20171130

Auga e Uralita

Ben, debería dicir auga e fibrocemento, pero o certo é que dicir fibrocemento, no seu momento, era como nomear a Uralita, e viceversa, do mesmo modo que se segue aínda hoxe a dicir 'Cello' á cinta adhesiva aínda que hai tempo que as principais marcas son outras.
A cousa ven porque esta tempada unha fuga de auga na parroquia de Santalla levouse durante dúas semanas cousa de 1 000 000 L cada día. A fuga, unha máis das que sofre a traída de fibrocemento de trinta quilómetros de hai máis de trinta anos, deu lugar a unha das preguntas do PSOE no pasado pleno, e tivo tamén a súa parte cando se trtou do orzamento para 2018. Por exemplo, repetiuse que se se amaña por partes a traída, romperá noutros lugares nos que agora non rompe, ou que a Xunta ingresa uns 400 000 €/ano pola auga subministrada a Ribadeo, e que xa podía invertír na reposición / renovación da traída dende Vilarbetote.
O caso é que mentras a seca segue en toda Galicia (aínda que menos en Ribadeo que noutros lugares, e aínda que a seca é relativa en Galicia en relación a outros lugares, ver esta información de hai cinto anos), cousa de 12 L de auga se perdían cada segundo. Facendo outras contas, perdíase un caudal equivalente á terceira parte do caudal de auga que consume Ribadeo nesta época do ano (uns 3 000 000 L diarios, contra uns 5 000 000 L diarios no verán), ou, en total, uns 15 000 000 L, facendo 1500 L de auga por ribadense ou unha piscina de 100 m de longo por 30 de largo e 5 de profundidade.
A uralita, con máis de trinta anos de antigüidade e efectos canceríxenos, non debera ser hoxe o vehículo para a auga de Ribadeo...

Ningún comentario: