20110831

Xeitos, métodos e cuestión de fondo

Onte recibín una moción sobre a reserva da biosfera e a zona de As Catedrais (aquí, en pdf) que deixo para consulta de quenqueira en publicado en Ribadeo. Presentouse onte pola mañá para ser tratado nun próximo pleno (non ten por que ser necesariamente no seguinte). Presentouse polo PP. Quere o anterior dicir que temos algo de información do que se vai tratar nun dos plenos seguintes para polo menos poder crearnos unha opinión. En contraste, ata agora, como ten saído a relocer máis dunha volta no blog, os asuntos dos plenos son descoñecidos a non ser que vaiamos a bucear entre os papeis da entrada do concello o día anterior (se nunca probaches a atopar algo alí, proba, pode ser unha experiencia interesante). Voltando á moción, unha vez presentada, non queda moito máis que formarse unha opinión e posicionarse; ó fin, a construcción do escrito, da idea e do que representa, xa está feita (suponse, aín que non está demostrado, que no interior do partido político si sería consultada ampliamente). Pero non deixa de ser un paso ata a transparencia dende a opacidade total. O que propón? A lectura está a disposición na web.
Esta mesma mañá chégame polo facebook outro documento, este máis informal e a nivel estatal e sobre a pretendida (por algúns) variación da constitución. Incide en cousas que xa se teñen tratado máis ou menos aquí, pero doutro xeito. Manifesta un método diferente ó anterior: xa que non hai capacidade de manobra por parte da xente para unha oposición legal, tenta dar difusión á idea de que non hai unha representatividade ética por parte da xente que a quere aprobar (algo no que estoude acordo) para que non sexa escamoteada a oposición factible.
Só unha terceira parte, unha cita de Gandhi: 'Somos como nenos no canto á nosa educación política. Non entendemos o principio de que o ben público é tamén o noso propio ben.' (extraíble direitamente de CWMG vol 5, pp327-328 Russia and India). É a cuestión de fondo para dúas cousas. Unha, respecto dos elixidos: quen non entende que o ben público é o que ten que defender, non responde á función para a que foi elixido. Outra, respecto dos electores: quen non comprende o principio, tampouco comprende que ten o poder e o dereito e deber de defender o ben de todos, comezando pola disposición de información para facer ese exercicio de poder.

20110829

Na historia da ría de Ribadeo non entrará

pero non deixa de producir unha sensción rara escoitar a un camión no medio da ponte dos Santos, entrando en Galicia, sen coches nin xente preto, saudando co claxon de retorno á casa.
[Nota: o de retorno á casa (que non a Ribadeo) dedúzoo polo camión que era, un sábado á tardiña]

Sobre o pregón destas festas patronais Ribadeo 2011

Verbas iniciais do Presidente da comisión, José Gutiérrez:

Verbas do alcalde ...

Entrega de premios...

Primeira actuación de Amigos da gaita:

Segunda:

Pregón de Javier García de Paredes y Moro:
Vista do cine teatro unha volta rematado o pregón, nos aplausos. Na mesa, presidente da Comisión, alcalde e pregoeiro (á nosa dereita)
Terceira actuación (só primeira parte):

... en fin, non é todo, pero case.

20110828

Libro Semana Santa 2011

Está subido en Ecos de la parroquia (accesible a partir de Publicado en Ribadeo).

É máis doado legalizar certas cousas que lexitimalas

Atópome cunha cita de Chamfort nun diario de hai xa máis de dous meses. Cita que atopo é aplicable totalmente a día de hoxe, séculos despois de que fora creada. Aí están os derradeiros balbuceos lexislativos do mandato, legalizando (tentando de facelo) cousas en troques de lexitimalas (o que non é posible ó non selo polo pobo).
No mesmo vello xornal atopo 'interpretar un referendum', en relación ó referendo 'perdido por Berlusconi', pero cun título que poño en contacto direito coa actualidade en España: a petición dun referendo para un cambio constitucional pedido dende fóra das fronteiras comúns e ó que se lle quere dar tratamento 'exprés', preferencia moi por riba doutros cambios negados despois de seren pedidios dende dentro. Interpretar un referendo ... dentro de pouco haberá que interpretar ós nosos políticos (ó fin, xa se está a comezar a facer) se non logramos que 'eles' interpreten a vontade do pobo e leven a cabo as accións para o noso benestar xeral. Por certo, para que haxa obriga de convocar  referendo é necesario 1/10 de congresistas ou 1/10 de senadores, e hai unha campaña para mentalizalos, cos primeiros apontamentos nas filas socialistas, despois de ser defendido por partidos minoritarios.

20110827

O Paula C, entrando

Esta tarde (20110827), ás 8, entraba o Paula C, procedente de Fawley (Portsmouth).
O Paula C, dende o forte de S. Damián

Estamos nun bo día: o buque, rodeado de barcas, veleiros, etc

Derivacións

O tema, os funcionarios? Ou o tema, o xeito de facer as cousas? Hoxe sábado, unha nova intervención na prensa, esta volta, da oposición,  coido que se podería titular algo así como o 'PP denuncia o populismo de Suárez'. Quizáis resulta que M. Valín viu o post de Fernando Suárez en Facebook relacionado co tema e as 29 respostas (neste momento) xeradas. Entre elas, a miña: "Fernando, a petición está ben, pero podias tela feito antes, sen propaganda contra o funcionariado, e estar funcionando xa todo como é debido. Non?". E sígoo preguntando, porque non vexo correspondencia na transparencia con que se tratan outros temas, nin tampouco vexo por que non se solucionou antes, ou sen cargar contra o funcionariado (xa abondo enfrontado ten á xente, parte por o funcionamento dalgúns funcionarios -ou moitos funcionarios, segundo percepcións- como por comportamentos políticos continuados facendo responsables ós funcionarios de cousas que non lles coresponden, senón ó poder político). É máis, coido que é unha medida que a medio prazo pódese voltar contra o alcalde: chega con que o cidadá correspondente vaia ó concello e o funcionario que o teña que atender esteña de baixa por enfermidade. O cidadán comezará a desconfiar de que as medidas tomadas polo alcalde só o foron 'de boquilla', e quedarán desprestixiados tanto alcalde como funcionario.
Non deixa de ser unha curiosidade máis, pero onte, contra a información dada pola comisión de festas de facer os fogos do sete noutro lugar, Fernando Suárez dicía que aínda non estaba permitido. Os xornais de hoxe non traen nada (alomenos en internet). Apostas sobre o que pasará?

20110825

O último intento no Senado para traer un xulgado a Ribadeo

Remato de cargar o Diario de Sesións da Comisión de xustiza do Senado de 20101124, cando se tratou por última vez o traer o xulgado a Ribadeo. A cousa comeza na páxina 9, e a votación (despois de tratr outras mocións de xeito conxunto, recóllese na 17

Golpe na mesa, 2ª parte

Despois de golpe na mesa, cabía esperar unha resposta. Os xornais vánna desgranando pouco a pouco, de xeito que xa puxen como comentario varias ligazóns, e hoxe súmolle a ligazón ó comentario do comunicado do comité de empresa e do alcalde.
Mentras, apuntaría unha liña da postura sindical: a defensa dos traballadores indicando que non son excepción os que cumpren senón os que non o fan,  ó tempo que se desligan da fiscalización, aceptando o fondo do asunto, o incumprimento que necesita ser corrixido.
Mentras, comezan as festas:
XVII Festival de habaneras ría de Ribadeo. As festas están a piques de comezar (aínda que o festival ata agora ven sendo independente, solapa algo máis dunha hora e media despois do pregón)

20110824

Cambios 'de última hora'

Hai xa varias semanas que se puxo data, 20N, para o próximo cambio político. Os comentarios indicaban que a lexislatura estaba rematada. Pois non.
O primeiro, manifestouse branco sobre negro algo que se colara sen detección nin comentario subseguinte por parte de ninguén coñecido (alomenos, por min), unha variación na lei que indica que os partidos extraparlamentarios deben recoller sinaturas para poder presentarse ás eleccións, en cantidade relativa co censo da xurisdicción: o 0,1%, pero en 20 días. Parece pouco, pero non o é. Non é o mesmo votar dentro dunha estrutura xa articulada, para todo o mundo, que recoller sinaturas dende unha micro estrutura. E poñéndolle impedimentos, por certo: puiden comprobar como a un determinado partido se lle permitía poñer unha mesiña na rúa para recollida de sinaturas un día e non ó seguinte, por exemplo. De novo, unha cousa así favorece ós partidos grandes e tenta cortar a introduccción de cambios vía novos partidos. A disculpa? Económica, e para facilitar a limpeza electoral (limpeza en canto a que se hai menos partidos, veriase máis claro a quen votar, on menos intromisións)
Despois, un acordo para unha reforma partidista da constitución. Partidista no sentido que sería a reforma en base únicamente ó acordo dos 'grandes partidos', sen consulta ó pobo. En contra dos debates pra a reforma en profundidade d constitución, nos que e debatía non xa a refoma, senón tan só a portunidade dunha reforma, agora un apretón de mans entre dous señores que en teoría representan a case todo o mundo, e listo (por suposto, en teoría: súmense os vots e verase que lle falta moito para ser tan representativos despois de saír das urnas, e moito máis despois das derivas que collen apartándose dos mandatos dos votantes). E para facer que? Non para dar máis dereitos, senón para poñer máis cortapisas á (posible) actuación económica do estado: un teito de gasto. Lembras a que se armou a nivel mundial hai menos dun mes nos EEUU? Pois algo semellante á causa do xaleo. En troques de introducir racionalidade e retorno dos fondos inyectados ó sector privado ou variación para que non pague menos impostos quen máis gana, isto, que é evdente que permitirá elevar o teito de gasto cando haxa que salvar á banca pero non cando a consecuencia diso haxa que sacar cartos de educación ou sanidade.
A aínda máis, reforma da contratación laboral (a peor, claro): contratos de formación ata 30 anos e encadeamento de contratos temporais. é dicir, contratos máis precarios. Iso si, suavizando as palabras.
Engadido: páxina para congtribuír a avalar partidos ra a súa presentación ás eleccións: http://www.yoavalo.org/p/27 (en Lugo; noutras provincias, cambiar de páxina a partires desa mesma)

20110823

Unha nota de prensa que inclúe á Mariña

Lembran unha plataforma para a defensa da sanidade mariñán que foi referida no blog moitas veceshai cousa de 1 ano a 2 anos? Pois suma e segue:
"A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública quere denunciar unha serie de recortes que a Consellería de Sanidade pretende introducir no transporte de enfermos en ambulancia coa xustificación da crise económica
· Eliminación do técnico-axudante nas ambulancias medicalizadas
· Supresión do uso universalizado das ambulancias sanitarias
· Eliminación da obrigatoriedade de pago por parte do Sergas destes servizos , o que supón o copago dos mesmos
· Supresión das ambulancias asistenciais do 061 en Baiona, Ponteareas, Marín e A Mariña luguesa, e dunha das ambulancias medicalizadas en Vigo
Consideramos que este conxunto de decisións, que supón un paso máis na estratexia da Xunta de Galicia de desmantelamento dos servizos sanitarios , terán graves consecuencias para a rapidez e seguridade da atención das urxencias, a calidade da mesma e o dereito á asistencia universal e gratuíta dos cidadáns e cidadás de Galicia.
Por todo iso a nosa Asociación solicita a súa derrogación inmediata."

20110822

Golpe na mesa

O alcalde remata de emitir hoxe unha nota de prensa na que literalmente dá un golpe na mesa. A cousa trata sobre o cumprimento dos traballadores municipais, e era, dun xeito ou outro, esperada dende hai tempo, a partir dos resultados electoriais últimos. Por dicilo dalgún xeito, o que se intuía como unha guerra larvada, pasa a ser declarada ...
O carteliño manuscrito.

Ribadeo na memoria / Ribadeo no futuro

Portada da presentación
 Onte foi a presentación de Ribadeo na Memoria, un proxecto de dixitalización e subida á rede de fotos de antes do 1970 no concello de Ribadeo. Fora presentado antes en parroquias, nas parcelas correspondentes a cada unha, pero onte, para remate, fíxose no cine teatro, con presentación informática. Tivo catro partes, cun resume de fotos que deixou sorrintes ós asistentes e xogando coa súa propia memoria. Os asistentes, que encheron a sala, viron as catro partes temáticas da presentación (á que se lle puxo música da Coral polifónica, Zora Gabbara e a Banda interpretrando 'Lonxe do Mar' de Hernán Naval, esta varias veces seguidas), así como escoitaron as verbas do alcalde para a ocasión, e de Roberto Rodríguez sobre José Fernández Cancio.
Díptico e información para seguir introducindo fotos
O proxecto é algo que implica a memoria de Ribadeo, de aí eu nome, e que está a comezar, de aí que o díptico non se refira ó acto propiamente dito, senón ó proxecto.
Charla de Roberto Rodríguez sobre José Fernández Cancio
Facía falta algo así, pero pero en relación ó futuro. Para o seu deseño, recollendo aportación de tódolos veciños. Polo momento, a pesares de intentos pequenos (Ribadeo no tempo - outro Ribadeo foi posible, por exemplo) seguirá esperando mesmo a participación veciñal nos pequenos asuntos, xa non a planificación a máis longo prazo.
Deixo por último unha foto abaixo que me pareceu ilustrativa. Trátase dun momento da intervención do alcalde, coa portada de fondo, a súa sombra magnificada polos focos sobre a pantalla e un fotógrafo retratando o momento. Independentemente do que o alcalde dixera ou a súa participación na promoción do proxecto, alegóricamente está a proxecta unha sombra desproporcionadamente maior sobre o fondo, coa circunstancia de que o fotógrafo recolle a súa imaxe, non a imaxe do proxecto: posibemente será a imaxe da persoa que aparece como responsable, non unha relacionada coa propia importancia do proxecto ou o seu significado, que apareza nos xornais. A dicir, en descargo de Fernando e paravitar confuxión entre unha interpretación e a realidade, que citou a un montón de xente do persoal do concello que interviu dun xeito ou outro, a máis dunha morea de xente que cedeu as fotos, non falando de si mesmo ou a súa intervención, contra a idea que poda dar a imaxe  continuación.
O alcalde e a súa sombra, sobre o proxecto

20110821

De alén o mar

Collo só un retazo dun escrito de Warren Buffet, que por anos ten figurado no 1º lugar de ricos a nivel mundial. O pensar sobre o escrito (coido que W. Buffet e eu non temos as mesmas ideas) vai pola túa conta.
"O ano pasado a miña conta do imposto federal - o imposto sobre a renda que eu pago, así como impostos sobre os salarios pagados por min e no meu nome - foi 6 938 744 dólares. Isto soa como unha morea de cartos. Pero o que eu pago foi de só 17,4 por cento dos meus ingresos tributáveis ​​- e que en realidade é unha porcentaxe menor do que foi pagado por calquera das outras 20 persoas na nosa oficina. En troques, os seus impostos varían de 33 por cento a 41 por cento, cunha unha media de 36 por cento.

Se gañas cartos con cartos, como algúns dos meus super-ricos amigos fan, a súa porcentaxe pode ser un pouco menor que a miña. Pero se gañas cartos c un traballo, a porcentaxe será certamente superior a miña - probablemente por moito."
Vamos, que xente que gana deceas, centeas, milleiros, ... de veces menos, paga unha porcentaxe maior de impostos. Ademáis, está claro que defraudar é máis doado para quen vive de inversións que dun soldo. ... poderiamos seguir, pero dixen que o pensar ía por conta do lector.

20110820

Destino

Hai xa máis dunha semana que saltou a nova: Francisco Rivas resigna o seu posto no concello porque se vai de Director xeral a Asturias, á administración comandada por Cascos.
Foi comentado con moita anterioridade no blog, pero non deixa de ser nova despois do intento fallido dun posto na Xunta que, ó meu ver, tivo tanta relación coa perda dunha cadeira de UPRi nestas eleccións en relación ás pasadas.
Queda no posto o segundo da lista, Agustín Reimóndez Gancedo, que polo momento está lonxe de ter a imaxe e repercusión de actividade que tiña Paco Rivas. E o Partido? Queda en partido, é dicir, en parte do que era, e cunha pregunta no ár: é necesario (ou convinte) un partido local? Calquera partido local, ou ha ter un certo perfil? Opino que habería que sopesar pors e contras no primeiro caso, estando máis claro no segundo, pero, cara ó futuro, cabería máis ben preguntarse pola posibilidade de continuidade do partido local que xa hai, a tenor das eleccións, non o menor de Ribadeo.

20110818

Tocando en San Roque, cos cocos con accidente

Abaixo deixo, unha volta solucionados problemas técnicos por parte de blogger, unha curta entrada co folleto de obras do concerto de san Roque da BMR, e unha gravación das obras (a excepción das dúas primeras e co engadido do agasallo final)
Como sempre, moita xente e algo de barullo arredor da banda. Esta volta, tocando xunto á 'casa rosa', sen palco, pero con cinta delimitando espazo, que falta facía vista a experiencia doutros anos.
Asemade, a coca caeu nas catro rúas (non sei o motivo, pero a concentración de xente e a merma de espazo supoño que tiveron algo que ver), facéndose un pequeno desconchón. espois, na oficina de turismo, un dos cabezudos sufriu o ataque sen intención dun cativo. (fotos abaixo)
As gravacións, como as que fago en xeal, non teñen moita calidade, pero coido que pode aprezarse a música ...
Obras do concerto.






