20170210

O comezo da historia de Ribadeo en internet

O outro día pedíronme o correo electrónico  para unha xestión. A outra persoa quedou sorprendida porque no correo que lle din aparece o 2001. Non lle expliquei que antes desa data xa tivera outras contas de correo, pero quedeime pensando sobre a chegada de internet a Ribadeo.
Hai unha parte, anterior á web, que polo momento, considero perdida. Houbo algún intento de conexión, pero non teño datos nin sei se se poderán conseguir datos precisos. Mais, a partir da existencia do protocolo hipertexto (html) e da worlwide web (as célebres www), a cousa cambia coa recollida de datos por parte do 'internet archive'. Aí pódense ver diversas páxinas recollidas, copiadas e almacenadas, podendo recobrar algunha versión e tendo apuntado datas de recollida das páxinas por IA. E aí poden atoparse datos sobre a historia das páxinas web de Ribadeo. Sobre todo, se por ter participado nela, se sabe por onde comezar.
Pensaba que o primeiro sitio tiña sido un sitio familiar feito por min, que chegou a ter unhas 100 páxinas con información sobre Ribadeo, a banda, literatura en galego... e que chegou a ser reseñado  (en 1997? 1998? non estou fixo, tería que poñerme a procurar) no El País precisamente por iso, pola referencia á lectura. E, certamente, algunha das súas páxinas son as primeiras recollidas no arquivo, no que aparecen no muestreo de 2 de decembro de 1998. Así pasa por exemplo coa páxina que lle pedín ó alcalde de aquela como presentación para cando se presentou en Ribadeo un autobús da Xunta para presentar/ensinar no pobo o que era internet. Ó non haber páxina, e estar avisado de que viría, quixen facer unha presentación do pobo nas miñas páxinas, que rematou chegándome a traverso de Paco Rivas o día anterior. Esa páxina en concreto está recollida por internet archive o 2 de decembro de 1998 (é dicir, o que se pode ver almacenado corresponde á versión dese momento), pero fedellando no seu código pódese ver que aparece a data de 18 de xuño de 1996 como a de creación da páxina. A páxina tiña a dirección http://personal.redestb.es/agremon/j_carlos.htm (o sitio non existe xa dende hai anos, pero esa é historia para outra vez) e pódese ver en internet archive en http://web.archive.org/web/19981202065913/http://personal.redestb.es/agremon/j_carlos.htm.

Outras moitas páxinas do mesmo sitio aparecen tamén referenciadas nos seus datos internos en xuño de 1996, aínda que recollidas por internet archive por primeira vez a finais do 1998 ou xa no 1999. Así, a páxina xeral adicada a Ribadeo, que aparece en http://web.archive.org/web/19981205201602/http://personal.redestb.es/agremon/ribadeo.htm, foi recolida o 5 de decembro de 1998, mais foi creada o mesmo día que a xa citada.

O sitio avisaba na súa páxina principal, cun banner móbil, 'ten conta que é unha páxina personal...'
algúns outros exemplos das súas páxinas son:
Recuncho da lectura, http://web.archive.org/web/19981207004343/http://personal.redestb.es/agremon/index_m.htm, recollida o 7 dec 1998
Banda, http://web.archive.org/web/19981205130820/http://personal.redestb.es/agremon/bmr1.htm, 5 dec 1998
... con fotos: http://web.archive.org/web/19990129022721/http://personal.redestb.es/agremon/bmr_f.htm, 29 de xaneiro de 1999

Feira de ciencia... http://web.archive.org/web/19990129040004/http://personal.redestb.es/agremon/feira.htm
De calquera xeito, pensaba. Porque ó ir ó outro sitio do que sabía a súa existencia por aquela época, atópome que a súa páxina máis antiga aparece no medio do html como algo anterior, do 2 de abril de 1996, aínda que recollida por primeira vez por IA o 11 de maio de 2000 e accesible no arquivo a partir de 4 de decembro de 2000. A páxina é esta: http://web.archive.org/web/20001204150500/http://www.ribadeo.com/
A ela chégase por unha redirección dende eonet (http://web.archive.org/web/20010618044007/http://www.disbumad.es/empresas/eonet) redirección de retardo 2 s, ambas páxinas de Antonio Andina:
Posto en contacto con el, temos clara a orixe, antes da chegada do célebre autobús, e que ambos comezamos ó tempo. Non cadra unha diferenza de más dun mes entre que unha e outra páxina foran colgadas.
Ese foi o comezo. A partir de aí, virían moitas cousas máis. Como, anos despois, o primeiro anuncio pagado en Google dende Ribadeo ou multitude de páxinas e blog, moitos deles efémeros.

Ningún comentario: