxe auditorio e edificios. E para non alongar, deixo algún tema que me pasaron e outros propios para outro día.

20080909

A voltas coas voltas


Parece que o comezo do curso non trae nada nvo, senón reviravoltas sobre temas xa vellos.
Un deles, o tema das piscifactorías, revoltava a semana pasada, co plano acuícola mantendo enfrontados PSOE e BNG e xuízo contra Adega por parte de Acuinor. O resultado aínda está por ver, a pesares de que a cousa cambio abondo dende hai un par de anos que se cerrou en falso. a factoría de Meirengos é posible que non se constrúa e a de as Grobas xa veremos, ambas con retranqueo. Por certo, que o plan acuícola leva polo que parece unhas axudas que implican unha media duns 13 anos de soldo para o número de traballadores afectados, xa inchado de por si.
En canto ó tema da celulosa, asociado coa construcción dunha macronave en Mirasol, un titular de onte: ENCE y sus socios plantean trasladar la fábrica a As Pontes o a Cerceda. Subtítulo: Los dos municipios permiten la máxima subvención a fondo perdido de la UE. É dicir, a fábrica? Falemos antes do importante: as subvencións?

Rematou a festa e o barullo









Día 9. Despois de rematar, calma na vila. Mesma a festa da hostalería no Muíño propiciou unha noite tranquila fóra dalí ó remate (abondo máis cedo que o día anteriór, abofé) da orquestra (horario límite permitido dos recintos feirais: 1:00h, verbenas e festas populares, 3:30, ampliables ambos unha hora nos días festivos e anteriores) coas súas cancións, incluíndo algunha dos sesenta ou menos. Eso si, o ambiente arredor da orquestra non era o daqueles anos, nin a potencia da música emitida (os decibelios, vamos) nin tampouco a competencia entre música de orquestra e música de, por exemplo, cocehes eléctricos.
Rematou así un día no que a banda acompañou primeiro a procesión e logo foi interrompida no concerto por un desmaio sonoro: polo golpe que levou o afectado, todos crimos que a cousa era grave; logo resultou que os danos foron relativamente menores a pesares de quedar o chan manchado de sangue.
Non foi o único accidente do día: máis grave o que se deu nas pistas cara ó faro: un camión para a preguntar un enderezo a unha persoa. Contéstalle, dalle as grazas, a persoa pasa por diante do camión, o camioneiro arranca sen velo dende a altura da cabina, e a traxedia foi servida.
As fotos, da saída da imaxe en procesión, a banda preparándose para a actuación (afinando), o detalle curioso da ocupación da praza da musica, con sol e sen cadeiras, unha visión da praza da música unha volta vacía, dende o palco, e tres fotografías dos cabezudos que actúan cos cocos, incluídos os agasallos recén recibidos do rato Pérez (falta algunha imaxe)

20080908

A festa do sete






Deixo só unhas fotos para plasmar un día: Aparición, desaparición momentánea e volta a aparecer dunha vendedora no centro das catro calles, ó paso dos cocos, que saen mellor retratados sós noutra foto, cos traxes novos do paquete. E rotura dunha árbore na peonil, detectada o domingo á mañá (non sei se se produciu antes da noite do sábado ou é unha máis das cousas que suceden os sábados á noite).
Iso foi a festa do sete, antesá do día da patroa? ... non, houbo moito máis, pero aquí, en fotos, só iso... :-)

20080906

Sábado, carreira de Sta. Cruz



Hoxe, no marco das festas, tivo lugar a I Carreira de montaña de Sta. Cruz. Como participar e facer de cronista indo polo final (incluíndo unha lesión como invitada) non é doado, deixo só algún apunte.
O primeiro, o perfil da carreira, que fixen de xeito aproximado empregando o Sixpac e Google Earth. Ó ser dúas voltas, repítese a altura como corresponde. Quizáis a costa máis sorpresiva era a do último dos tres puntos altos ós que se subía, costa á que se chegaba despois de torcer a 90º un tramo abondo horizontal, e que parecía un muro. A axustar que entre os puntos tomados como referencia na táboa (que deixo ó final) tamén hai oscilacións, pero máis pequenas que as que se representa.
O primeiro, que chegou destacado (está na clasificación en http://atletismoribadeo.com), empregou 28min 45s, chegando a dar a segunda volta case no mesmo tempo que os últimos a primeira.
O comentario xeral foi que é unha carreira dura, destrozando músculos e articulacións, aínda que hai moitos lugares nos que se pode ir pisando herba, pero en xeral son pedras sobre terra. Menos mal que non choveu hoxe, porque se non sería un barrizal. En canto a organización, OK, comentando ademáis a cantidade de xente que se xuntou (case 150 corredores e corredoras) sendo unha primeira edición. e outro apunte: a beleza do terre é asemade un bo alicerce para a carreira.
Aquí, a táboa empregada para facer o gráfico, con algunha indicación en relación ó mapa que se pode ver a páxina do clube.
lugar dist alt
saída 0 148
curva Sta. Cruz 103 156
repetidor 241 178
cruce 1 322 182
cruce 2 485 184
cruce 3 780 173
cruce 4 1128 167
doble 1550 198
cruce 5 1882 202
doble 2356 198
desvío 1 2752 182
dereita 1 2890 171
dereita 2 3063 172
izquierda 1 3235 182
dereita 3 3463 187
izquierda 2 3738 168
dereita 4 3859 167
estrada 3998 141
meta 4150 148
curva Sta. Cruz 4253 156
repetidor 4391 178
cruce 1 4472 182
cruce 2 4635 184
cruce 3 4930 173
cruce 4 5278 167
doble 5700 198
cruce 5 6032 202
doble 6506 198
desvío 1 6902 182
dereita 1 7040 171
dereita 2 7213 172
izquierda 1 7385 182
dereita 3 7613 187
izquierda 2 7888 168
dereita 4 8009 167
estrada 8148 141
meta 8300 148

Unha reseña: I Certame de intérpretes mozos Hernán Naval

    Deixo abaixo escaneado o folleto de información do Certame Hernán Naval de intérpretes mozos, coorespondente a 5-13 de xullo de 2008:






20080905

... e de carteis (e máis)






Despois da serie de 'de graffittis' (I, II e III), para que non se me acumule o traballo, deixo outra de carteis e o díptico das festas (sen propaganda), sen máis comentarios,que carteis, dípticos e demáis poden ser xa abondo comentario.
Mentras, fóra de Ribadeo ,vénse movementos non precisamente de festa: Hoxe Sae nun diario de tirada nacional un comentario sobre que o Banco Central Europeo deixa sitio abondo ós bancos españois para ter liquidez... despois de que a nova de onte de cerrar algo o grifo do banco dos bancos provocara unha caída en bolsa xeralizada das 'institucións bancarias'. E, pouco despois de airear que España non está (aínda) en recesión, a nova de que a producción industrial leva tres meses rebaixándose. O dito: algunha nova vale o que unha imaxe.