Cabezudo danado

Dano no nariz do cabezudo

A coca

Desconchón na coca

Un mundo que se acaba

A conto da espiral de desastre financieiro que pasa á economía e á sociedade e retorna facendo máis insostibles as finanzas, ocórreseme facer unha predicción: en España en xeral, e en Galicia en particular, o ano 2011 terá unha estatística de menor crecemento vexetativo que 2009. Medrará menos, co que a bomba demográfica nestes lares será implosión, acrecentando a tendencia constatada dende hai máis de 20 anos. Tendencia estudada nas súas formas, pero sen ter moi en conta as conclusións sobre as causas e, só como negocio, os seus efectos. Non é que se acabe o mundo, senón o mundo que coñecemos, que evolucionará de xeito máis independente de quenes poboamos esta zona. E si, pode ser coincidencia que en días sucesivos José Mª saque un artigo na Comarca sobre a residencia de maiores e ó seguinte, a Voz outro sobre que na década pasada non houbo concello mariñán que aumentara a poboación tódolos anos, pero é que as causas para que se produzan artigos deste tipo están aí.

20110816

San Roque

16 de agosto. San Roque. Comezo en falso das festas de Ribadeo, como irmán menor da patroa que se celebrará case tres semanas despois. O verán está feito, queda só facer paliativos tanto en tempo como en recaudación. En tempo, en temperie, poden vir bos días, bo tempo, pero as noites frescas  fresquean cada vez antes e máis, a medida que o Sol cada vez chega máis baixo no ceo durante o día. En recaudación, é o día que marca o declinar de turistas, no que comeza a observarse en xeral menos xente no pobo, e polo tanto, no que os cartos comezan a retirarse. Aínda que cada vez máis existe un turismo de permanencia ou atemporal no sentido en que os seus tempos non coinciden co máximo turístico, con picos repartidos nas fns de semana, por exemplo, segue a ser polo momento o tempo de descenso da ocupación hostaleira.
Hoxe a banda deixarase oír en San Roque. Parece que a cobertura nubosa seguirá cubrindo ata a Xesta, e un certo aire de inverno comezará invadir o pobo.

20110815

recollendo historia

O outro día tiven a oportunidade de escoitar a Gonzalo Moure en Castropol, invitado a dar unha conferencia pola Asoc. ría del Eo (non, non é un erro, a asociación chámase así), falar de xeito entre histórico e novelado do seu 12º tataravó, Sancho Pardo de Donlebún. O salón estaba cheo e era por algo: a súa conferencia está gravada por partes abaixo, e o prego de cordel editado con ela, en publicado en Ribadeo: Sancho Pardo de Donlebún y la melancolía del olvido.
Da nosa esquerda a dereita, o presidente da asociación, Ovidio Vinjoy, Gonzalo Moure e o presentador, Javier García


Díptico coa historia resumida de d. Sancho Pardo










20110813

Un aporte para entender o substrato do 15M

... nos reflexos dos disturbios británicos.

De nomes, historia e futuro

Coido que a asignación do nome a algo é importante: é referencia, a cara que se lle pon para facer visible o que sexa. Determina en parte -ás veces, máis, outras, menos- o trato que se lle da, a percepción do que é, a nosa relación co 'elo'. Cando se nomea a un recén nado, o nome escóllese con coidado: vai levalo toda a súa vida, e representa un significado para os pais, que o vai acompañar todo ese período.
Sabido é que a ría de Ribadeo ten ese nome, outorgado de antigo e respaldado pola entidade xurídica encargaa hai tempo.
A conta dunha visita á Veiga, rescato un cambio de nome próximo no que Ribadeo perdeu a referenza correspondente: o caso da Veiga, antes Vega de Ribadeo a na actualidade Vegadeo. Hoxe mesmo se pode ver na vega unha exposición sobre a historia da educación no viciño concello, e entre outras moitas referenzas:
'Al ayuntamiento de Vega de Ribadeo, Vega de Ribadeo, 1915'

En documento do concello de 'Vega de Ribadeo', en setembro de 1915

En 1919 xa se usaba 'Vegadeo'

Pero en 1924 aínda había selos en uso, en organismos oficiais, indicando 'Vega de Ribadeo'

Non soa raro que en Ribadeo, e en todo o contorno, aínda sigamos falando da 'Veiga'...
... algo parello ó que está a pasar coa ría de Ribadeo: Hai un nome, é histórico, está certificado pola comisión de nomes xeográficos, pero determinados poderes, na procura de rentabilidade (por exemplo política vía enfrontamento), que  instigan o seu cambio. Que pode supor ese cambio para a ría? Para Ribadeo supón unha menor visibilidade do seu nome, pero para a ría supón unha falta de querencia da principal poboación do seu entorno, sen un aumento correspondente do resto, e previsiblemente, se agora hai problemas de xestión, de acordo, sobre a xestión, no futuro non tenderán a diminuír cun cambio así, precisamente por ese desapego.
A historia está, o nome está, o futuro ... o futuro? É algo máis que un capricho.
Algunha cousa complementaria:
Dictame da Comisión de Nomes Xeográficos (2008)

programa de traballo da 'Comisión Geográfica Nacional' do 'Consejo Superior Geográfico', incluíndo o estudo do nome da ría.
Ría de Ribadeo, nas indicacións e exemplos para a cartografía MTN 25.
Ría de Ribadeo, xa no 1128.
Máis sobre a ría de Ribadeo.

20110812

Lei de independencia

Tense falado moito dun tempo a esta parte da lei de dependencia. Unha lei que procura poñer as condicións para que os nosos maiores sexan o máis independentes posible, paliando a dependencia cunha contribución social estruturada, en troques de deixala ó albur da familia ou achegados diversos, nun momento no que os lazos familiares tenden a relaxarse polo modelo social no que estamos. Nese sentido, sería máis ben unha lei que facilita a independencia da xente que se ve afectada por ela.
O título quere render tributo a esa lei, ó que se di nas novas, de aplicación farto defectuosa, pero poñéndoa en comparación con outros feitos que están a ocorrer na sociedade de xeito máis frecuente cada vez, e que manifestan unha deriva social que non se podería manter a longo prazo. Trátase da incongruencia legal e lóxica amosada na formación das novas (e xa non tan novas) xeracións. Como docente cunha traxectoria con certa dilatación no tempo, levo observado algún cambio en relación á educación ds pequenos, entre eles, unha especie de contradicción: unha sobreprotección dos fillos en canto a esixencia de dereitos e coidados por parte da sociedade, como cara dunha cruz que é o esquecemento dos propios deberes (tanto dos pais como dos pequenos), tanto nas propias familias como coa sociedade. Ó fin, manifestaríase en comportamentos máis egoístas que antisociais, tendo craro o ego pero non a idea de sociedade como algo conxunto, senón máis ben como algo ó servizo propio.
A cousa ben a conto de varias novas que se poden ler nos xornais como ocorridas onte en Ribadeo. Nunha delas, Gran despliegue para rescatar una lancha varada en la ría de Ribadeo. Las embarcaciones sólo pudieron regresar a puerto cuando subió la marea, pódese lembrar sinxelamente que a marea sube e baixa dúas veces ó día, que o xeito de desvarar sempre foi ise, a suba de marea, e que un despregue de efectivos nunha ría que no verán está ateigada de embarcacións implicaría como mínimo unha deixación de deberes doutra xente. Parece que foi tarde cando sucedeu, e que polo tanto non habería tanta xente navegando. Aínda así. Non terían que coñecer un mínimo na ría? Un erro teno calquera, pero o tema da suba da marea está craro. Resulta que se preocuparon por un neno pequeno na embarcación. Non podo saber con que contaban para abrigalo, se o meteron a resgardo do vento ou estaba na cuberta como calquera máis, ... Unha vez rescatados, nin tiveron que pasar polo centro de saúde por hipotermia. Se está varada a embarcación -alquilada-, supónse que se pode baixar dela e camiñar polo tesón correspondente, e procurar auxilio en calquera caso, doutro xeito diferente. Abondos máis razonamentos ocórresenme (por exemplo, se foi alquilada, non se esixe un mínimo de coñecemento a quen alquila para saber saír dun trance semellante?) arredor do feito, que ven amosar como, en certas circunstancias, se crea unha dependencia con 'necesidade' dun grande despregue de medios, que se fan así 'necesarios', competindo en necesidade con outros que poden ser máis necesarios e que quedan arrumbados por cousa de poder de imposición.
Outro dos casos que aparecen nos xornais é o rescate dun cativo atrapado na casa, en Ribadeo. Houbo mobilización de medios, pero cando chegaron as 'forzas de rescate', neste caso, a Policía Local, o cativo xa fora rescatado. Nunha situación de alerta, sempre se cometen fallos e moitas veces sobreactúase. A cortedade da nova non permite moitos comentarios sobre que se fixo ou deixou de facer, pero ou ben a familia precipitouse grandemente, chamando cando xa estaba en vías de solución práctica a cousa, ou ben a PL retrasouse abondo como para verse forzada a familia a unha solución de urxencia. Repito que non sei que pasou a excepción do que on a ligazón enrriba, pero a cousa foi que neste caso a dependencia foi invocada, pero triunfou a independencia na solución.
Vénme á cabeza algo que coido ter xa comentad nalgues no blog: nenos de 14 ou 15 anos que saen os fins de semana ata as tantas da noite, lonxe dos pais, e ós que hai que coidar se se sae dun centro educativo pola mesma vila, de xeito que ata ai que pedir autorización ós pais, sendo o medioía ...

20110811

Sobre o xulgado. Nota de prensa da AVV O Tesón 20110810

Recollido de http://o-teson.blogspot.com/2011/08/sobre-o-xulgado-nota-de-prensa-20110810.html
Hai xa un mes, o 13 de xullo, que a AVV O Tesón presentou no concello un escrito foi preguntando polo Xulgado. Nel facíase lembranza de que o 31 de decembro do pasado ano foi asinado polos representantes políticos, con destino a D. Francisco Caamaño, Sr. Ministro de Xustiza, un documento con sinaturas, con 1376 sinaturas, encamiñado a conseguir o retorno do xulgado de primeira instancia a Ribadeo, nunha campaña que foi promovida pola asociación veciñal. A prensa testemuñou daquela a presenza de representantes de tódolos grupos políticos, presentes naquel momento e na actualidade nos plenos municipais. As sinaturas foron enviadas por correo o primeiro día do ano, e foi notificada ós medios e tamén de xeito oficial a súa consecución e o seu significado.
Dende o fin de ano pasaron moitas cousas en Ribadeo e en España. Non só o tempo, máis de sete meses, senón tamén cambios na corporación muncipal despois das eleccións, ou a convocatoria de eleccións xerais a nivel estatal para o próximo 20 de novembro. Pero, no tema do xulgado, que pasou? Dende aquel momento, e despois dunha campaña pola nosa parte encamiñada a conseguir o máximo de sinaturas e impulsar a petición, non se soubo nada máis do tema. Que información hai sobre os trámites seguidos pola corporación ou outra instancia diferente do concello, en relación a conseguir a volta do xulgado a Ribadeo? Ningunha. Que se fixo? Temémonos que nada. Suxiriuse no seu momento unha moción de apoio no pleno, procurouse unha unidade para que os políticos saíran na foto manifestando o seu apoio. Ata agora, nada. E, mesmo pasado un mes da presentación do último escrito, tampouco resposta a el polo momento.
Sabemos que a recuperación do xulgado, despois de case medio século, non é cousa pequena. Así, houbo iniciativas anteriores, sen procurar o apoio popular, de cara a conseguir a súa volta, sen éxito. Pero tamén sabemos que se pode facer. Naquel momento, tamén a Viveiro reitrouselle o xulgado. E retornou ó cabo dun tempo. A Ribadeo, non.
Mentras, temos unha oficina xudicial na Praza de Abaixo de Ribadeo, cun Xuíz de Paz, cargo ocupado na actualidade por Victor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín. Ocupa unha casa enteira. E está destartalada. Calquera que se achegue alí a algunha das poucas xestións xudiciais que se poden facer, poderá atoparse un edificio que foi magnífico nun estado de abandono que non encamiña a pensar na consecución dun nivel superior de servizo. Quizáis por aí se podería comezar a manifestar a querencia do xulgado por nosos representantes: urxindo a que as instalacións actuais sexan mantidas e adecuadas, facilitando de paso o acceso á xente maior ou impedida, facilidade que nunca tiveron.
Outro 'mentras': Mentras o que se busque sexa o non moverse para saír na foto, non será doado que Ribadeo volte a ter un xulgado que a poboación reclama.
Por último, un detalle: Pode ser que Ribadeo non teña dereito ó xulgado. Nese caso, debería demostrarse que ten menos dereito que outras poboacións que si o teñen. Pode ser que as novas tecnoloxías o fagan innecesario. Iso é voltar á mesma resposta anterior: sería menos necesario que noutras poboacións que si o teñen? Mentras esa demostración non teña lugar, os políticos que nos representan non están facendo os seus deberes nesta materia.

De novo, tormenta

Este verán está habendo un tempo raro por Ribadeo. Tormenta, o que se di tormenta, non hai. Sol, a ratos, e, a maioría, nubes. Pero a outros niveis, hai tormentas, mesmo contínuas.
Por exemplo, a nivel político, unha tormenta lonxana, pero na que está metido Ribadeo a traverso do seu alcalde: cunha maioría nos plenos, e máis xente no equipo de goberno, parecería que a ese nivel as marexadas están solucionadas. E si ... pero non. Na casa, en Ribadeo, a maioría está actuando de maioría, con autoridade clara. Pero hoxe aparece na prensa unha marexada a nivel externo. O noso alcalde, entre os cabecillas de un cambio de rumbo no BNG. Ó que parece, trátase máis ben dunha cousa práctica, no procura dos votos. En palabras de Fernando Suárez, non se pode ir tan lonxe que non os entendan. Iso é certo, coido que ademáis non é a primeira vez que o di nos medios, pero da unha razón de estratexia, non de cambio de idea, co que saco a conclusión que deixei antes.
O escrito comeza falando da loita por manter os servizos conquistados. E aquí, a parte das loitas internas (cruentas ou incruentas), saen varias ideas a ter en conta: se os servizos foron conquistados, estamos falando non de servizos, senón de parcelas de poder.
A continuación fala de novos xeitos de participación. E temos na mente o regulamento de participación cidadá de Ribadeo, cunha traxectoria que non é certamente rectilínea e que aínda non culminou.
E fala de facer máis con menos. Non debera de representar novidade, nin de dicirse tan só. Evidentemente, sempre hai límites nese quefacer con menos fontes de ingresos, pero debera ser norma en calquera administración telo integrado no seu discurso e actividade
En fin, non vou a comentar todo o documento, pero si voltar o derradeiro parágrafo do mesmo, no que se pide participación, pero interna ó bloque, facendo pensar en que os 'novos xeitos de participación' refírense tan só a iso, á participación de portas para dentro.
No documento sae a relocer outra tormenta, ista de máis entidade tanto pola magnitude como polos efectos, a tormenta financieira. Aclarar que eu mesmo lle chamo crise, pero quédome aí: non é unha crise das finanzas, senón inducida na xente polas persoas que manexan as finanzas, que é ben diferente. Por iso me quedo no de crise, sen apelidos: non sei moi ben como cualificala.
O caso é que a crise deu un novo paso, coa turbulencia sobre Francia, que fixo onte desplomarse as bolsas a nivel mundial (a española, máis que a media), e aumentar as primas de risco (outra vez). Agora ben, o concello de Ribadeo, ten débeda, non si? Moi posiblemente non aumente o tipo a que mantén a parte fixa ... ata que se renove, que alomeno en parte seguro que fará falta renovala. E a outra parte? Pois de seguro que vai variando o tipo segundo o mercado. E iso significa pagar máis a calquera novo vaivén, ás veces,aínda que sexa por menos débeda -segundo o concello, estase a diminuír a débeda este últimos anos- en contra do manifestado no documento que comentaba antes (parece que este caso, o vaivén de onte, a porcentaxe de interese non subiu para a débeda española).

20110810

Candidato a ser declarado demasiado galego

Tal como están as cousas, vexo a posibilidade de que calquera (maiormente, político, pero non necesariamente) faiga unha declaración de que este blog é (ou eu son) 'demasiado galego'. Pode soar a choteo mesmo polo que podería ter de chotis, e teño claro que a pouca relevancia concedida ó blog non o fai acredor dunha declaración dun mandamáis calquera, e polo tanto, debera estar a salvo de tal declaración. Por iso mesmo reivindico a candidatura a tal honra.
Para quen non esteña enterado ou enterada de a que ven o anterior, deixo unha ligazón, Críticas a la edila coruñesa que vio las fiestas del PSOE «demasiado gallegas»,que pon en antecedentes ó lector.
Así as cousas, reproduzo os meus comentarios á nova:  Está claro que hai moita xente, mesmo nados en Galicia, á que lle parece que Galicia é demasiado galega. Vamos, que renegan do que é Galicia. E non se trata de que procuren unha evolución para a nosta terra á modernidade ou ó futuro, senón que procuran un corte para que sexa unha imitación doutras cousas, por exemplo, de Madrí (co í con til cañí)
 ...ocórreseme que debo reivindicar a miña 'demasía de galeguidade': son galego e orgulloso de selo. Vivo a miña galeguidade como cidadán do mundo, de xeito crítico e tentando colaborar á mellora e futuro na soa terra dentro da Terra. Poderían declararme demasiado galego? Teño que cubrir algunha instancia, necesito que alguén me presente, ou chega con ser como son e querer seguir séndoo?
En fin, mirando cara a Ribadeo, coido que non hai a visión de 'ser demasiado ribadense' como algo pexrativo, pero xa é para dubidalo.

20110809

Observacións astronómicas o 10 e o 11 de agosto, e música a partires de hoxe

Aínda que me afecta direitamente, paso a ligazón dende o concello. sobre as observacións de mañá e pasado, e a referenza do festival internacional de música clásica que comeza hoxe.

Enterádevos: a revolución xa ten comezado

e chámase evolución.
A conto do 15M moito se ten escrito, moitos noivos lle teñen saído, que logo na mior parte dos casos sentíronse despechados sen ter chegado ó noviazgo en ningún caso. Moitas veces se ten dito que o 15M acábase, e moitas ten continuado. E adaptado. E adoitado por máis xente, que sentindo que non comparte todo (ideas, actitudes, métodos) cos outros participantes do movemento, cada vez ve máis craro que comparte moitas cousas, máis das que o separan. Tense visto asamblea tras asamblea.
E mentras, o movemento pasou a ser europeo para ser mundial, sumándose con outros movemento nados noutros lugares, algúns téndoo como referenza, outros como un compañeiro máis. Diriamos 'compañeiros de viaxe' senón fora porque tamén neste caso as ideas, pero tamén as actitudes e os métodos, difiren en parte, pero son compartidos na súa maioría. En tódolos casos, comezaron por ser invisibles para forzar a súa visibilidade, e logo, o seu protagonismo e quedar a súa presenza a longo prazo.
E vese un futuro: a loita. Que pase de pacífica a violenta, como remarca E. Dans na súa entrada de hoxe, depende de diversos factores, pero dende o primeiro momento sábese que pode variar por un -por un só, con moitas posibilidades diferentes para ise 'un'- motivo. Pero sempre, contínua.
Mentras, o movemento vai voltándose máis extenso e asumindo tarefas, diversificando, e calando máis na xente. Aí están a jmj ou o 20N como próximos obxectivos cos que interactuar, pero sobre todo a mensaxe de que o movemento non se para, porque segue a medrar, a dar ideas, a ver as posibilidades de futuro, a sentirse sociedade, a sociedade.
Na Mariña, con  retraso respecto ó centro, o movemento segue avanzado. Non en liña recta, que un camiño non é unha liña, senón unha superficie alongada que mesmo pode dar curvas apra sortear obstáculos, pero avanzando. Por exemplo, poñendo na rede máis información cun novo lugar en internet para indignados A Mariña, despois do blog. Sabendo que a rede non é máis que unha parte do mundo real. E tendo á vista que unha revolución non ten por que ser rápida nin violenta, aínda que poda ser calquera das dúas cousas, mesmo forzada a ser as dúas.

20110808

É isto xira?

A conta do publicado onte sobre a Xira, recibín un correo electrónico cunha ligazón a un vídeo de Youtube (hai máis) que deixo a continuación embebido (nunca mellor dito):

O comentario primeiro que fai o remitente, 'Estiveron cortando o tráfico unha hora sen que aparecese a policia', e o último, avisando que colgará en Ribadeo mola - youtube vídeos curiosos pode ser unha promesa interesante. A contrastar o vídeo (ou os outros semellantes) coa peza que puxen onte ou as dúas que deixo agora a continuación.



Onte o (mal) tempo de parte da tarde non interfiriu moito na festa, o mesmo que a festa non interferiu moito na praia (a excepción da dos bloques). A diversificación e difusión (de difuso, non de difundir, que tamén) das festas chámame a atención. E non só en Ribadeo.
Hai poucos días traían os xornais a nova de que a metade dos vinteañeiros galegos estivera misturado nalgunha gamberrada ... e as festas populares tamén se poden converter en gamberrada.

20110807

De xira pola rúas de Ribadeo

A cousa cambio moito duns anos a esta parte. Xa o pasado ano facíao notar en 'ir de Xira'. Hoxe pódese ver ese mesmo cambio de substitución da comida campestre amenizada con música polo tomar viños con música de gira, abaixo, no pobo, antes de subir a Santa Cruz. O divertirse no monte por montar un antroido con disfraces despois de pasar (o mesmo pasando ó tempo) polo uniforme-camiseta, do que hai unha mostra na rúa peonil, frotne ó cine, colgadas as camisetas entre as árbores do paseo.
Unha mostra de música xaleada na rúa, hoxe, a saia da Carolina:


Outras sobre a xira: 2009
2006 + xira e fotos (2006) ...
Pregón do 2006
... e unha lembranza de algo máis aló da diversión.

20110805

Carteis electorais entre eleccións

Agora que se achegan as novas eleccións polo adianto decretado, é cousa de comezar a mirar atrás, de darlle unha ollada á historia para procurar que non se repita o que foi mal feito. E os carteis electorais das pasadas eleccións (os máis próximos no tempo, que os hai de máis lonxe), tomados a 4 de agosto á entrada de Ribadeo, dan que pensar, tendo en conta que poucos días despois das eleccións xa había quen estaba reclamando que se quitaran.

Carteis electorais á entrada de Ribadeo, fronte á área comercial

20110804

Cousas de verán

Chegou o verán onte con forza, nun día magnífico para estar á sombra, ou queimarse ó Sol. A ría de Ribadeo, a rebosar, de auga polas mareas que está a haber estes días, e de barcos surcando as súas augas, algúns desfrutando delas e outros cruzando a toda pastilla. Hoxe preséntase outro día semellante, onde seguramente non nos enteraremos da desaparición doutro xornal en galego, porque xa non quedan despois do peche anunciado onte da edición en papel do Xornal de Galicia, non compensada pola obriga de editar o BOP de Pontevedra coa cabeceira en galego. Si seguiremos coas loitas mediáticas entorno a calquera cousa: como a cidade da cultura xa non pode optar a Copa Davis para a que hai pouco parecera que fora construída, agora acollerá un circo. Non mediático e doutro estilo, que tamén, senón dos tradicionais. Máis ben, actuacións de circo, de 20 circos...
Centrémonos en Ribadeo: á espera da festa do percebe en Rinlo, onte non fixo falta usar os bombeiros por unha falsa alarma, pero ir, foron, achegándose a un piso do que saía moito fume dunha ola a presión. Son as novas do verán, xunto cn publireportaxes de hostalería que hoxe copan case as novas de Ribadeo dalgún xornal. E seguindo con Ribadeo, o PP acusa ó goberno local de perder unha subvención de 8 400 €. A resposta, é de supoñer, nun próximo capítulo.
Pero nos comezos de agosto, o que quenta non é tanto o Sol como o mercado: coa prima de risco batendo marcas, os gobernos europeos esperan un xesto do banco central europeo 'que calme os mercados'. Pero se non existen, se o que existe é a codicia humana!, e iso aumenta a cada bocado que mete ...

20110803

Un porto cerrado / un porto aberto

Entrada correspondente á semana pasada, quedou sen subir por un erro
Un esceario, unha pequena expo de vehículos novos, un trailer-bar, e o paso cerrado
Un porto debe ser aberto. Iso penso. Un evento como a Transgascogne amosa como de aberto pode ser. Pero ó tempo, en Ribadeo vivimos dende hai anos nun temor de que os portos, tanto o deportivo como o comercial ou o pesqueiro, sexan pechados. Pechados para nós. Por iso, cando se pecha, aínda que sexa temporalmente (como na tarde de xoves), un peirao, aínda que sexa só ó tráfico rodado e non ós peóns, salta a alarma: será un paso previo? Tenderán a facerse máis numerosas as veces que se peche? Perderemos en Ribadeo a fachada á ría como pasou en Ferrol, por exemplo? De momento, aí está a verxa inútil de Mirasol.
A Transgascogne da colorido e recheo ó porto deportivo

Os mastros da Transgascogne evitan mesmo a mirada da grúa das Figueiras

Nove meses sen resposta

* Un caso relativo ó tratamento da información no concello, coido que unha curiosidade -máis que un non querer facelo-, pero de calquera xeito, un non facilitar información corrente que debera ser facilitada. *
Hai nove meses, a comezos de novembro pasado, O Tesón fixo dúas preguntas para ser respondidas ó finalizar o pleno daquel mes. Non se contestaron e comezou unha situación que da como resultado que se teñan contestado preguntas posteriores pero non as prantexadas daquela, mesmo tendo coincidido en parte con preguntas relacionadas por algún grupo político en plenos posteriores. Non vou detallar aquí algún detalle do transcorrido nos nove meses: algúns deles terían servido como atenuantes, outros como agravantes, pero a cousa é que algo presentado o 11 de novembro pasado aínda non ten resposta.
Por partes. Hai anos que, a instancias de O Tesón, viu a luz en Ribadeo unha regulamentación mínima de resposta por parte dos integrantes no pleno á cidadanía. A parte correspondente da acta onde se aprobou esa participación descafeinada (correspondente ó pleno de 13 de setembro de 2004) está recollida en http://ribadeo-historia.blogspot.com/2008/05/acta-do-pleno-do-concello-de-ribadeo-de.html. O sistema de preguntas así permitido, con todas as restriccións impostas, foi usado polo Tesón de xeito consistente pleno tras pleno, na grande maioría dos plenos ordinarios.
Así as cousas, as preguntas presentadas ó pleno do pasado novembro de 2010 eran:
"1.Tendo xa inaugurado o ascensor, e vendo a súa necesidade de coidados, solicitamos coñecer o estudo económico para o seu mantemento e funcionamento, ou, no seu defecto, o custe de mantemento dende a inuguración ata a actualidade.
2.Vendo que segundo art. 38.1 do “Regulamento Xeral de Circulación”, está especificado que “os conductores de bicicletas maiores de 14 anos poderán circular polos arcenes das autovías, salvo que por razóns xustificadas de seguridade vial se prohíba mediante a siñalización correspondente. Dita prohibición complementarase cun panel que informe do itinerario alternativo”, notamos que no caso da autovía en Ribadeo aparentemente se cumpre isto. Por elo, solicitamos saber por que non hai itinerario alternativo ou por que non se elimina a prohibición expresa que aparece na entrada da autovía, ou alternativamente, as xestións realizadas para a normalización da situación."
En canto ó punto primeiro, a dicir de xeito complementario que nalgún pleno foron expostas contas parciais correspondentes a consumos do ascensor, é dicir, o pago de diversas facturas soltas, pero non un cálculo consolidado (previsión ou sinxela constancia de datos pasados) do que costa mantelo e conxunto. E a petición, de diversas formas, xa fora prantexada con abonda anterioridade ó pleno, mesmo á súa construcción.
Mentras, tense dito de manter cerrado o mamotreto en época de pouca afluenza de visitantes, pero aí segue.
En canto ó servizo para que as bicicletas podan atravesar a ponte dos Santos, trataríase de que o paso fora o máis fluído posible. Calquera que atravese a ponte en bici, e hai unha morea de casos, sabe que o espazo, a anchura, é reducida, incrementándose aínda a estreitez nalgún punto debido ó sistema de colocación do valado separador entre o paso habilitado para peóns en bicis e o de automóbiles. No Tesón somos tamén conscientes de que non é tampouco normal que unha autovía teña un paso de peóns súa beira, pero tampouco é o único caso.
Mentras, non hai alternativa, e esta é unha cuestión que incide na afluencia ás praias aturianas ou na visita de xente residindo nas Figueiras, por exemplo, e súmase ó deficiente acceso a Ribadeo dende Asturias nas glorietas de Vilaselán, aínda sen noticia de solución.

20110801

Unha ligazón sobre a Torre dos Moreno

No El País de 20110717: La incierta vida de la Torre de los Moreno

Aviso de republicación: Cadernos Ribadenses, homenaxe a Hernán naval

Encho hoxe un oco que quedaba en publicado en Ribadeo: No apartado adicado a Hernán Naval, remato de subir o especial de Cadernos Ribadenses homenaxe a Hernán Naval.

Meteoroloxía de xullo

copido que o mes de xullo foi malo, segundo se puido observar. de calquera xeito, deixo as táboas obtidas con datos da Pedro Murias para cotexar cos xullos do que levamos de século.
As temperaturas foron algo baixas, pero dentro dunha banda normal. As horas de sol estiveron por baixo do normal, só superiores ás do ano 2004, e choveu pouco ... En resume, tempo agradable, pero sen sol.
As temperaturas foron algo baixas, pero nunha banda normal. As horas de sol estiveron por baixo do normal, e choveu pouco ...